Amosando publicacións coa etiqueta IES Pintor Colmeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IES Pintor Colmeiro. Amosar todas as publicacións

16 de maio de 2019

Letras Galegas 2019. Antonio Fraguas Fraguas





O antropólogo, xeógrafo e historiador Antonio Fraguas Fraguas naceu o 28 de decembro de 1905 na vila pontevedresa de Cotobade. Sendo estudante de bacharelato fundou a Sociedade da Lingua para a defensa do noso idioma e a elaboración dun dicionario.
En 1928 formou parte do Seminario de Estudos Galegos que foi clausurado pola ditadura militar despois da Guerra Civil.Tamén foi membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que chegou a ser director da Sección de Etnografía e Folclore.En 1951 entrou a formar parte da Real Academia Galega, ocupando o posto de Alfonso D. Rodríguez Castelao.Dirixiu o Museo do Pobo Galego ata o seu falecemento en 1999.


Seminariogalan.org

O alumnado de 2º ESO elaborou un mural baseado no labor patrimonial de Antonio Fraaguas, dito mural,  complétase coa maqueta dunha carballeira e unha mámoa feita con diferentes materiais. Esta representación constitúe un símbolo do noso patrimonio natural e cultural que todos debemos coñecer , respectar e coidar.

D. Antonio Fraguas plantou durante toda a súa vida centos de frondosas autóctonas e como xeógrafo coñeceu o noso patrimonio natural contribuíndo á súa conservación.

17 de nov. de 2016

HOMENAXE A XOSÉ NEIRA VILAS

O mércores 16 de novembro, uns días antes do cabodano do escritor de Gres, o IES Pintor Colmeiro adicoulle a Biblioteca do centro a Xosé Neira Vilas. No acto, que tivo lugar na biblioteca, o alumnado de 2º de ESO estivo acompañado por Luis Reimóndez, Presidente da Fundación Neira Vilas, e por o cantante Roi Casal, quen mantiña unha entrañable amizade co homenaxeado trala edición do seu último traballo "Son galego, son cubano".


A actividade foi guiada por alumnos e alumnas de 3º de ESO, encargándose da presentación dos convidados, así como da lectura de pasaxes de "Memorias dun neno labrego", e da realización dunha entrevista a Luis e Roi.



O acto rematou cos descuberta da placa que a partir de agora dá nome á Biblioteca do IES Pintor Colmeiro como BIBLIOTECA XOSÉ NEIRA VILAS.



Posteriormente, os convidados puideron visualizar os álbums ilustrados sobre o libro "Memorias dun neno labrego", realizados o curso 2015-16 polos alumnos que agora están en 3º de ESO, así como a exposición dos libros que sobre o autor hai na Biblioteca.


Tamén se lles amosou o libro dixital "Eu son" no que se recollen imaxes e testemuños de persoas maiores que relatan brevemente a súa vida imitando a Balbino, así como a presentación do folleto "Eu son..." que será empregado polo alumnado de 2º de ESO previamente á lectura de "Memorias dun neno labrego".

23 de xuño de 2014

Inauguración do carballo de cerámica

Venres 20 de xuño. Último día de clase.
Moitos alumnos da ESO en colaboración co profesor de plástica, Bernardo, traballaron na elaboración das follas do carballo de cerámica. Fixéronas unha a unha, con todo o coidado e agarimo.
Por iniciativa da profe dos libros, Gracia Santórum, moitas das follas levan escrito o título de 50 obras da literatura galega contemporánea: Makinaria, ....
O acto de inauguración da obra foi tan sinxelo como bonito. O autor da obra, o artista silledense Antonio González Abal, explicou o que para todos os membros da comunidade educativa do Colmeiro é obvio; contounos que a árbore era unha recreación do símbolo do centro e proclamou a necesidade de que as nosas terras estiveran inzadas de carballos, e non de eucaliptos como o están na actualidade. Esta petición ten unha traslación inmediata á situación lingüística do galego, basta lembrar o artigo de Nel Vidal titulado 'Eucaliptos e plurilingüismo'.

De seguido varios alumnos, sobre todo alumnas, recitaron algúns poemas de Díaz Castro, o autor protagonista do 17 de maio deste ano.
Para finalizar o acto o alumnado de 1º de bacharelato regalounos unha batucada interpretada con material de refugallo.
Quedamos todos cunha fermosa impresión do último día lectivo do curso 13-14.












5 de xuño de 2014

Discurso de despedida do alumnado de 2º de bacharelato

Paula Gamallo foi a alumna encargada de elaborar e ler o discurso de despedida do instituto do alumnado de 2º de bacharelato. Como nos gustou tanto quixemos reproducilo aquí:
Boas noites a todas e a todos! É para min un honor pronunciar o discurso de graduación da nosa promoción.
Poñédevos no meu lugar, que nervios! Estar aquí non é cousa sinxela. De feito, contan que un dos mellores discursos de graduación foi pronunciado por Salvador Dalí cando dixo: ´´vou ser breve, rematei!´´. Pero non é este o caso, xa que teño sona de afán de protagonismo vou amosar os meus dotes , aínda que non é a miña boca, senón a nosa experiencia, os nosos sentimentos, quen fala arestora máis ca nunca.
Como boa alumna de ciencias, (ollo ao dato! somos todas mulleres!), imos botar uns cálculos . Levamos seis anos no instituto, é dicir, 2.190 días, 52.560 horas e 3.153.600 minutos. Asusta tanto número! Iso significa que vai ser difícil esquecer una parte considerable das nosas vidas. ¿Verdade Ánxela, compañeira de pupitre, confidente, que che teño dito unha e mil veces que me daba medo que chegase este momento?
Este acto marca unha fin e tamén un comezo. A fin dun camiño que deixa moitas portas e fiestras abertas, un camiño onde compartimos xaora unha ledicia común: a de ter acadado a meta que nos propuxeramos nun principio.
Seis longos anos pasaron xa dende que nós, “mochilas con patas”, entrabamos nun mundo novo, nun mundo alleo, onde o medo a recibir una berra nos corredores da nosa xefa de estudos, Andrea, era o motor que propulsaba o nosos pés para entrar na aula. Ese lugar albiscou a nosa a adolescencia e todo o que esta conleva: amizades, o primeiro amor, o primeiro desengano, máis amores, máis desenganos, confidencias, liortas…Cousas da idade, como se adoita dicir.
E seguro que todas e todos estades de acordo comigo en que aínda agora eses corredores destilan recordos e nostalxias. Son moitos os momentos, as experiencias, os risos, e incluso algunha bágoa as que se acumulan en calquera recuncho do centro. Eramos en primeiro da ESO unha manda numerosa en busca de pastor; ben o sabían os maiores que se afastaban ao noso paso, superiores a eles en número. Como esquecer aquelas correrías por coller a bandexa no comedor, rematar pronto e irmos polo bocata para volver a estar todos xuntos, como bo rabaño que eramos! Iso si, rabaño con carácter, estabamos sempre protestando.
O longo camiño da ESO supuxo que houbese bifurcacións coas que non contabamos e algunhas persoas marcharon por elas, lembramos a Flor, a Andrea... e outras chegaron ao Colmeiro para encher ese oco: Eloi, Brais, Lucía, Manuel... O salto a bacharelato foi facer caída libre sen contalo. ¿Quen maxinaba un cambio tan brusco no mesmo corredor? De súpeto, vímonos dez mulleres en busca de autor, é dicir, titoradas por Ramón Balado. ¿Que acontecía namentres na outra clase? Semellaba que a elección entre ciencias e letras supuña que un ancho río imposible de navegar nos afastase. Pero chegou segundo (e con el a nosa galega-americana a quen tanto botabamos de menos), e as augas volveron á súa canle. O río transformouse nun páramo nas materias comúns.
Cada un de nós deixou a súa propia pegada, xa sexa por borrarlle os documentos do dropbox ao titor, por non chegar ao número de liñas requirido polo mestre, os continuos selfies de inglés... un ronsel de falcatruadas, de miradas, de bromas, de enfados que marcan a ferro o noso corazón e que permanecerán como vívidas lembranzas nas nosas vidas.
Todo isto, seis anos no centro, non serven para outra cousa que para formarnos, para intentar sermos mellores persoas, máis cultas, máis responsables, que tentarán construír unha sociedade mellor. Somos unha xeración case sen esperanza, a situación social e política pretende envolvernos nunha vórtice de desánimo na que non debemos caer. Somos conscientes de que a nosa loita non vai ser infrutuosa e de que conseguiremos cando menos cambiar algúns aspectos que non desexamos nin nomear. Nesta xeración dicimos non á corrupción e dicimos si á educación, dicimos non a enriquecerse de calquera xeito e dicimos si a exercer as nosas carreiras con responsabilidade, humildade e honradez.
Por suposto, nesta tarefa ten moito que ver o profesorado e vós, nais e pais que estades aí sentadas e sentados, a quen todo debemos. Sodes vós quen nos ensinastes que só coa educación podemos acceder ao mundo real, ese que nos agarda fóra do voso manto protector, acubillo ao que volveremos de cando en vez necesitados dos vosos mimos. Iso si, tamén nos ensinastes a soñar, a sentir, a loitar, a non nos render. Será posible mellorar ese voso espello en que nós nos reflectimos?
E que dicir do profesorado? Do seu labor, desexo destacar a unha persoa que non pode hoxe acompañarnos porque está a desenvolver a súa propia loita, unha loita dura e individual, alguén que se caracteriza por andar sempre a correr, por falar rápido, polas súas présas e porque nunca conseguiu entender como funciona o casette para poñer os seus listenings. Alguen á que non podo pasar sen facer mención e me agradaría enormemente ter tido nesta sala é a miña nacionalista-feminista predilecta; unha persoa que non só ensina materia de exame senón tamén materia de vida e de humanidade; unha persoa que se amosou como tal, como persoa humana, cos seus sentimentos e cas súas debilidades pero tamén coa forza necesaria para loitar contra tantas inxustizas coas que a miudo temos que labrar.
E como non falei nada de min, xa vai sendo hora de que o faga. Levo un ano escoitando ao profesorado que non consigo ordenar as miñas ideas nos exames. Pois ben, sabede que isto é un reflexo do frenesí no que vivo día a día pero do que nunca me arrepentirei. Quizais agora, unha especie de pánico percórreme de arriba a abaixo porque non vexo que o río da miña vida desemboque nun mar calmo, pero por moitas tormentas que haxa a tenacidade do meu carácter, conseguirá aplacalas.
Chega o momento de ordenar as miñas ideas, as nosas, as vosas, de dar prioridade ao máis importante, de dar un gran paso que ao mesmo tempo é ben pequeno porque seguiremos formándonos. Porque esta etapa que cerramos aquí, ten continuidade. Porque este profesorado que deixamos aquí, cambiarémolo por outro, noutras aulas, noutros centros, noutras cidades.
Para despedirme ( algúns estaredes pensando " acaba xa que temos fame") vou citar unha frase que o mestre Steve Jobs empregou para o alumnado da Universidade de Stanford referíndose aos puntos que se deben seguir para acadar o éxito. Por suposto, esta frase está traducida á nosa lingua, esa que agardo sigades falando na vosa vida profesional, sexa cal sexa. Esa lingua na que educaredes e educaremos aos nosos fillos porque non permitiremos que morra. Vai por vós, compañeiras e compañeiras de graduación: " Non se podes conectar os puntos mirando cara adiante; só se poden conectar mirando cara atrás. Por iso, tedes que confiar en que os puntos vanvos conectar dalgunha maneira no futuro. Tedes que confiar en algo - no voso instinto, no destino, na vida, no karma, no que sexa- porque crer en que os puntos se conectarán ao longo do camiño, daravos confianza para seguir ó voso corazón, incluso canto te leva lonxe do camiño máis empregado. E iso amigos, iso é o que marca a diferenza".
Con estas palabras, déixovos. Grazas por confiardes en min e escollérdesme para estar aquí no voso nome.
Deica sempre.

24 de maio de 2012

Presentación 'De Balbino a hoxe'

O profesor Xoán Carlos García Porral presentou onte o seu libro 'De Balbino a hoxe' na biblioteca  do centro. Vémolo acompañado de Suso (o director), Xosé Neira Vilas, e Ana Suárez (da editorial Lóstrego que edita o libro).
O libro trata sobre os cambios e transformacións da vida na aldea desde a época de Balbino, hai 50 anos, ata a actualidade.
A presentación tivo como invitado de honra a Neira Vilas, o creador de Balbino, o neno de aldea dos anos 60 que forma parte dunha familia de caseiros, coma quen di, un ninguén. Na súa intervención revelou que el fora en boa medida responsable de que o nome do noso centro sexa 'Pintor Colmeiro'.
Para introducirse na temática do libro, pódese consultar esta entrevista que lle fixeron a Xoán Carlos no Faro de Vigo.

21 de mar. de 2012

Patricia Villanueva fálanos da variedades dialectais


Patricia Villanueva Rodríguez estudou na promoción 2005-10 no Pintor Colmeiro de Silleda e agora estuda o Grao de Turismo na Facultade de Ciencias, Empresariais e Turismo de Ourense. Achegounos os seguintes comentarios:
Lémbrome moitas veces dunha anécdota no instituto:  cando o profesor de música nos mandaba afinar/”ladrar” eu tiña que practicar máis que os outros compañeiros xa que nunca o daba feito á primeira.
De anécdotas relacionadas co galego na universidade salientarei dúas: por unha banda chamoume moito a atención a maneira de falar dos compañeiros da costa, con palabras como “acabín” no canto de acabei ou “mirín” no canto de mirei; por outra banda conta que aos seus compañeiros castelanfalantes sorprendeulles moito a gheada, e facíalles moita graza cando ela dicía “aghora” no canto de agora.

14 de feb. de 2012

O uso do galego dos mozos de Silleda é noticia

 Hoxe (14/02/2012) aparecen referencias ao ENDL do instituto no apartado local de dous medios de comunicación dando conta da edición do segundo boletín 'As Ferreiras' adicado ao estudo sobre usos e conceptos do galego no alumnado da ESO no noso centro.
O Faro de Vigo titula a noticia: 'El gallego pierde la cantera'. Destacan que os mozos do instituto usan a lingua galega sobre todo no ámbito familiar, pero abandonan o seu uso noutros ámbitos. A razón principal deste abandono radica no estatus do galego. As instancias políticas, os medios de comunicación e o ámbito académico son factores que contribúen a que a valoración do galego se vexa cargada de prexuízos que determinan a perda de fidelidade do seu uso.

La Voz de Galicia destaca o titular: 'Un estudo do IES Colmeiro recolle un descenso do uso do galego dende o 2001' no que fai referencia aos datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) do ano 2001 sobre o uso do galego en Silleda, segundo o cal o 94% dos habitantes do concello falaban sempre na nosa lingua. Pola contra, as familias do alumnado da ESO do Pintor Colmeiro que teñen o galego como lingua habitual é do 70%, e hai bases para poder asegurar que a  cifra é menor para a totalidade  das familias con fillos realizando estudos secundarios en Silleda.
Aínda así, o estudo sociolingüístico determina que as maiores porcentaxes de uso da nosa lingua danse precisamente arredor e influídas polo uso na familia.

12.Feb.entrevista Voz


http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/02/14/gallego-pierde-cantera/623544.html