Amosando publicacións coa etiqueta documento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta documento. Amosar todas as publicacións

15 de xuño de 2016

Eu son: documento para a lectura e a reflexión

Este documento, que recibirá todo o alumnado que leu "Memorias dun neno labrego", é un elo máis do proxecto "Eu son", argallado desde o ENDL este curso.
Reflexionamos sobre como era a vida no rural do que nós somos herdeiros: a vivenda, a vestimenta, os traballos e os xogos, que tamén están descritos na obra de Neira Vilas.


13 de maio de 2016

Percorrido pola paisaxe poética de Manuel María

Co obxectivo de levar a cabo unha viaxe á Casa Museo de Manuel María e á Terra Chá, elaborouse esta unidade didáctica que serviría de guía ao alumnado do IES Pintor Colmeiro nesta viaxe organizada polo Departamento de Galego e realizada este xoves 13/05/16

11 de mar. de 2016

Carta á RAG na defensa dos dereitos dos fillos

Acaba de divulgarse no portal de ProLingua un modelo de carta para que os pais cuxos fillos se viron ou ven sometidos ás funestas consecuencias do decreto 79/2010, autotitulado decreto do plurilingüismo, inste á Real Academia Galega (RAG) a interpoñer un recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.
A RAG non pode acudir como institución ao Tribunal de Estrasburgo, só pode facelo en representación das vítimas da conculcación dos seus dereitos por verse sometidas a un decreto que conculca os seus dereitos como galego-falantes.
Os pais, nais ou titores poden descargar ou copiar este modelo de carta e enviarlla á RAG para que, como institución que ten atribuída estatutariamente a función de defensa e promoción da nosa lingua común, faga efectivas esta funcións.

17 de xuño de 2015

Cultura lusófona

Ao impoñerse a LOMCE a partir do próximo curso ábrese a posibilidade de propoñer novas materias optativas dentro da epígrafe correspondente ás materias de libre configuración do centro. Aproveitando esta posibilidade no Colmeiro fíxose, entre outras, unha proposta cunha evidente carga normalizazdora. Consiste nunha materia denominada "Cultura lusófona" que se explica con certo detalle no seguinte documento:


 A lingua coñecida internacionalmente como “Portugués” é falada por máis de douscentos cincuenta millóns de persoas, e a sexta en número de falantes a nivel global. O facto de que a lingua portuguesa tivese nacido no Reino da Galiza provoca que a proximidade existente entre as falas galegas e as do resto da lusofonía permita que calquera alumn@ galeg@ poida alcanzar graos altos de competencia en relativamente pouco tempo.
Desde o punto de vista profesional, Portugal é o principal destino das exportacións galegas e Brasil ten o sétimo PIB máis alto do mundo, con previsión de que continúe avanzando posicións. O coñecemento do estándar portugués facilita tamén acceder a un posto de traballo de calquera insitución comunitaria, pois para un galeg@ non computa como lingua materna e si como unha das dúas “extranxeiras” das que ten que demostrar o seu coñecemento. Do mesmo xeito, o estudo da lingua portuguesa repercutirá positivamente no coñecemento da lingua propia e nunha maior estimación derivada da toma de conciencia da súa verdadeira dimensión internacional.
A proposta metodolóxica non pasa por estudar unha lingua nova "desde cero" senón en facer unha transición dende a norma estándar do Galego para a lingua portuguesa. Esta materia sitúase no marco da “I niciativa Lexislativa-Popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía” aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza en sesión do 14 de maio de 2013.

8 de xuño de 2015

Do verso á ágora con Antía Otero



O xoves 28 de maio. Clases pola tarde.  Unha calor abafante. Tocaba falar de poesía. A cousa non pintaba ben, pero sucedeu o que poucas veces pasa. A rapazada de 1º da ESO enganchouse desde o principio e a pesar de todos os condicionantes adversos, Antía Otero levou ao alumnado nunha apaixonante viaxe polos roteiros da poesía.
Estes que deixamos aquí foron algúns, só algúns dos traballos que abrollaron nesa máxica tarde. Esperamos non tardar en ofrecervos máis noticias sobre ese obradoiro.

















23 de maio de 2015

Nova carta dun restaurante

Novo menú dun restaurante de Silleda elaborado grazas á supervisión dos departamentos de linguas do centro. Trátase de poñer de manifesto a importancia e a necesidade de ofrecer aos clientes cartas en galego, e noutras linguas, con corrección lingüística.

6 de maio de 2015

Participa no concurso de retos matemáticos

Invitación a participar no concurso de retos matemáticos que argallamos arredor das actividades organizadas pola biblioteca conmemorando o 150 aniversario da edición de Alicia no país das marabillas

25 de mar. de 2015

Boletín do ENDL do Colmeiro para as familias.2

Esta semana repartimos o segundo boletín para as familias no que se explican algunhas características do uso da lingua no entorno máis próximo. En concreto fálase dalgúns datos sobre o uso do galego por parte dos establecementos comericais e das administracións en Silleda.
Tamén se informa sobre algunhas ideas sociolingüísticas como son a necesidade de incrementar o grupo dos galegofalantes desbotando referencias terminolóxicas prexuizosas como a de asumir que a nosa fala é un castrapo. Unha outra referencia consiste nun apunte sobre a diglosia, que se contrapón á normalización.

