21 de xuño de 2013

Paisaxe lingüística. Comercio



Neste vídeo aparecen moitas fotos de comercios de Silleda. Forman parte do traballo da paisaxe lingüística de Silleda realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro no curso 2012-2013 co fin de comprobar a realidade lingüística do entorno e da importancia da colaboración na súa normalización.
Dos 602 sinais comerciais, 120 están en galego e máis do triplo, 384 en castelán. Outros 45 aparecen nas dúas linguas. Non fixemos ningunha análise sobre se hai predominancia dalgunha lingua nestes últimos sinais. En 25 sinais aparecen en inglés. Deles 12 son monolingües e no resto vén acompañada doutra(s) lingua(s). Temos tamén 30 fotos nos que tivemos problemas para etiquetar a lingua na que estaban redactados.
Chama a atención que estando asentados os comercios nun entorno galegófono os comercios respondan usando outra lingua que non é a ambiental. Esta gráfica pon en evidencia unha anormalidade que se non a percibimos como tal é por estaren moi asentados prexuízos que veñen de moi atrás.


Unha das consecuencias deste estudo é a evidencia da conveniencia de establecer acordos para unha planificación da normalización no entorno. Para iso puxémonos en contacto con ECOS (Asociación de empresarios e comerciantes de Silleda) e trasladámoslle os resultados deste estudo. Resulta que a asociación empresarial mantén o galego como lingua de comunicación social, tal e como fai tamén o Concello. Pola contra os resultados recollidos da paisaxe lingüística de Silleda ofrécennos un panorama completamente distinto, onde o castelán é a lingua hexemónica.
En moitos casos a cartelería dos comercios procede de marcas e axentes externos que emiten os seus sinais en castelán. Pensamos que compría que os comerciantes de Silleda reflexionasen sobre este feito para que a presenza do galego non se vexa aínda máis excluída polo que os invitamos a que as mensaxes de confección propia que emitan deberían facela en galego. Deste xeito compensaríase tan siquera cuns mínimos o percorrido paisaxístico polas rúas do noso entorno.

Aínda que o título desta epígrafe faga referencia ao comercio cómpre destacar que non só son responsables os comerciantes os responsables deste tipo de sinalización. Hai carteis como este que presentamos aquí, que puideron ser colocados por calquer cidadán. Isto sérvenos para insistir na necesidade de contar coa colaboración de todo o mundo para a normalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario