20 de xuño de 2013

Paisaxe lingüística. Administracións




Neste vídeo aparecen moitas fotos de Silleda con soportes que son responsabilidade das administracións. Forman parte do traballo da paisaxe lingüística de Silleda realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro no curso 2012-2013.
A maior sorpresa que tivemos ao comprobar os resultados foi o obtido ao facer o estudo da distribución das linguas nos sinais das administracións. Supoñíamos que o uso do galego se aproximaría ao 100%, pero non foi así.
Dos 143 sinais deste grupo, 67 (un 47%) estaban escritos en galego; 63 (un 44%) aparecían só en castelán e 8 (6%) nas dúas linguas. Isto revela que as autoridades no concello non estiveron realmente implicadas na normalización lingüística. A cidadanía silledense decátase simplemente paseando polas rúas máis céntricas da vila, que as administracións non apostan pola mesma lingua que usan os veciños. Isto non fai outra cousa que reforzar prexuízos polo que para o ben da normalización, precísase reverter esta situación.

Preséntase o problema de que facer para cambiar a situación. Ao revisar os datos comprobamos que a maior parte dos sinais administrativos monolingües en castelán son os referidos aos vaos de aparcamento das entradas dos garaxes, polo que sería relativamente sinxelo comenzar ca cambiar a situación.
Neste traballo recollimos un total de 39 fotografías de vaos, que representan prácticamente o 60% do total dos sinais en castelán. Por iso farémoslle unha proposta ao Concello para que cambie este tipo de sinais e para que os que se coloquen de aquí en diante teñan garantizada a súa emisión en galego. De facerse así sería ademais unha aposta moi visible para os veciños de Silleda. Ademais con este traballo pretendemos abrir unha porta de colaboración coa entidade local para establecer proxectos normalizadores

Ningún comentario:

Publicar un comentario