Velaquí a entrevista que lle fixeron a Carlos Negro no Faro:
"O poemario é o diario da protagonista, porque ela medra e tén contradiccións"
A librería lalinense Vagalume foi onte o escenario de presentación de Penúltimas tendencias, a segunda incursión do escritor Carlos Negro na poesía para adolescentes. Se en Makinaria abordaba a obsesión dos mozos polo mundo do motor, nesta entrega fai unha crítica da imaxe sexy e fashion que se tenta inculcar ás mozas de hoxe en día.
-Vostede métese na pel dunha adolescente que non quere converterse nunha muller preocupada por estar sempre fermosa e ir á última moda. ¿É que nestes 40 anos non se avanzou nada na igualdade de xénero e síguese fomentando a muller sumisa e consumista?
-Aínda que si hai unha igualdade de xénero legal, seguen vixentes certos estereotipos, tanto físicos como de tipo vital. Nestes podemos incluir a presión que existe para que as nenas primeiro queiran ser princesas como as dos contos de Disney e, cando pasan á adolescencia, desexen ser top models. En realidade, as supermodelos son as princesas da actualidade. Pasa o mesmo cos estereotipos masculinos. A moda vende novos tipos de masculinidade, que en principio parecen positivos (como o coidado do corpo). Pero é que se manteñen actitudes, parellas a esta moda, na que se aposta polo macarra rebelde, depilado, pero que continúa sendo machista. Por poñer un caso, é o prototipo que ofrece Mario Casas na película Tres metros sobre el cielo.


