31 de xan. de 2014

O galego, unha carreira de fondo... ou con obstáculos?

Volvemos a ser noticia na prensa escrita. Na edición comarcal do Faro de Vigo publicouse con data 30/01/14 un artigo titulado "O galego, unha carreira de fondo".
Unha mágoa que non saíra nada da decepción que supón para nós que a SXPL non convocara este ano as axudas aos proxectos de innovación para o fomento do galego. Parece que a carreira de fondo é tamén con obstáculos.
Reproducimos aquí o artigo:

A perda de galegofalantes segue preocupando ao Equipo de Normalización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, que actualiza o estudo sobre o uso da lingua realizado en 2012


 O 46% dos profesores do instituto de Silleda enquisados emprega como lingua predominante o galego e o 57% conta cunha alta capacitación para impartir as clases neste idioma. Da parte do alumnado, o 70% escribe habitualmente nesta lingua e o 44,25% emprégaa sempre na fala. Son datos do estudo realizado polo centro coa idea de presentarse ao concurso de proxectos innovadores da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda non convocado este ano. Para completar e actualizar o estudo que realizou hai xa dous anos, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do instituto Pintor Colmeiro de Silleda volveu realizar enquisas entre alumnos e mestres co obxetivo de coñecer o seu comportamento cara a lingua galega. Os resultados non difiren moito dos de 2012: Aínda que "aquí hai máis contacto co galego que nas cidades", a perda de galegofalantes entre a xente moza segue preocupando, segundo admite o responsable do citado departamento, Cibrán Arxibai.
 O informe, que pode consultarse integramente no blog do centro, 'As Ferreiras', conclúe que, aínda que a competencia oral e escrita da maioría do alumnado é aceptable, persiste a conciencia de posuir unha competencia máis baixa, actitude que leva facilmente ao abandono do uso do galego. Só un 2,3% dos enquisados di saber escribir pouco en lingua galega, fronte ao 67,82% que admite dominala moi ben na escrita. Son máis os que demostran un grado de entendemento alto (72,41%), pero só o 44,25% dos estudantes do centro enquisados fala sempre na lingua propia de Galicia. Un 8,62% di facelo exclusivamente en castelán e un 15,52% máis na lingua de Cervantes ca en galego.
 O 70% emprega este último idioma para a escrita de xeito habitual, a pesares de que o profesorado percibe entre os escolares que "teñen como asumido que saben escribir mellor en castelán, cando non é certo", explica Arxibai. O estudo revela tamén que "se considera máis necesario aprender o castelán que o galego, e no caso de aprender linguas, estímase preferentemente a lingua franca internacional, o inglés"
 Das 35 respostas obtidas no cuestionario enviado a 45 mestres, sácase que o galego é a lingua habitual do equipo docente que, en xeral, ten un elevado nivel de capacitación para empregar o idioma á hora de impartir as clases. O perfil sociolingüístico do profesorado é esencialmente galegofalante. Por citar un dato, o 37% dos enquisados considera insuficiente a utilización do idioma establecida pola lexislación actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario