24 de out. de 2013

Estase a perder o galego

Faltan apenas uns días para celebrar o Día da ciencia en galego e pareime a pensar en como foron cambiando as cousas dende que fixen 1º da ESO ata agora que estou no bacharelato. A verdade é que non lembro ter libro de matemáticas porque case chegamos ao punto no que a única asignatura que temos na nosa lingua é ela mesma, o galego; se fose profesora non me sentiría cómoda tendo que seguir un libro que está escrito en castelán porque se non falo galego en Galicia, onde o vou falar?
 Hai moita xente que pensa que os que falan galego son os da aldea porque se consideran “menos cousa” pero non hai nada certo niso. Non fai falta ir a ningunha cidade galega como pode ser Vigo ou A Coruña para oír falar castelán; basta con saír á rúa e escoitar a algunhas persoas que non saben a vergoña que perden por palabra, que se elas se escoitasen a sí mesmas, probablemente se sentisen un tanto ridículas.
 Resúltame triste o que vou dicir pero considero que o galego se está perdendo por culpa de todos nós porque o estamos deixando morrer e ao mesmo tempo matando.
 Deberíamos estar máis que orgullosos de ter unha lingua tan fermosa como é o galego, deberíamos loitar polo galego!
 Leticia Couto ( 1ºBAC)

Ningún comentario:

Publicar un comentario