![]() |
| Noite de morder mazás de Daniel Maclise |
Os antigos celtas crían que a liña que liga este mundo co Outro Mundo estreitábase coa chegada do Samaín, permitindo aos espíritos (tanto bos como maos) pasar a través. Os antergos familiares eran convidados e homenaxeados mentres que os espíritos daniños eran afastados. Disque o uso de traxes e máscaras débese á necesidade de facer fuxir os maos espíritos. O seu propósito era adoptar a aparencia dun espírito maligno para evitar ser danado. En Escocia os espíritos foron suplantados por homes novos vestidos de branco con máscaras ou a cara pintada de negro.
O Samaín era un momento para facer balanzo dos suministros de alimentos e do gando para prepararse para o inverno. As cacharelas, como na noite meiga de San Xoán, tamén desempeñaron un papel importante nas festividades. Todos os outros lumes apagábanse e en cada fogar acendíase lume na lareira. Nalgúns lugares de Galicia, como en Tui, até hoxe en día perdura a tradición de acender un tizón o Día de Defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen quentarse, tradición que é máis común do Nadal galego. Os ósos dos animais sacrificados guindábanse á fogueira.
Outra práctica común era a adiviñación, que a miúdo implicaba o consumo de alimentos e bebidas, e incluso en Asturias celebrábanse banquetes nas tumbas dos devanceiros.
