8 de maio de 2014

Presentación do I premio á normalización comercial e empresarial do Concello de Silleda


Hai un ano publicábamos un informe sobre a situación da sinaléctica en Silleda. Unha das conclusións máis importantes era que, se ben por parte das administracións había un compromiso co uso do galego (case un 90% dos sinais recollidos viñan neste idioma), non sucedía o mesmo por parte dos establecementos comerciais, onde os niveis de uso do galego estaba na veciñanza do 20%. Ante esta situación elaboramos varias propostas de actuación. Unha delas consistía na posta en marcha dun premio que recoñecese o labor daqueles comercios que apostan polo uso do galego na súa actividade empresarial. Propuxémoslle a iniciativa ao Concello de Silleda, quen se puxo en contacto coa asociación local de comerciantes, ECOS, e como vedes foi moi ben recibida. O concurso xa está en marcha e ata o día 17 poden recibirse as notificación dos comercios que opten ao premio. Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas perante a Concellería de Normalización Lingüística, xa por escrito, xa enviando un correo electrónico, a info@silleda.es, indicando o asunto e especificando o nome do establecemento, nome da persoa responsable e teléfono de contacto. As bases da convocatoria poden consultarse nesta ligazón
A foto sacámola da noticia en La Voz de Galicia
A noticia no web do Concello de Silleda
Tamén dan conta da proposta no portal do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia onde non só recollen a noticia, senón que fan unha redacción propia que mostra que están moi enterados do que estamos a facer para contribuir á normalización da lingua en Silleda.

As  bases do concurso:



Así é como conta a noticia o Faro de Vigo:
Os comerciantes e empresarios silledenses están chamados a participar no 1º Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística nas Empresas e Comercios, que convoca a Administración local en colaboración con instituto Pintor Colmeiro, a asociación ECOS e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa intención de galardoar a aqueles establecementos que empreguen a lingua galega no seu trato, na cartelería, na facturación e na relación cos medios e a publicidade. 

A iniciativa parte do estudo sobre a paisaxe lingüística realizado o curso pasado polo centro educativo, que conclúe que as administracións públcias cumpren nun 90% no uso do galego, pero as empresas só o fan, no tocante a sinais indicadoras e outro tipo, nun 20%. "O obxectivo era que asumiran que hai un problema, que se fixaran nel e que contribuiran a cambialo", explica Cibrán Arxibai, un dos mestres do instituto que onte participou na presentación do concurso, xunto á súa homóloga Helena González, o director, Xesús Fernández Sulleiro, o alcalde, Manuel Cuiña, e o edil de Industria e Comercio, Luis Rodríguez. 
 Os comerciantes e empresarios do concello poderán formalizar unha ou varias candidaturas perante a Concellería de Normalización Lingüística ata o próximo día 17. Unha comisión de adminisión poderá tamén propoñer establecementos e determinará os que formarán parte do concurso final. O premio consitirá nun diploma outorgado polo Concello, unha invitación para dúas persoas para visitar o Museo do Pobo Galego e a Casa-Museo Rosalía de Castro, unha visita guiada para oito persoas á exposición Auga Doce e un lote de produtos de lecer en galego outorgado pola Xunta. O xurado, presidido pola concelleira Margarita Campos e no que participarán alumnos do ciclo de Xestión Comercial e Marketing, valorará os medios e recursos cos que conte cada establecemento así como o esforzo feito no proceso de normalización do galego. As bases poden consultarse na páxina web municipal. O alcalde aproveitou para destacar o "éxito" de participación no concurso de Microcurtas e Microrrelatos, que este ano bateu récord con 143 traballos. "Estase facendo unha moi boa labor con esta iniciativa", sinalou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario