28 de maio de 2012

Neira Vilas defendendo o galego no Colmeiro


O pasado mercores 23 estivo connosco Xosé Neira Vilas, quen nos falou da súa obra, e sobre todo das súas vivencias. Un apartado importante do seu relatorio adicouno ao uso e impotancia do galego. Díxonos cousas como a seguinte:  "eu vivín 42 en América, escribín libros, artigos,... moitas cousas e sempre o fixen en galego"
Desafortunadamente a día de hoxe na propia Galicia, ninguén pode asegurar un uso normal do galego.
O escritor de Gres mostrouse decote orgulloso da nosa lingua: "temos lingua propia. Mirade vós, os norteamericanos, sendo tan importantes, non teñen unha lingua propia. Falan unha lingua traída doutro lugar, de Inglaterra"

En varias ocasións quixo destacar a importancia da nosa lingua tanto no contexto europeo como no internacional. "O galego é o idioma, fillo do latín, máis importante do mundo, xunto co castelán. Fálano millóns de persoas, En Mozambique, Angola, Portugal, Brasil...".


Neira Vilas había de facer moitas máis referencias a este último país: "no Brasil, que ten unha extensión que é 3 veces a de Europa falan galego"


Ou tamén, cando falando do seu best-seller 'Memorias dun neno labrego' lembrou a peza teatral que o ano pasado representou Cándido Pazó. "Cándido Pazó levou por todas partes unha obra de teatro sobre o meu libro, as 'Memorias das memorias dun neno labrego' e foi a Brasil. El intentou facer a obra en brasileiro e alí dixéronlle que non, que o fixera en galego. que se lle entendía perfectamente"




Neira Vilas tamén fixo mención a varios aspectos da súa vida persoal para destacar o valor do galego. "Eu escríbome con xente de Cuba, da Arxentina, de Bulgaria, mesmo do Xapón ou da China. Con todos o fago en galego. E despois hai algunha xentiña por aquí que non quer usalo e que di que lle é difícil [...]. Tamén manteño correspondencia con filólogos de Suecia, Noruega, de centroeuropa, interesados no galego. Se hai xente de tan lonxe que estuda o galego por algo será."

Contounos unha anécdota familiar. El emigrara de novo a Arxentina e naturalmente comenzou a manter correspondencia coa familia. Non tardou en deixarlle claro ao seu pai que quería que lle escribira en galego.
- Pero, se eu non sei escribir en galego -contestoulle o pai- teño moitas faltas.
- Tamén as tes en castelán -foi a resposta de Neira Vilas.
Encol disto, o escritor insistiu en que daquela por asistir a unha mala escola uns poucos meses xa se lles quedaba a idea de que a escritura tiñan que facela forzosamente en castelán. O castelán era a lingua do colexio e isto xenerou moitos prexuízos.

Comentou que 'Memorias dun neno labrego' xa foi traducida a 16 idiomas. Cando se poñían en contacto con el para tratar sobre as condicións da edición, Neira Vilas só lles pedía unha cousa, que incluíran un texto presentando a obra no que se indicara que foi escrita en galego, unha lingua do suroeste atlántico europeo. Xosé Neira Vilas mostrouse orgulloso de que grazas a isto, e á enorme divulgación das 'Memorias', a nosa lingua comenzou a ser coñecida nen moitos lugares do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario