29 de maio de 2012

Concursos de microcurtas e microrelatos

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Silleda , que dirixe a alcaldesa Paula Fernández Pena, vén de convocar un concurso de microcurtas e outro de microrrelatos.
As obras presentadas a calquera deles, deberán estar integramente feitas en Lingua Galega, e poderán concursar todas as persoas que teñan entre 12 e 20 anos e estean censadas en Silleda.
As micro curtametraxes deberán ter unha duración máxima de 8 minutos e versar sobre a situación da lingua galega na sociedade contemporánea e o uso cotián do galego en calquera entorno social. Poderán estar editadas e tamén ser ou non de ficción.
 As obras audiovisuais teñen que ser entregadas no Concello de Silleda, ou enviadas por correo á Casa Consistorial, en formato DVD PAL. Deberán entregarse co título e cun pseudónimo escritos, e acompañados dun sobre pechado onde tamén aparezan o título da obra e o pseudónimo no exterior do mesmo, e que conteñan unha tarxeta con todos os datos persoais do realizador.

Os microrrelatos non poderán superar os 300 caracteres de extensión e a temática é libre, aínda que tamén teñen que estar integramente en galego. Deberán presentarse tamén no Concello, ou ben en rexistro ou ben a través do correo postal, impresos en A4 e firmados cun pseudónimo. Coma no caso anterior tamén deben ir acompañados dun sobre pechado onde por fóra estea escrito o pseudónimo e no interior unha tarxeta cos datos persoais.
 Só haberá un gañador de cada modalidade, e o xurado encargado de valorar as obras estará formado por dous profesionais dos medios de comunicación e pola Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena.
 Premios
O autor do mellor microrrelato gañará un e-book e o da mellor microcurta gañará un tablet; ambos premios están valorados en 100 euros; asemade, os centros educativos aos que pertenzan gañarán un lote de libros en galego cada un, valorados en 50 euros. O prazo para presentar os traballos comeza o vindeiro dia 14 de maio e rematará o 30 de xuño de 2012, e as bases atópanse en www.silleda.es.

Ningún comentario:

Publicar un comentario