18 de mar. de 2015

Concurso de esopías 2015

Convócase concurso de esopías. Entregar os traballos durante o mes de marzo ao profesorado de matemáticas ou de lingua galega

1 de feb. de 2015

Análise sociolingüística do IES Pintor Colmeiro. Curso 14-15

Presentamos aquí a Análise sociolingüística do IES Pintor Colmeiro. Curso 14-15, un traballo sobre o estado social da lingua galega no IES Pintor Colmeiro e o seu entorno co fin de establecer un plan paracontribuir á normalización lingüística

30 de xan. de 2015

Ledicia Costas vista por dúas alumnas de 4º

O alumnado de 4º da ESO do IES Pintor Colmeiro, que estivo lendo o libro "O corazón de Xúpiter", mantivo un encontro coa escritora Ledicia Costas. Presentación da escritora exposta polas alumnas de 4º B Mariña Castro e Verónica Granja.

28 de xan. de 2015

Noveno 9

Chegounos a noticia da edición dixital dunha revista de  banda deseñada dos alumnos do laboratorio de O garaxe hermético, da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia dirixida por Kiko da Silva.
Podedes descargar aquí o número

16 de dec. de 2014

Boletín para as familias. 1

Un dos compromisos que tiñamos pendente no ENDL era o de distribuir entre a comunidade educativa información sobre a situación social da lingua galega no noso entorno máis próximo.
Temos feito un estudo bastante completo ao respecto, pero que aínda que pode servir como base para o traballo normalizador non é operativo para a difusión pretendida.
Así que nestes días distribuiremos este boletín e temos preparado outro que entregaremos próximamente. Esperamos que vos guste.

30 de out. de 2014

Xosé Rodríguez González (O matemático de Bermés), por Ramón M. Aller

 O primeiro que temos que facer é agradecerlle a Cecilia Doporto que nos achegara información sobre a obra de Ramón M. Aller, especialmente esta publicación que forma parte do libro de José Ángel Docobo Durántez (1991): Las publicaciones científicas del Dr. Ramón María Aller Ulloa, Santiago de Compostela: Universidade.
Ramón María Aller con esta obra eríxese como o gran descubridor de Xosé Rodríguez. No ano 1928 Aller ingresa no Seminario de Estudos Galegos precisamente dando lectura do seu traballo sobre o matemático de Bermés.

11 de maio de 2014

Ollos de aula.14

Xa está a aquí o nº 14 da revista Ollos de aula.
 Todo o mundo, pero sobre todo pais e nais, non deixedes de lle botar un ollo a este novo número da revista da Coordinadora Galega de ENDL. Comprobaredes que a profe Gracia Santorum fai como é habitual, varias recomendacións. Unha delas será unha das actividades que temos programada polo ENDL do Colmeiro. Mirade dentro cal é.

28 de abr. de 2014

22 esopías

Por primeira vez, e en vista do éxito que tivera noutros centros o concurso de esopías, decidímonos a mergullarnos nel colaborando conxuntamente o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Matemáticas co fin de demostrar, unha vez máis, que a lingua galega e os números fan boa compañía.
O resultado foi sorprendente. Tanto que nos animamos a editar esta escolma coas 22 esopías que máis nos chamaron a atención e que son unha boa mostra das dificultades que tivo o xurado para escoller aos premiados. Calquera das creacións que se poden ver aquí é merecedora do noso recoñecemento.

28 de xan. de 2014

Análise sociolingüística do IES Pintor Colmeiro

Lembrades todos eses cuestionarios que cubríchedes nas primeiras semanas do curso?. Velaquí están os resultados... xunto con algo máis. 
Traballiño custou. Esperamos que sexa a base do traballo para a normalización do centro e o seu contorno nos vindeiros anos.

20 de dec. de 2013

Regala galego

Chega o nadal e estamos dispostos (ou non nos queda outra) que facer un regalo. Para animar ao alumnado á lectura e a promover entre as familias que teñan en conta a lingua galega cando fagan as súas compras, a Biblioteca do Colmeiro imprimiu estes trípticos, dos que xa falamos hai uns días.
Hoxe tocou repartilos entre o alumnado. 











Polas fotos, podemos comprobar que quedaron encantados coas propostas lectoras.





























17 de dec. de 2013

Exemplos de recollida de toponimia

Presentamos un documento con exemplos de como pretendemos que se recollan os topónimos dentro do noso proxecto de recuperación da microtoponimia de Silleda

Exemplos de Recollida de Toponimia by as_ferreiras

Ficha de recollida de topónimos

No Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro temos o proxecto de recoller microtopónimos do concello de Silleda. No seu día xa fixéramos un traballo sobre a toponimia maior [http://silledaasferreiras.blogspot.com.es/2012/05/toponimia-de-silleda.html] e agora queríamolo comenzar a completar engadindo a toponimia menor. Esta ficha é a que usaremos para a recollida dos microtopónimos
Para saber como utilizar a ficha anterior, van algunhas indicacións: