Amosando publicacións coa etiqueta Olimpio Arca Caldas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olimpio Arca Caldas. Amosar todas as publicacións

17 de nov. de 2012

Biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas

Se seguides algo este blogue saberedes que o biógrafo de Ramón Verea, o inventor da primeira calculadora que realizaba produtos directamente, estivo connosco nunha das actividades coas que este ano celebramos o Día da Ciencia en Galego. O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.





Desde o Equipo de Normalización do noso centro non temos outra cousa máis que palabras de agradecemento por permitir que toda a comunidade internauta poida coñecer de máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor.
A seguir o relatorio desta presentación.

15 de nov. de 2012

Olimpio Arca fala de Ramón Verea

O pasado xoves 8 de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego visitounos Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea, o inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878. Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo.

13 de nov. de 2012

Ramón Verea estivo no noso centro

O pasado xoves 8 os grupos de 4º da ESO asistiron a unha conferencia arredor da figura de Ramón Verea, o galego que inventou no 1878 a primeira máquina de calcular que realizaba produtos e divisións directamente. Tivemos a sorte de contar coa persoa que máis sabe sobre Ramón Verea, o seu biógrafo, Olimpio Arca Caldas.
Esta conferencia era unha máis das actividades do 'III Día da Ciencia en Galego' , unha celebración que reivindica o uso da nosa lingua nas clases de tecnoloxía, física e matemáticas.

O primeiro que fixo Olimpio foi preguntar por Moalde. Claro que sabían onde quedaba esta parroquia de Silleda! Pois á beira hai outra da Estrada, Curantes. De alí era Ramón Verea, en concreto do lugar de Esmorís. Hoxe no adro da Igrexa de San Miguel hai unha escultura como a que nos trouxo o mestre Olimpio que lembra este veciño ilustre, Ramón Verea.
Houbo máis preguntas por parte do conferenciante. "Quen é do Barcelona?" Unha chea de mans erguidas, algunhas caras de disgusto. "Quen é do Real Madrid?" Os descontentos erguen orgullosamente as mans, os outros protestan. "Pois moi mal! Facedes moi mal! Todos vós tiñades que ser do Feminino de Silleda. Eu vivín un tempo en Barcelona e alí ninguén falaba do Deportivo nin do Celta. Estaban orgullosos do seu!"
Outra das ideas nas que máis insistiu D. Olimpio Arca foi en que nos roubaran a historia, "os galegos descoñecemos a nosa historia e así non nos pode ir ben". Contou  que en todas as escolas se fala do submarino de Isaac Peral que hoxe é o buque insignia de Cartaxena. Todos os libros de texto falan do autoxiro de Juan de la Cierva. Dá a impresión de que os galegos non somos quen de inventar nada. Non é así. O que pasa é que se nos escondeu a impresionante figura de Ramón Verea.
Así como os alumnos sabían de Lamela, tamén tiñan noticia de Bermés, parroquia do veciño concello de Lalín. Mais non sabían nada do matemático de Bermés, José Rodríguez, que estuda en París e realiza diversos traballos de carácter internacional pois fai traballos de medición do globo terrestre. A súa estela sería continuada por Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas. É unha mágoa que estes científicos, tan importantes, nos resulten completamente descoñecidos.
Olimpio relatounos con paixón a vida do inventor: desde as súas aventuras na nenez, os estudos en Compostela, a súa marcha a Cuba. Falounos de Verea en Nova York. Amosounos os planos da calculadora, unha fotografía da mesma. Despois Verea estaría algún tempo en Guatemala e finalmente acabaría os seus días en Buenos Aires. Nacera no ano 1833 e morreu no 1899. O noso compromiso é non esquecelo e tomar exemplo del.
E que é o que podemos facer nós? En concreto, que foi o que lle aconsellou Olimpio Arca aos alumnos? Moi simple: "á vosa idade tedes que estudar, estudar moito". A pesar desta última petición recibiu unha chea de aplausos.

É de supoñer que moitos vos decataríades de que nas fotos desta entrada hai unha escultura ben grande. É obra de José Molares, un escultor de Vigo. Fixo esta obra para unha homenaxe que se lle adicara a Ramón Verea no concello da Estrada. Non vaiades pensar que está oca. Preguntádelle a Pedro Segade o que pesaba. Nesta foto sae sorrinte e suoroso despois do esforozo do traslado de Ramón Verea polo noso centro.

Para saber máis:
Olimpio Arca Caldas escribiu unha biografía de Ramón Verea que foi publicada polo Foro Enrique Peinador. Temos un exemplar desta biografía na biblioteca, donado por este Foro ao IES Colmeiro (cousa que lle agradecemos enormemente).
Pero se quixeras consultar esta biografía ten en conta que tamén está dispoñible en internet:
Ramón Verea. Inventor estradense


7 de nov. de 2012

Conferencia sobre Ramón Verea

Este xoves dia 8 pola tarde visitaranos Olimpio Arca Caldas autor do máis completo estudo sobre o inventor da calculadora Ramón Verea.
Poderán asistir á súa conferencia os alumnos de 4ºA (a 7ª hora) e 4º B (a 8ª hora)

 Olimpio Arca escribiu unha biografía de Ramón Verea que se pode consultar na rede. Leva o título Ramón Verea. Inventor estradense. O libro foi editado por galeguizargalicia.com.  Invitamos a todos a que lle botedes un ollo. Asegurámosvos que a lectura non é nada complicada e permitiranos achegarnos a unha figura próxima na xeografía e que desafortunadamente é moi descoñecida a pesar de figurar na historia do desenvolvemento tecnolóxico nun lugar ben importante. Ramón Verea é o autor dun mecanismo que permitía realizar multiplicacións e divisións sen ter que facer referencia a sumas continuadas.

No libro de Olimpio Arca podemos ler unha biografía de Ramón Verea, unha liña de tempo cos principais fitos na vida do personaxe. Tamén hai un estudo centrado no traballo periodístico e como escritor de Ramón Verea, un artigo sobre a súa faceta de inventor e incluso podemos consultar a descrición da patente da máquina de calcular inventada por este estradense que pasou a maior parte da súa vida en Nova York.
Continuaremos a darlle voltas á figura de Ramón Verea.