Amosando publicacións coa etiqueta foto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta foto. Amosar todas as publicacións

3 de xuño de 2016

Manuel María polo centro

Para espallar o coñecemento da obra de Manuel María, o alumnado realizou varios murais que están visibles polas escaleiras do centro.




1 de xuño de 2016

Fotos do Correlingua 16

 Despois de adiarse a data de celebración, por fin acudimos ao Correlingua . Preme na imaxe e verás moitas, moitas fotos que explican como se desenvolveu a xornada.




En caso de que non poidas ver a presentación de fotos, preme na seguinte imaxe


Correlingua163105

Mapa das lendas castrexas

Velaquí o mapa das lendas castrexas que estamos a elaborar. Temos recollidas unha boa monlla delas que xeolocalizaremos sobre este enorme mapa. Tamén as divulgaremos para que sexan máis coñecidas pola comunidade.

19 de maio de 2016

Na procura de Manuel María

Na procura de Manuel María  é unha presentación feita con PhotoPeach na que damos conta dalgunhas imaxes recollidas na excursión que fixemos a Outeiro de Rei





Alumnos de 1º de bacharelato participan no Parlamento Xove

8 alumnos/as 1º BAC formaron os dous grupos que participaron no debate do Parlamento Xove 2016. Estiveron dirixidos polas profesoras Marisa Díaz e Ana Pillado.
O primeiro trimestre estivo adicado a identificación das partes e tempos dun debate académico, a aprendizaxe de técnicas de argumentación e a análise de documentos visuais de debates escolares. A medida que se aproximaban as datas do concurso, aumentaban as simulacións de debates na clase e a elección dos mellores equipos. No segundo trimestre, empezamos coas técnicas de recollida de información e elaboración dos dossieres en base a un protocolo de traballo. Tras coñecer o tema ( Determina o papel do/a profesor/a o futuro dos mozos e mozas? ) fixemos un chuvia de ideas para abrir líneas de traballo e procura de información. Os maiores problemas que nos atopamos foron, por un lado, a fiabilidade e importancia das fontes e , por outro, a clasificación da información. Para iso, utilizamos o sitema da nube (Google Drive) cunha subdivisión en carpetas temáticas. Tamén foi necesario crear un grupo de WhatsApp para unha comunicación máis directa e inmediata, chamado “as carpetas vermellas”.


15 de maio de 2016

Fotografías da visita a Manuel María




Escolma de fotografías da visita que o alumnado do noso centro fixo á Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei este pasado xoves

12 de maio de 2016

Pancarta para o Correlingua


Suspendeuse a celebración do Correlingua que estaba prevista para hoxe, 12/05/16. Con todo, nós estamos preparados por se aínda de celebra nas vindeiras datas. Velaquí a pancarta que fixo o alumnado de 1º da ESO.

2 de mar. de 2016

Nós, con Rosalía

Esta imaxe de Rosalía de Castro que nos remitiron o Concello de Silleda e a Deputación de Pontevedra, acompáñanos na entrada e nos corredores do centro xunto a unha exposición de traballos realizados polo alumnado co fin de achegármonos e aprendermos a importancia da obra da escritora de Padrón.

















11 de feb. de 2016

Xenerais de Lamela no entroido do Colmeiro

No festival de entroido celebrado o pasado venres 5/02/16 tivemos a visita dos Xenerais de Lamela, que nos mostraron en que consistían as vestimentas e a tradición destas festas nas terras da Ulla

17 de dec. de 2015

SilledAgasalla. Entrega de premios


Entregáronse os premios do concurso de lemas e debuxos do concurso que o Equipo de Normalización convocou no centro.
Premio debuxos: Patricia González (1ºA) Ana Castro (1ºA)
Premio lemas: Nerea (1ºA), Cristian (1ºA), Diego Lamas Barro (1ºB),  Paula Rosende (1ºC), Lorena Rodríguez (1ºC), Nerea Bibian Pascual (2ºA), Iria Moreira suárea (2ºB), Xoana Rivas López (2ºB), Sheila Pereira (2ºB), Álex Faílde (4ºA).

4 de dec. de 2015

Concentración contra a violencia de xénero

O alumnado de 4ºA xunto con outros grupos de alumnos de Silleda participaron o pasado 25 de novembro nunha concentración contra a violencia de xénero organizada polo concello




30 de nov. de 2015

Neira Vilas, sempre connosco

 
 
 Neira Vilas estivo connosco no mes de maio do ano 2012. Aquel día deixounos unha profunda pegada.  Levaba sempre consigo o escudo galeguista: "eu vivín 42 en América, escribín libros, artigos,... moitas cousas e sempre o fixen en galego"

 
Cunha mensaxe simple e directa desmontaba os prexuízos que pexan á lingua galega. Basta que lembremos esta anécdota familiar. El emigrara de novo a Arxentina e naturalmente comenzou a manter correspondencia coa familia. Non tardou en deixarlle claro ao seu pai que quería que lle escribira en galego.
- Pero, se eu non sei escribir en galego -contestoulle o pai- teño moitas faltas.
- Tamén as tes en castelán -foi a resposta de Neira Vilas.

Velaí quedou a súa mensaxe de orgullo da lingua galega.
Hai dous anos volvimos a ter un encontro co escritor na Bandeira na que comprobamos que o seu discurso comprometido seguía a ter a mesma forza.

15 de xuño de 2015

Premiados do concurso de carteis do Correlingua 2015

Reunido o xurado o 22 de maio de 2014, e vista a calidade dos carteis presentados, decidiu outorgar nesta ocasión tres premios aos carteis cos lemas:
"Que non che coma a lingua o gato", realizado por Rafel Pena, Alex Pavón e Maino Ares, alumnos de 1º A
"Non permitas que che prohiban falar galego", de Cristina López Muras e Aida Eiriz Pérez, de 1º B
"-O galego é a miña vida enteira!
-Pois pensei que era eu..." , realizado por Carla Filloy, Celtia Ansemil, Diego Cangas e Juan Ares, de 3º B

Como vimos facendo todos estes anos, os mellores carteis que participaron na edición do Correlingua, teñen premio. Estes son os orgullosos autores dos traballos premiados


8 de xuño de 2015

Do verso á ágora con Antía Otero



O xoves 28 de maio. Clases pola tarde.  Unha calor abafante. Tocaba falar de poesía. A cousa non pintaba ben, pero sucedeu o que poucas veces pasa. A rapazada de 1º da ESO enganchouse desde o principio e a pesar de todos os condicionantes adversos, Antía Otero levou ao alumnado nunha apaixonante viaxe polos roteiros da poesía.
Estes que deixamos aquí foron algúns, só algúns dos traballos que abrollaron nesa máxica tarde. Esperamos non tardar en ofrecervos máis noticias sobre ese obradoiro.

















26 de maio de 2015

Taboleiro. Maio 2015

Este era o recibimento quie tiñamos no Colmeiro: o taboleiro a finais de maio.

Correlingua 2015. Fotos


A nova do Correlingua celebrado na Estrada tamén chegou aos medios: 

  • Máis de 1500 rapaces e rapazas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria participaron onte nunha nova edición do Correlingua que se celebrou na Estrada baixo o lema: “Galego, a nosa creación común”, en Catrogatos
  • Estudiantes por la lengua, no Faro de Vigo
  •  Un milleiro de nenos enchópanse de galego , La Voz de Galicia

25 de maio de 2015

Ramón Valenzuela: obra e biografía

O luns 18 o alumnado de 1º de bacharelato participou nunha charla na que o filólogo Alejandro Breijo e a actriz Cristina Collazo lles achegaron a obra de Valenzuela

O pasado venres 22 de maio o profesor Matías da Torre explicoulle aos alumnos de 4º da ESO quen foi Ramón Valenzuela. Fixo un relato da súa vida e da recuperación da súa figura que están a realizar varios colectivos culturais desde principios deste século.
Durante a intervención animou ao alumnado a ler 'O Naranxo', obra da que fixo unha lectura.






20 de maio de 2015

Mª Eugenia Gil premiada no II Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

Mª Eugenia Gil, alumna de 4º ESO, recibiu o primeiro pemio de relato curto no II Concurso Literario Mª Vitoria Taboada cun traballo titulado Ás veces non hai que buscarlle o sentido a todo.
Na foto vemos a Eugenia nun momento do acto de entrega do premio, lendo a súa obra. 
Máis abaixo podemos ler o relato premiado. Nós só podemos darlle os parabéns a Eugenia e animala a que siga escribindo.









Ás veces non hai que buscarlle o sentido a todo. Só deixar que flúa. 
Redo era un rapaz duns 17 anos. Alto, delgado e moi guapo. Pero a pesar de ser un rapaz simpático e amable, era moi introvertido. Vivía nun mundo á parte e afastado da vida cotiá. Para el todos os días eran distintos, xamais entraba na rutina. Chegaba a clase e sacaba o seu caderno de debuxo. E segundos despois estaba viaxando polo interior da súa mente e expresándoo con cores. Parecía tan simple: unha lámina de debuxo e unhas ceras de cores. Pero achegábaste un momento a ver o que pintaba e expresaba tantas emocións, cousas tan vivas, algo tan abstracto e indescritible. Algo marabilloso. Moita xente non entendía o que debuxaba, pero eu víalle o sentido a cada unha das liñas que el trazaba. Inspirábame todo o que debuxaba, e sen querer miles de notas xurdían na miña cabeza e empezaban a pórlle música a cada trazo que Redo facía. Cada son que se producía na clase convertíase en parte da melodía que se estaba a formar na miña cabeza. A caída dun lapis era o pizzicato dos violíns; os pasos de alguén, uns bongós que lle daban un toque caribeño á miña pequena composición. E todo isto xurdía grazas ao debuxo que comezaba a facer Redo.

Nunca pensara en falar con el, nin en que algún día o faría. Posiblemente polo medo que tiña a que pensara que estaba tola. Compoñer unha pequena canción a partir de ver un debuxo non se pode dicir que fora moi normal. E ao igual ca Redo, eu tamén tiña o meu mundo interior que ninguén coñecía. E un día apareceu diante miña. Estaba a argallar no meu mundo e non me decataba ata que me sacudiu un pouco o brazo. Era el, mirándome a través dos seus ollos azuis. Semellaban o mar. Transmitíanme tranquilidade e seguridade. Viñera onda min a pedirme se me podía facer un retrato. Levaba días observando o meu perfil e quería inmortalizar ese momento. Aceptei entusiasmada. Adoraba os seus debuxos, e agora ía debuxarme a min! En realidade creo que só era unha escusa para coñecérmonos un pouco. E cría ben. Mentres me debuxaba falaba comigo e pouco a pouco foime contando cousas do seu mundo paralelo. Falábame sempre dunha lagoa, era onde a maioría das historias ocorrían. Era un lugar tranquilo, e isto reflectíao con cores azuis á hora de debuxar. Se tiña un mal día notábase polo abuso de cores negras ou vermellas. E cando o único que quería era paz e tranquilidade, o verde era sempre a súa escolla. Era tan interesante, el e o que pensaba. E en certo modo identificábame con el. Para min os tons azuis eran unha melodía presente moitas veces. O negro e o vermello manifestábanse nunha melodía complexa, chea de disonancias, contrastes e cortes bruscos na metade, buscando sempre amálgamas e acentuacións en pulsos débiles, deixando os fortes moitas veces baleiros. E para rematar, a música que máis me gustaba era a das cores verdes. Calmada, pero con momentos culminantes e explosivos. Era unha marabilla. Cando collín confianza con Redo conteille os meus mundos. E quedou fascinado con eles, tanto coma eu cos seus. E pouco a pouco foime gustando máis estar ao seu carón e conversar. Xa non falabamos só do retrato que me estaba a facer, nin dos mundos paralelos que compartiamos , agora tamén falabamos do mundo real, o que de verdade nos envolvía. Cada vez quedabamos máis tardes. El aprendíame a debuxar, e eu ensináballe o básico sobre o violonchelo. Dábaselle bastante ben. E sen decatarme, Redo pasara a ser parte do meu mundo real, e tamén do imaxinario.

Pasou o tempo, e deixei que todo seguira o seu ritmo, sen buscarlle sentido nin lóxica aos nosos mundos. Porque era mellor deixar que fluíran, non había necesidade de buscarlle o sentido a todo.