28 de feb. de 2020

OBRADOIRO: ROSALÍA DE CASTRO, IMAXE E RECICLAXE



A   Asociación de Escritores en Lingua Galega aproveitando que o 24 de febreiro celebrouse o aniversario da primeira edición de " Cantares Gallegos" , sacou a idea de instaurar esa data como Día de Rosalía  de Castro. Para o EDL do IES Pintor Colmeiro e para a sociedade galega en xeral, mostrar a lingua galega coma unha lingua de cultura e de importancia internaciónal a través da obra e figura de Rosalía de Castro é de vital importancia.


Do día 28 de febreiro ata o 6 de marzo e en colaboración coa Biblioteca do centro, desenvolverase un obradoiro dirixido a todo o alumnado do centro no cal elaboraranse broches e aneis con materiais de reciclaxe. O obxectivo é divulgar a obra de Rosalía e ao mesmo tempo inculcar hábitos de reciclaxe e coidado da natureza. 

29 de nov. de 2019

25 N . NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO


O alumnado de 3º de ESO elaborarou unha pancarta en recordo das vitimas da violencia de xénero. O día 25 de novembro houbo varias actividades contra a violencia de xénero no IES Pintor Colmeiro , entre elas, a asistencia á concentración convocada polo Concello de Silleda na Praza da Igrexa. O alumnado de PMAR e FPB despregou a pancarta elaborada polo alumnado de 3º da ESO.


23 de maio de 2019

CORRELINGUA 2019 .O GALEGO É A FÓRMULA


O galego é a fórmula foi o lema da 19 edición do Correlingua celebrado  o día 21 de maio no concello de A Estrada.  O correlingua céntrase   na necesidade de que o galego estea presente en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico. Desta idea nace o galego é a fórmula, lema no que se inspiraron todas as accións do Correlingua 2019.
Nesta edición contouse, unha vez máis, con concursos para todos os niveis do ensino, como son o de manifesto, o de vídeo e o de banda deseñada. O IES Pintor Colmeiro participou con 85 alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO . Aportamos carteis e lemas para un día festivo e conmemorativo. Todos  e todas xuntos  no percorrido polo  Concello de A Estrada ,apoiando a nosa lingua co lema " O GALEGO É A FÓRMULA"

16 de maio de 2019

Letras Galegas 2019. Antonio Fraguas Fraguas





O antropólogo, xeógrafo e historiador Antonio Fraguas Fraguas naceu o 28 de decembro de 1905 na vila pontevedresa de Cotobade. Sendo estudante de bacharelato fundou a Sociedade da Lingua para a defensa do noso idioma e a elaboración dun dicionario.
En 1928 formou parte do Seminario de Estudos Galegos que foi clausurado pola ditadura militar despois da Guerra Civil.Tamén foi membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que chegou a ser director da Sección de Etnografía e Folclore.En 1951 entrou a formar parte da Real Academia Galega, ocupando o posto de Alfonso D. Rodríguez Castelao.Dirixiu o Museo do Pobo Galego ata o seu falecemento en 1999.


Seminariogalan.org

O alumnado de 2º ESO elaborou un mural baseado no labor patrimonial de Antonio Fraaguas, dito mural,  complétase coa maqueta dunha carballeira e unha mámoa feita con diferentes materiais. Esta representación constitúe un símbolo do noso patrimonio natural e cultural que todos debemos coñecer , respectar e coidar.

D. Antonio Fraguas plantou durante toda a súa vida centos de frondosas autóctonas e como xeógrafo coñeceu o noso patrimonio natural contribuíndo á súa conservación.

Telexornal Antonio Fraguas. Excelente Proxecto. Parabéns ao CPI "Os Dices"

7 de maio de 2019

VI CONCURSO LITERARIO Mª VITORIA TABOADA: OS PREMIOS


Concurso María Taboada . http://tarabelateca.blogspot.com/2019/05/vi-concurso-literario-m-vitoria-taboada.html


VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios

Xa temos gañadores do VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada: 




Na categoría de relato curto resultou gañador BREIXO RIVAS FERNÁNDEZ polo relato presentado baixo o lema “O voo 3623”; o xurado valorou especialmente a orixinalidade da historia, exposta cunha coidada construción narrativa e cun uso preciso das descricións que te somerxen nos escenarios da mesma.


Nesta categoría de relato curto o xurado considerou outorgar dous accésits:

Accésit para ALBA LUGO REY por “A caída luar”, pola brillante mestura de realidade e mito nunha narración suxestiva grazas á súa coidada precisión léxica e sintáctica.


Accésit para AINHOA PEREIRA GARCÍA polo relato titulado “O repartidor de xornais”, pola valentía na expresión dunha historia dura que te fai partícipe da crueldade dunha realidade que, con todo, deixa un final aberto á esperanza.


O xurado considerou deixar deserto os premios de poesía e sketch teatral.

23 de maio, ás 12:00, terá lugar o acto de entrega dos premiosna biblioteca do instituto.


 A seguir os textos premiados:

Relato:

1º premio:


O voo 3623
Aínda recordo as palabras do piloto, pero négome a recordar as voces de terror do resto dos pasaxeiros. "Estou soñando ou realmente estou a punto de ter un accidente de avión?", pensaba eu. Tras escoitar aquela noticia só recordo a cara de medo dos pasaxeiros e o impacto daquela pesada nave contra o chan dun escuro bosque, nada máis, nin sequera o comezo do descenso.

Dispúxenme a saír da aeronave por unha das portas de emerxencia. Non sei quen nin como a abriu. Probablemente o proceso fora automático, porque a única supervivente era eu; por sorte ou por desgraza, eu, unha moza calquera de vinte e tres anos, unha moza que só quería volver á Galiza tras estar como voluntaria nunha ONG do Ecuador, eu que collín ese avión por chegar tarde ao meu voo orixinal, alí estaba, asustada nun lugar perdido, nun profundo bosque suramericano, probablemente a selva amazónica, pero como o ía saber?

Botei practicamente dous días chorando, maldicindo  a miña sorte e o meu teléfono móbil por non ter soado cando tiña que soar. Esa alarma tería salvado a miña vida, porque na miña situación actual a morte era algo máis próximo que a vida. Nun destes pensamentos recordei que tiña o meu dispositivo no equipamento de man do avión. Só tiña que volver. Volver á aeronave que tiña a escasos metros e da que non me atrevera a afastar tras o accidente, volver ao que foi o meu inferno, volver a un avión que non debería ter collido. Agora iso era irrelevante, non hai volta ao pasado, a ese pasado tan próximo.

Achegueime á porta de emerxencia, que hai escasos días fora para min a saída dese inferno moderno, fabricado polo home. Mentres ía acercándome notaba un olor raro. Crin que sería o combustible do avión derramado, pero cando me acheguei á porta algo peor me asaltou. O cheiro procedía dos corpos sen vida dos meus compañeiros de viaxe. "Tería sido máis sinxelo estar entre eles", pensei, pero pronto me arrepentín dese pensamento. Tiña unha familia, un futuro por diante, unha carreira,... Continuei mergullándome naquel mar de cadáveres que se atopaban no chan do avión ata que localicei o meu asento. E alí estaba aquela mochila pequena que comprara nun mercado do Ecuador, aquela mochila que podía significar a miña supervivencia e o alivio de moitas familias que polo menos poderán ver por derradeira vez aos seus seres queridos. Dispúxenme a irme co macuto ao lombo pero ao ver o carro da azafata asaltoume unha idea. Precisaba comer e beber estaba débil e, aínda que chamase, a miña localización ía ser complicada e duraría días, ou semanas. Dirixinme ao carro, esta acción obrigábame a soportar o tufo desprendido polos corpos sen vida do resto de viaxantes durante un pouco máis do que cría ao principio, pero eses minutos máis podían ser a diferenza entre que as persoas que veñan na miña busca atopen unha supervivente ou un simple cadáver.

Saín da nave co peto grande da mochila cheo de botellas de auga e zume, barras enerxéticas e conservas, e no peto pequeno o dispositivo móbil. Quen o ía dicir cando a merquei! Era un simple recordo que levar da miña viaxe para a casa, pero agora podía ser a clave da miña vida.

Cheguei ao exterior e fun cara ao recuncho que levaba utilizando como refuxio durante eses dous longos días. Era un simple tronco de árbore que caera sobre dúas pedras deixando un oco no medio, un simple oco que fora e continuaba a ser a miña vivenda. Deixei a mochila cos víveres no que era o meu fogar e saín de alí co meu móbil. Tiña o dez por cento de batería e unha soa liña de cobertura. Non me podía permitir facer esa chamada. Sería gastar a batería arriscándome a que esa liña non fose suficiente para manter unha conversación entendible co receptor da chamada. Polo tanto busquei un punto elevado, pero que fose accesible para unha persoa coma min que non me caracterizo pola miña capacidade escaladora. Tras mirar ben, durante un longo período de tempo ao meu redor concluín que o mellor lugar era o temón de cola do avión.

Dirixinme ao avión e subín pola á esquerda ata o teito. Fun con coidado de non esvarar ata o temón, subín a el e senteime na cima. Dispúxenme a marcar o número de emerxencias do Ecuador, pero recordei que probablemente xa estaría noutro país e que esa chamada sería inútil. Polo que chamei a meu irmán. "El sempre ten o móbil á man; seguro que me colle". Chameino, e tras esperar un pouco escoito a súa voz, esa voz que tanto mandei calar, esa voz que será a miña única salvación. Conteille todo o sucedido, dinlle datos sobre tempo de voo, ligar de saída, de chegada, compañía, o modelo de avión, que estaba escrito no temón de cola. E sobre todo pedinlle un favor, un favor insignificante para moitos, pero moi importante para min: "Non lle digas nada a papá e a mamá ata que todo se solucione". El a duras penas dixo que non o faría, aínda que non estaba de acordo coa miña orde. Despedinme del dicíndolle canto o quería e co temor de que fose a última vez que escoitase a súa voz, ou neste caso a de calquera persoa.


Botei vinte e sete días alimentándome do que conseguira no carro do avión, gardando os zumes e as barras enerxéticas para os días que me atopase máis cansada. Vinte e sete días a intemperie, vinte e sete días temendo o ataque dun depredador feroz, vinte e sete días con medo de non volver a ver a miña familia, vinte e sete días ata que aparecestes vós, unha patrulla enviada polo ministerio de exterior, os meus salvadores.

Xa sei que agora ides informarme do ocorrido co voo, da sorte que tiven e dese tipo de cousas. E posteriormente levarédesme a unha cidade, a un hospital, e cando se confirme que teño boa saúde enviarédesme de volta á Galiza. Pero hai algo que preciso facer antes, algo que é tan importante coma o feito de que me atoparades con vida: chamar a meus pais. Poderiádesme deixar un móbil ou unha batería para cargar o meu?

Antes de nada quero darvos as grazas, grazas por buscarme, grazas  por atoparme, grazas por salvarme deste inferno verde no que se convertera a miña vida neste último mes. E tamén pedirvos que localicedes rápido aos familiares do resto de pasaxeiros. Só levaba hora e media de voo con eles, ademais do tempo de embarque, pero sei que aquí ocorreu unha desgraza na que morreron persoas de bo corazón. Persoas que ao igual que eu tiñan un futuro por diante, unha familia, unha vida. Vida que por desgraza non lograron continuar, familias ás que non volveran a ver e un futuro que non poderán aproveitar polo cal eu, a única supervivente, vólvovos dar as grazas unha e mil veces.

Estas foron as palabras de Andrea, única supervivente do voo 3623 de Quito con destino Santiago de Compostela, cando os membros da policía brasileira a atoparon con vida no medio da selva amazónica.
 Breixo Rivas Fernández

Accesit:
A caída luar
De súpeto, Selene espertou. Coa respiración axeitada e os ollos chorosos, devolveulle a mirada á escuridade que durmía na súa habitación. Ergueuse un pouco e retirou da súa faciana as guedellas de cabelo que insistían en pegarse á súa suorenta fronte. Levaba tendo ese pesadelo dende había xa case un ano, e sempre acontecía como mínimo unha vez ao mes.
Suspirou, abandonou a súa desordenada cama e achegouse á fiestra, non sen tropezar antes cun coxín que había tirado no chan. Abriu as cortinas e mirou ao ceo. Aló arriba, estaba a lúa, que esa noite dáballe as costas á terra e privábaa da súa guía. Selene apoiou os brazos na cornixa da ventá e deixou que as estrelas a entretivesen cos seus ensarillados patróns. Brillaban con cores frías, lembrándolle o pesadelo que se repetía unha e outra vez na súa mente:
Camiñaba por un sendeiro no monte, cos dedos rozando os impoñentes carballos xeados que ascendían sen fin cara o firmamento, e cos seus ollos de cristal camiñando a paisaxe. Era unha noite fría, unha noite escura, unha noite morta. Na terra xeada repousaban follas conxeladas de recordos, que  escorreran entre as delgadas pólas do tempo. Selene pasaba sobre elas, coma unha pantasma antiga que sabía todos os segredos do mundo, a historia dos tempos, que percorreu a memoria de todos os que non saben e non menten. Sentía que o seu corpo medraba cada vez máis, así coma a luz que irradiaba do seu interior. Pero sempre había un momento no que comezaba a apagarse. Deixaba ás súas costas a sombra dunha figura que pouco a pouco deixaba de existir. Nese momento, acabábase o sendeiro. Pero ela seguía avanzando, precipitándose pouco despois cara á néboa. Caía ao baleiro, afastábase cada vez máis dese monte invernal, ese reino de cristal, do seu fogar, que desaparecía ante os seus ollos. E entón tocaba o chan, cun golpe forte pero inaudible. Era ese o momento no que Selene espertaba.
Mentres cavilaba fronte á fiestra, levou unha man ao peito, a ese punto entre as costelas que sempre se sentía fresco e doído cando tiña ese pesadelo. “É curioso,” pensou. “Sempre que teño este soño hai lúa nova”. Quitándolle importancia a ese feito, un bocexo asexou polos seus beizos, polo que pechou as cortinas e regresou ao leito. Asegurándose de que as sabas estaban estiradas, deitouse e sentiu unha estraña sensación de alivio. Pouco a pouco, as súas pálpebras ocultaron dúas esferas prateadas. Selene caeu entón nun profundo sono coa inexplicable certeza de que volvería moi pronto ao seu fogar de cristal.
 Alba Lugo Rey

Accésit:
O repartidor de xornais
Lembro aqueles espantosos acontecementos coma se tivesen sido onte. Aínda podo sentir o sangue esvarando pola miña perna, o son das bombas retumbando unha e outra vez na miña cabeza, e, o peor de todo, a imaxe da xente fuxindo, chorando e berrando desconsoladamente ao meu redor.
Era eu un repartidor de xornais inexperto. O sol comezaba a saír para dar comezo a un novo día. Un día que decidiría o resto da miña vida, aínda que iso eu aínda non o sabía. O exército israelí atacara xa todas as localidades veciñas, así que sería cuestión de pouco tempo que se decidisen a atentar contra a miña. E, efectivamente, aquel día chegara. Ese momento tan temido por todos e cada un de nós. Chegara o bombardeo. A primeira debeu de caer a uns cen metros do lugar onde eu estaba. Formouse inmediatamente un alarmante silencio entre todas as personas que estaban nese momento preto de min, e sen apenas transcorrer dez segundos máis, chegou a segunda, a terceira, a cuarta...
Os berros manifestáronse á vez que a explosión da segunda bomba. O temor que se podía sentir era tan grande como a morea de xente que corría desorientada, sen pensar noutra cousa diferente de salvarse. Eu ía en bicicleta, pedaleei coma nunca o fixera, sen mirar atrás en ningún momento. De súpeto, puiden escoitar, máis preto do que desexaría, o son do lanzamento doutra bomba. A partir dese momento unicamente lembro unha dor terrible na perna, o meu corpo tendido na estrada, e o fío de voz que saía polos meus beizos suplicando axuda, coa esperanza de que alguén me escoitase.
Abrín os ollos e puiden apreciar dous rostros totalmente descoñecidos á miña beira. Sentía latexos no meu xeonllo, como se do meu corazón se tratase. Unha desas persoas relatoume con todo detalle como me rescataran dunha morte lenta e segura, pois vivían xusto diante do lugar onde pensaba morrer. Tras agradecerlles repetidamente a súa valentosa acción, descubríronme a perda da miña perna do xeonllo para abaixo. Lembro pensar nese momento que ata aí chegaran as miñas ansias de vivir, pero analizando ben a situación, decateime de que había miles de persoas que non correran a miña sorte. Foi nese momento cando comecei a reivindicar os dereitos de Palestina, aínda que non foi fácil, pois tiven que ver como chegar a diferentes lugares para pedir axuda, para protestar polos que xa non poden e polos que non poderán.
 E, se che digo a verdade, non pensei que ía lograr chegar tan lonxe coa miña mensaxe, así que só espero que os estados dos demais países me escoiten nalgún momento e non miren para outro lado ante esta inxustiza, ante este xenocidio. Todas as persoas temos o dereito á liberdade, á igualdade, á vida.
Agradezo a esta emisora por permitirme darlle luz a este grave conflito.
                                                                                                                         Ain



5 de abr. de 2019

O IES Pintor Colmeiro rinde unha homenaxe a Ramón de Valenzuela




Faro de Vigo. 4 de abril de 2019

Ramón de Valenzuela Otero naceu no Pazo Casa da Viña en Abades o 3 de outubro de 1914, onde comezou as primeiras cartas para converterse nun dos poucos narradores galegos que probaron unha crónica persoal das experiencias da guerra civil española.

O curso pasado 2017-18,o ENDL do IES Pintor Colmeiro , nomeou  unha aula e honramos a figura de Alonso Ríos. Este curso 18-19 a homenaxe recaeu sobre Ramón de Valenzuela . Con estas dúas homenaxes quixemos ensalzar a obra e vida  de escritores locais para recuperar a súa memoria e transmitirlla ao noso alumnado.

Obras :


       As bágoas do demo (1964)

   

7 de mar. de 2019

8 de marzo, Día internacional da muller traballadora


Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é festa recoñecida nalgúns países, por veces, utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións para mellorar as condicións da muller, e festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.[1]

27 de feb. de 2019

24 de febreiro. Día de Rosalía de Castro


A Asociación de Escritores en Lingua Galega, con moi bo sentido e aproveitando que o 24 de febreiro se celebrou o 150 aniversario da primeira edición de “Cantares Gallegos”, sacou a idea de instaurar esa data como Día de Rosalía que ano a ano vense celebrando nesa data. Dende o EDL do IES Pintor Colmeiro pretendemos que o noso alumnado valore e empregue a lingua galega coma unha lingua máis. Nas Xornadas de Formación dos EDLG , SUMANDO ESPAZOS, ESPALLANDO LINGUA  que se celebrou o 26 de xaneiro no Pazo de San Roque , tomamos nota de varíos recursos para seguir espallando a nosa lingua.

Nesta ocasión o alumnado de 1º e 2º da ESO elaborou coa coordinación do EDL e o profesorado titor, unha actividade que consta de dúas partes. Na primeira parte, cada alumno/a fai corresponder unha estrofa de Rosalía cunha imaxe tomada por eles e relacionada  coa temática social ou sentimental desa estrofa .
Na segunda parte, co material recollido, construímos unha instalación chamada " O tendal de Rosalía" . As imaxes e a narrativa forman parte conceptualmente do eido afectivo- emocional igual que as roupas  e teas que vestimos. 

20 de dec. de 2018

O ENDL DO IES PINTOR COLMEIRO DESÉXACHE BO NADAL





Chega o Nadal e con el, unha oportunidade para agasallar literatura galega , lecturas na nosa lingua . Desde o ENDL do IES Pintor Colmeiro recomendámosche que visites os seguintes enderezos, neles, atoparás unha morea de libros de narrativa , poesía e divulgación para agasallar nestas Festas.

.http://culturagalega.gal/lg3/lg3_todas.php

http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/equipos-de-dinamizacion-da-lingua-galega/datas-sinaladas

27 de nov. de 2018

25N . Todos e todas contra a violencia de xénero



O IES Pintor Colmeiro  volve tinguirse de negro este novembro para berrar contra as violencias machistas.


O IES Pintor Colmeiro deu conta na mañá do venres 23 da posta en común de actividades e accións organizadas para educar ao alumnado en contra das actitudes e violencias machistas. O alumnado elaborou carteis  e durante os dous recreos leron manifestos e recordamos ás vitimas da violencia de xénero. Así mesmo, proxectouse un vídeo sobre a reflexión de actitudes machistas no ensino e como os adolescentes afrontan estes comportamentos. Estas actividades foron coordinadas polos seguintes departamentos: Departamento de Actividades Extraescolares, Departamento de Orientación e o EDL .


















30 de out. de 2018

Chega o Samaín . (forma galega de Samhain, que deriva do Irlandés antigo e significa fin do verán).


O Samaín celebrábase ao final da tempada de colleitas na cultura Celta.


A antiga festividade céltica do samaín (pronunciado /ˈsˠaunʲ/ da lingua irlandesa antiga samain) foi habitualmente descrita como unha comunión cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.


O alumnado de 1º C fixo unha escenificación do libro escollido para ler nestas datas. Escarlatina e a cociñeira defunta ,Ledicia Costas. Editorial Xerais.

Deíxovos unha canle de youtube para que pescudedes  máis sobre o libro.
https://youtu.be/Q1ONhLkRubc?t=66


Alumnado de 1º C que representou aos personaxes do libro


1 de xuño de 2018

Gañadores do Concurso de Carteis SEMPRE EN GALEGO.


Un ano máis vimos de outorgar os premios  aos gañadores do Concurso de Carteis 2018, SEMPRE EN GALEGO, este curso co lema do Correlingua , A lingua non para.
Outorgáronse catro premios aos mellores carteis . Os gañadores desta edición son:

Xoana García Iglesias. 1º Premio. 1º B

Aroa Miguélez Agra e Malena Mato Malgarejo. 2º Premio. 1º B

Eugenia Saavedra Guerra . 3º Premio. 1º C

Natalia Enriquez Martínez , Sandra Campos Fuentes e Adrián Fondevila Fernández, 4º Premio. 2º PMAR

Moitos Parabéns.





2 de maio de 2018





V Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios

Xa temos gañadores do V Concurso literario Mª Vitoria Taboada:






Na categoría de poesía a gañadora foi AROA ESPIÑO GONZÁLEZ polo conxunto de poemas titulados respectivamente “Inspiración”, “Depresión” e “Maltrato " por conseguir expresar con precisión e empatía social a variedade extrema da experiencia emocional humana, dende a esperanzada felicidade que proporciona a creación artística ata a crueldade que nega identidades e xera os ocos da depresión.
O xurado outorgou ademais dous accésits:
Un, ao conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Ela pasa”, “Muller” e “Nós mesmas”, da autoría de NOA GARCÍA DÍAZ,pola contundente e directa denuncia da violencia sobre a muller, sen renunciar á expresión coidada e orixinal na liña de actuais formas poéticas vinculadas aos novos medios de comunicación dixitais.
Outro, ao conxunto de poemas presentados baixo o lema “Guerra” da autoría de CRISTINA GUERRA VILApola orixinal fereza e riqueza da linguaxe empregada para expresar, máis alá dos significados, os vaivéns da paixón amorosa e o absurdo das convencións de xénero
Na categoría de relato curto resultou gañador ROBERTO AGRA BUJÁN polo relato presentado baixo o lema “Agra”polo atinado xeito en que mestura a denuncia social cos elementos propios do relato gótico. Nun contexto de crise que afoga o protagonista e a súa familia, o autor  sitúa a aquel nunha atmosfera sobrenatural e aterradora, facéndonos partícipes do seu medo e desacougo.
Nesta categoría de relato curto o xurado considerou outorgar dous accésits:
1º accésit para SARA GRANJA SANMARTÍN polo relato titulado “A illa de Ogigia”, por como reinterpreta o mito clásico dende a perspectiva de Calipso, como muller vítima do poder.
2º accésit para ALBA LUGO REY por “Contratempos de artista”,polo xeito case cinematográfico que lle permite ás persoas lectoras visualizar a escena e pola súa riqueza expresiva.
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.
O 30 de maio, ás 12:00, terá lugar o acto de entrega dos premios na biblioteca do instituto.


  A seguir os textos premiados:
Poesía:
1º Premio:

Inspiración

Ao son do vinilo
as túas mans
pintan con óleo un lenzo.

E neses intres,
onde o viño flúe polos beizos
a inspiración florece.

Movementos coidadosos
cheos de detalle.
Pensamentos de cor.
Figuras de vida.

Ao son do vinilo
as túas mans
bailan sobre as letras.

E neses intres,
onde o fume corre polo aire
a inspiración florece.

Palabras profundas
cheas de mensaxes.
Ideas utópicas.
Persoas de vida.

Ao son do vinilo
medran as cousas.

Depresión

Na mente non queda razón
só loucura.
Onde existían sentimentos,
agora, só un oco.

As mans perderon o rumbo,
non querer finxir máis.
Non me escoito,
non me atopo.

Procuro como anhelo
unha sensación,
e as bágoas tan só
trazan dor.

Cheo de maldade
o desalento corre.
E como unha pinga
a miña identidade desaparece.

Enche o baleiro a loucura,
esmagando os meus restos.
E o quebrar dos recordos
alenta o meu fin.

Maltrato

Tintinan sobre nós os medos
e coas dúbidas voando,
calamos.

Sen voz,
sen opinión.
E como equilibristas
cruzamos unha tenue corda.

Se imos cara a diante,
cáennos pedras.
Se ficamos quedas,
perdemos.

Sen axuda,
sen saber como,
cruzamos a corda.

Cheas de esperanza,
márcanos a escuridade para sempre.
A ignorancia,
a pasividade,
a violencia,
a dor,
mátannos.

Tintinan sobre nós os medos,
e coas dúbidas voando,
somos maltratadas.
Aroa Espiño González
Accésit:

Poema un:

Quero cravar os teus beizos,
contra o meu peito nu,
fíncame contra ti,
gúrrame e non me soltes xamais.

Deploro o instante de non terte,
teimo en ti,
afíncome como nunca antes o fixen de ninguén.
Poño toda a miña labia en ti,
coida que non podo ser máis veraz.

Estimo a beldade do teu ser,
trócasme en beixadora,
coloro edéns no teu espido,
trunfas en min, e gañamos a partida.

O colorido das túas faceiras,
in albis que me incita o teu ollar,
o sismo dos nosos corpos ao unirse,
o vezo, a ti, a nós os dous.

Padecemos unha dilación de apreixos,
executamos un envío de promisións,
realizamos unha proeza xuntos,
a rente túa, ledicia!

Poema dous:

Sexo,
Feminino, masculino?
Discirno, deslindo,
non nos estremedes,
non nos xebredes.

Azul para as nenas,
rosa para os nenos.
Amarelo para @ que lle pete,
laranxa para @ quen desexe.

Poñédesnos a mortalla,
escravos da sociedade,
en catividade do politicamente correcto,
malandríns da liberdade.

Racharemos eses absurdos ideais,
o noso destino é a batalla,
loitar polo que é o noso,
os nosos dereitos,
só pido iso.

Ignorantes da realidade,
inhumanos dispostos a ferir.
Somos persoas,
non xenitais.

Poema tres:

Fúcheste, deixándome soa,
sen darme a opción de compartir momentos contigo,
de vivir só unha meirande parte,
do que viviches cos demais.

Deploro o intre no que falan de ti,
no que aluden ás súas andanzas contigo.
Eu non teño ren,
tan só un retrato, e algunhas abstraccións.

Porque aí si que te teño, no meu acordo.
Disque hai persoas que xamais se van.
Aínda que xa non esteas,
escoito o teu ser,
iso non mo nega ninguén.

Persoas eternas.
Acudo a ti cando non teño a ninguén máis,
endexamais me fallaches.
Ti sempre trunfas, só coa túa caricatura.

Alzaches o voo,
sen ás,
sen ollos,
sen corpo,
sen min.

Cristina Guerra Vila
Accésit:
Ela pasa

Ela pasa
e leva o inverno consigo.
Cos seus olliños tristes,
de estrelas que
perderon desexos.
Ela pasa,
coa súa primavera
libre de cerdeiras,
e os máis tristes
dos versos.
Leva consigo
a tormenta perfecta,
e a dor en venda.
Non quere que
a golpee o amor,
porque ela xa leva
todas as penas
consigo;
cando ela pasa.

Muller

Son esa nena á que non deixaches xogar porque era unha nena.
Son esa moza á que non consideraches rival suficiente coa que discutir pero fartábaste a criticar o seu físico.
Son esa moza á cal non deixabas nas festas tranquila, porque era moi estreita por non facer e moi fresca por facer.
Son esa muller á cal negácheslle o beneficio da dúbida, non a vías capaz de estudar esa carreira. Que non lograría ese posto de traballo polo seu esforzo.
Son esa muller da que te mofas por cruzar de rúa se vai soa pola noite pero que mañá igual non aparece, que vai co móbil nunha man e as chaves na outra.
Son esa muller que xamais se pode pasar de copas, está en xogo a súa vida.
Son esa muller que te rexeitou e chamácheslle de todo.
Son esa muller á que subestimaches, como moitas outras.
Esas outras que demostraron que o termo "sexo débil" só existía nos dicionarios.
Esas que lograron estudar, traballar, ter contas ao seu nome nos bancos, ter negocio propio, ser independentes... ser elas mesmas.
Esas polas que grazas aos seus esforzos, hoxe podemos ser quen somos.
Polas que podo ser o que queira.
Incluso sexo forte, incluso muller.

Nós mesmas

Degradáronnos e infravaloráronnos.
Feito nada humillado, obxectivizado e excravizado.
Mutiláronnos os xenitais.
Tratáronnos como propiedade de pais e maridos.
Matáronnos por bruxas, por putas, por querer estudar, traballar e votar.
Por querer ganar o mesmo que un home, por querer rexer no noso corpo.
Por querer usar anticonceptivos.
Por querer gozar.
Por querer ser libres.
Por negarnos a ser violadas.
Estamos fartas de que nos levanten a voz facéndonos sentir inferiores.
Estamos fartas de que nos digan que nos pasamos ou que somos unhas pesadas e amargadas.
Estamos fartas de que se diga que as principais causas de violacións son o alcohol, a túa roupa, as festas, as rúas solitarias... cando é o violador a causa.
Estamos fartas de ser obxectivizadas e hipersexualizadas, ata o punto de que unha nai non lle pode dar de mamar a seu fillo na rúa pero vemos carteis de roupa interior con mulleres seminúas. De ver nenas de 13/14 anos sexualizadas por levar un top.
Fartas de que cando unha nena está de bo ver, para calar as malas linguas sempre se diga que é a filla de / irmá de / noiva de... porque cando hai un home de por medio respéctase.
Fartas de que cando nos estean insistindo só faga efecto dicir que tes mozo, porque cando hai outro home de por medio, respéctase.
Fartas de que se nos cuestione.
Fartas de que se nos silencie na nosa loita.
Fartas de ser o sexo débil.
Fartas de non poder ser muller e libre ao mesmo tempo.
Noa García Díaz
Relatos:
1º Premio:
Cantas veces se maldicira por facer iso? Xosé estaba cansado xa de entrar en mansións abandonadas de noite a roubar o pouco ou nada que quedase neses lugares esquecidos e lúgubres sobre os que aboiaban as máis escuras e inquietantes lendas. Xa levaba así máis de un ano e aínda non se afixera a entrar pola noite nos outrora fogares de xente rica e nobre.
De todos modos, non quedaba outro remedio; tiña que alimentar a súa muller e os seus dous fillos, e vender o que atopaba nas mansións era o único que lles daba algo de cartos, os suficientes para comer durante dous ou tres días. Sempre había algún amante do pasado disposto a pagar unhas cantidades decentes de diñeiro por calquera parvada que Xosé atopase nas súas excursións.
E, aínda que o sorriso dos seus amados pequenos facía que o esforzo por vencer o medo pagase a pena, nada espantaba o horror e a repulsión que facían presa no cabeza de familia cando se atopaba ante as portas dunha nova construción por explorar e saquear nas horas nocturnas. Era aínda maior este medo cando o ceo se cubría dun denso manto de nubes que ocultaban a lúa e descargaban a súa rabia sobre a terra por medio de chuvias torrenciais e tronos de terrible estrépito.
Nunha situación así, víase agora Xosé, a cúpula celeste parecía berrar con cada tronada e azoutar a terra con cada lóstrego mentres derramaba bágoas de rabia sobre esta, e impertérrita ante todo este espectáculo natural erguíase diante del, impoñente e maxestosa, a mansión da familia Faustotimbrado. Era unha construción feita na súa maioría de madeira, de dous pisos, numerosas ventás de pequeno tamaño que percorrían fachada e un tellado composto por lousas escuras como o ónix.
Achegouse o home á entrada resgardada da choiva por un pequeno peitoril dunha das ventás que se atopaba xusto en riba da porta, forzouna sen moitas dificultades, acendeu a lanterna e dispúxose a internarse na escuridade que reinaba no interior da mansión. Tiña moi presente o que lle dixera un ancián dunha vila próxima: "Esa familia xa era temida polos avós dos meus avós, os rumores din que practicaban sacrificios humanos e rituais nesa casa do monte pero claro, como eran xente próxima ao monarca, nunca se lles fixo nada..."
Alleo ao que Xosé buscaba, o cabaleiro non o advertiu de que non se internase nos corredores daquela casa nin dos rumores que dixeron escoitar algúns transeúntes que tiveron a mala fortuna de pasar diante do lugar pola noite. Pero, de todos xeitos, ao entrar, o pai preocupado en busca de reliquias non escoitou nada máis que os seus pasos e, aínda que intranquilo e atemorizado, comezou a súa busca.
Entrou na mansión e a luz da lanterna rachou as tebras que cubrían coma un denso manto o lugar, puido así ver difusamente a estrutura do vestíbulo no que se atopaba; o chan estaba oculto baixo unha alfombra de po agrisado e unha enorme escaleira erguíase diante del e levaba ao piso superior do cal se podía ver desde a súa posición un corredor xusto ao rematar a subida. No piso inferior, dous corredores partían de cada unha das paredes esquerda e dereita. Atopábase adornado o vestíbulo con diversas cómodas e con numerosas figuras de corpos de madeira de forma antropomorfa que noutro tempo deberon de servir para soportar rexias armaduras.
O vento e a chuvia, así como o ruidoso estrépito dos tronos, entraban con forza polos ocos das fiestra de todo o lugar, resoando co eco e dando unha aura de sinistra maldade e de que en calquera momento unha pantasma podería aparecer clamando vinganza por unha morte inxusta. Tales pensamentos facían que Xosé quedase paralizado de terror, sempre fora unha persoa moi medorenta e aínda que xa levaba tempo saqueando casas antigas, nada era capaz de espantar o horror, pero recordou que del dependía que os seus nenos comesen e desterrou o medo e comezou a camiñar co po amortecendo o son dos seus pasos.
Rexistrou o piso inferior, nada, correu angustiado por todos os andadeiros en busca de algo de valor que puidese vender para alimentar os seus fillos, non atopou ren; logo dispúxose a buscar no piso superior desesperanzado pois este era considerablemente máis pequeno que a planta baixa, tampouco deu con nada que puidese ser cobizado por algún coleccionista de reliquias.
Xa esgotado e esnaquizado pola certeza de que os seus pequenos deberían pasar sen comer uns días, Xosé divisou unha pequena trapela de ferro que brillou cando a lanterna a alumeou. Acercouse ao zapón e tirou del con forza, deixando á vista unha serie de escaleiras feitas na pedra que descendían de xeito moi inclinado e irregular, baixou por elas ávido de atopar algunha valiosa antigüidade.
Ao rematar o tramo de descenso, apareceu fronte a el unha gran porta de carballo con remates de aceiro robusto, Xosé xa se imaxinaba que detrás desa entrada debía atoparse un gran tesouro; grande foi a súa decepción cando atopou unha estancia octogonal baleira feita completamente con pedras irregulares con horrorosos gravados na cal o máis importante que tiña era unha fenda no centro do piso do que parecía xurdir un fume dunha cor estraña e horriblemente inhumana.
Fascinado e atemorizado polo vapor dun ton que nunca vira, o home acercouse con precaución ao centro da habitación e agachouse para examinar máis de preto a emanación. De súpeto a estancia quedou completamente a escuras, a lanterna desapareceu da man de Xosé e este púxose en pé completamente aterrorizado.
A luminosidade volveu tan violentamente como se fora, e cando retornou Xosé sentiu un novo arrepío, no lugar da fenda, atopábase agora un pedestal que remataba nunha ampla cunca sobre o cal repousaba un dodecaedro dun ton parecido ao do fume e do que emanaba a única luz que iluminaba a estancia. Ao redor deste pedestal, atopábanse sete figuras antropomorfas completamente negras que formaban un círculo que Xosé completaba.
Pouco a pouco, foi vendo cunha mestura de horror e fascinación como as pantasmas se ían acercando ao pedestal unha a unha e cortando as palmas das mans cun sinistro aparellado similar a unha daga pero feito dunha densa negrura. Pero o cumio do terror chegou cando Xosé, dominado por un impulso irrefreable, comezou a camiñar cara ao centro da estancia e rachou a pel da súa palma cun coitelo que aparecera dun xeito inexplicable na súa man.
Veu caer o sangue que se disolveu na substancia negra que saíra das mans dos espíritos ao cortarse e ao segundo que lle seguiu observou como da cunca brotaba unha esencia inmaterial de enorme malignidade, non a vía pero sentía toda a súa forma, algo horrible que é todo e á vez, non é nada; os baleiros do inmenso cosmos e de igual maneira toda a materia que habita nos mares escuros de inmensidade estrelada.
De súpeto, unha luz rodeouno e percibiu vagamente cousas que farían tolear a todos os homes; océanos infinitos de abominables seres, ángulos e formas imposibles e aínda sen concibir por ningún ser humano e estrañas terras de grotesca formación como a indescritible X’oht Zwak-iu. Viaxou polo espazo e o tempo, observou os comezos e os finais de milleiros de sistema solares, asistiu ao nacemento do mesmo universo e estivo en presenza de criaturas tan horribles como poderosas que escapan a todas as leis da natureza que o home chegara a coñecer.
Pero todo esta viaxe astral rematou bruscamente, o son da porta ao cerrarse violentamente devolveu a Xosé ao presente e á Terra. O pedestal e o fume desapareceran e agora so quedaban no lugar sete esqueletos que o home puido ver dificultosamente grazas a unha luz de procedencia descoñecida que bañaba a estancia. Correu cara á porta desexando non compartir a mesma sorte que os corpos e tenteou tirala abaixo, nada. Nun instante a luminosidade desapareceu e só quedaron tebras nas que Xosé permaneceu petrificado polo medo.
Roberto Agra Buján
1º Accésit:
A illa de Ogigia
Hai non moito tempo existiu unha pequena illa no mar Mediterráneo chamada Ogigia. Só unha persoa vivía alí, unha rapaza sen nome que se ocupaba de coidar a todos os viaxeiros que alí chegaban.
Sempre pasaba o mesmo. Alguén novo aparecía na praia, ela coidábao e el desaparecía en canto se atopaba mellor.
E así, despois de moito tempo atopou na praia a un rapaz inconsciente e, como acostumaba facer, levouno á súa cova para cambialo de roupa e curalo. Como acontecía pasar nestas situacións, o seu nome veulle á mente, Álex.
Cando o examinou deuse conta de que o rapaz estaba moi mal, levaba días sen beber e semanas sen comer, e estaba gravemente ferido na súa perna dereita, estaba rota.
Debido ao deber da rapaza, os deuses proveran a illa con todo tipo de artefactos para curar enfermidades no menor tempo posible, e aínda que a moza non podía recordar aprender como usalos, sabía o que tiña que facer en cada momento.
E así, despois dalgúns días, Álex abriu os ollos.
−Onde estou? — Foi o primeiro que dixo ao espertar. A rapaza achegouse a el de inmediato, iso sobresaltouno. —Quen es ti? Que queres de min?
−Non te preocupes, quérote axudar. Son a ninfa de Ogigia, chegaches aquí hai uns días inconsciente. Eu estiven coidándote, pero aínda estás moi débil.
O rapaz non parecía entender nada do que pasaba. Parecía novo, demasiado novo como para chegar á súa illa. Entre as súas pertenzas había un coitelo, e o rapaz vestía unha oxidada armadura. Que facía alguén da súa ideade loitando?
−Non confío en ti. — Dixo de súpeto. −Sei quen es. Ti es Calipso. Non sei que queres de min, pero non penso quedarme nin un día máis.
−Calipso? Non entendo.
Durante uns segundos ambos miraron un cara ao outro sen dicir nada. A rapaza non entendía nada. Era a primeira vez que alguén desconfiaba dela. E, quen era Calipso? Por que a confundía con ela?
O xeito en que o rapaz a miraba asustouna, parecía que podería atacala dun momento a outro. Finalmente, ela falou.
−Non sei quen é esa Calipso da que falas. Quero axudarche. O meu traballo consiste en coidar dos viaxeiros que chegan aquí ata que se atopen mellor. Estás ferido, non podo permitir que marches ata que a túa perna mellore.
−E que pasa con Odiseo? Retivéchelo aquí por sete anos só porque estabas namorada del.
O rapaz levantouse, tivo que agarrarse a unha pedra para non caer, pero mantivo o equilibrio.
−Non coñezo a ningún Odiseo. Por favor, senta outra vez, deberías descansar.
Outra vez, silencio. Na mente da rapaza aparecían todo tipo preguntas. Quen era Odiseo? Por que por primeira vez alguén non confiaba nela? Por que Álex parecía tan enfadado? E por que a chamaba Calipso? Ela non tiña nome, era simplemente a ninfa de Ogigia.
Por algún motivo, o rapaz pareceu lembrar algo que o tranquilizou e sentou na cama. A ninfa achegouse a el, quen dixo:
−Así que os rumores eran certos. Ti non o recordas.
−Recordar que? Recordo perfectamente a cada unha das persoas que me visitan, pero non coñezo a ningún Odiseo. E prometo que todos os que quedan aquí marchan en canto se atopan ben. Son soamente uns días. Por favor, confía en min, eu non teño nada que ver con esa Calipso da que me falas.
Pronunciou todo isto o máis rápido que puido. Necesitaba respostas xa. Álex sacou un debuxo da mochila na que estaba o seu coitelo e ensinoullo. Era ela.
−Verás, esta é Calipso. −Comezou a explicar, sen esperar a súa reacción. −Filla dun titán chamado Atlas. Cóntase que vive recluída na illa de Ogigia. Hai moito tempo chegou a ela un heroe chamado Odiseo, e Calipso namorou del. Para que non marchase, ofreceulle a xuventude eterna se quedaba, pero el desexaba volver coa súa muller. Ela, furiosa polo rexeitamento, secuestrouno durante sete anos facéndolle crer que pasaban uns días. A deusa Atenea axudouno a fuxir, e Calipso quedou condenada a vivir na illa para sempre.
Non podía ser. Era imposible. Ela nunca estivera namorada, e moito menos dun tal Odiseo. Pode ser que ela e a deusa Atenea non se levasen moi ben, pero ela estaba recluída por ser a filla dun titán, non por secuestrar a ninguén.
Ela nunca podería facer algo así.
−Entón chámome Calipso? —Foi o único que preguntou.
−Si. E non tes moi boa fama entre os deuses e os heroes. Pero hai pouco empezaron rumores de que a deusa mentira sobre ti para protexer a súa reputación.
−Eu non teño nada que ver con isto. Prométoo. --Cando Calipso levantou os ollos do chan da cova, Álex xa non parecía asustado. —Non entendo nada...
−Non podo contarche nada máis. Agora sabemos o mesmo.
−Pero eu si que estou cumprindo un castigo. Quero dicir,  eu son filla dun titán, os deuses non poden permitir que intente facerme co poder, ou liberar o meu pai. Entendo por que o fan, a min gústame axudar os demais. Gustaríame saír de aquí algún día, si, pero nunca faría dano aos meus visitantes... —O rapaz pareceu sentir mágoa dela, pero só sorriu amargamente. Estaba algo pálido. —Se descansas, mañá volverás á casa.
Tras darlle as boas noites, Álex quedou durmido e, cando Calipso volveu pola mañá, el xa non estaba alí. Outro máis que marchaba.
Pasaran varios días, e a rapaza seguía dándolle voltas ao que lle dixera. Estaban inventando cousas sobre ela? Sempre intentaba axudar a todos os heroes como podía para que volvesen á casa canto antes, e así llo agradecían?
Non podería soportar que o resto dos visitantes desconfiasen dela. Non tiña culpa de nada.
Por primeira vez, cando veu a un novo rapaz tirado na costa, non o axudou de inmediato. Ollou cara ao ceo e, sabendo que a escoitaban, berrou:
−Pensas que é divertido enviar tan seguido xente ferida para que eu faga o teu traballo? Para min non o é! Non quero que te sigas aproveitando de min! Non sei quen é este nin quero ter nada que ver con el. Non penso axudalo, así que podes levalo de volta!
Mentres berraba ao ceo, non se decatou de que o rapaz ollaba cara a ela. Parecía que a situación o divertía.
−Non quero molestar, pero estou xusto aquí.—Dixo.
Calipso, sobresaltada, xirouse a velo e, por primeira vez en séculos, veu como alguén lle sorría sinceramente.
−Preséntome. −Volveu falar−. Chámome Leo, e ti?
Sara Granja Sanmartín
2º Accésit:
Contratempos de artistas
Caía a tarde fronte as ventás do Conservatorio Profesional ao que Aurora asistía. Atopábase nunha aula libre, co xersei engurrándose contra o respaldo da cadeira, os brazos cruzados debaixo do peito e a mirada dos seus ollos café cheos de cansazo cravada no teclado de ébano e marfil. Estaba quedando sen paciencia, que non era moita. Levaba alí sentada máis dunha hora e nos cristais comezaran a aparecer as primeiras marcas de bafo polo ambiente cargado que había dentro da sala. Non entendía como era posíbel que J. S. Bach conseguira compoñer cousas coma as que tiña diante, é dicir, tremendamente complexas e difíciles de executar.
Suspirou, puxo as mans sobre as teclas e comezou a tocar, dicíndose que o intentaría unha última vez antes de que chegase Francis para practicaren a obra que deberían interpretar na próxima audición. Os seus áxiles dedos deslizábanse polo instrumento, enchendo o silencio con melodías que se intercalaban, preguntaban e respondían entre elas.
Estaba na metade da peza cando alguén chamou á porta. Sen levantar a vista do teclado, Aurora respondeu cun sinxelo “adiante”. Entrou unha figura esvelta, morena e sorrinte, ollos da cor do mel, e mirada triste, cos cordóns desatados, o estoxo dun clarinete na súa man esquerda e unha mochila ás costas. Francis saudou a Aurora amigablemente e non a interrompeu. Mentres ela tocaba, Francis encargouse de montar o seu instrumento. Non tiña gana ningunha de asistir a esa clase, non por Aurora, coa que se levaba de marabilla, senón polo profesor. Facíalle a vida imposible en clarinete, non había nada que o contentara. Se aos mellores na materia como moitísimo lles poñía un seis, non falemos das notas que levaban os que tiñan un nivel aceptable ou regular. Ademais, portábase dunha maneira moi antipática coa súa compañeira, que era unha boa pianista, e iso que só a coñecía dende había dous meses.
Para cando terminou de montar, a pianista xa acabara de interpretar a súa obra e estaba sacando o libro de música de cámara para comezar a practicar. Aurora axudoulle a afinar a Francis. Malia que tiña moi bo oído, precisaba escoitar a frecuencia do piano para axustar a afinación do seu instrumento. Unha vez feito, estiveron ensaiando durante un bo anaco e a peza semellaba saír bastante ben. Decidiron descansar un pouco, xa que a Francis doíalle o beizo de tanto tocar, polo que se apoiou nunha das danadas mesas da aula e falaron un pouco. Aurora soubo entón que algunhas das compañeiras de Francis volveran mofarse na clase, un costume que tiñan arraigado dende había anos.
 - Sigo sen entender que lles fixen para que se porten así comigo.- Declarou.
- A saber. Non che deron ningunha pista? Algún alcume de mal gusto? Búrlanse de algo en particular?...
- A maioría das veces é sobre a miña forma de vestir. Din que parezo un mozo, que son horrible, algunhas veces incluso téñenme dito lesbia de merda...- Contestou triste Francis, xogando cun fío do seu xersei distraidamente. -E nin sequera saben nada de min! Por que a miña forma de vestir ten que condicionar os meus gustos?
- Ti vístete como queiras, son os teus gustos. E a túa sexualidade non depende diso. - Afirmou molesta Aurora, que non soportaba ese tipo de abusos.
- Díllelo a elas... en fin, imos darlle outra volta.
- Vale, pero se volve pasar, dismo e fágolles tragar o meu instrumento. –Finalizou a pianista.
Riron con ganas, ambas eran conscientes de que a morena era capaz de cumprir a súa palabra. Abriron a xanela un pouco, porque o ambiente xa rozaba o exasperante, e volveron ao traballo. Para cando chegou o profesor, uns quince minutos despois, Francis e Aurora tiñan os nervios a flor de pel, aínda que a pianista estaba case tremendo. Ensaiara moito durante as vacacións e esforzáranse ao máximo para que a sonata saíse a flote.
- Boas tardes  - dixo o profesor, pechando a porta tras el.
- Ola - dixeron a coro as outras dúas persoas que había na aula.
- Que tal as vacacións? Practicastes? – Preguntou Mateo.
- Foron ben, foron, e practicamos moito - contestou Aurora.
- O mesmo digo - corroborou Francis.
- Ben, vexamos o resultado – dixo o profesor sentando nunha cadeira a carón do piano nunha posición na que parecía que estaba no sofá da súa casa. Esa actitude nunca lle fixo graza á pianista. “Polo menos”, díxose, “non é o meu profesor de instrumento”, como lle pasaba a Francis.
Sen más dilación empezaron a sonar as harmonías dunha sonata de Lefévre. Mateo escoitaba atento, aínda que con poucas ganas, co libro de partituras sobre os seus desgastados pantalóns de chándal.
Cando terminaron, na sala reinou un completo silencio. A pobre Francis case cortara o beizo de tanto esforzo que levara a cabo. A peza non era a máis curta do mundo, precisamente, e se a iso lle sumamos todas as repeticións que tiña, xa daban ganas de deixalo todo e marchar.
As músicos esperaban con ansias a aprobación do profesor, a cal nunca chegou. Todo o contrario: afirmou que non estudaran nada, que non se notaba ningunha mellora; e, dirixíndose a Aurora, espetoulle:
- Eu non sei de que vés acostumada, pero esta materia ou a tomas en serio e estudas como é debido ou suspéndote. Xa non estamos en grao elemental como para ter este nivel de rendemento tan baixo.
Francis quedouse tan sorprendida que non era capaz de dicir nada. Non podía crer o que acababa de oír. Aurora era a que máis se esforzaba das dúas, a que sempre se preocupaba porque as cousas saíran ben, a que estudaba todos os días para esa clase e a que tocaba de marabilla. E agora Mateo soltáralle esas palabra sen máis, con toda a normalidade do mundo, e o peor de todo, con desdén. Nese momento temeu polo profesor, tanto pola súa saúde física como mental, porque se había algo que sabía de Aurora era que odiaba que non valorasen o seu esforzo e o seu traballo. Se o seu temperamento saía á luz agora, podía deixar a Mateo moi malferido.
Esperou a que saltara, pero non foi así. Nos ollos de Aurora ardía unha furia que dirixiu directamente aos ollos de Mateo, escondidos tras unhas gafas sucias e graxentas, que reflectían unha actitude burlesca. Sen dicir palabra, a rapaza fixo o que Francis menos esperaba: levantouse amodo, colleu as súas cousas con premeditada parsimonia e encamiñouse cara á porta. O único que dixo antes de saír, seguida de Francis, que non pensaba quedarse alí soa con Mateo, foi:
- Se tan mal o fixen, se tan mala músico son, faino ti. - Espetoulle.
E sen máis preámbulo, foise, coas botas facendo ruído contra as baldosas, o seu bolso golpeándolle levemente a cadeira e a testa ben alta, deixando atrás a un atónito Mateo que quedou só fronte ao piano.
Sorprendido polo atrevemento da rapaza, sentou no tallo do instrumento e intentou facer soar unha sinxela melodía que adoitaban aprender os pianistas primarios. Non foi capaz de tocar coas dúas mans xuntas.
Foi entón, ao ver a complicada obra que as mozas estaban tocando ata había uns intres, cando se deu conta do inxusto que fora.
Alba Lugo Rey