Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións

8 de xuño de 2016

Carteis gañadores para o Correlingua 2016

Como todos os anos, entre o alumnado participante no Correlingua, realizamos un concurso cos carteis que van levar a esta actividade. Parabéns a todos os participantes!!
Nesta ocasión o gañador absoluto foi co seguinte  cartel  realizado por Xabi Tato Pereiras e Disckeisy Peralta Adames (1ºC) "Defende o galego, por unha Galicia mellor"

Defende o galego, por unha Galicia mellor


Tamén recibiron premio Encarna Oleiro Novo, Iria Moreira Suárez e Laura Míguez Caramés (2ºB) co cartel:

Non teñas vergoña, fala galego!
Outro premio foi para Mariña López Rodríguez e Claudia Gómez Rozados (1ºB)

O galego no corazón
E finalmente Zaira González Taboada, de 2ºA:

Nunca deixes que  che leven a túa lingua

18 de maio de 2016

O fallo do concurso de Micorrelatos

O concello de Silleda vén de anunciar o fallo dos premios do concurso de mircrorrelatos no que participaron moitos alumnos deste centro. Desafortunadamente ningún obtivo premio nesta ocasión. volveremos a intentalo na vindeira edición

2 de maio de 2016

Primeiro premio de Poesía no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

David Cabaleiro Otero, alumno de 1º de bacharelato do noso centro, acadou o primeiro premio de poesía no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada, un certame que organiza o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)

PRECISO UN COMEZO

Quero vivir nun mundo finxido.
Crear, rompendo e moldeando
as criaturas nunha paisaxe
con horizontes de cores pastel.
Luminosidade e texturas
móvense entre as xemas dos dedos,
facéndome cóxegas
mentres desprendo emoción imposible.
Soamente con este pincel,
sei que será suficiente para encher
todo o perigoso baleiro
dunha folla en branco.
Non quero, atérrame pensar
nunha historia tan escura,
nos monstros que devoran as cores
deixándome tan só e espido.
Síntome esvarar na humidade,
que afoga como un día nubrado,
con toda a tarde por diante
para saltar ao outro lado.
Lévame, guíame polo mapa
que conduce ao tesouro.
Eu intentarei seguir adiante,
mais as promesas adoitan perderse...
Posúeme, faime ver e sentir
todo o necesario
para seducir co meu talento
a aqueles que o ansían de verdade.
Preciso atopalo, sei que está vivo.
Apresúrate en chegar ao cumio
ou a neve desembocará nun rebumbio
que te arrastre de novo ao comezo.
Comezo trazando a primeira liña
nun prólogo tan murcho e difuso
que ameaza con quedar
no simple esquecemento.
Buscarei a realidade, a mentira
oculta nos poros deste cadro.
Seguirei voando, e ao caer
dareime por fin de conta.
Arte, serei capaz de comprendela?
Sempre con tanto misterio,
non é máis ca unha ponte
fundida na boca dun soño.
Espertarei algún día
e toda a maxia desaparecerá:
a auga do río afogará os paxaros,
o sol queimará o universo enteiro...
E así todo o esforzo
quedará sen recompensa;
e así morrerá sen chegar a ser
un verdadeiro poema.

TRANSICIÓN E INFORTUNIO

Unha cantiga de esperanza
no medio de tanta escuridade
resoará levada polos fíos de vento
que varren os restos da antiga paisaxe.
Soamente quedan restos,
iso é o que somos, ánimas de po,
despois de tanto sufrimento
e despois de tantos anos.
Caos que impulsa o reloxo,
non queres existir sen motivo,
sen algo ao que corromper
desde as raíces máis profundas.
Pero esa melodía que realza
o último alento dun supervivente
ficará no seu insigne altar
tentando axitar todo o perdido.
Coa súa capa branca,
heroe sen sangue nas mans,
respirando o aire que arroupa a morte
e cargando todos os seus crimes.
Alimentámonos das nosas propias
almas, sentimentos, imperfeccións...
e de todo o que algunha vez
nos fixo humanos.
Mágoa que xa ninguén a escoite,
esquecida entre todo ese ruído
que cega e que enxordece
oculto tras o fulgor do ferro.
Perfecto final finxido
para un novo comezo.


