
Unha boa nova chéganos tendo como punto de ligazón a nosa Radio Colmeiro. O caso é que en Burela enteráronse das nosas emisións e a partir disto puxéronse en contacto connosco parta entrevistar a algún alumno do noso centro no seu programa Proxecto Neo.
Tal e como se enuncia no seu título, preferían buscar un neofalante. Velaí que Valeria Espinar, alumna de 1º de bacharelato que participa tamén en Radio Colmeiro, foi a elixida. A entrevista a Valeria comenza no minuto 23. Recomendámola vivamente. A mágoa é que non se nos dera a nós por entrevistala na nosa radio.
No blogue do Proxecto Neo presentan así a entrevista a Valeria:
Kastomä foi a chave que nos abriu a porta para coñecer por dentro a Radio Colmeiro, a nosa irmá impulsada polo Instituto Pintor Colmeiro de Silleda. Nese momento comezou o recital de Valeria Espinar Carreño, estudante de 1º de Bacharelato. Foi unha conversa espumosa. Por que? Porque comezou no fondo do vaso, tanteando, e subiu e subiu até chegar á cima. Desa maneira, a través das súas palabras, coñecémola a ela -como neofalante- e visualizamos o grupo humano que impulsa a iniciativa educativa chamada Radio Colmeiro. Como Valeria falaba tanto e tan ben, a entrevista do seu profesor de Tecnoloxía, Xosé María Rodríguez, foi máis curtiña. Aínda así, coñecemos a visión pedagóxica do proxecto que leva á práctica o Equipo de Normalización daquel centro de ensino. Tamén percibimos a través do seu protagonista a maneira en que un rapaz de 14 anos pode superar a ruptura cultural. O profesor Rodríguez renaceu galego. Segundo as súas palabras "bon traballiño lle custou", mais está moi orgulloso por ter dado ese paso. Nós tamén estamos moi moi orgullosos... por podelo contar.