Amosando publicacións coa etiqueta ex-alumnos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ex-alumnos. Amosar todas as publicacións

16 de out. de 2013

Cando San Miguel deixou o seu lugar

E vai aquí outra achega de Diego, o autor do blogue  Ponte (Silleda).
Este artigo foi publicado no Faro de Vigo

Cando San Miguel deixou o seu lugar Neste ano cúmprense 150 dun acontecemento que marcou un antes e un despois na historia da parroquia silledense de Ponte. Trátase do traslado dos actos litúrxicos do vello templo á pequena capela dos Remedios, que se convertería na actual igrexa parroquial. Corría o ano 1863. A poetisa de Padrón Rosalía de Castro viña de publicar a súa obra en galego Cantares gallegos, que marcaría o inicio do Rexurdimento das letras galegas. A nivel internacional, creábase a Cruz Vermella, inaugurábase o primeiro sector do metro de Londres e abríase a canle de Suez, unindo os mares Mediterráneo e Vermello. Pero á marxe destes acontecementos, en Ponte estaba a piques de ocorrer un feito que marcaría a historia da parroquia. O lugar de San Miguel, nome co que se coñece un conglomerado de núcleos de poboación e terreos do norte da parroquia, perdería o elemento ao que debe o seu nome. A pequena igrexa de San Miguel fora construída na Idade Media no lugar coñecido como o Agriño, nunha suave pendente entre o Coto do Outeiro e o rego da Regueira. A ela acudían os domingos e días de festa os veciños de San Miguel e os de Rosende de Arriba (a metade de abaixo pertencía a Vilar), Meixomence e As Casas do Monte, estes tres últimos formando parte do couto de Rosende. Debido á súa posición, era vítima de constantes inundacións. Este problema non pasou inadvertido, pois así o recolleu o párroco de Graba e arcipreste trasdezán Juan Francisco García na súa visita en decembro de 1850. Recomendoulle ao párroco, daquela don Narciso Rodríguez, que tomase as medidas oportunas para que a igrexa non se inundara, ademais de levantar unha sancristía, espazo do que ao parecer sempre careceu o templo. Ademais, animaba aos fregueses a atender a idea do párroco de trasladar a un lugar máis idóneo a igrexa. Nunha nova visita, nove anos despois, o arcipreste volvía facer fincapé na necesidade de levantar outro templo nun lugar máis adecuado, argumentando ademais que o existente carecía de elementos artísticos para a súa conservación. O novo emprazamento estaría situado nas proximidades do actual campo da festa e da PO-205, nunha paraxe denominada Croíños Brancos, a carón do hoxe coñecido como lugar do Espiño.
Nos termos desta parroquia tamén se atopaba un pequeno santuario baixo a advocación da Nosa Señora dos Remedios, situado ás aforas do lugar de Rosende. Este templo foi dotado en decembro de 1799 por catro veciños do citado lugar e couto xurisdicional cunha renda de 12 ferrados de centeo ao ano. As razóns que motivaron a construción desta capela, que tivo lugar seguramente no par de anos posteriores á dotación, foron a distancia desde este lugar a calquera das igrexas parroquiais, tanto á de Ponte como á de Vilar, así como unha serie de acontecementos desfavorables como malas colleitas e inundacións debidas á proximidade do río da Gouxa ou de Rosende. Este santuario sufriría arredor de 1843 unha gran reforma, reedificándose a nave e espadana e construíndo o presbiterio, sendo a última obra importante a de construción da sancristía sobre 1852. Ademais da imaxe da Virxe, tamén hai constancia de que nela se atopaba a imaxe de San Verísimo, cuxos primeiros datos de existencia os atopamos a finais da década de 1850 e en honra ao cal houbo unha gran romaría. Convén dicir ademais que este santuario deu nome ás terras circundantes, coñecidas desde entón como Agro da Capilla.

O cambio
Na súa visita ao arciprestado de Trasdeza en xuño de 1863, e ante o mal estado do templo, o bispo don José de los Ríos ordenoulle ao citado párroco que trasladase de maneira temporal a liturxia á capela dos Remedios, mentres se procedía a facer as reparacións oportunas na igrexa. Ordenou tamén ao antes dito arcipreste García que visitase a capela para asegurarse de que estaba ben acondicionada. Unha vez que este pasou revisión ao pequeno santuario, no mes de xullo seguinte, procedeuse entre ese ano de 1863 e o seguinte de 1864 a trasladar todos os obxectos, vestimentas e retablos que había na igrexa. Como dato anecdótico, só se permitiu a celebración de bautizos na igrexa mentres non fose traslada a pía bautismal á capela. O arcipreste pediulle ao párroco que se respectasen o frontal e os costados da capela á hora de soterrar aos defuntos co fin de que non fose un estorbo á hora de ensanchar o corpo do santuario, o que nos dá unha idea de que este cambio se tornaría definitivo, como finalmente foi. A capela dos Remedios iría sufrindo progresivas reformas ata adoptar a forma da actual igrexa parroquial, utilizando gran parte das pedras da igrexa vella. Significativas foron as obras realizadas por don José García arredor de 1903, deixando pegada na fachada, e por don Manuel Sánchez Noya a finais dos anos trinta, que lle deu a configuración de hoxe en día. Foi así como o patrón, San Miguel, deixaría o lugar ao que deu nome para non volver nunca máis a el.
Nembargante, no que aos festexos na súa honra e na da Virxe do Carme se refire, o cambio foi máis progresivo. Co culto celebrándose no seu primeiro emprazamento, a festa tiña lugar nos terreos adxacentes ao propio camposanto, pero trasladáronse, xa co “cambio da iglesia” feito, a outro lugar varios centos de metros máis ao sur. Alí tivo lugar a coñecida como “ruada do Mularedo”, da que hai constancia por diversas anécdotas alí ocorridas. Máis tarde, pasaría a festexarse nas proximidades do lugar de Casderrei, nun sitio chamado o Canal, rematando por celebrarse finalmente no campo do San Verísimo, en Tras do Sisto. Tamén as festividades da capela tiñan lugar neste citado campo, collendo maior popularidade o San Verísimo en detrimento da función da Virxe.
Para finalizar, hai que puntualizar que a parte de abaixo de Rosende pasou a pertencer oficialmente a Ponte o 1 de novembro de 1891, grazas a este cambio de emprazamento da igrexa, aínda que na práctica seguramente os veciños xa acudían á nova pola súa proximidade. E o lugar das Casas do Monte pasou a pertencer a Silleda nun momento dado, pero descoñecemos o motivo así como a data. Como únicos recordos da antiga igrexa, só quedan os nomes de Tras da Iglesia e O Sino (que significa campá en galego antigo) e unha morea de pedras que constatan que alí houbo un pequeno lugar de culto, así como un valo, que no seu momento separou a vivos de mortos. Sexan estas últimas palabras unha pequena homenaxe a todas as persoas, moitas delas antepasados de quen escribe estas liñas, que foron soterradas no adro da antiga igrexa, aos que viviron o “cambio da iglesia” e están soterrados a carón da nova e aos que contribuíron a transmitir estas vivencias ás novas xeracións. Sirva isto para non esquecernos deles.

NOTA: O autor quere agradecer especialmente a colaboración de don Luis Galego García, párroco de Ponte, á hora de aportar documentación para a redacción deste artigo.

Diego Frade Amil (ex-alumno)
estudante de Matemáticas na USC

13 de out. de 2013

Ponte, unha historia a carón do Deza

Aquí presentamos unha colaboración que celebramos multiplicadamente. O autor foi alumno do IES Pintor Colmeiro e agora está cursando estudos na Facultade de Matemáticas da USC. El é Diego Frade Amil, o mantedor dun blogue que temos que recomendar: Ponte (Silleda). Nel podedes atopar todo tipo de información sobre a parroquia. Quen dixo que as matemáticas non casan coa cultura, a terra e a lingua?
Este artigo foi publicado no seu día no Faro de Vigo.