Á ESPERA DUN PUNTO FINAL

Perdido na noite,
atrapado na escuridade
e chegada a miña hora,
eu sabía que pronto ela
estaría fronte aos
meus ollos,
atravesándome coa baleira
e xélida mirada
dos seus.
Xa podía escoitar os seu pasos
aproximándose lentamente,
por un camiño ermo,
eido das sementes do caos;
pero non estaba soa,
escoltada polos berros agónicos
dos meus antecesores:
agora era a miña quenda.
Aquelas voces
tornaban máis fortes,
aqueles chíos negros
momento a momento,
entre cada espazo eterno
dunha posición das agullas
á seguinte.
Pero eu non choraba,
non o lograba
pese a todos os meus intentos,
consciente da virtude,
debo confesarme,
e dunha vida plena.
Hei de ser breve,
xa contemplo a súa expresión escura,
as súas fráxiles extremidades
suxeitando a arma afiada
coa que despoxarme de todo.
Ficou sen moverse,
parecía aterrada, arrepentida
do pecado que ía cometer
corrompida pola gula.
Pero non había alternativa,
e o fío da gadaña
sentín no meu costado.
Foi unha sensación estraña,
e por un intre sentinme liberado.
Foi a derradeira.

Accésit de relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:

Rubén Campelo Camarero, de 2º de bacharelato, obtivo un accésit por este relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:
 A vozDaniel espertou sobresaltado cando o único que se escoitaba na noite era a choiva petando nos cristais. Mirou ó seu arredor, adormecido, intentando lembrar o que acontecera no seu pesadelo. Cando conseguiu abrir os ollos, deuse conta de que, por debaixo da porta, entraba unha feble luz. Odiaba pasar as noites só naquela casa na que ruídos e gotas se acumulaban. Incorporouse lentamente para descubrir de onde proviña aquela luz que se filtraba temerosa na súa habitación. Abrindo a porta, pronto localizou a súa procedencia, a luz da cociña estaba prendida e deuse de conta de que xa non se escoitaba o son da choiva, só as queixas do vello chan de madeira a cada paso que daba. Volvendo á habitación, cun peso insoportable nas súas pálpebras, deitouse na cama e volveu durmir. Cando espertou de novo, non sabería dicir se pasaran horas, minutos, ou escasos segundos. O que si que sabía era que escoitara o seu nome, unha voz feminina acabábao de chamar. Daniel comezou a pensar que iso era imposible, que estaba só na casa, intentando convencerse de que todo fora un soño, pero nese mesmo instante volveuno escoitar, un rumor, case inaudible, que o volvía dicir, volvía a dicir o seu nome. Todo intento de que seguía sendo un soño esvaeceuse e acendeu a luz vendo que todo estaba en orde.Pegou as súa costas á parede o máximo que puido, intentando atopar a seguridade que precisaba naquel momento. De novo volveuno escoitar, o seu nome, esta vez dende máis cerca, imaxinando quen estaría detrás daquela voz melodiosa, case anxelical que o atraía coma se fose un imán. Daniel, sumido nos seus pensamentos, esqueceu o perigo que podía levar a presenza daquela voz na súa casa, iso era algo que para el xa non tiña importancia. Desexaba coñecer a dona daquela voz que facía que se perdera no máis profundo dos seus pensamentos.
Agora xa detrás da porta volveu soar, a voz volveu dicir o seu nome, invitando a que a acompañara, e tras isto abriuse a porta, moi amodo, deixando que pouco a pouco a luz da habitación enchese todo o corredor. Daniel, con sentimentos moi contraditorios, viu como se abría a porta, e como, tras ela, aparecía esa figura que tanto desexaba coñecer e que agora o invitaba a irse con ela, repetíndolle que a seguira.
Daniel cando viu aquela figura, volveu pensar que aínda estaba soñando, porque era a muller máis bonita que vira nunca. Tiña o cabelo negro como unha noite de lúa nova, que recorrendo a súa cara resaltaba a súa pel branca. Os seus brillantes ollos eran azuis, dun azul tan profundo coma os océanos, uns ollos nos que afogabas antes de somerxerte neles. A súa boca tan desexable coma unha gota de auga no deserto. Así foi Daniel percorrendo o seu corpo coa mirada pouco a pouco, dándose conta de que un soño non podía ser tan perfecto coma a muller que estaba mirando, escoitando a súa voz, que o volvía a invitar a seguila.
Daniel non tivo tempo para pensalo, e cando se deu conta estaba baixando as escaleiras que daban á rúa. Non podía parar de pensar naqueles ollos que o levaban a outro mundo, ou para el, probablemente ao ceo. Aquela voz falándolle mentres pisaban os charcos que deixara a choiva aquela noite e que agora dera paso a unha néboa espesa, na que Daniel só buscaba achegarse a aquela figura que o sacara da casa a alta horas da noite, noite tan escura coma os cabelos da rapaza.
Daniel deambulou unha eternidade que lle pareceu efémera perseguindo aquela voz, que cada vez o envolvía máis e máis, como a néboa que o rodeaba. Finalmente a voz calou, e entón Daniel deuse conta de onde estaba. Unha pequena lagoa que estaba en medio de ningures onde unha rapaza de doce anos morrera afogada cando el aínda era novo. Era un sitio tenebroso, descoidada dende fai moitos anos, pero que co sorriso daquela muller se convertía no lugar máis bonito do universo.
De novo soou aquela voz, que xa non escoitaba, senón que sentía na súa cabeza, sabendo que xa non podía liberarse dela, pero el sabía que non quería liberarse. Entón a muller saltou e Daniel seguiuna, co único desexo de non separarse dela xamais, e así Daniel afogou nos ollos da rapaza, que aínda despois de morto o facían sentir vivo.

11 de abr. de 2016

V Concurso de Microrrelatos

Un ano máis a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda convoca o V Concurso de Microrrelatos. É habitual, desde a súa primeira convocatoria, que colaboremos e participemos desde o IES Pintor Colmeiro.
A temática do concurso será este ano "o meu soño" e terá un máximo de 500 caracteres. O prazo de presentación transcorre entre o 11 de abril e o 6 de maio. Cada participante só pode presentar un traballo. As bases completas, pódense dercargar do portal do Concello.

17 de dec. de 2015

SilledAgasalla. Entrega de premios


Entregáronse os premios do concurso de lemas e debuxos do concurso que o Equipo de Normalización convocou no centro.
Premio debuxos: Patricia González (1ºA) Ana Castro (1ºA)
Premio lemas: Nerea (1ºA), Cristian (1ºA), Diego Lamas Barro (1ºB),  Paula Rosende (1ºC), Lorena Rodríguez (1ºC), Nerea Bibian Pascual (2ºA), Iria Moreira suárea (2ºB), Xoana Rivas López (2ºB), Sheila Pereira (2ºB), Álex Faílde (4ºA).

16 de xuño de 2015

Carteis do Correlingua 2015


Estes foron os carteis elaborados polo alumnado que acudiu á edición do Correlingua deste ano. Xa sabedes que formaron parte dun concurso e que entregamos premios aos que nos pareceron mellores de entre eles.

15 de xuño de 2015

Premiados do concurso de carteis do Correlingua 2015

Reunido o xurado o 22 de maio de 2014, e vista a calidade dos carteis presentados, decidiu outorgar nesta ocasión tres premios aos carteis cos lemas:
"Que non che coma a lingua o gato", realizado por Rafel Pena, Alex Pavón e Maino Ares, alumnos de 1º A
"Non permitas que che prohiban falar galego", de Cristina López Muras e Aida Eiriz Pérez, de 1º B
"-O galego é a miña vida enteira!
-Pois pensei que era eu..." , realizado por Carla Filloy, Celtia Ansemil, Diego Cangas e Juan Ares, de 3º B

Como vimos facendo todos estes anos, os mellores carteis que participaron na edición do Correlingua, teñen premio. Estes son os orgullosos autores dos traballos premiados


12 de xuño de 2015

Esopías 2015

Tal e como fixemos o curso pasado, volvemos a publicar unha escolma das esopías que máis nos gustaron entre as participantes no II Concurso de Esopías que o ENDL convocou este curso. Nesta ocasión contamos coa colaboración do Departamento de Plástica coas ilustracións que fixeron alumnos de 3º da ESO.
Entre as creacións aquí recollidas está a que obtivo o premio do 2º ciclo da ESO e Bacharelato do III Concurso de Esopías celebrado na IX Feira Matemática

4 de xuño de 2015

Carteis Correlingua 2015




 Carteis cos que o alumnado do IES Pintor Colmeiro participou na edición do 2015 do Correlingua. Entre todos eles escolleremos os mellores.... e levarán un premio.

28 de maio de 2015

Gañadores Vídeoghit 2015


O pasado venres 22 celebrouse a entrega de premios do Vídeoghit, edición 2015. O gañador na categoría de vídeos foi este de Ana Colmeiro que encabeza esta entrada. Alberto Lázara recibiu o premio ao mellor actor na obra Fertimón e que tamén obtivo o galardón por ser o vídeo máis visto. Nerea Rial foi a mellor actriz polo vídeo Ai meu ghato. Adiós recicbiu o premio ao mellor vestiario e decoración, así como o premio Concello de Silleda. A mellor canción orixinal foi para Contedor munisipal, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón. Finalmente o premio ao máis comprometido foi Galiza latina.

A nova nos medios:

  • La pasarela del Colmeiro coronó las estrellas del videoghit, La Voz
  • Versiones de lujo en el Pintor Colmeiro, no Faro de Vigo. 

19 de maio de 2015

Mariña Castro premiada no II Concurso Literario María Vitoria Taboada

Mariña Castro Fontao, alumna de 4º do noso centro, recibiu o 1º premio de poesía no II Concurso Literario María Vitoria Taboada, convocado polo IES Ramón Mª Aller (Lalín). Mariña foi premiada nas dúas edicións do concurso, o cal indica as súas calidades que xa son recoñecidas polos autores de blogues literarios xa consagrados.
Na foto aparece Mariña recitando os seus versos nun momento da entrega do premio o pasado venres 15/05/15.
O xurado cualificou así a obra de Mariña:
Valoración do xurado

O xurado significa destes poemas "a disposición dos versos e o exquisito lirismo co que a autora desenvolve o periplo vital da infancia á mocidade adubado este dunha sutil perspicacia que logra interiorizar os “cairos” cos que o suxeito lírico se afianza na busca dunha férrea integridade, “Medras nun vertedoiro de emocións que tratas de afogar coa almofada”; para concluír cunha existencial reflexión, na que tenta fuxir da fatal agonía, intrínseca ao ser humano."Parabéns, Mariña.

Velaquí a obra premiada:




I.

Na gaiola de xoaniñas,
chámanlle infancia
unha pechadura impenetrable
protexe os ollos do meniño
de tornarse vermellos e salgados
pola verdade.
No recinto ateigado de portas
chámanlle xuventude
xurdiu a chave
deixou a criatura ceiba
indefensa
mordeuse até quedar en carne viva.
Que organismo ousará xurdir
nesta estepa seca
na que pretendemos construír
un camiño de rosas
que murchan?
Onde non hai máis ca calafríos
na nada.
Estatuas de marfil
e cairos de algodón
que enganan.

II.

Alma difusa
orquestra cadáver
Páxinas molladas
con demasiados borranchos
Coma cristal de botella
rota pola carraxe
o líquido derrámase
repta polo chan
chega aos sumidoiros
descansa na podremia.
Namoraches
do teu propio monstro
Creaches
o teu propio libreto
Neste teatro dos voraces
ten máis liñas ca o resto
Mentres ti, prima donna
te preguntas
cando vai estar lista
a túa máscara impasible.
Medras nun vertedoiro
de emocións
que tratas de afogar
coa almofada.
Descansa, miña rula,
a ver se a noite che leva as ambicións
e che trae vicios.

III.

Coma árbores
coas raíces traballando na busca de auga
coas ramas decidindo por onde agromar
co froito que xorde
cando te alimentas de luz allea
coas follas que te enchen
cobren
afogan.
Por iso agora es tinta
mergúllaste en augas que non che pertencen
e ao volverte líquido mudaches en mar.
Non tes que facer nada
só existir e ser eterno
mentres te habitan as sereas
cantándoche as túas eivas
es a vida por onde non corre o tempo.
Non corre
porque tropeza.
Chóveche no corazón
e na cabeza
supuras
cores que non existen
murmuras.
No mundo das fantasías
quero quedar
onde as nubes son moi altas
e camiño descalza
onde non preciso valor.
E se Deus está a observarme
sácolle a lingua.

 

18 de maio de 2015

Aquí cabemos todos

Aquí cabemos todos é o título da curta de Sonia Troitiño (2º Bacharelato) que foi premiada este ano no certame que anualmente convoca o Concello de Silleda. Este ano o certame estaba centrado no tema da integración social.
Na foto podemos ver o momento da recollida das premios.
O xurado estivo composto por Loli Iglesias (Ordes, 1989), licenciada en Comunicación Audiovisual e Master en Dirección e Realización pola Universidade Ramón Llull de Barcelona, traballadora de Portico Audiovisual; e por Daniel Vilaverde (Proupín, 1989) , tamén licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais pola Universidade de Vigo. É director e guionista de curtametraxes como “A culpa é dos pais” ou “Bilingüismo cordial”., ademais de creador do proxecto musical “autOOdio” (xunto a Rubén Lino) e da webserie “Poetarras” (xunto a Rubén Lino e Manuel Gago), gañadora do premio á mellor webserie en lingua galega da 1ª edición do Carballo Interplay.
Velaquí o vídeo premiado:


6 de maio de 2015

Problemas matemáticos de Lewis Carroll.2

Velaquí os retos matemáticos elaborados a partir de propostas de Lewis Carroll e que podedes atopar polos corredores do instituto. O prazo de entrega das solucións remata este luns 11.



Reto 1. A excursión
Dous excursionistas tardan, desde a 3 ata as 9 da tarde, en percorrer un camiño chairo, despois suben ata un outeiro e volven ata o punto de partida. A súavelocidade no camiño chairo era de 4 millas por hora, na subida de 3 e no descenso de 6. Acha a distancia percorrida.





Reto 2.A comida do gobernador de Kgovjni
O gobernador de Kgovjni ofrece unha comida na que invita ao cuñado do pai, ao sogro do seu irmán, ao irmán do seu sogro e ao pai do seu cuñado. Acha o número de invitados.





Reto 3.O carteiro da praza 
Unha praza cadrada ten 21 portas en cada un dos seus lados. Están todas numeradas comenzando por unha das esquinas . Un carteiro debe facer entregas nos números 9, 26, 54 e 76. Por cal das catro portas debe comenzar a facer o reparto para percorrer a menor distancia posible?





Reto 4.Viaxeiros a ninguna parte
Dous viaxeiros, partindo a un tempo, percorren en dirección opostas unha vía de tren circular. Os trens saen en ambas dirección (Leste e Oeste) cada cuarto de hora. O tren do Leste dá a volta completa en 3 horas; o do Oeste tarda 2. Cantos trens encontrará cada un dos viaxeiros no seu camiño?



Reto 5.Sacos pesados
Hai cinco sacos: A, B, C, D, E. Os dousprimeiros pesan 12 libras, o B e o C pesan 13 libras e media, o C e o D 11 libras e media, o D e o E, 8 libras. Se os sacos A, C e E pesan 16 libras, canto pesa cada un dos cinco sacos?









Reto 6. Bonecas rotas de Chelsea
O 70% das bonecas de Chelsea perderon un ollo, ao 75% fáltalles una orella, o 80% está sen un brazo e 0 85% sen unha perna. Que porcentaxe, como mínimo está sen os catro elementos?









Reto 7.O xardín de grava
Un xardín rectangular, media iarda máis largo que ancho, consiste únicamente nun sendeiro de grava disposto en espiral. O sendeiro ten unha iarda de ancho e unha lonxitude de 3630 iardas. Acha as dimensións do xardín.









Reto 8. Was it a cat I saw?
A pregunta é: cantos camiños podemos percorrer seguindo a frase: Was it a cat I saw?
Para unha primeira aproximación ao problema podes probar a pintar algúns camiños sobre o seguinte esquema:


Reto 8. Debuxa dun único trazo.
Debuxa a seguinte figura cun único trazo, sen levantar o lápis do papel:

5 de maio de 2015

Vídeoghit 2015


Un ano máis, unha nova edición do videoghit. Desta volta son 13 os vídeos a concurso. Como mostra deixamos colgado o último dos participantes (vídeo dos alumnos de 4º ESO do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón en música e plástica), pero non estaría de máis consultar todos os candidatos.

Problemas matemáticos de Lewis Carrol.1

Alicia no país das marabillas cumpriu 150 anos. No instituto aproveitouse a ocasión para facer varias actividades arredor do libro e da figura do seu autor, Charles Lutwidge Dodgson, ou, para quen o prefira,  Lewis Carroll. A última hora min tocoume tamén o tema, desde o reducido punto de vista das matemáticas, claro.
Cóntase que á raíña Vitoria lle gustou moito libro de Alicia, editado no ano 1865 así que lle escribiu ao autor, que era profesor de matemáticas en Oxford, reclamándolle que desde aquela data lle enviara todos os seus libros. Charles Dodgson obedeceu escrupulosamente a petición. Tan pronto como se publicou o seu novo libro no ano 1867, o primeiro que fixo foi enviarllo á raíña. Tratábase do Teoría elemental de determinantes. Parece que non hai constancia dunha nova felicitación real.

Para comenzar, un pequeno e sinxelo problema que Lewis Carroll lle enviou por carta a unha das súas pequenas amigas. Trátase de debuxar a seguinte figura se levantar o lapis do papel:
Velaquí outro moi sinxelo, e que creo que vin por primeira vez referenciado nun libro de Martin Gardner. Temos unha finca cadrada. Nunha esquina está situada unha casa, tamén cadrada. O resto é un xardín. Trátase de dividir o xardín en catro partes iguais.
O terceiro problema é o que ten algo máis de dificultade. Non foi creado por, pero que ten moito que ver con el e co libro de Alicia no país das marabillas. É obra de Sam Loyd, un norteamericano que viviu durante a segunda metade do século XIX, autor de moitos crebacabezas matemáticos. Outra vez debemos facer referencia a Martin Gardner, que foi quen máis fixo por divulgar e reivindicar a obra de Loyd.
Unha das aportacións de Sam Loy máis coñecidas é precisamente o que fai referencia ao libro de L. Carroll. Nunha das aventuras Alicia encóntrase co gato de Cheshire. Sobre este relato Loyd constrúe este palíndromo que multiplica creando un cadrado realmente fantástico:

A pregunta é: cantos camiños podemos percorrer seguindo a frase: Was it a cat I saw?
Para unha primeira aproximación ao problema podes probar a pintar algúns camiños sobre o seguinte esquema:
Cada vez que se me presenta un palíndromo venme á cabeza un poético e fermoso libro de Gonzalo Navaza. O seu título revela ben o seu interior: A torre da derrotA. Trátase dun libro que contén poemas feitos con versos palindrómicos, e incluso poemas palindrómicos. Un dos versos, Luz azuL, pode ser un bo entrenamento para o estudo do problema que nos propuxo Sam Loyd:
O libro de Navaza, visto desde este novo punto de vista, estaría cheo de retos:
 O sono é o nosO
Ouso pisar o mar, amor, así posúO
Velaí que nunca sobre a seguinte recomendación:  Ame o pobo o bo poemA

8 de abr. de 2015

Centro do Concello de Silleda



Nesta curta, Denise Varela, Sonia Troitiño e Carlos Mato(2º bacharelato) tratamos de explicar o que é o centroide dun polígono e cómo calculamos o do noso concello de Silleda. Podedes votala no concurso Explícoche matemáticas 2.0

Trátase de resolver o problema de atopar o punto central dunha rexión plana de fronteira irregular como a do Concello de Silleda. O caso dos polígonos regulares ou dos rectángulos é ben simple pero a pouco que se complique o polígono increméntase moito a dificultade do problema. O centroide debe poder determinarse a partir das coordenadas dos vértices do polígono. Nós aproximamos a fronteira de Silleda mediante un polígono de 597 lados. Sobre este polígono calculamos o centroide sobre un sistema cartesiano  Para obter as coordenadas xeográficas considramos o centroide como punto de corte de dous segmentos.


Velaí que o punto central do concello de Silleda é unha veiga chamada Pena Vidal, no lugal de Bustelo, na parroquia de Escuadro, apenas a 2700 m do noso centro. Neste mapa pódese ver a súa localización exacta. A quen lle temos que agradecer esta determinación é ao profesor e compañeiro Xoán Carlos Porral, sen o seu coñecemento da topografía silledense seríanos imposible chegar a ela.


18 de mar. de 2015

Concurso de esopías 2015

Convócase concurso de esopías. Entregar os traballos durante o mes de marzo ao profesorado de matemáticas ou de lingua galega