Amosando publicacións coa etiqueta creación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta creación. Amosar todas as publicacións

27 de maio de 2016

Homenaxe a Manuel María: A fala


Alesandra Bazán e Belén Ansedes de 1º de bacharelato fixeron este traballo audiovisual para homenaxear a Manuel María co seu poema 'A fala'.
Este é o primeiro dos traballos da Homenaxe a Manuel María que lle fan os alumnos do Colmeiro.

2 de maio de 2016

Primeiro premio de Poesía no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

David Cabaleiro Otero, alumno de 1º de bacharelato do noso centro, acadou o primeiro premio de poesía no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada, un certame que organiza o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)

PRECISO UN COMEZO

Quero vivir nun mundo finxido.
Crear, rompendo e moldeando
as criaturas nunha paisaxe
con horizontes de cores pastel.
Luminosidade e texturas
móvense entre as xemas dos dedos,
facéndome cóxegas
mentres desprendo emoción imposible.
Soamente con este pincel,
sei que será suficiente para encher
todo o perigoso baleiro
dunha folla en branco.
Non quero, atérrame pensar
nunha historia tan escura,
nos monstros que devoran as cores
deixándome tan só e espido.
Síntome esvarar na humidade,
que afoga como un día nubrado,
con toda a tarde por diante
para saltar ao outro lado.
Lévame, guíame polo mapa
que conduce ao tesouro.
Eu intentarei seguir adiante,
mais as promesas adoitan perderse...
Posúeme, faime ver e sentir
todo o necesario
para seducir co meu talento
a aqueles que o ansían de verdade.
Preciso atopalo, sei que está vivo.
Apresúrate en chegar ao cumio
ou a neve desembocará nun rebumbio
que te arrastre de novo ao comezo.
Comezo trazando a primeira liña
nun prólogo tan murcho e difuso
que ameaza con quedar
no simple esquecemento.
Buscarei a realidade, a mentira
oculta nos poros deste cadro.
Seguirei voando, e ao caer
dareime por fin de conta.
Arte, serei capaz de comprendela?
Sempre con tanto misterio,
non é máis ca unha ponte
fundida na boca dun soño.
Espertarei algún día
e toda a maxia desaparecerá:
a auga do río afogará os paxaros,
o sol queimará o universo enteiro...
E así todo o esforzo
quedará sen recompensa;
e así morrerá sen chegar a ser
un verdadeiro poema.

TRANSICIÓN E INFORTUNIO

Unha cantiga de esperanza
no medio de tanta escuridade
resoará levada polos fíos de vento
que varren os restos da antiga paisaxe.
Soamente quedan restos,
iso é o que somos, ánimas de po,
despois de tanto sufrimento
e despois de tantos anos.
Caos que impulsa o reloxo,
non queres existir sen motivo,
sen algo ao que corromper
desde as raíces máis profundas.
Pero esa melodía que realza
o último alento dun supervivente
ficará no seu insigne altar
tentando axitar todo o perdido.
Coa súa capa branca,
heroe sen sangue nas mans,
respirando o aire que arroupa a morte
e cargando todos os seus crimes.
Alimentámonos das nosas propias
almas, sentimentos, imperfeccións...
e de todo o que algunha vez
nos fixo humanos.
Mágoa que xa ninguén a escoite,
esquecida entre todo ese ruído
que cega e que enxordece
oculto tras o fulgor do ferro.
Perfecto final finxido
para un novo comezo.


Á ESPERA DUN PUNTO FINAL

Perdido na noite,
atrapado na escuridade
e chegada a miña hora,
eu sabía que pronto ela
estaría fronte aos
meus ollos,
atravesándome coa baleira
e xélida mirada
dos seus.
Xa podía escoitar os seu pasos
aproximándose lentamente,
por un camiño ermo,
eido das sementes do caos;
pero non estaba soa,
escoltada polos berros agónicos
dos meus antecesores:
agora era a miña quenda.
Aquelas voces
tornaban máis fortes,
aqueles chíos negros
momento a momento,
entre cada espazo eterno
dunha posición das agullas
á seguinte.
Pero eu non choraba,
non o lograba
pese a todos os meus intentos,
consciente da virtude,
debo confesarme,
e dunha vida plena.
Hei de ser breve,
xa contemplo a súa expresión escura,
as súas fráxiles extremidades
suxeitando a arma afiada
coa que despoxarme de todo.
Ficou sen moverse,
parecía aterrada, arrepentida
do pecado que ía cometer
corrompida pola gula.
Pero non había alternativa,
e o fío da gadaña
sentín no meu costado.
Foi unha sensación estraña,
e por un intre sentinme liberado.
Foi a derradeira.

Accésit de relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:

Rubén Campelo Camarero, de 2º de bacharelato, obtivo un accésit por este relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:
 A vozDaniel espertou sobresaltado cando o único que se escoitaba na noite era a choiva petando nos cristais. Mirou ó seu arredor, adormecido, intentando lembrar o que acontecera no seu pesadelo. Cando conseguiu abrir os ollos, deuse conta de que, por debaixo da porta, entraba unha feble luz. Odiaba pasar as noites só naquela casa na que ruídos e gotas se acumulaban. Incorporouse lentamente para descubrir de onde proviña aquela luz que se filtraba temerosa na súa habitación. Abrindo a porta, pronto localizou a súa procedencia, a luz da cociña estaba prendida e deuse de conta de que xa non se escoitaba o son da choiva, só as queixas do vello chan de madeira a cada paso que daba. Volvendo á habitación, cun peso insoportable nas súas pálpebras, deitouse na cama e volveu durmir. Cando espertou de novo, non sabería dicir se pasaran horas, minutos, ou escasos segundos. O que si que sabía era que escoitara o seu nome, unha voz feminina acabábao de chamar. Daniel comezou a pensar que iso era imposible, que estaba só na casa, intentando convencerse de que todo fora un soño, pero nese mesmo instante volveuno escoitar, un rumor, case inaudible, que o volvía dicir, volvía a dicir o seu nome. Todo intento de que seguía sendo un soño esvaeceuse e acendeu a luz vendo que todo estaba en orde.Pegou as súa costas á parede o máximo que puido, intentando atopar a seguridade que precisaba naquel momento. De novo volveuno escoitar, o seu nome, esta vez dende máis cerca, imaxinando quen estaría detrás daquela voz melodiosa, case anxelical que o atraía coma se fose un imán. Daniel, sumido nos seus pensamentos, esqueceu o perigo que podía levar a presenza daquela voz na súa casa, iso era algo que para el xa non tiña importancia. Desexaba coñecer a dona daquela voz que facía que se perdera no máis profundo dos seus pensamentos.
Agora xa detrás da porta volveu soar, a voz volveu dicir o seu nome, invitando a que a acompañara, e tras isto abriuse a porta, moi amodo, deixando que pouco a pouco a luz da habitación enchese todo o corredor. Daniel, con sentimentos moi contraditorios, viu como se abría a porta, e como, tras ela, aparecía esa figura que tanto desexaba coñecer e que agora o invitaba a irse con ela, repetíndolle que a seguira.
Daniel cando viu aquela figura, volveu pensar que aínda estaba soñando, porque era a muller máis bonita que vira nunca. Tiña o cabelo negro como unha noite de lúa nova, que recorrendo a súa cara resaltaba a súa pel branca. Os seus brillantes ollos eran azuis, dun azul tan profundo coma os océanos, uns ollos nos que afogabas antes de somerxerte neles. A súa boca tan desexable coma unha gota de auga no deserto. Así foi Daniel percorrendo o seu corpo coa mirada pouco a pouco, dándose conta de que un soño non podía ser tan perfecto coma a muller que estaba mirando, escoitando a súa voz, que o volvía a invitar a seguila.
Daniel non tivo tempo para pensalo, e cando se deu conta estaba baixando as escaleiras que daban á rúa. Non podía parar de pensar naqueles ollos que o levaban a outro mundo, ou para el, probablemente ao ceo. Aquela voz falándolle mentres pisaban os charcos que deixara a choiva aquela noite e que agora dera paso a unha néboa espesa, na que Daniel só buscaba achegarse a aquela figura que o sacara da casa a alta horas da noite, noite tan escura coma os cabelos da rapaza.
Daniel deambulou unha eternidade que lle pareceu efémera perseguindo aquela voz, que cada vez o envolvía máis e máis, como a néboa que o rodeaba. Finalmente a voz calou, e entón Daniel deuse conta de onde estaba. Unha pequena lagoa que estaba en medio de ningures onde unha rapaza de doce anos morrera afogada cando el aínda era novo. Era un sitio tenebroso, descoidada dende fai moitos anos, pero que co sorriso daquela muller se convertía no lugar máis bonito do universo.
De novo soou aquela voz, que xa non escoitaba, senón que sentía na súa cabeza, sabendo que xa non podía liberarse dela, pero el sabía que non quería liberarse. Entón a muller saltou e Daniel seguiuna, co único desexo de non separarse dela xamais, e así Daniel afogou nos ollos da rapaza, que aínda despois de morto o facían sentir vivo.

12 de xuño de 2015

Esopías 2015

Tal e como fixemos o curso pasado, volvemos a publicar unha escolma das esopías que máis nos gustaron entre as participantes no II Concurso de Esopías que o ENDL convocou este curso. Nesta ocasión contamos coa colaboración do Departamento de Plástica coas ilustracións que fixeron alumnos de 3º da ESO.
Entre as creacións aquí recollidas está a que obtivo o premio do 2º ciclo da ESO e Bacharelato do III Concurso de Esopías celebrado na IX Feira Matemática

29 de maio de 2015

Crónica dunha infancia

Esta foi a aportación do alumnado de 4º da ESO para participar no concurso do Manifesto do Correlingua deste ano:
 
 
CRÓNICA DUNHA INFANCIA

Do seo de mamá Latín
naceu Galego, maimiño
xogaba nas Cortes
con Portugués o irmanciño..

Curmán Castelán
sempre lle facía mal
Mamá non o deixaba brillar
e o seu corazón fixo "crac"

O irmanciño Portugués
foise do seu lado
mándanse postais en Nadal
e chámanse en fin de ano.

Lánzanlle misís
cun obxectivo moi claro
queren facelo sufrir,
queren derrotalo.

Galeguiño vive rexeitado
cae en decadencia
non ten ninguén ao lado
sen luz, sen azos.

Decatáronse uns bos amigos
que o deixaran abandonado
cun permanente agarimo
recompoñerán os grandes cachiños
do seu escuro pasado.


Ladrillo a ladrillo,
constrúese
Aloumiño a aloumiño,
medra.

El é un loitador
un rebelde desacreditado
pasounas canutas
nun permanente paro.

Algún choio topou
de vez en cando
logrouse meter nalgunha boca
pero non é contratado.

Con toda a vida por diante
non deteñamos o seu camiño
á vez tan cativo
á vez tan velliño.

Fagámolo sentir querido
evitemos a invasión
Construamos con palabras
para este pai tan fillo
unha muralla no corazón.

Mariña Castro Fontao.
Verónica Granja Fernández.
Aroa Espiño González.

8 de maio de 2015

Entrega dos premios das Esopías 2015



Fixemos entrega dos premios ás mellores Esopías deste ano. A decisión foi moi complicada debido tanto á gran participación como á calidade dos traballos presentados.
Próximamente presentaremos unha escolma das esopías. Polo momento, velaquí os gañadores:
1º premio (1º ciclo): Laura Villanueva Hermida (2ºB)
1º premio (2º ciclo e bacharelato): Alberto García Fernández (1º bacharelato A), Alesandra I. Bazán Casanova (4ºB)
2º premio (1º ciclo): Nerea González Villar (2ºB), Natalia Mato Fernández (2ºB)
2º premio (2º ciclo+bacharelato): Mariña Castro Fontao (4ºB)

18 de mar. de 2015

Concurso de esopías 2015

Convócase concurso de esopías. Entregar os traballos durante o mes de marzo ao profesorado de matemáticas ou de lingua galega

10 de xuño de 2014

Premios Vitoria 2014

Xa sabedes que entre os gañadores do I premio literario Vitoria Taboada organizado polo ENDL do IES Ramón Mª Aller están varios dos nosos alumnos: María Framiñán Davila, Helena Pereiras Villamayor, Marín Villar Gil, Sonia Framiñán González, e Mariña Castro Fontao.
Agora podemos ler todos os seus relatos, xunto co resto dos premiados, nesta publicación elaborada no instituto de Lalín que compartimos aquí na súa versión virtual.

