Amosando publicacións coa etiqueta lendas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lendas. Amosar todas as publicacións

7 de out. de 2016

O IES PINTOR COLMEIRO NA RAG

O sábado 17 de setembro, o IES Pintor Colmeiro presentou o proxecto "A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda" nas xornadas de onomástica organizadas pola Real Academia Galega e celebradas no Museo Provincial de Pontevedra. 

Sobre estas xornadas achegámos a noticia que se publicou na páxina da RAG.

Camiños para salvar a microtoponimia, un labor colectivo sen máis tempo que perder
"A nosa toponimia é dunha riqueza tan extraordinaria que certamente teriamos que facer o esforzo de ofrecer á romanística mundial o elenco de miles e miles de topónimos. E se falamos de microtoponimia, hai que pensar que temos rexistrados arredor de medio millón, e din os especialistas que son só un terzo dos que se sospeita que hai en toda a xeografía galega". O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, abriu a Xornada de Onomástica Galega poñendo o acento sobre a excepcionalidade do noso patrimonio en materia de nomes de lugares tradicionais. Pero corremos o risco, engadiu deseguido, de perdermos este tesouro se non se acelera a súa recolleita. O encontro, celebrado o 17 de setembro, serviu para intercambiar exemplos de boas prácticas nesta dirección e reflexionar sobre o que facer, cantos antes, tanto desde as institucións como desde a organización cidadá.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e o deputación de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, inaugurando o encontro. Autor: RAG

O encontro, organizado pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra, celebrouse no Museo de Pontevedra. A xornada concibiuse como un curso para "formar formadores", persoas que non necesariamente teñen que ser grandes expertos en toponimia, senón simplemente contar "con certa pericia e erudición lingüística para seren capaces de achegar aos institutos de ensino, ás asociacións de veciños ou comunidades de montes uns "coñecementos básicos para recoller con fiabilidade topónimos que hoxe poden ser recolleitos e que quizais dentro de 24 horas xa non", engadiu o presidente da RAG. A idea final é, nesta liña, promover a imprescindible colaboración cidadá interxeracional para preservar este patrimonio inmaterial, auténticos arquivos da nosa historia máis próxima.
Na apertura do acto tamén interveu o deputado Xosé Leal, quen indicou que estas xornadas nacen froito da necesidade de promover actividades sobre a toponimia desde o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. "E pensamos que para realizalas ninguén mellor que a RAG", expresou. Leal quixo poñer o acento non só na preservación e recuperación da toponimia, senón tamén na loita contra a súa deturpación, práctica que definiu como "un mal que se está a reproducir en maior medida hoxe en día, mesmo desde as institucións". "Iniciativas como esta permitirannos loitar contra esta práctica", valorou.
O deputado avogou tamén pola introdución das novas tecnoloxías na recollida como forma de achegarse á mocidade e involucrala, porque "é o futuro e a encargada de preservar o pasado".
Nomes do mar, comunidades de montes e 'Chamámonos así'

Tras a inauguración, o programa arrincou cun bloque dedicado a experiencias de recolleita de microtoponimia. Xosé Lois Vilar explicou na recollida de talasonimia en Baiona, un traballo aínda por completar que sumou ata o momento cerca de 1.300 microtopónimos. A talasonimia abrangue desde os nomes da franxa intermareal, que molla a subida e a baixada da marea, ata todo o que está vinculado ao mundo dos mariñeiros: sinais marítimos, os asentamentos onde viven, a lonxa, as fábricas de conserva, os espigóns…, explica o experto. "Pero o que máis lle estraña á xente é saber que todo o fondo do mar tamén está nomeado. E iso é así porque, como en terra, o cometido de nomear é localizador. Moitos mariñeiros que non sabían nadar coñecían o fondo do mar perfectamente sen ter cartas náuticas", engade.

Pola esquerda, Anxo Rodríguez, Xosé Lois Vilar e María Abelleira, relatores do bloque dedicado a experiencias de recolleita de microtoponimia

De seguido, Anxo Rodríguez Lemos achegou outro exemplo impulsado polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) baseada na colaboración das comunidades de montes. "Nunha sociedade como a galega, en que o monte foi sustento do noso agro ao longo da historia, e na que existen case 3.000 comunidades de montes en man común encargadas da súa xestión, faise necesario un contacto directo con esta figura á hora de emprender unha recollida de toponimia", di o historiador.
O IEM anima e guía as comunidades de montes na identificación e rexistro de nomes tradicionais de leiras, cachadas, tomadas, outeiros ou muíños das parroquias, un labor que suma centos de horas de enquisas, traballo de campo que se combina coa xeolocalización de cada un dos nomes sobre un soporte dixital. Rodríguez Lemos empregou como exemplos a recolleita levada a cabo na súa parroquia, Santa Mariña de Baíña (Baiona), e na de Santa Baia das Donas (Gondomar), sobre a que se publicará un libro. Entre as dúas parroquias recolléronse máis de 2.500 microtopónimos nos que queda pegada tanto da realidade xeográfica como da historia destes concellos.
Anxo Rodríguez apuntou ademais a función de recuperación de patrimonio artístico que pode cumprir a recolleita de microtoponimia. Como exemplo, referiuse á Capela do Aguzo, na Chan do Cereixo, en Santa Baia de Donas, que foi catalogada a raíz deste traballo.
María Abelleira Fontán pechou o primeiro bloque cun relatorio centrado enChamámonos así, proxecto da Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra que contou cun equipo de sete profesionais."Búscase recoller de maneira exhaustiva a toponimia viva na memoria das persoas que habitan estas parroquias, xeorreferenciar a toponimia e crear unha base de datos de acceso público para a consulta e a investigación", explica. A filóloga detívose na importancia e dificultade da localización de informantes, na preparación das entrevistas e de que e como se recolle, e referiuse a ferramentas de utilidade no contraste dos datos e resolución de dúbidas.
Toponimia e didáctica

Xulia Marqués, profesora do CPI de Vedra (A Coruña), abriu o bloque dedicado a toponimia e didáctica cunha intervención na que deu a coñecer ao público Vedra medr@, parte dun proxecto, iniciativa do equipo de dinamización lingüística do seu centro, que foi gañador da décima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas (2016-2017). "O galardón leva consigo o compromiso de tutelar tarefas de posta en valor da toponimia local por parte do centro educativo ullán, composto por 330 estudantes e 42 profesores e profesoras", resume a docente.
Partindo do Nomenclátor de Galicia e do Proxecto Toponimia de Galicia, desde o centro educativo preténdese activar un repertorio con máis 3.300 topónimos (152 correspondentes a nomes de entidades de poboación) e 3.211 a nomes de leiras, montes, fontes etc. "O nome de lugar contemplarase na aula como recurso didáctico no desenvolvemento dos programas curriculares e como recurso educativo que axude a comprender o pasado, valorar a historia do presente e participar conscientemente na construción do seu futuro persoal e social. Vedra medr@ abrirase tamén á contorna con actividades de dinamización que se realizarán en distintas parroquias e irán ligadas a espazos tradicionais como o muíño, o lagar, a eira ou a ribeira do río Ulla, entre outros", detalla a profesora.

Xoán Carlos Porral, Valentina Formoso e Xulia Marqués explicaron os proxectos arredor da toponimia do IES Pintor Colmeiro de Silleda, do IES Félix Muriel de Rianxo e do CPI de Vedra, respectivamente

Outra experiencia educativa, a do IES Félix Muriel de Rianxo, estivo presente na xornada a través de Valentina Formoso, profesora deste instituto. O proxecto naceu no 2002 co propósito de facer un achegamento á toponimia maior partindo dun traballo de recollida realizado polo alumnado e profesorado do equipo de normalización lingüística. O obxectivo fundamental, explicou, non foi desenvolver unha recolleita exhaustiva de nomes de lugares, senón "crear un discurso de respecto cara á toponimia, insistindo moito na mensaxe de conservación da toponimia", dirixido tanto ao alumnado como, a través deles, a toda a comunidade.
A iniciativa serviu para constatar o interese que suscita coñecer o significado dos topónimos da contorna e xerou distintos materiais, como un exitoso calendario cun mapa cos nomes de lugares do Concello de Rianxo e a páxina web que aloxa toda a información froito da investigación do profesorado e do alumnado, á que se pode acceder desde esta ligazón.
O IES Pintor Colmeiro tamén apostou pola toponimia como eixe vertebrador dun proxecto didáctico premiado Fundación Antonio Fraguas na novena edición (2014). No traballo de campo, de recollida tanto de topónimos como de lendas, viuse implicado todo o alumnado do centro, cada quen desde a súa parroquia ou aldea. A información recadada foi xeolocalizada na aplicación Google Maps, que pode consultarse nesta ligazón, serviu de base para a edición dun libro, A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda. Ademais dos 302 nomes de parroquias e aldeas, o traballo permitiu recoller 1.197 exemplos de microtoponimia e lendas arredor de camiños e terras, 255 sobre penedos e auga, 101 sobre mourindade, 18 lendas de temática relixiosa e 39 máis sobre temáticas diversas.
A xornada proseguiu pola tarde cun relatorio de Gonzalo Navaza e Luz Méndez sobre como detectar topónimos en fontes documentais dixitais latinas, galegas ou castelás. Os expertos incidiron na achega que supón para a estandarización e para o estudo dos topónimos a súa localización en fontes antigas, explican os conferenciantes, que ofreceron información sobre webs que conteñen arquivos documentais en liña. Navaza e Méndez explicaron como acceder a eles, indicaron as eivas e vantaxes que teñen e como sacarlles un bo rendemento á hora de documentar os nomes de lugar.
Unha aplicación colaborativa para o voluntariado cultural

Vicente Feijoo, responsable de toponimia no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, explicou a continuación a filosofía e o funcionamento da aplicación unificadora de recolleita xeorreferenciada na que se está a traballar. O Seminario de Onomástica da RAG concibiu a idea, en colaboración coa AMTEGA, de crear unha aplicación colaborativa en liña para a recolleita, a xeorreferenciación e a difusión da microtoponimia nunha única base de datos de referencia. "Esta nova ferramenta permitirá que o voluntariado cultural de Galicia, desde unha tableta ou un teléfono intelixente poida facer recolleita da microtoponimia da súa aldea, parroquia ou concello e, segundo unha metodoloxía predefinida, introducila nunha base de datos e xeorreferenciala", detalla. Estes nomes, tras a supervisión do Seminario de Onomástica e o contraste con máis informantes a través dun foro, pasará a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia, de acceso libre a través de toponimia.xunta.gal, concretou.
O programa concluíu coas intervencións de Xermán García Cancela, quen repasou a historia da confección do Nomenclátor de Galicia e do inicio do Proxecto Toponimia, e do académico Antón Santamarina, quen analizou o proceso e os criterios da actual revisión do Nomenclátor. Ramón Lorenzo, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, e Xesús Ferro, membro tamén deste órgano, clausuraron a xornada confiando en poder celebrar un novo encontro sobre este tema o ano que vén.

De esquerda a dereita e desde arriba, Luz Méndez, mostra de material sobre toponimia, Gonzalo Navaza, Antón Santamarina, Vicente Feijoo e Xermán García Cancela

1 de xuño de 2016

Mapa das lendas castrexas

Velaquí o mapa das lendas castrexas que estamos a elaborar. Temos recollidas unha boa monlla delas que xeolocalizaremos sobre este enorme mapa. Tamén as divulgaremos para que sexan máis coñecidas pola comunidade.

26 de xan. de 2016

Conferencia sobre as lendas castrexas

O pasado xoves 28 o alumnado de 1º da ESO asistiu a unha conferencia impartida por Xoán Carlos García Porral sobre as lendas castrexas. Trátase dun primeiro paso dentro dun proxecto para o estudo e elaboración de mapas nos que se identificarán as lendas dentro da área xeográfica do concello de Silleda.









14 de xuño de 2015

8 de xuño de 2015

Pepa a Loba


Mª Pilar Costoyas Ferreiro cóntanos unha historia de Pepa a Loba para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015.

7 de xuño de 2015

5 de xuño de 2015

O Pelapatacas



 A lenda do Pelapatacas narrada por Manuel Troitiño Fernández para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015

4 de xuño de 2015

A cova dos mouros


Conversamos con Xaime Troitiño nunha visita á cova dos mouros para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015

3 de xuño de 2015

O Penedo de Penouxil


Pilar Espiño Espantoso fálanos para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015 sobre o Penedo de Penouxil

2 de xuño de 2015

Milagres da Saleta


Narración de Manuel Troitiño Fernández sobre as milagres da Saleta para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015

31 de maio de 2015

A fonte de Valvundín



Narración de Antonio Presas García para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015 no que se relata unha lenda sobre a fonte de Valvundín.

30 de maio de 2015

O home dos pantalóns grandes


Narración da lenda do home dos pantalóns grandes por  Antonio Presas García para o Proxecto didáctico Antonio Fraguas 2014-2015

21 de dec. de 2014

Un percorrido polo mapa de microtoponimia do concello de Silleda



O maior proxecto do Equipo de Normalización deste curso, ben o sabedes todos, é o Proxecto Antonio Fraguas. Baixo a dirección de Xoán Carlos García Porral e coa colaboración do profesorado do Departamento de Lingua Galega, vai medrando a relación de topónimos e lendas e que poden consultarse no  mapa de arriba.
Invitamos a todo o mundo a que faga un paseo polo mapa. Como guía imos recomendar un percorrido por algúns dos centos de lugares que están xa referenciados.
Recomendamos premer na ampliación de pantalla do mapa e despois introducir o topónimo no buscador para ir directamente. Velaquí unha escolla de lugares para consultar:

Toponimia maior
Neste apartado podemos consultar información sobre a procedencia dos topónimos de todas as parroquias do concello de Silleda.
Siador: O nome da parroquia vénlle dado polo dunha aldea da mesma, que foi posuída inicialmente por un home chamado Senator -oris.
 LENDA: O milagre da Virxe de Siador (Siador, Lara Diéguez Troitiño): Na aldea de Siador existe unha imaxe da Virxe da Saleta. A súa festividade celébrase o 19 de setembro. No pobo do Marco hai unha caixa para botar esmola para a xente que pasa. Un mozo de 26 anos tiña necesidade de marchar para gañarse a vida, e non tiña cartos para a viaxe, Pediullos a uns compañeiros e dixéronlle que non tiñan. Viuse tan apurado que recordou algo: pensou en ir roubalos a caixa da Virxe da Saleta. Despois das doce da noite, cando toda a xente estaba durmindo, foinos roubar. Ninguén sabe a cantidade. Marchouse para a viaxe con eses cartos. Despois de dous anos o mozo volveu, e despois das 12 da noite foinos devolver. Botou as súas contas para deixarlle os réditos que lle pertencían segundo o que antes lle collera. Meteu os cartos e cerrou a caixa, e cando quixo marchar non se deu movido, e pensando un pouco dixo: “ Metinlle poucos cartos polos réditos que tiña que pagar”, e meteulle máis; cerrou a caixa e tampouco se puido mover. Entón volveu pensar e meteulle os cartos xustos que roubara e volveu cerrar a caixa e empezou a andar ata lonxe. A Virxe no quería réditos…

Augas
Fontes, lagoas, ríos, regatos, pozos, lavadoiros,... Seguramente o lugar máis máxico sexa a coñecida Lagoa Sacra. O curso pasado xa se realizara un vídeo sobre esta paraxe que non se pode deixar sen ver. Dentro do proxecto final esperamos engadir moitos outros vídeos recollendo o patrimonio inmaterial.
Lagoa Sacra  [buscar: Brañas de Xestoso]:  Dise que antigamente recollíanse destas brañas plantas medicinais que servían para curar persoas con algunhas enfermidades. Foron declaradas zona protexida. Están asulagados de auga. Forman parte da Rede Natura 2000. Nelas atópase a coñecida Lagoa Sacra, un embolsamento de auga que se produce en épocas de inverno e chuvia por mor das capas freáticas da terra. Conta a lenda que na Lagoa Sacra apareceron enterrados numerosos cadáveres. Estes eran de xente que participara nunha gran loita. Debido a isto só hai herba e pedras, sen árbore, para non profanar os mortos.

Penedos

Pendos, rochar, árbores... soen ser elementos cargados de simboloxía e, polo tanto, dun nome referente dunha taradición ou dunha lenda explicativa e valorativa dese topónimo.
Polo territorio adiante hai ben de pedras asociadas a contos e tradicións, como por exemplo o caso da Peneda de Santa Isabel, na parroquia de Escuadro.
Cova dos Mouros (Oleiros): Na zona norte do Castro Montaz existe unha cova na que segundo a tradición se agochaban os mouros habitantes dos castros. Hai décadas, cando os veciños ían co gando para o Castro, resgardábanse das inclemencias nesta cova.


Camiños
Os nomes dos camiños, das congostras, dos carreiros van servirnos para ampliar os topónimos relacionados coas aldeas. Algúns deles tamén terán lendas e tradicións que nos informarán do seu significado.
O Camiño da Feira (Ponte): Con este nome coñecíase a ruta comercial (e tamén relixiosa) que unía as terras do Corpiño e as de Sillleda ao seu paso por Ponte. Unha das historias que aínda se recordan en relación con este camino, relata o caso que aconteceu cun boi vendido na feira de Silleda. O animal fora criado por un veciño de Ponte e, ao alcanzar unha certa idade, decidiu vendelo. Os seus compradores foron uns tratantes arzuáns, que tiñan que pasar por Ponte para continuar cara a súa terra. O animal, criado nos montes que atravesaba o Camiño, emprendeu a fuga monte arriba sen que os homes fosen quen de termar del, aínda que finalmente foron quen de atrapalo. Pasada unha tempada, cando viron de novo ao home que llelo vendera, preguntáronlle se era de preto do lugar onde acontecera a fuga do boi, pero o home non lles contestou ao caso. Dise que desde entón, os comerciantes de gando procuraban non mercar animais que puidesen coñecer esta zona de Ponte, para evitar novos incidentes.

Terras
Neste apartado contabilizamos o maior número de topónimos recollidos. Prados, leiras, montes, agros,... aportan unha gran riqueza toponímica e lendaria. Aquí é onde o alumnado das aldeas terá un maior protagonismo xa que o porvir dunha familia agro-gandeira, ao ter unha relación directa co territorio, facilita a recompilación deses topónimos. Consideramos de gran importancia esta recollida pois as parcelarias están levando ao esquencemento dos nomes destes espazos.
Toxal da Malata: Chámanlle así porque alí viviu unha muller enferma de lepra e antigamente aos enfermos de lepra chamábanlles malatos.

29 de out. de 2014

Iconografía para a toponimia

Aquí tedes a iconografía que empregaremos para asentar os topónimos e as lendas no Google Maps dentro do Proxecto Antonio Fraguas.



A xente traballa arreo!!!

O alumnos de 1º da ESO xa están pasando a word os seus microtopónimos e lendas na hora de Proxecto Interdisciplinar coa profesora Fe, de Lingua Galega. 

Ánimo!!!




4 de set. de 2014

Presentación do proxecto didáctico Antonio Fraguas


Como xa sabedes, foille concedido ao instituto o premio Antonio Fraguas co fin de desenvolver durante o presente curso un traballo sobre a paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda. Como guía do traballo a realizar temos esta presentación que o profesorado utilizará para explicar os pasos a seguir na recollida de material.

24 de feb. de 2014

O mundo dos castros contado ao alumnado de 1º da ESO

Outra vez estamos na prensa local. No Faro de Vigo fixeron referencia ([1] e [2]) á presentación que este xoves 20 realizaron para o alumnado de 1º da ESO Antonio Presas e o noso Xoán Carlos do seu libro "O Mundo dos Castros. A Comarca de Deza". Editado pola editorial do xornal o libro xa foi presentado en Lalín a principios de mes.
Deixamos aquí unha tradución da noticia do Faro:

Os investigadores Antonio Presas e Xoán Carlos García Porral inician o xoves no instituto de Silleda o seu rolda de presentación polos centros da comarca do seu libro "O Mundo dos Castros-A comarca de Deza", editado por FARO DE VIGO. A completa guía sobre o patrimonio casteño presentouse no Salón Teatro de Lalín o pasado día 5 e o decano xa enviou varios exemplares da publicación a todos os centros educativos de Deza. 
Os lalinenses reunirán a uns 45 alumnos de 1º diso no instituto da capital trasdezana a partir das 15.50 horas. Presas realizará unha explicación sobre as particularidades da cultura castreña para achegar os seus coñecementos ao alumnado, valéndose de recursos como mapas. Pola súa banda, García Porral centrarase na parte que ten que ver coas lendas. Logo de Silleda está previsto que os investigadores acudan ao resto de centros educativos dezanos, aínda que o plan de visitas está aínda por pechar.

9 de feb. de 2014

Presentación do libro "O mundo dos castros"

 O pasado día 05/02/14 presentouse en Lalín un libro do que termos noticia de primeira man no noso centro nas vindeiras semanas pois un dos seus co-autores é o profesor do noso centro, e membro do ENDL, Xoán Carlos. O libro foi edicato polo Faro de Vigo polo que a nova aparece destacada na súa edición comarcal.
Como a redación do xornal vén en castelán, ofrecemos aquí unha versión do artigo en galego:

O Faro de Vigo encheu onte o Salón Teatro de Lalín na presentación do libro "O Mundo dos Castros-A comarca de Deza", autoría dos colaboradores do decano en Deza e Tabeirós-Montes Antonio Presas e Xoán Carlos García Porral. Representantes da política, a cultura e da sociedade da comarca apoiaron aos escritores nun acto sinxelo e moi emotivo, con motivo do 160 aniversario do diario, e con constantes referencias á defensa do patrimonio e a procura das raíces dezás.
 O delegado de FARO en Deza e Tabeirós-Montes, Xan Salgueiro, foi o encargado de abrir a quenda de intervencións. Cualificou a Presas como un exemplo de persoa comprometida na defensa do medio ambiente e o patrimonio e ao antropólogo García Porral como un digno discípulo seu. Nunha comarca con máis dun centenar de castros, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, incidió no "compromiso de FARO DE VIGO coa cultura galega e o seu patrimonio". "Dar sentido ao pasado é contribuír á creación do futuro, porque todo perténcenos a todos". O representante do goberno galego felicitou aos autores e ao decano polo "magnífico traballo" saído da Imprenta Alvarellos de Lalín e que nas súas 132 páxinas fai referencia a algunhas das fortificaciones significativas da comarca. O moderno deseño acompáñase cunha coidada guía que servirá de referencia a veciños e visitantes para percorrer algúns destes tesouros do patrimonio, habitados fai máis de 2.000 anos.
 O conselleiro reparou -ante un nutrido grupo de alumnos de colexios de Lalín- na visión "didáctica" da publicación e a súa utilidade para que as xeracións máis novas poidan ilustrase coa súa propia historia. Na súa intervención non deixou escapar que en Deza están rexistrados en torno a un centenar de castros dos máis de 3.000 que hai en Galicia.

28 de xan. de 2013

A riqueza inmaterial castrexa

 Como complemento á charla que o profesor deste centro nos ofreceu o pasado 18 de xaneiro sobre as lendas castrexas, achegamos hoxe este artigo seu sobre os xacementos castrexos e as lendas asociadas ao mesmos que foi publicado no Faro de Vigo hai un par de meses:

Os xacementos castrexos de Lalín posúen unha gran riqueza patrimonial inmaterial. De feito, arredor dos 32 castros rexistrados por Antonio Presas constátanse 211 lendas e/ou referencias lendarias asociadas a ditos xacementos. Así o fixemos constar en Lendas Castrexas. Antropoloxía da tradición oral no Concello de Lalín, publicada en 2000. Isto non quere dicir que o número sexa invariable. Cantas quedarían sen recoller e cantas xa se perderían no tempo! Estou seguro de que todos os que nacemos no rural e nos criamos á beira dun castro, temos oído aos nosos avós e veciños contar algunha lenda de mouros, trabes e tesouros encantados. Ata tal punto que temos crido nelas como se foran historias verdadeiramente certas. E, o máis chamativo, seguro que quen nolas contaban así o crían. Por iso, cómpre que teñamos medianamente clara a temática e a función dos relatos aos que nos estamos a referir.
 A temática presente nestes relatos orais é moi rica, sendo a referencia á mourindade como habitantes e facedores dos castros a máis notoria (en 89 das 211 lendas). Estes mouros e mouras definíanse pola súas riquezas. Tesouros agochados, túneles que te levaban a eles, e trabes de ouro e alcatrán que suspendía ao ser humano na dúbida de escoller o camiño atinado, son tres dos temas que máis abundan despois do sinalado anteriormente. Xa de forma puntual aparecen outros temas menos recorridos: enterramentos de mouros, emprazamentos castrexos, encantamentos, festividade do San Xoán, e animais, onde as galiñas con pitiños de ouro son os máis abundantes. Esta variedade temática dábanos como resultado que o número de temas presentes nas lendas analizadas fora superior a estas: 262 por 211. O cal quere dicir que nunha mesma lenda se poden atopar distintas temáticas de índole castrexa. Existe unha grande variedade en canto aos personaxes lendarios que poboaron castros, monumentos prehistóricos (mámoas...) e incluso algunhas paraxes destacadas do mundo rural (fontes, penedos,...). Entre eles sobresaen os MOUROS como construtores e habitantes dos castros; aínda que tamén existen relatos nos que se fai referencia aos romanos e aos fauciosos. Centrándonos nos primeiros, cómpre ter en conta que non son auténticos musulmáns; estes comen carne de porco, beben viño, e incluso as mouras son fermosas louras de pel branca. Hai quen di que o facer referencia aos mouros como habitantes dos castros é por mor dun certo antiislamismo medieval, no que se asimila ao mouro co outro, co estraño e co antigo, converténdose nunha especie de tribo máxica á que se lle atribúen fenómenos supranormais ou lugares que precisaban dunha explicación polo que toca á historia popular, coma os monumentos prehistóricos. O que si está claro é que hoxe en día non se pode aceptar a idea de que detrás dos mouros estea o recordo aos habitantes prehistóricos de Galicia. O que si é certo e que estes seres mitolóxicos erixíronse na mentalidade popular como seres contrapostos aos homes nunha serie de aspectos fundamentais. Por exemplo, os mouros viven baixo terra e non na superficie, e sempre fóra da aldea. Así se aprecia nesta lenda recollida no Castro de Vilatuxe: algúns afirman que debaixo do castro vivía unha poboación de mouros que subían á superficie por unhas escaleiras, pero a día de hoxe están taponadas con terra e maleza nalgunha parte do mesmo. Outras características que os diferenzan do ser humano son a realización de actividades nocturnas, o non ser cristiáns, o empregar unha linguaxe diferente, e o seren posuidores de riquezas e gardiáns de tesouros encantados. Neste senso, os mouros e mouras preséntanse como mantedores dun certo equilibrio moral dentro da sociedade na que están inmersos, pois o humano que intenta conseguir as súas riquezas case sempre fracasa, tal como acontece nun relado do Castro de Catasós: unha muller vixía o tesouro da mourindade e se alguén a ve ou se lle acerca desaparece. Pola contra, os humanos viven na superficie e na aldea, realizan actividades fundamentalmente diúrnas, son cristiáns, non posúen riquezas nin tesouros, senón que aspiran a eles, a súa actividade económica baséase na produción agro-gandeira e non teñen poderes especiais (a non ser que algún mediador, posuidor do Ciprianillo ou coñecedor de rituais de desencantamento, llos facilite). Pero a pesares das contraposicións existentes entre mouros e humanos, soe darse entre eles unha situación de interdependencia, xeralmente asimétrica, que os fai asemellarse e manter unha relación comunitario-social. Deste xeito, aínda que viven baixo terra, nela teñen casas e camiños; precisan alimentarse, por iso lle axudan a criar gando (porcos) aos homes, róubanllo, ou vanllo comprar ás feiras, así como viño e outros produtos; ou realizan actividades propias dos humanos coma tecer e coser, moer gran,... No Castro de Botos, achegando a orella a unha pena que está cerca da croa, pode escoitarse o "run-run" dun muíño que moe. Hai quen afirma que se trata dun muíño oculto dos mouros, que moe baixo a terra e parece ser que no inverno escóitase mellor. Así e todo, o que os mouros leven un estilo de vida distinto do normal na aldea (por exemplo, como posuidores de riquezas non agrarias), é algo propio da función social que cumpren este tipo de relatos lendarios: lembrarlle á comunidade campesiña que existen persoas máis ricas e con máis poder que non son da súa clase social. Un tratamento á parte meréceno as mouras. Estas soen estar asociadas á noite de San Xoán e integradas dentro dunha estrutura "muller - serpe - auga - Lúa", cuxa orixe estaría dentro de pobos neolíticos paleomatriarcais en canto á idea, aínda que a elaboración sexa posterior. Soen ser protagonistas en lendas de signo moralizante, como as das mouras que aparece peiteando coidadosamente os seus cabelos (xeralmente de noite e cerca dunha fonte). Estes encantos soen ter a pel clara e o cabelo louro, ademais de gozar dunha gran beleza, algo que as converte en mulleres seductoras das que os homes se quedan engaiolados. Así aparece no Castro de Varcia, no que vivía unha muller fermosa e loura á que lle gustaba moito peitearse no río. A súa misión era protexer o tesouro que está oculto debaixo da terra. Ninguén a considera un espírito malévolo, a pesares de que castiga coa morte repentina a quen a descubra. Normalmente recibían a axuda dun ser humano, o cal non garda a condición de silencio polo premio recibido, feito que provoca un fracaso total ou parcial da súa tarefa, tal como lle aconteceu a un rapaz no Castro de Catasós: no castro traballaba unha costureira que tiña unhas tesoiras de ouro, e prometérallas a un rapaz a cambio dunha cunca de leite, pero non lle debía dicir nada do sucedido á xente. O rapaz contoullo na casa e cando foi levar a cunca de leite xa non atopou á costureira. As mouras tamén soen amosar unha serie de obxectos a un ser humano para que este elixa entre eles. Destaca o tema da moura que amosa unha tenda a un humano para que este elixa entre os obxectos que nela ten. Sobresaen as tesoiras, símbolo asociado ao destino, pois con elas pódese cortar o fío do devir e provocar o fracaso na continuidade das relacións entre un home e unha muller. Finalmente, como seres sobrenaturais, as mouras poden aparecer baixo advocacións diversas: tecendo, gardando tesouros,? cunha relación cos humanos máis negativa que beneficiosa; ou metamorfoséase en serpe, sendo preciso desfacer o encantamento para conseguir os seus favores ou as súas riquezas. Os tesouros aos que fan referencia as lendas castrexas cumpren cunha triple función: unha, máxico-relixiosa-moralizante para a sociedade que sinala a súa existencia; outra, como manifestación do prestixio das orixes; e finalmente, como imaxe do ben limitado, segundo o cal todas as cousas boas para o home existen en cantidades limitadas, sendo insuficientes para todos. Por iso, cando alguén tenta mellorar a súa situación, só pode facelo de dous modos: (1) dentro do segmento de cultura no que vive, a base de diminuír as posibilidades dos seus veciños; (2) fóra del, grazas a un patrón humano ou sobrehumano que facilite medios extraordinarios de mellora a nivel socio-económico. De aí que as xentes acudan a explicar por medio da imaxe do tesouro (riqueza extraordinaria), ou da axuda dun mouro (patrón imaxinario), aqueles casos de enriquecemento insólito. Nas lendas existen referencias a riquezas ocultas. Soen ser relatos inespecíficos nos que se fai tan só mención ao feito de que os castros posúen tesouros no seu interior. Isto no quere dicir que non foran tidas como historias certas, xa que a veces servían coma mapas orais do tesouro agochado. Así aconteceu no Castro de Cotarelo (Goiás) alá polos anos 1870/80, cando tres mozos da aldea, coñecedores da lenda que falaba de que no interior do castro existía un tesouro, se puxeron a facer un buraco, que daría en mina, na ladeira S-L da citania e que aínda pode verse con total claridade. Día tras día, no intento de acadar o tesouro e ata case quedaren sen folgos, foron escavando coa única ilusión de facerse ricos. Pero sempre hai xente astuta, tal como foi o caso do veciño Benito García. Este, xa canso de tanto buscar e vendo que nunca atoparía nada, déuselle por gardar de noite un bote cheo de pedriñas no fondo da mina. Cando ao amencer se dirixiron os tres mozos a seguir coa súa tarefa, Benito, despois de dar algunhas picadas, colleu o bote e axitouno (o ruído que dentro do latón producían as pedras era coma se fosen pedriñas de ouro) cara os seus socios, dicíndolles: "Eu para min xa teño; vós seguide", botándose a correr polo agro abaixo. Este conto vale perfectamente para ver o interese que había entre os veciños e os coñecedores das lendas de tesouros castrexos por facerse co ouro que lles resolvera a vida. Pero, coma case que en todos os casos, o fracaso soe ser a fin dos seus obxectivos. En relación cos tesouros atópanse as minas, veas, trabes e arcas. Estas estruturas teñen a función de mantemento do equilibrio cosmolóxico e moral por sistemas de contraposición, onde existe un elemento positivo (ouro, prata,...) fronte a outro negativo (alcatrán, xofre, veleno, fogo?). Este elemento negativo non deixa de ser unha advertencia do perigo que poden correr aqueles que intentan apoderarse del. O valor práctico destas estruturas non ten maior relevancia, pero si o ten o teórico como reflexo do equilibrio moral que se pretende con este tipo de relatos. Hai que saber escoller, tal como de recolle nunha lenda do Castro de Cristimil, no que existe unha viga de ouro e alcatrán debaixo do castro. Se alguén atopa a de ouro será moi rico, pero se toca a de alcatrán desaparecerá todo Cristimil. Pero, cal é a función propia dos tesouros? A opinión máis xeneralizada entre os estudosos do tema é a que os relaciona co dereito do ser humano á LIBERDADE: rebelión do ethos humano contra a realidade mítica. Pero os tesouros ocultos, como equilibrio moral, teñen uns primeiros defensores contra a avaricia do home: os seres mitolóxicos (os mouros) como gardiáns de tesouros ocultos, que ademais son os que din como desencantalos a eles e aos tesouros. Aínda así, os relatos atópanse pragados de fracasos na procura de tesouros por ignorar algo fundamental: o ritual de desencantamento, tal como acontece nun relato vencellado ao Castro de A Veiga, no que un señor atopou un escrito no chan que resultou ser unha lenda. Como non sabía ler levoulla ao señor cura e este díxolle que, na noite de San Xoán, debían ir ao castro de A Veiga e alí tiñan que ler e "desler" (ler ao revés) o escrito sen equivocarse. Pola noite foron ao castro e o cura comezou a ler. De súpeto saíu da terra un boi de ouro e púxose a dar choutos arredor do párroco. Todo ía moi ben ata que o cura se trabucou ao desler o escrito. Nese intre a terra tremeu, botouse a chover e tronou. O boi desapareceu, no medio de todo isto, para sempre. Chegados aquí, qué aportan as lendas e os relatos de tradición oral ao ser do home e á conformación da sociedade. A meu xuízo, unha das súas principais funcións é a de fixar na memoria dos membros dun pobo aqueles acontecementos dotados de relevancia simbólica por e para eses membros ao longo de décadas. Axudan a reproducir sentimentos de identidade e a establecer unha relación entre pasado recordado e identidade social. - todo isto nunha época na que a MODERNIDADE rexeita completamente a multiplicidade de ritmos, igualando e cuantificando o tempo coma se fora un obxecto suxeito aos criterios impostos pola sociedade urbana e industrial. Así é como as lendas tamén se erixen como estandarte da loita contra a homoxeneización; como nexos sociais por medio dos que as persoas poden establecer uns lazos de dependencia con outras persoas e con outras épocas, autorrealizándose en diálogo co tempo. As lendas, como fixadoras na memoria de acontecementos significativos para unha comunidade, poden colaborar na construción reflexa da identidade individual e colectiva dos membros dun pobo. De nós depende o seu mantemento e transmisión ás xeracións futuras. (Este artigo retoma a serie 'O estado do patrimonio en Deza' interrompida desde o domingo 26 de agosto)