A ALDEA DE BALBINO
NA CRÓNICA DE NEIRA VILAS
Xoán Carlos García Porral
Xosé Neira Vilas voltou a emigrar; para non volver. Pero, desta vez,
deixounos unha herdanza que temos a obriga de conservar, protexer e difundir a
través da nosa lingua: a súa obra. O 23 de outubro deste ano, arredor da unha
tarde, foi a última vez que estiven falando con el na súa casa. Acompañábame
Fe, amiga e compañeira de traballo. Pepe agardaba polo xantar. Recibiunos
encantado, e durante algo máis de media hora desfrutamos das súas sempre
agarimosas e engaiolantes verbas. Entre unha e outra anécdota, dixo: “Eu,
non fondo, dedícome a escribir xogando coa mentira”. Sempre humilde,
restaba importancia a súa faceta de cronista dun mundo esquecido e subestimado
como era a aldea do seu tempo de neno. Así que, en 1961 creou a Balbino. E a
través deste, infundiu pulos en todos aqueles que nacemos e vivimos no rural.
Dignificou aos labregos e aos emigrantes. E como dicía antes, agora o noso
deber e perpetuar a súa obra. Esa é a mellor homenaxe que lle podemos facer. Gracias
Pepe.
Cando Balbino,
o protagonista de Memorias dun neno labrego, se refire á aldea, empézaa
presentando como unha mestura de lama e fume, onde os cás ouvean e a xente
morre cando está de Deus. Nesta aldea, os seus veciños eran propietarios
dunhas construcións básicas: unha casa na que vivir e que se compartía co
gando, e un pallal, un hórreo e un alpendre no que gardar as ferramentas, o
carro e outros apeiros da labranza, así como a leña e o froito das colleitas
realizadas ao longo do ciclo agrícola. Estas casas tamén se caracterizaban por
posuír un terreo e unha horta na que cultivar legumes e hortalizas destinados
tanto ao consumo doméstico como animal. Por outra parte, toda a veciñanza
compartía un muíño no que moer o gran para alimentar aos animais e facer o pan,
e un regueiro, un río ou unha presa no que fregar a roupa cando estaba xa está
sucia.
En canto á
roupa, esta non soia ser do mellor. O mesmo Balbino fai referencia a que no
verán andaba descalzo, reservando os zocos para o inverno, previo untado con
graxa de porco. Nos pantalóns eran frecuentes os remendos, así como era
habitual ter un traxe e uns zapatos
novos (aínda que estes tiveran certo tempo) cos que lucir os domingos e os días
de festa e situarse preto dos “ricos” (Manolito), que acostumaban non só a
poñer zapatos novos e traxes bos, senón tamén a levar consigo un reloxo. Os
ricos tamén se distinguían pola súa alimentación. Mentres estes desfrutaban do
pantrigo e de leite con café, aos menos avantaxados só lles quedaba o pan de
boroa e o caldo. Iso si, ambas clases sociais tiñan acceso ao viño, aínda que
aqueles con máis frecuencia ca estes.
Pero no vestir
e no comer non só era onde se apreciaban estas diferenzas sociais. A
realización dos traballos e das tarefas agropecuarias, base do sistema
económico do mundo rural, trazaba a liña divisoria entre ricos e pobres, entre
“amos” e “caseiros”, entre propietarios e servos. A familia de Balbino levaba
ás costas o cualificativo de “caseiros”, algo que os facía ser máis pobres
ca os pobres por ter que aturar aos amos, ademais de entregarlles a estes a
metade de cada colleita. Unha das saídas a esta situación ía ser a emigración:
unha maleta de madeira feita por un carpinteiro, unha viaxe en barco desde os
peiraos de Vigo ou de A Coruña, e unhas cartas cargadas de morriña desde o
outro lado do Atlántico, converteríanse nos selos de identidade dunha “raza” de
xente sufridora e inconformista que loitou por mellorar a súa situación e a das
súas familias.
Os traballos
agropecuarios concatenábanse ao longo do ano segundo a estación e o froito que
houbera que sementar ou recoller. O carrexo de esterco no carro, a gradadura
das terras para o sementado do millo e das patacas, a arrendadura destas para
quitarlle as herbas, o ter que levantarse cedo (ás tres da mañá) para ir
xuntar os mollos,... eran tarefas que tiñan o seu momento oportuno ao longo do
ano, e sempre tendo en conta o ciclo lunar. Por exemplo, durante o crecente non
se podían matar os porcos xa que logo a carne criaría bichos, mentres que polo
minguante non só se podía realizar a matanza senón que tamén era o tempo
oportuno para botar a remolacha e poñer a horta e o cebolo, xa que deste xeito
estes froitos non espigarían.
Mais había
tarefas que eran de todos os días ou, cando menos, que gozaban de certa
frecuencia: ir co gando para o monte despois de ter que erguerse cedo, tornar a
auga coa sacha nos prados de rega, ter as ferramentas a punto como era o caso
do cravuño da gadaña,... E nestas tarefas cotiás os rapaces xogaban un
importante papel, xa que normalmente eran os encargados de chamar o gando nas
épocas de labra das terras. Este cometido imposto polos maiores da casa traía
consigo o abandono escolar. Ante o traballo das terras, sobre todo se estaba bo
día e non chovía, calquera outra actividade propia dos rapaces coma ir a escola
ou xogar, perdía a súa razón de ser. Con saber ler e escribir era dabondo. E
algún, se era terra de bandas, podería aprender algo de música coa finalidade
de gañar algún diñeiro. A outros rapaces non lles importaría faltar á escola,
aínda que fora para traballar no agro. E é que daquela o dito de que “a letra
con sangue entra” estaba tan presente que algún ata lataba sen ter unha causa
“xustificada”, como podería ser o ter que axudar na casa.
Outra
actividade propia dos rapaces era o xogo, tanto cando os seus proxenitores llo
permitían coma cando os desobedecían ou faltaban á escola. Xogos tradicionais
como a panda, a estornela ou a pita cega, alternaban coa imaxinación propia do
neno á hora de facer macacos coas carolas dos nabos, facer paxareiras, armar
liñas no río para pillar troitas ou lazos no monte para os coellos. Esta
imaxinación que os rapaces depositaban á hora de procurar un entretemento,
víase ilustrada polos contos dos maiores ao pé do lume da lareira. As lendas,
os contos de meigas, as anécdotas de tempos pasados,... ían fixando nos nenos
un mundo máxico entrelazado coa realidade na que lles tocaba vivir, de tal
xeito que a veces non se sabía onde remataba a realidade e onde empezaba o
imaxinario.
Outra fonte de
entretemento, tanto para nenos coma para xente maior, eran as festas e as
feiras. Nestas non podía faltar a ración de polbo, tanto se se vendía gando
coma se se mercaba. Menos frecuentes eran as festas, pero non por iso menos
desexadas. Cada parroquia posuía a súa ou súas festividades (a Virxe do
Carme, o San Antón, o San Roque, o San Ramón,...). O
repenicar das campás e o ruído dos foguetes marcaban o lugar a onde un debía
dirixirse se quería gozar dun día de troula e lecer. Os oficios litúrxicos nas
igrexas e a música de banda e dos gaiteiros nos soutos e nas carballeiras,
xunto coa luz de cores que propiciaban os faroliños, ambientaban o día ou días
de festa nos que a aldea rachaba coa rutina diaria do labor agrícola e
gandeiro. Os nenos, a correr tras das canas dos fogos; os mozos e os maiores, a
gozar do baile no campo da festa. Estas eran as celebracións que marcaban e
definían a identidade dunha determinada comunidade fronte aos pobos veciños.
Pero por riba de todas elas estaban as festas tradicionais galegas: o canto dos
reis, o Entroido e o San Xoán. Esta última ía cargada de maxia: as cacharelas
alumaban a noite máis curta do ano entre o son das gaitas, o bater das
pandeiretas, e os aturuxos da xente, empurrada por as xerras de viño e o baile
arredor do lume escorrentador das meigas.
Pero estes
tempos de festa e divertimento alternaban con momentos de tristura, sendo a
morte o feito que maior desconsolo e solidariedade producía entre a veciñanza.
O velorio transcorría na casa do defunto. A cociña enchíase de xente da aldea e
doutras parroquias, e aos que se quedan pola noite había que darlles a cea. Non
eran poucas as veces nas que esas noites de pésame e de rosarios se acababan
convertendo en encontros idóneos para poñerse ao día nos contos e botar a
partida ás cartas. A carreira das campás das igrexas facían pública unha morte.
Unha morte que traería consigo o loito para os familiares do falecido e ter que
quedarse na casa cando había festa na aldea ou en parroquias próximas. Os máis
beneficiados, a parte dos que ceaban na casa do defunto, eran os curas. Estes
comían queixo e pantrigo na sancristía, unha parva ofrecida pola familia do
finado como agradecemento polas honras fúnebres. Á marxe desta función, os
cregos velaban polo recto comportamento do pobo, así como pola instrución da
catequese. Tamén había aqueles que excedían da súa función preparando aos mozos
e mozas en disciplinas seculares (matemáticas, lingua, historia,...), ou que
incluso compartían unha cunca de viño e botaban un conto cos homes da parroquia
na taberna. Eran os máis “modernos”. E todo cura precisaba dun sancristán. Este
tiña unhas funcións ben definidas, que ían desde tocar as campás ata atender os
enterros e cabodanos, varrer, botar a auga na pía, acender e apagar as candeas,
sacar a caixa das ánimas, coidar os santos,...
Neste ambiente
rural, Balbino tiña inquedanzas. A aldea quedábaselle cativa. El, fillo de
caseiros, máis pobres ca os propios pobres por ter que aturar aos amos, dábase
conta de que a vida non era igual para todos.
(Texto tirado do libro “De
Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea”, Lóstrego 2012; prologado por Xosé Neira Vilas).
Ningún comentario:
Publicar un comentario