12 de abr. de 2012

Marcos González: 'Quero que vexades a importancia de falar e queren ben o galego'

Levo cerca de dous anos vivindo en Madrid onde estou estudando aeronáutica na Escuela de Ingenieria Aeronáutica y del Espacio, asi que xa que este é un blog adicado ao galego, vouvos contar como é a miña experiencia coa nosa lingua por aquí. En canto á súa utilidade, non se lle escapa a ninguén que fóra de Galicia non é moita, por non dicir ningunha, asi que no meu día a día soamente a uso para comunicarme coa miña familia ou amigos galegos. Polo tanto, dacordo con isto, para a miña vida profesional nun entorno aeronáutico, tampouco terá relevancia ningunha. Pero isto é algo que non só pasa co galego, de feito, pasa con todos os idiomas salvo dous ou tres que xa podedes imaxinar cales son. Porén, o que está claro é que o feito de saber falar galego enriquécenos culturalmente, xa que as linguas son parte destacable da cultura dun pobo. Asi que, da mesma maneira que sabedes que a Gioconda a pintou Da Vinci ou As meninas Velázquez, que Napoleón foi un xeneral francés, Shakespeare escritor británico ou Bethoven compositor alemán... non me digades “mariposa”, “lexos” ou “sartén” no canto de “bolboreta”, “lonxe” e “tixola”. O que quero que vexades con isto é a importancia de falalo ben e querer coñecelo mellor, porque sempre hai palabras ou expresións que non coñecemos, que utilizamos mal, etc...
Aparte disto, din os expertos que segundo unhas investigacións e experimentos que se fixeron, cantos máis idiomas domine un, máis sinxelo lle é aprender outros. Polo tanto, o galego, como lingua que é, tamén axuda a iso. Evidentemente, non pensedes que por saber falar galego e castelán ides ter o don de linguas ou ides sacar un par de puntos máis nos exames de inglés ou francés, non. Algo tamén importante é coñecer a visión que do galego ten a xente que non o fala. Pois ben, estas son algunhas das opinións que algúns dos meus compañeiros teñen acerca da nosa lingua: O recoñecemento do galego como idioma en si, é unánime, non dudan, igual que o catalán e o vasco e a diferencia do valenciano, o balear ou o andaluz, que consideran dialectos. Xa sei que pensaredes que isto é evidente, pero como sempre hai algún iluminado por aí que pensa o contrario...aí queda. De feito, o galego, como idioma que é, ten variantes dialectais como a gheada ou o seseo.
Algo que lles sorprendeu foi que a maioría das asignaturas estivesen impartidas en galego (cando eu estiven aí no instituto, soamente tiñamos Lengua y Literatura Castellana en castelán, supoño que agora seguirá así) e a súa opinión é que non debería ser así, senón estar máis repartido. Máis repartido non quere dicir todo en castelán, pois sostiñan firmemente a importancia de ensinar galego para conservalo así como para ser quen de utilizalo correctamente no día a día nas situacións que se presten. OLLO AO PIOLLO como diría aquel, que vos coñezo. O de “no día a día nas situacións que se presten” vén a significar que, por poñer un caso, se un peregrino alemán vos pregunta por un local para comer aí en Silleda, ao mellor o galego non é o mellor idioma para contestarlle. Pero tamén quere dicir que se ides ao Corte Inglés ou a Bershka, Springfield etc. da Coruña podedes falar o galego, que aínda que non o creades, a xente da Coruña sabe falalo. Asi que espero que non fagades coma aquel que falaba galego coas vacas e co veciño e logo ao médico faláballe castelán por se acaso non o entendía. Iso si, aínda que sería desexable que todas as persoas en Galicia utilizasen o galego normalmente, cómpre ter en conta que o galego é un dereito, non unha obriga, e polo tanto que alguén non o use como lingua habitual, é totalmente lexítimo. Esteades ou non dacordo con estas ideas, non vos olvidedes que son simplemente opinións, e que a verdade absoluta non é cousa das persoas. Pois ata aquí o meu breve artigo. E xa para despedirme, simplemente permitídeme darvos un par de consellos: que lle deades ao galego a importancia que ten, xa que ás veces somos nós mesmos quen inconscientemente o desprezamos e que o utilicedes o máis correctamente que poidades canto vos veña en gana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario