15 de abr. de 2012

Convocatoria folga no ensino medio para o19 de abril

Chéganos este anuncio de convocatoria da folga da Mesa, a Mocidade Pola Normalización, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes xunto coa seguinte nota de prensa. (máis información aquí)

A Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística, xunto coas organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Sindicato de Estudantes, chamamos o estudantado de ensino medio de toda Galiza a unha folga de toda a xornada o vindeiro día 19 de abril. O lema central da nosa convocatoria será "Paremos os ataques contra o galego".

A través desta acción reivindicativa, as organizacións convocantes queremos denunciar que nos tres anos de goberno de Núñez Feijóo na Xunta non houbo nin un só adianto para o galego. Ben ao contrario, unha das prioridades foi atacar a nosa lingua propia, especialmente no ensino, derrogando o decreto aprobado en 2007, que marcaba que ao menos o 50% das materias debían ser en galego, e impondo o actualmente vixente desde 2010. Unha norma imposta sen consenso e rexeitada pola inmensa maioría da comunidade educativa que non é outra cousa que un auténticodecretazo contra o galego.

A pesar da propaganda que fala dun suposto "plurilingüismo" nas aulas (imposíbel de aplicar na realidade no actual momento de recortes económicos en todas as etapas educativas), as organizacións estudantís constatamos no día a día como:
  • - A pesar de que a "letra" do decretazo vixente fala de garantir un "equilibrio" que oscila entre o 50-33% (dependendo do grao de introdución da terceira lingua), a porcentaxe media semanal das materias que se imparten en galego non chega nin ao 20%.
  • - A introdución dunha lingua estranxeira (normalmente, o inglés) como terceiro idioma é empregada como coartada para reducir ou limitar (aínda máis) o uso do galego.
  • - O decretazo vixente mantén a prohibición de impartir en galego as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, como se a nosa lingua non fose válida para as áreas de coñecemento vinculadas á ciencia. Galiza é o único territorio do Estado con lingua propia en cuxo sistema educativo se prohibe o seu uso para algunha materia. A crise e a falta de diñeiro público para investir na calidade do ensino non impediron á Consellaría de Educación malgastar cantidades moi importantes de diñeiro para destruír libros de texto e materiais só porque estaban editados en galego, aínda que o seu contido siga sendo actual.
  • - A presenza do galego é residual en boa parte dos ciclos formativos e non chega nin ao 1% na maioría das ensinanzas artísticas e especiais. Ademais, practicamente non existen libros de texto nin materiais de apoio na nosa lingua.
  • - Un dos recortes económicos máis brutais afecta o diñeiro destinado ao traballo dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros, co evidente obxectivo de limitar e empobrecer as súas actividades e baleiralos de contido.

A delicada situación da nosa lingua obríganos a movernos, máis aínda se reparamos en que hoxe en día o ensino xa é case o único ámbito da vida no que moitas mozas e mozos coma nós (sobre todo nos espazos urbanos) teñen algún contacto co galego. Evitar que a nosa lingua retroceda (aínda máis) no ensino é evitar que unha parte numerosa da xente nova perda o único vínculo que (aínda) a une co galego.

As organizacións que a convocamos entendemos a folga como un xesto consciente de compromiso e de responsabilidade individual e colectiva ante o futuro da nosa lingua: parando as aulas o vindeiro 19 de abril chamamos a atención da Xunta de Galiza e do conxunto da sociedade para dicirmos claro e forte que non queremos ser indifentes ante o futuro que lle agarda á nosa lingua. Todo isto con independencia de cal sexa o idioma que usemos no noso día a día: sabemos que hai moita xente á cal lle importa o futuro do galego aínda que na súa vida diaria use o castelán.

Dirixímonos a ti, como representante estudantil no teu centro ou como membro do equipo de normalización e dinamización lingüística, para que nos axudes a informar e a espallar esta convocatoria no teu centro de ensino. Pódeste informar mellor enwww.amesanl.org/mocidade ou preguntándonos a través do correo: mocidade@amesanl.org. Esta é unha convocatoria que se está a mover moito a través das redes sociais: búscanos en tuenti, en facebook e en twitter. Se o precisas, non dubides en pedirnos materiais ou que nos acheguemos ao teu centro para organizar algunha asemblea, acto informativo, etc.  

Grazas pola túa atención e polo teu apoio!
                                                                              

Ningún comentario:

Publicar un comentario