28 de feb. de 2015

O libro "Nós cantar cantamos"

O curso pasado no IES Pintor Colmeiro fixemos unha colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa chamada "Nós cantar cantamos" que consistía na recollida e divulgación de 36 poesías doutras tantas autoras para construir un taboleiro colgando unha cada día e así unir o Día de Rosalía co Día da Poesía. O equipo de poetas é de luxo. E as ilustracións, outra marabilla; foron realizadas nas aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC do IES “Ramón Mª Aller Ulloa”. O libro que recompila todo este traballo é unha alfaia máis nese Día de Rosalía que xa brila máis que ningún outro na constelación das celebracións do ano. Outras publicacións arredor do Día de Rosalía:

27 de feb. de 2015

Comentario sobre a folga





Paréceme fatal que se queiran quitar a universidades públicas, xa que hai xente que é intelixente e quere estudar pero non ten recursos económicos.


Perderanse mentes prodixioso porque non poderán acceder aos estudos superiores e seguiremos cunha mala situación a nivel país e a excelencia que pretenden buscar nunca a atoparán.


Soraya Fraga Pampín. 2º ESO B

Pequena reflexión sobre o galego na actualidade

A actual situación do galego é bastante desconcertante, xa que unha gran parte apoia o seu crecemento, pero pola outra banda están as longas cadeas de familias que non o transmiten de uns a outros. Tristemente tamén está a suceder algo que recorda moito ao pasado da historia galega, xa que este está quedando para o uso rural ou cotiá e marxinado nas cidades e actividades de carácter profesional polo xeral. 
DIEGO CANGAS. 4º ESO A

Consideracións sobre a lingua galega

A lingua galega é unha lingua enxebre propia de Galicia que permanece desde hai un montón de tempo na nosa Comunidade. Estase perdendo porque a xente cada vez fala máis o castelán e deixa de lado a nosa propia lingua . Por eso recoméndovos que sigades falando galego e que manteñades o noso vocabulario tan peculiar.

 Lara Silva Muiños 1°C

23 de feb. de 2015

No Colmeiro somos Rosalía




A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor. 
Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía” e convida a todo o mundo a realizar un vídeo cunha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…” No ENDL do IES Pintor Colmeiro sumámonos con este vídeo a esta iniciativa

6 de feb. de 2015

A Coordinadora Comarcal pide un cambio na actuación da política lingüística no ensino

Na reunión da Coordinadora Comarcal de ENDL de Deza-Tabeirós-Terra de Montes acordamos facer público este comunicado e remitilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á coordinadora provincial de Pontevedra.

 
Consideramos un desprezo o trato dado pola SXPL aos Equipos de Normalización nos últimos anos ao reducir a dotación orzamentaria nun 70% e atrasar os pagos ata final de curso.
Denunciamos o inmobilismo dunha Administración que non oferta cursos de formación nin ofrece novos recursos normalizadores
O incremento de horas lectivas do profesorado  e o decreto para o plurilingüismo dificultan o traballo dos Equipos de Normalización.
A Coordinadora Comarcal de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) de Deza-Tabeirós-Terra de Montes  valora as axudas da SXPL para o fomento do galego nos centros de ensino como un desprezo ao traballo que se realiza desde os ENDL. Destacamos que a dotación orzamentaria se reduciu un 70% e que os prazos das convocatorias son completamente irracionais xa que só se coñecen as cantidades asignadas cando o curso está rematado e xa non hai tempo para levalas a cabo.
Ademais desde os ENDL sentímonos completamente desamparados pola SXPL e a Consellería de Educación xa que o incremento da carga lectiva do profesorado dificulta enormemente a posta en marcha das actividades normalizadoras. Tamén botamos en falta a convocatoria de cursos de formación e a renovación de material e de recursos para o traballo normalizador nos centros escolares.
O decreto para o plurilingüismo é outra gran traba para o desenvolvemento das actuacións nos centros de ensino pois aniquilou por completo as posibilidades de intervención, expulsando o traballo normalizador fóra das horas lectivas. En consecuencia,  o labor que se viña realizando nos Equipos desde hai máis de 20 anos volveuse completamente marxinal.
Tampouco  percibimos un proxecto coordinador cara aos equipos cunha liña de traballo ben definida. Pola contra apreciamos manipulacións en celebracións tales como o Día da Ciencia, intentando ocultar o seu carácter reivindicativo contra a actual exclusión do galego do ensino da ciencia. Apreciamos envíos esporádicos de información e sen obxectivos específicos que alenten o labor dos equipos. Non se impulsa a creación ou consolidación das coordinadoras comarcais.
Resulta urxente a elaboración dun discurso en positivo a favor do galego. Pedimos que desde a SXPL centren  os seus esforzos na elaboración planificada dese discurso en positivo en relación a toda a comunidade educativa, pero incidindo sobre todo no profesorado e nas familias.
a) Reclamamos unha análise das competencias orais en galego entre o alumnado.
b) Reclamamos medidas para frear a desgaleguización maioritaria e acelerada no ensino,
en todas os niveis educativos.
c) Reclamamos a retirada da enquisa do galego para infantil, seguindo as pautas da sentenza contra o decreto do plurlingüismo ditaminado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
d) Reclamamos medidas urxentes para sacar o galego da exclusión e marxinación á que
está sometido nos centros plurilingües.
e) Reclamamos que se aposte por un plurilingüismo inclusivo, non centrado exclusivamente
nunha promoción abafante do inglés.


 

3 de feb. de 2015

Polas fillas dos nosos fillos

Este é o lema escollido pola Plataforma Queremos Galego para a manifestación do vindeiro 8 de febreiro.
 A plataforma cidadá Queremos Galego, formada por persoas a título individual e máis de 600 colectivos, promove a manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela o próximo 8 de febreiro.
 Este é o manifesto que convoca a mobilización:

 Polas fillas dos nosos fillos. Queremos Galego! Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade. O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.
 A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüísitica. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita .
 Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política. O galego continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego 
 Necesitamos promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sítuanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social.
Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO.

1 de feb. de 2015

Análise sociolingüística do IES Pintor Colmeiro. Curso 14-15

Presentamos aquí a Análise sociolingüística do IES Pintor Colmeiro. Curso 14-15, un traballo sobre o estado social da lingua galega no IES Pintor Colmeiro e o seu entorno co fin de establecer un plan paracontribuir á normalización lingüística