Se a principios de curso debullabamos os datos do IGE que certificaban a redución de uso do galego, especialmente entre a xente mais nova, é agora a Real Academia Galega quen se posiciona ao respecto facendo esta declaración (web, pdf):
Grazas aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse, superando séculos de marxinación e décadas de persecución. Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación literaria aos medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo. Nesa certeza descansa a nosa confianza no seu futuro.