16 de out. de 2012

Texto fantástico

Nunha proba escrita, e con non demasiado tempo, os alumnos de 2º da ESO debían redactar un texto fantástico. Efectivamente, un fantástico texto:

Comprobando que a súa espada con empuñadura de ouro, tan valiosa para ela tanto material como emocionalmente, seguía intacta, decidiu seguir o seu camiño. Mentres ía camiñando, cavilaba en todo o que podía encontrar, e sabía que debía estar alerta. Supuxo que a senda para chegar á cova na que habitaba un ave fénix que lle proporcionaría o elixir da vida para resucitar a todos os caídos no seu pobo, por mor da tiranía da Raíña e os seus partidarios, non sería un camiño fácil; non estaría cheo de fadas amables que a guiasen ata alí, senón, probablemente, de criaturas horribles. Acordouse entón dos pesadelos que a atormentaban dende nena. Desde que vira morrer a súa nai na rebelión contra a tiranía, eses pesadelos estaban presentes nas súas noites. Tocou a espada que lle legara no seu testamento e lembrou a promesa de que ao cumprir os dezasete anos seguiría este camiño para chegar á cova. A cova... os seus pensamentos absorbérona e non se deron conta de que estaba a dous metros dela. Non topara ningún obstáculo, que estraño...! Talvez o máis horrible a esperase dentro da cova do fénix. Tomou ar, palpou de novo a espada e pensou que quizais non volvese ver a luz do Sol, nin o brillo da Lúa. Nun último salaio, entrou. 

Por Mariña Castro Fontao (2ºA)

Ningún comentario:

Publicar un comentario