Blogue do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro (Silleda)
19 de feb. de 2013
Preparando o Día de Rosalía
A Fundación Rosalía de Castro estreou o seu novo portal na arañeira dixital. Xusto a tempo para difundir os actos do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro. Parabéns pola iniciativa e o esforzo feito para achegarnos máis á figura da poeta. Agardamos que se vaian completando os espazos deste web con información máis completa sobre a súa obra e traxectoria vital. De certo que será toda unha referencia. En colaboración coa AELG proponse aos centros do ensino a inclusión no venres 22 actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que se divulgarán desde o portal da AELG para darlles visibilidade social.
Nós tamén estamos preparando o Día de Rosalía tal e como podedes ver nestas primeiras fotos.
Haberá máis.
Para ir colléndolle o punto deixamos aquí estes versos que escoitaremos o vindeiro venres:
Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo:
¡Non che teño medo, moucho,
moucho, non che teño medo!
Unha noite, noite negra,
como os pesares que eu teño
noite filla das sombrizas
alas que estenden os medos;
hora en que cantan os galos,
hora en que xemen os ventos,
en que as meigas bailan, bailan,
xuntas co demo pirmeiro,
arrincando verdes robres,
portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,
tendido los brancos pelos,
contra quen os cans oubean
agoirando triste enterro (...
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario