23 de abr. de 2012

O Día do Libro na Casa da Xuventude de Silleda

Enviáronnos unha invitación para asistir a unhas actividades interesantes organizadas por Avanza Trasdeza en colaboración da Concellaría de Emprego, Formación, Infancia e Xuventude.

 A celebración comeza no Día Internacional do Libro –o 23– cunha actividade especial de Pelegríns de Papel, proxecto permanente de promoción da lectura que leva a cabo a mencionada asociación, cuxo tema central será a historia da longa vida do libro, na que nenos e maiores poderán coñecer e experimentar como se fixeron os libros desde os procedementos de escritura, impresión e reprodución máis antigos ata os máis recentes.
 Esta actividade terá lugar entre as 5 e as 8 da tarde e desenvolverase en forma de taller, de tal xeito que os participantes non só se informen sobre as formas que o libro tivo ao longo da súa historia, senón que poidan reproducir algunhas delas. Tamén se proxectarán vídeos e contaranse historias nas que o libro e a lectura son protagonistas.
 Cos traballos realizados polos nenos farase unha pequena exposición que poderá ser visitada durante toda a semana na Casa da Mocidade. Os nenos participantes recibirán un conto de agasallo e algunha lambetada para celebrar que o seu amigo o libro está de cumpre.
 Durante a semana continuarase coas sesións de lectura de contos de todo o mundo e rematarase o sábado con dúas actividades: unha para nenos cos seus pais e outra para mozos que se anunciarán nos vindeiros días.
 Todas as actividades son gratuítas pero é necesario inscribirse para poder calcular os materiais que se necesitan. As inscricións faranse acudindo á Casa da Xuventude de Silleda ou chamando polo teléfono ao 986 58 00 64.

Ningún comentario:

Publicar un comentario