22 de maio de 2014

RECREANDO CONTOS




Nunha casiña de palla, situada no monte, vivía unha familia de osiños que tiveron que emigrar. Esa casiña ocupouna un lobo, pero a tormenta, a auga e o vento desfixéronlla e o lobo con moita mágoa abandonouna e botouse a andar. Ía por un sendeiro que rodeaba a casa e continuaba entre uns arbustos polo medio do monte. O lobo pasou a noite camiñando, cada vez estaba máis canso. Pasado un tempo o lobo atopou unha casa moi grande e fermosa, petou á porta e recibiuno unha rapaciña  loura e humilde que o acolleu con moito agarimo.
Unha mañá o lobo foi dar un paseo e encontrouse a tres porquiños que choraban porque non tiñan onde vivir. O lobo levounos para a casa e a rapaciña díxolles que podían quedarse.
A rapaciña, Cincenta, foi recoller froitos ó bosque e preto dunha maceira atopou a unha xovenciña tirada no chan cunha mazá na man esquerda. Cincenta tentou erguer a rapaza pero non tiña as forzas suficientes, foi buscar axuda e encontrou a sete ananiños cun rabaño de sete cabritiños tallando unha rocha para  facer unha casa, xa que non tiñan. Os ananiños  dixéronlle o que lles pasaba e Cincenta díxolles que se lle axudaban a erguer a unha rapaciña que lles  deixaba quedarse a vivir na súa casa. Levaron á rapaciña para a casa e cando espertou díxolles que se chamaba Brancaneves,  pero que non tiña casa para vivir.
Cincenta  díxolle que se quedara con eles.

Brancaneves, Cincenta, o ratiño Pérez(o ratiño de Cincenta),os tres porquiños, os sete ananiños cos seus sete cabritiños, o lobo (chamado Pedro) e os osiños (que regresaron despois de 6 meses) formaron unha gran familia. Desa familia xurdiu a felicidade  porque xa ninguén contiña nin unha pinga de tristeza.

                                                                            Lucía Fernández Cuíña. 1º ESO B

Conto galego - “A nova vida dos porquiños”



Había unha vez tres porquiños que decidiran independizarse e marcharon da casa. Cando ían polo monte para buscar unha casa que estivera en aluger encontráronse con sete ananos. Os porquiños comentáronlles o seu caso e os ananos dixéronlles que na súa casa había camas de sobra e que podían ir vivir con eles e así axúdanballes a pagar a comida e esas cousas.
Ao que chegaron a casa non atoparon a Brancaneves. Entre os porquiños e os ananos empezaron a buscala pero non a encontraron, o que si encontraron foi a cinta de pelo que ela sempre levaba posta, e xunta a cinta de pelo atoparon unhas pegadas de lobo.
Os porquiños xa sabían de quen se trataba, era o lobo que andaba detrás deles, tiña un pé máis grande có outro, por iso se percataron.
Todos seguiron as pegadas e chegaron ata o castelo da madrasta de Cincenta, o lobo era a súa mascota. Un dos ananos encontrou un buraco por onde se podían meter e así entrar no castelo.
Foron dar a un corredor e justamente atopáronse coa madrasta de Cincenta e dixéronlle que viñan rescatar a Brancaneves.  A madrastra soltó unha argayada malvada e díxolles: “Iso non volo vou permitir, neste reino non  pode haber ningunha rapaza máis fermosa ca min”.
Os ananos comenzaron a pegarlle ata que a deixaron tirada no chan, todos comenzaron a correr e foron por Brancaneves.

Atopárona nun cuarto atada a unha cadeira, desataron e levárona para a súa casa. Aos poucos días a madrasta de Cincenta volveu intentar secuestrar a Brancaneves pero entre os porquiños e os ananos conseguiron que non volvera pola súa casa.