Ademais de que nos fixera partícipes do artigo, temos que lle agradecer a Diego que nos enviara as fotos que acompañan esta entrada. Na marxe esquerda do río Deza, onde este se encaixa nun fermoso val, érguense os terreos dunha parroquia que foi durante moitos séculos paso obrigado entre as terras de Trasdeza e as veciñas do Corpiño e de Carbia. Unha parroquia que debe o seu nome á obra de enxeñería que facilitou ese paso. Esta parroquia é a silledense de San Miguel de Ponte.
Na Baixa Idade Media, exercían xurisdición criminal e civil sobre o couto de Beicomenzo, o actual lugar de Meixomence, a Encomenda de Beade e o arcebispo compostelán. Esta encomenda pertencía aos cabaleiros da Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, que herdaran as poucas propiedades que lles quedaban aos cabaleiros do Temple, o que fai supoñer a presenza desta orde nestas terras de Trasdeza. Por documentos de foros, podemos deducir que o nome deste couto cambiaríase polo de couto de Rosende no século XVI ou incluso antes. Esta xurisdición estaba constituída polos lugares de Meixomence (xa citado), as Casas do Monte e Rosende, este último dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar. Os foros tamén nos confirman a existencia de vivendas en Casderrei, Trasfontao e Nonelle, este último agora sen rastro das mesmas.
En 1809, en plena Guerra da Independencia, ao campo da feira de Silleda acoden o párroco e tres veciños desta parroquia á reunión na que se planea a defensa das pontes da zona e se constitúe a Xunta de Defensa de Trasdeza, que instala o seu cuartel xeral nas Casas do Monte. Este lugar pasaría a pertencer á parroquia de Silleda anos máis tarde. Ademais, en 1891, o lugar de Rosende, xa desintegrado o couto do seu nome, pasa a pertencer na súa totalidade a esta parroquia. Xa no século XX, hai que destacar a creación dun sindicato de traballadores do ferrocarril, a Unión Obrera de Ponte, a explotación dunha canteira no monte do Picoto e a construción de parte do recinto da Feira Internacionacional de Galicia nos termos da parroquia.
A primeira igrexa parroquial fora levantada no Agriño, cando existían aldeas máis ao norte das actuais. Descoñecemos cal sería a súa antigüidade, pero podemos deducir que sería unha construción de reducidas medidas, cun pequeno campanario que albergaba unha soa campá e, pola súa orientación e polo terreo no que se ergueu, vítima de constantes inundacións. Por esta última circunstancia, en 1863 ordénase o traslado dos actos relixiosos á capela da Nosa Señora dos Remedios, levantada a finais do XVIII, que sufriu varias reformas ata dar como resultado a actual igrexa parroquial. Así, os festexos de San Miguel e da Virxe do Carme (29 e 30 de setembro) terían lugar nesta capela xunto cos que xa se celebraban alí, os Remedios (2º domingo de setembro) e o San Breixo ou San Verísimo (domingo anterior ao 29 de setembro). Este último, coñecido desde sempre polo seu nome en castelán, congregaba xentes de toda a comarca nunha gran romaría campestre que, por desgraza, acabou por desaparecer. Nembargante, aínda perdura na memoria colectiva o nome do campo do San Verísimo, situado onde hoxe está o campo da festa. Na actualidade, esta parroquia converteuse nun referente gastronómico grazas á Festa do Chourizo ao Viño. 
Para acabar, convén destacar que Ponte é pioneira en enerxía hidroeléctrica, xa que aquí atopamos, no río da Gouxa ou da Mera (que aquí recibe o nome de río de Rosende), a primeira fábrica de luz de toda Silleda. A chamada “central de Pereiro” foi construída para aproveitar as augas deste río, como tamén aproveitaban varios muíños río arriba. A carón destes, así como noutros puntos do río, formáronse media ducia de salto de auga, de gran beleza e que esperan o seu debido acondicionamento. Lugares con centos de anécdotas e lendas, como a ponte do Pozo Negro, a Insua ou a Peneda dos Mozos, agardan a que o curioso sendeirista os descubra e se marabille dos seus encantos, nun entorno tan privilexiado como é a ribeira do Deza. 

Diego Frade Amil (ex-estudante do IES Pintor Colmeiro) 
Estudante de Matemáticas na USC

14 de feb. de 2013

Noemí fálanos da lingua desde a canle Eufalo.tv







Noemí González Dobarro foi alumna do noso centro e agora está estudando na Universiade da Coruña. Neste vídeo  da canle Eufalo.tv aparece no minuto 10:31 falando sobre a lingua xunto cos seus compañeiros de clase, futuros profesores de Educación Infantil.
Encantounos volvela a ver e sobre todo o que di da nosa lingua. Ogallá haxa moitos máis que sigan o teu exemplo.
Ademáis disto, Noemí envoiunos a senguinte mensaxe:

O galego e a nosa lingua, e depende de nós, as novas xeracións, que esta exista e persista na nosa vida o longo do tempo. Ademais saber linguas e riqueza e é un privilexio o que temos de ter unha lingua propia que nos identifica e pertenza por iso non a debemos abandoar nin esquecer senon sentirnos orgullosos falandoa. Por iso eu falo!

12 de abr. de 2012

Marcos González: 'Quero que vexades a importancia de falar e queren ben o galego'

Levo cerca de dous anos vivindo en Madrid onde estou estudando aeronáutica na Escuela de Ingenieria Aeronáutica y del Espacio, asi que xa que este é un blog adicado ao galego, vouvos contar como é a miña experiencia coa nosa lingua por aquí. En canto á súa utilidade, non se lle escapa a ninguén que fóra de Galicia non é moita, por non dicir ningunha, asi que no meu día a día soamente a uso para comunicarme coa miña familia ou amigos galegos. Polo tanto, dacordo con isto, para a miña vida profesional nun entorno aeronáutico, tampouco terá relevancia ningunha. Pero isto é algo que non só pasa co galego, de feito, pasa con todos os idiomas salvo dous ou tres que xa podedes imaxinar cales son. Porén, o que está claro é que o feito de saber falar galego enriquécenos culturalmente, xa que as linguas son parte destacable da cultura dun pobo. Asi que, da mesma maneira que sabedes que a Gioconda a pintou Da Vinci ou As meninas Velázquez, que Napoleón foi un xeneral francés, Shakespeare escritor británico ou Bethoven compositor alemán... non me digades “mariposa”, “lexos” ou “sartén” no canto de “bolboreta”, “lonxe” e “tixola”. O que quero que vexades con isto é a importancia de falalo ben e querer coñecelo mellor, porque sempre hai palabras ou expresións que non coñecemos, que utilizamos mal, etc...
Aparte disto, din os expertos que segundo unhas investigacións e experimentos que se fixeron, cantos máis idiomas domine un, máis sinxelo lle é aprender outros. Polo tanto, o galego, como lingua que é, tamén axuda a iso. Evidentemente, non pensedes que por saber falar galego e castelán ides ter o don de linguas ou ides sacar un par de puntos máis nos exames de inglés ou francés, non. Algo tamén importante é coñecer a visión que do galego ten a xente que non o fala. Pois ben, estas son algunhas das opinións que algúns dos meus compañeiros teñen acerca da nosa lingua: O recoñecemento do galego como idioma en si, é unánime, non dudan, igual que o catalán e o vasco e a diferencia do valenciano, o balear ou o andaluz, que consideran dialectos. Xa sei que pensaredes que isto é evidente, pero como sempre hai algún iluminado por aí que pensa o contrario...aí queda. De feito, o galego, como idioma que é, ten variantes dialectais como a gheada ou o seseo.
Algo que lles sorprendeu foi que a maioría das asignaturas estivesen impartidas en galego (cando eu estiven aí no instituto, soamente tiñamos Lengua y Literatura Castellana en castelán, supoño que agora seguirá así) e a súa opinión é que non debería ser así, senón estar máis repartido. Máis repartido non quere dicir todo en castelán, pois sostiñan firmemente a importancia de ensinar galego para conservalo así como para ser quen de utilizalo correctamente no día a día nas situacións que se presten. OLLO AO PIOLLO como diría aquel, que vos coñezo. O de “no día a día nas situacións que se presten” vén a significar que, por poñer un caso, se un peregrino alemán vos pregunta por un local para comer aí en Silleda, ao mellor o galego non é o mellor idioma para contestarlle. Pero tamén quere dicir que se ides ao Corte Inglés ou a Bershka, Springfield etc. da Coruña podedes falar o galego, que aínda que non o creades, a xente da Coruña sabe falalo. Asi que espero que non fagades coma aquel que falaba galego coas vacas e co veciño e logo ao médico faláballe castelán por se acaso non o entendía. Iso si, aínda que sería desexable que todas as persoas en Galicia utilizasen o galego normalmente, cómpre ter en conta que o galego é un dereito, non unha obriga, e polo tanto que alguén non o use como lingua habitual, é totalmente lexítimo. Esteades ou non dacordo con estas ideas, non vos olvidedes que son simplemente opinións, e que a verdade absoluta non é cousa das persoas. Pois ata aquí o meu breve artigo. E xa para despedirme, simplemente permitídeme darvos un par de consellos: que lle deades ao galego a importancia que ten, xa que ás veces somos nós mesmos quen inconscientemente o desprezamos e que o utilicedes o máis correctamente que poidades canto vos veña en gana.

28 de mar. de 2012

Diego Frade: 'Na facultade o castelán é a lingua maioritaria'

por Diego Frade Amil, ex-alumno do Colmeiro. Estuda Grao en Matemáticas na USC
Levo desde o mes de setembro estudando na Facultade de Matemáticas da USC e desde o primeiro día  decateime de algo que xa me esperaba: o castelán era a lingua maioritaria.  Ademais, resultoume (e ségueo facendo) curioso que moitos dos meus compañeiros castelán-falantes, cando falo con eles (eu son desde sempre galegofalante), inmediatamente cambian e comenzan a falarme nun galego que, segundo o meu parecer, semella obrigado. Analogamente, ocorre o mesmo con algúns dos poucos galegofalantes. Pero non só nos alumnos se queda isto, senón tamén no profesorado. Moitos falantes de castelán e algún falantes de galego que a os que tamén lles ocorre o mesmo.
Pero estas son pequenas anécdotas da vida universitarias que ás que co paso dos meses un se acaba afacendo. Só me queda dicir que ao igual que no Colmeiro, aquí tamén hai un profesorado moi curioso. Un saúdo e cóidense.

21 de mar. de 2012

Patricia Villanueva fálanos da variedades dialectais


Patricia Villanueva Rodríguez estudou na promoción 2005-10 no Pintor Colmeiro de Silleda e agora estuda o Grao de Turismo na Facultade de Ciencias, Empresariais e Turismo de Ourense. Achegounos os seguintes comentarios:
Lémbrome moitas veces dunha anécdota no instituto:  cando o profesor de música nos mandaba afinar/”ladrar” eu tiña que practicar máis que os outros compañeiros xa que nunca o daba feito á primeira.
De anécdotas relacionadas co galego na universidade salientarei dúas: por unha banda chamoume moito a atención a maneira de falar dos compañeiros da costa, con palabras como “acabín” no canto de acabei ou “mirín” no canto de mirei; por outra banda conta que aos seus compañeiros castelanfalantes sorprendeulles moito a gheada, e facíalles moita graza cando ela dicía “aghora” no canto de agora.

19 de mar. de 2012

Alejandro Cangas: 'Vívese mellor no instituto'

Por Alejandro Cangas, ex-alumno do Colmeiro:
Estudo en Vigo o Grao en enxeñaría dos recursos mineiros e enerxéticos. As clases fanse monótonas e aburridas xa que non hai moito descanso entre clase e clase, como moito cinco minutos (e xa bo é). Estamos mesturados cos da Enxeñaría de enerxías. En principio son titulacións distintas pero cursamos o mesmo durante os 2 primeiros anos. Alá, as clases impártense na súa totalidade en castelán pero o que me resulta moi curioso é que, cando consulto unha dúbida cos profesores, practicamente todos, falanme galego. Se no instituto podía pensar que había algún profesor maniático ou raro, ao chegar á universidade doume conta de que é aquí onde están os profesores “especiais”.
Unha anécdota curiosa pasounos cos profesores de química: Un día tivemos clase de teoría 2 horas cun profesor. Deu a clase con bata blanca, moi serio, e formal. Era delgado e non moi alto. Ese mesmo día, tiña clase outra vez con el pola tarde (prácticas). Cando chegou o profesor todos quedamos asustados..engordara bastante con respecto a ese día pola mañá, tiña menos pelo e viña sin bata, pero seguía sendo moi serio e formal. Eu deime conta ao cabo duns minutos, pero a algún dos meus compañeiros levoulle tempo darse conta de que eran xemelgos. Si, nunca vira uns profesores xemelgos, pero na universidade, todo é posible.. Quen ía dicir que 2 profesores xemelgos impartirían clase da mesma materia, na mesma titulación e na mesma universidade?
Outro caso curioso é o do profesor de xeoloxía. Ten sobre 60 anos e ten 2 maneiras de “explicarche” as dúbidas; ou respondéndoche (este profesor responde en castelán): “non me acordó, hai moitos anos que o estudei” ou: “eu que sei non estaba alí para saber o que pasou”. Pero bueno, non todos os profesores son tan extraños, o de álxebra e cálculo I preocupábase para que entendeses as cousas (algo difícil de atopar nos terreos da ensinanza superior)
En definitiva.. aínda que coste crelo, en canto á ensinanza, vívese mellor no instituto. Por último, remato dicindo que estude onde se estude , se a túa lingua máis utilizada é o galego hai que seguilo falando, xa que a min sorprendeume a cantidade de rapaces e rapazas que falan galego na universidade (pensei que habería menos debido á pérdida do seu uso na xente nova) . Pero iso si, se lles falas castelán pensando que eles o falan habitualmente (aínda que sexan galegofalantes), moitos deles respóndenche en castelán.