21 de maio de 2014

1º premio de relato curto do Concurso Mª Vitoria Taboada

Relato curto, 1º Premio: 
Unha mente intranquila
Non me gustaría recordar os momentos tráxicos do noso matrimonio.. 
Os enfados, broncas, palabras máis que outras, enfrontamentos cada dous por tres. En fin, agora sei moi ben o que pasou nese tráxico día. 
Era un día de primavera no que Enma adoitaba pasear polo parque, cando cheguei todo alterado, malhumorado e como sempre bébedo á casa. Empeceille a berrar e a balancear o seu corpo débil, a causa do embarazo. Ela intentaba protexer o bebé como fora, pero esa ansia por querer protexelo levárono a norte. 
Eu abalanceime sobre ela para darlle una labazada por terme berrado, cando ela perdeu o equilibrio do seu débil corpo. 
Esa foi a tráxica morte da miña muller e do meu fillo, que nin sequera cheguei a coñecer e que rematou na tráxica escaleira, alí, no fondo rodeada por un gran charco de sangue.
 Eu neste momento atópome na cárcere maquinando: Por que?, Como?, Cando?... e recordando o felices que fóramos antes de casarnos . Nosa primeira cita, no restaurante onde a coñecín por primeira vez. O primeiro bico no parque da Igrexa onde anos despois casámonos ,nese pequeno e máxico , pero segredo, que tan só sabíamos del ela e eu . Nese mesmo lugar, disenlle o moito que a amaba e o importante que era para min e que non sería capaz de vivir sen ela .Un lugar moi especial; alí mesmo foi onde me deu una das miñas mellores alegrías que esperaba un fillo meu. Acórdome de ese día como se fora hoxe. Chegou coma de costume cá súa amplía sonrisa, olendo a una frescura de rosas, o seu característico aroma. E como non o seu apreciado foula que lle merquei en París. 
E por último, pero non menos importante, o día que lle pedín matrimonio no alto da Torre Eiffel, con un violinista tocando a nosa canción. Eso é o que quero recordar , non ese tráxico día onde perdeu a vida miña muller e meu fillo entre as miñas mans.. Que fago agora sen nada polo que lugar e saír adiante! Tíñao todo e quedei sen nada…
 Escribo esta carta porque a miña vida xa non ten sentido sen a miña muller o meu lado. Sei que cometín tantos fallos que o único que podo facer e desaparecer deste mundo, xa que aquí non dou tido paz. A conciencia non me deixa vivir cada día tortúrome pensando que son o culpable da morte da miña familia e efectivamente si que o son.
 A última cousa que quero ver antes de morrer é a radiografía do meu pequecho e unha fotografía da miña muller e eu no alto da Torre Eiffel . 
Adeus...


María Framiñán Davila

20 de maio de 2014

2º accésit de relato curto do Concurso Mª Vitoria Taboada

2º accésit:

O padriño de Xosé
Esta é a historia dun rapaz normal de catorce anos chamado Xosé, un nome común da súa terra. Xosé non sabía que, de súpeto, ía topar con unha das cousas máis importantes da súa vida. Era un rapaz pícaro, moi falador, moi amigable, pero sobre todo cabe destacar que era moi humilde e calado; xa que el queríalle moito ao seu padriño Arsenio, que faleceu cando tan só tiña sete anos por un cancro de pulmón, el admiraba a seu padriño máis que a nada, contáballe como tivo que emigrar a Suíza con vinte anos entre moitas máis historias, e o seu padriño foi un exemplo a seguir para el.
 Xosé vivía nunha aldea, cerca dunha pequena canteira da cal lle contou historias do pasado o seu padriño, esta situábase a medio quilómetro da súa casa e ao carón do río, á cal sempre se achegaban el e mais os seus amigos, Víctor e Manolo, para ir merendar, ata que se decatou súa nai e case non queda vivo do que lle berraron por acercarse ata a canteira; el, cavilando o porqué do enfado da súa nai, quedou intrigado co que alí acontecía e que provocara tal enfado na súa nai, ao día seguinte púxose de acordo cos seus compañeiros para facer unha escapada nocturna a dita canteira; aquela noite, cando saíu pola fiestra para fóra onde o agardaban Manolo e Víctor para ir á canteira, decatouse de que as curuxas estaban a oulear preto do río, isto recordoulle que o seu padriño lle contara unha historia sobre que as curuxas poden predicir a morte, pero pese a iso, a súa intriga era moito maior ao medo que estaba a pasar e non lle dixo nada aos seus compañeiros. Xa chegando á canteira, os calafríos entre eles tres aumentaban máis e máis e, a medida que se facían camiño entre os chopos, este ía sendo tamén máis tenebroso. De súpeto, Xosé viu unha luz que alumeaba toda a canteira, e quedou perplexo, os seus compañeiros preguntáronlle que lle acontecera logo de lle ver a cara de parvo que lle quedara, e el só dixo de seguir camiñando, en silencio matinou por que viu unha luz e chegou á conclusión de que era polo sono. Cando chegaron a dita canteira coas súas lanternas, déronse conta de que alí non acontecía nada, estaba todo deserto, simplemente había un montón de terra, un cepo de madeira e un pico nun recuncho. Buscaron ata máis non poder, e tal foi a decepción de Xosé ao non topar con nada, que colleu o pico na man dereita e tirouno contra un dos lados da canteira; xa dado a volta e disposto a abrir camiño cara á casa, escoitou un pequeno golpe parecido ao dunha martelada contra a madeira, deu a volta e botou a andar cara ao estraño lugar que acabara de descubrir, estaba tapado pola terra que había amontoada, sacárona de diante e topáronse cunha porta de madeira, abriuna cun minucioso coidado e topou unha pequena sala, na cal había unhas candeas, unha pluma, un escritorio tallado polo seu avó, que era carpinteiro, e un morico de libros e follas escritas ciscadas sobre a mesa, na cal destacaba unha que dicía: “Á fin, topaches o meu recuncho meu querido amigo Xosé, no cal podo deixar algo de min e da miña historia, pese a que tivera que emigrar a Suíza, aquí deixo a miña vida en relatos e todas as historias que non puiden rematar de contarche, quérote.”
 Xosé non foi capaz de ocultar as súas emocións ao ler a folla que lle deixara escrita seu padriño só para el. Pediulles a Manolo e a Víctor que non dixesen un pío do que viran esa noite, e así foi. Finalmente, volveron todos ás súas casas, e dende aquela, Xosé foi visitar a canteira todas as noites para ler as memorias e historias que lle deixou o seu padriño coa luz das candeas para darlle máis emoción e ao mesmo tempo intriga. Con todo o que aprendeu Xosé do que leu do que seu padriño lle deixou, chegou á conclusión a medida que pasaba o tempo de que seu padriño non lle deu a vida, pero si lle ensinou a vivila; sen dúbida, hai cousas que nin os cartos substitúen, e ter as memorias do seu padriño Arsenio era unha para Xosé. 
Marín Villar Gil








19 de maio de 2014

1º premio de microrrelatos do Concurso Mª Vitoria Taboada

MICRORRELATO:1º Premio:


 

Dous saltóns

   Unha vez dous saltóns pelexaron. Un cría que era o mellor e que saltaba moito máis alto, o outro dicíalle que non, que el era moito mellor porque saltaba máis lonxe. Nisto que mediante a discusión, cansados un do outro, un dixo: “Comprobémolo agora mesmiño e acabouse” Así que alá foron. Chegaron ao prado máis grande, longo e coas mellores herbas que había na comarca e decidiron que aquel era o lugar ideal. O primeiro deu un chimpo tan grande que chegou ata a outra esquina do prado, pero como as herbas estaban tan grandes e o prado era tan longo o outro daba chimpos e máis chimpos, mais non conseguía ver o compañeiro. Os dous berraban todo o que podían, pero non se podían oír porque estaban moi lonxe. Aburridos de discutir por algo que non lles pagaba a pena acordaron volver ao lugar de inicio para facer as paces. Cando xa estaban un a carón do outro decididos a facelas paces, déronse conta de que un era amarelo e outro verde, e de novo volveron discutir dicíndolle un ao outro que era o mellor. Así pasaron toda a tarde, pero ao final do día xa estaban cansados de discutir por parvadas, entón entenderon que a súa amizade era moito máis forte que as súas diferenzas e dende aquel momento souberon que os dous eran os mellores, cada un na súa cousa.
O cocho Manolito
  Os veciños da vila acordaron todos ordenar as súas adegas e sacar as cousas que xa non valían para nada á rúa principal, aquilo era unha desfeita: colchóns, ferros oxidados, televisores antigos, tubos, táboas que xa non había por onde coller... en fin, unha catástrofe. Logo de moito ollar para elas empezaron a enredar coas cousas e sen case darse conta comezaron a amontoalas dunha forma moi ordenada e curiosa. Entre todos quedaran cos cacharros vellos formando un gran cocho. Cando se deron conta botáronse todos a rir. Viron que na punta do fociño tiña un letreiro ben grande que poñía “Benvido Manolito”, de novo comezaron todos a rir e alguén berrou: “Será o cocho Manolito!”. Aos veciños gustoulle a idea e como xa estaba na rúa principal pareceulles ben que quedase alí e dende aquel día fose o símbolo da vila. A partir de entón, por esa data todos os anos se celebra unha festa na que o que se fai é gozar de todos os diversos manxares do porco, os máis vellos contan a historia de como se construíu o cocho Manolito e logo móntase unha gran troula arredor súa.
Raro individuo de cidade
  Aquel bichiño tan pequeno era moi peculiar. Tiña unhas orellas longas, longas e con elas podía oír todo o que se dicía naquela cidade; tiña unhas patas pequeniñas, pequeniñas e andaba veloz coma un raio, un pouco aquí e ao segundo acolá; tiña un gran bigote, moi espeso; tiña uns ollos grandes coma pratos, un azul e o outro vermello, tiña tamén unha barriga enorme e redonda coma un queixo, nela cabíalle todo o que atopaba por diante, mais tíñache unha boca ben pequeniña. Este bichiño tiña algo especial, pero ninguén conseguía saber o que era, os cidadáns víano e todos quedaban abraiados. O bichiño, canso de escoitar tantas voces na súa cabeza que o tiñan tolo, canso de andar de aquí para alá sen poder parar a contemplar nin a paisaxe que o rodeaba, canso de que todo o mundo o mirase con esa cara de abraio, colleu a súa maleta e marchou en busca dun lugar tranquilo no que poder estar acougado e relaxado, soamente escoitando o son da natureza, sen que ninguén o mirase, sen ter présa porque non tiña ningún lugar ao que chegar a tempo. Dende ese día todos os cidadáns sentían que na cidade faltaba algo, pero non caian na certeza de que aquel bichiño marchara para sempre a un lugar tranquilo. Aquel tal bichiño resultou ser un bichiño moi especial, un gran bicho máxico.
                                                  Sonia Framiñán González

Accésit de poesía do Concurso Mª Vitoria Taboada

GRANATE

O coello de Alicia que me guía

Pintando as rosas de vermello
Cae pola toco
Florece, murcha
Adormece, resucita

Anxos escuros
que lle brindan murmurios
Ás negras, intencións claras.
Escóndete
Poden ver todas as túas inseguridades, almiña podre.
Non creo todo o que vexo,
non digo todo o que penso
calo todas as verdades.
Intenta camuflarte.
Sendo escoura,
estas maxestades caídas coñecen a túa historia.
Reverénciate cara á morte.
Halos, pureza.
Veleno nas veas.
Non é suicidio
se por dentro estás xa completamente baleiro.
Coma o rumor dun río.
Coma a seca que chega despois.
Corre o sangue.
Anda o sangue.
Para o sangue.
Para a vida.
RUBÍ
Ollos de cristal
Luz de vendaval
Bágoas de chumbo
Pesan nas meixelas
Esa boneca de trapo que ninguén quere
Espertou do seu sono e comezou o pesadelo
A triste ilusión dun cadáver que respira
Chamando por un corazón sen negróns
xace nun ataúde
sen velas
sen flores
sen choros
sen cores.
Sendo unha pantasma cargando un abrigo de carne e óso.
Unha alma rota por todos eles.
Por todas vós.
Ata a corda, afía a coitela, dispara a arma...
Voan paxaros engaiolados.
ESCARLATA
Afogada no seu propio mar
zoada na súa propia marea.
Arde coma Roma
fría coma un caramelo.
Un león que non recoñece o seu reflexo no lago.
Non pode soportar
as pedras que tiran a dar.
Os monstros inquilinos nela.
Miña xoia, mente insalubre.
Voan balas, dan no branco
No negro da promesa esquecida.
No vermello do sangue verquido.
A maquillaxe dun sorriso perdido,
encontráronme  queimado en cinzas,
coma un ritual
un musical
unha pantomima
Unha obra que xamais se estreará
Non se oen aplausos.
Só as campás.

                                            Mariña Castro Fontao