30 de maio de 2014

Entrevista a Carmiña Moda en Radio Colmeiro nº 6

Con esta entrevista comenzamos un outro novo proxecto do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro. Cando o ano pasado realizamos un estudo sobre o estado da sinaléctica nalgunhas das principais rúas de Silleda, comprobamos que o galego só estaba presente nunha pequena porcentaxe, arredor do 20%. A maior responsabilidade desta situación debíase á cartelería comercial, por iso propuxémonos este curso darlle visibilidade a aqueles comercios que apostan polo uso do galego na súa actividade diaria. Deste xeito pretendemos animar a outros comerciantes a que aposten tamén polo galego, como fan desde Carmiña Moda.
Os alumnos de bacharelato Diego García, Diego Suárez e Pedro Segade entrevistaron a Patricia Mato, propietaria de Carmiña Moda, polo seu compromiso coa lingua do país. Moitas grazas a Patricia pola súa amabilidade e polo seu compromiso co país.


De seguida transcribimos o fundamental da entrevista. De todas formas consideramos que debiades escoitala, aínda que só fose para escoitar a voz radiofónica de Penela.

P : O ano pasado o equipo de normalización lingüística fixo un estudo sobre a paisaxe lingüística no cal no 70 % da carteleira publicitaria o galego atopábase excluido. A que pensa qué é debido isto?
 R : A que o galego antes estaba considerado como unha lingua de ámbito familiar e non tiña o prestixio que hoxe en día ten.
P : Notou algún cambio , vantaxes ou inconvintes por vender o seu produto en galego?
R : Ahora o galego esta considerado como algunha lingua mais e non queda reducida só a ese ámbito familiar e eu creo que nin melloramos nin empeoramos nese sentido.
P : E o galego unha lingua apta para o mundo empresarial?
R : Por suposto , e unha lingua normatizada e normalizada como calquer outra.
P : Animaria a outros empresarios ao uso da normalización do galego?
R : Si , por suposto ademais deberiamos de utilizala para non perdela.
P : Por que tomaron esta decisión,por qué decidiron apostar pola lingua propia?
R : Para empezar o nome da tenda sempre foi Carmiña e Carmiña xa por si sempre foi un nome galego e quixemos seguir mantendo nesta liña a pesar de que fomos renovando a imaxe e as marcas , pero en conclusion decidimos continuar co mesmo nome .
P:Moitisimas gracias a vos e a Carmiña Moda mais a Patricia que foi a persoa que nos concedeu a entrevista.
R:Nada , agradecervos a vos e a vosa visita desde logo

29 de maio de 2014

Carteis premiados Correlingua 14

Este pasado martes entregamos os premios aos mellores carteis que participaron no Correlingua 14. Velaquí temos aos premiados cos seus carteis. Parabéns a todos!
Reunido o xurado o 22 de maio de 2014, e vista a calidade dos carteis presentados, decidiu outorgar nesta ocasión tres premios aos carteis cos lemas:
"Que non che coma a lingua o gato", realizado por Rafel Pena, Alex Pavón e Maino Ares, alumnos de 1º A
"Non permitas que che prohiban falar galego", de Cristina López Muras e Aida Eiriz Pérez, de 1º B
"-O galego é a miña vida enteira!
-Pois pensei que era eu..." , realizado por Carla Filloy, Celtia Ansemil, Diego Cangas e Juan Ares, de 3º B

27 de maio de 2014

Entrevista a Carlos Negro en Telecolmeiro



Carlos Negro estivo connosco presentando Penúltimas tendencias. Como vedes aproveitamos para facerlle unha entrevista para a nosa canle de televisión.

26 de maio de 2014

Premios videoghit 2014


O pasado venres 23 entregáronse os premios videoghit 2014. O vídeo gañador é éste vídeoclip que podedes ver aquí realizado polo alumnado do grupo de diversificación de 3º ESO do CPI Esuebio Lorenzo Baleirón (Dodro).
O resto dos premiados foron os seguintes:
  • Mellor actor: Pedro Segade, do Colmeiro, por Son galego, bícame do IES Pintor Colmeiro (Penela, música de Siniestro Total)
  • Mellor actriz: Esperanza, do Colmeiro, por O odio do IES Pintor Colmeiro (Esperanza Rguez. Caramés, música de Machina)
  • Mellor coreografía: A filla do mar do IES Pintor Colmeiro (María Lamazares, música de A banda de Balbina)
  • Premio concello de Silleda: Ai Dolores do IES Pintor Colmeiro (Javi Valladares, música de Lamatumbá)
  • Mellor vestiario/ambientación: Non che digo nada do IES Pintor Colmeiro (Alba e Soraya, música de Faba)
  • Mellor interpretación vocal/musical: Nun soño recorrente do IES As Barxas (Moaña)



23 de maio de 2014

Xogos populares

O pasado luns 19 estivo connosco Luchi, do Paporrubio, realizando unha chea de actividades co alumnado de 1º e 2º da ESO. Velaquí algunhas fotos realizadas durante as actividades.

22 de maio de 2014

RECREANDO CONTOS




Nunha casiña de palla, situada no monte, vivía unha familia de osiños que tiveron que emigrar. Esa casiña ocupouna un lobo, pero a tormenta, a auga e o vento desfixéronlla e o lobo con moita mágoa abandonouna e botouse a andar. Ía por un sendeiro que rodeaba a casa e continuaba entre uns arbustos polo medio do monte. O lobo pasou a noite camiñando, cada vez estaba máis canso. Pasado un tempo o lobo atopou unha casa moi grande e fermosa, petou á porta e recibiuno unha rapaciña  loura e humilde que o acolleu con moito agarimo.
Unha mañá o lobo foi dar un paseo e encontrouse a tres porquiños que choraban porque non tiñan onde vivir. O lobo levounos para a casa e a rapaciña díxolles que podían quedarse.
A rapaciña, Cincenta, foi recoller froitos ó bosque e preto dunha maceira atopou a unha xovenciña tirada no chan cunha mazá na man esquerda. Cincenta tentou erguer a rapaza pero non tiña as forzas suficientes, foi buscar axuda e encontrou a sete ananiños cun rabaño de sete cabritiños tallando unha rocha para  facer unha casa, xa que non tiñan. Os ananiños  dixéronlle o que lles pasaba e Cincenta díxolles que se lle axudaban a erguer a unha rapaciña que lles  deixaba quedarse a vivir na súa casa. Levaron á rapaciña para a casa e cando espertou díxolles que se chamaba Brancaneves,  pero que non tiña casa para vivir.
Cincenta  díxolle que se quedara con eles.

Brancaneves, Cincenta, o ratiño Pérez(o ratiño de Cincenta),os tres porquiños, os sete ananiños cos seus sete cabritiños, o lobo (chamado Pedro) e os osiños (que regresaron despois de 6 meses) formaron unha gran familia. Desa familia xurdiu a felicidade  porque xa ninguén contiña nin unha pinga de tristeza.

                                                                            Lucía Fernández Cuíña. 1º ESO B

Parlamento Xove 14

Ola compañeiros, son Ana Rivas (1º Bach. Humanidades) e vouvos falar sobre a nosa participación no Parlamento Xove 14.
Vou comenzar dicindo que os participantes en bacharelato fomos Alberto Fariña, Anastasiya Tovmach, Samuel Rodríguez e eu. Como coordinadora tiñamos a Susana Calvo. Os participantes da ESO eran Andrés Cangas, Mariana Carreño, Iván Montoto e Sonia Framiñán e como coordinadorAlex Caeiro.
Este ano a edición do Parlamento Xove na categoría de bacharelato foi  o 14 e 15 de febreiro, mentres que os nosos compañeiros da ESO particparon o 7 e o 8 dese mesmo mes.
O vemnres saímos de Silleda con moitas ganas de que comenzaran os debates e de camiño ao Pazo de Mariñan (Betanzos) para o acto de apertura recollimos en Santiago aos nosos compañeiros de La Salle e do IES de Muros dos que nos fixemos bos amigos.
Despois do acto de apertura soupemos que os nsos rivais serían o IES de Mugardos, un dos IES de Burela e os nosos novos amigos do IES de Muros.
Ao chegar, ao lugar onde durmiríamos, despois de acomodarnos, estivemos practicando os nosos discursos.
Ao día seguinte fomos ata a Deputación da Coruña para realizar os debates. Tivemos o primeiro debate antes de comer, contra o IES de Mugardos; un debate que perdimos. Pouco despois de comer tivemos o segundo debate contra o IES de Burela, no salón de plenos, e parece que a asistencia de Alex Caeiro dounos sorte, porque foi un debate que gañamos. Nada máis sair deste debate fomos relaizar o noso último debate, no que saímos derrotados, pero por moi pouca diferenza.
Ao rematar fomos, xunto cos novos amigos de Muros, a tomar algo recordando a promesa que fixeramos. eles gañaron, e terán que vir facernos unha visita.
Despois marchamos para casa moi contentos por participar neste educativo proxecto.
Quero darlle as grazas en nome dos meus compañeiros de bacharelato e da ESO a Alex Caeiro e a Susana Calvo por acompañarnos e animarnos en todo momento.
E para rematar, gustríame animar a calquera alumno do Colmeiro que para o ano curse 3º/4º da ESO ou bacharelato, a que participe no Parloamento Xove, xa que éunha maneira amena de aprender e unha forma de coñecer xente nova.

Ana Rivas (1º bach. humanidades)

Conto galego - “A nova vida dos porquiños”



Había unha vez tres porquiños que decidiran independizarse e marcharon da casa. Cando ían polo monte para buscar unha casa que estivera en aluger encontráronse con sete ananos. Os porquiños comentáronlles o seu caso e os ananos dixéronlles que na súa casa había camas de sobra e que podían ir vivir con eles e así axúdanballes a pagar a comida e esas cousas.
Ao que chegaron a casa non atoparon a Brancaneves. Entre os porquiños e os ananos empezaron a buscala pero non a encontraron, o que si encontraron foi a cinta de pelo que ela sempre levaba posta, e xunta a cinta de pelo atoparon unhas pegadas de lobo.
Os porquiños xa sabían de quen se trataba, era o lobo que andaba detrás deles, tiña un pé máis grande có outro, por iso se percataron.
Todos seguiron as pegadas e chegaron ata o castelo da madrasta de Cincenta, o lobo era a súa mascota. Un dos ananos encontrou un buraco por onde se podían meter e así entrar no castelo.
Foron dar a un corredor e justamente atopáronse coa madrasta de Cincenta e dixéronlle que viñan rescatar a Brancaneves.  A madrastra soltó unha argayada malvada e díxolles: “Iso non volo vou permitir, neste reino non  pode haber ningunha rapaza máis fermosa ca min”.
Os ananos comenzaron a pegarlle ata que a deixaron tirada no chan, todos comenzaron a correr e foron por Brancaneves.

Atopárona nun cuarto atada a unha cadeira, desataron e levárona para a súa casa. Aos poucos días a madrasta de Cincenta volveu intentar secuestrar a Brancaneves pero entre os porquiños e os ananos conseguiron que non volvera pola súa casa.

21 de maio de 2014

1º premio de relato curto do Concurso Mª Vitoria Taboada

Relato curto, 1º Premio: 
Unha mente intranquila
Non me gustaría recordar os momentos tráxicos do noso matrimonio.. 
Os enfados, broncas, palabras máis que outras, enfrontamentos cada dous por tres. En fin, agora sei moi ben o que pasou nese tráxico día. 
Era un día de primavera no que Enma adoitaba pasear polo parque, cando cheguei todo alterado, malhumorado e como sempre bébedo á casa. Empeceille a berrar e a balancear o seu corpo débil, a causa do embarazo. Ela intentaba protexer o bebé como fora, pero esa ansia por querer protexelo levárono a norte. 
Eu abalanceime sobre ela para darlle una labazada por terme berrado, cando ela perdeu o equilibrio do seu débil corpo. 
Esa foi a tráxica morte da miña muller e do meu fillo, que nin sequera cheguei a coñecer e que rematou na tráxica escaleira, alí, no fondo rodeada por un gran charco de sangue.
 Eu neste momento atópome na cárcere maquinando: Por que?, Como?, Cando?... e recordando o felices que fóramos antes de casarnos . Nosa primeira cita, no restaurante onde a coñecín por primeira vez. O primeiro bico no parque da Igrexa onde anos despois casámonos ,nese pequeno e máxico , pero segredo, que tan só sabíamos del ela e eu . Nese mesmo lugar, disenlle o moito que a amaba e o importante que era para min e que non sería capaz de vivir sen ela .Un lugar moi especial; alí mesmo foi onde me deu una das miñas mellores alegrías que esperaba un fillo meu. Acórdome de ese día como se fora hoxe. Chegou coma de costume cá súa amplía sonrisa, olendo a una frescura de rosas, o seu característico aroma. E como non o seu apreciado foula que lle merquei en París. 
E por último, pero non menos importante, o día que lle pedín matrimonio no alto da Torre Eiffel, con un violinista tocando a nosa canción. Eso é o que quero recordar , non ese tráxico día onde perdeu a vida miña muller e meu fillo entre as miñas mans.. Que fago agora sen nada polo que lugar e saír adiante! Tíñao todo e quedei sen nada…
 Escribo esta carta porque a miña vida xa non ten sentido sen a miña muller o meu lado. Sei que cometín tantos fallos que o único que podo facer e desaparecer deste mundo, xa que aquí non dou tido paz. A conciencia non me deixa vivir cada día tortúrome pensando que son o culpable da morte da miña familia e efectivamente si que o son.
 A última cousa que quero ver antes de morrer é a radiografía do meu pequecho e unha fotografía da miña muller e eu no alto da Torre Eiffel . 
Adeus...


María Framiñán Davila

20 de maio de 2014

1º accésit de relato curto do Concurso Mª Vitoria Taboada

Pero antes, de quen era?
 Este é o ano 2013, un ano que poderiamos dicir que foi malo para Galicia e para España en xeral. Será cousa do número 13? Non o creo, porque os anteriores tamén foron malos, mesmo me atrevería a dicir que peores ca este, e non tiñan este fatídico número. Podería contar moitas historias pero esta concretamente resúltame moi entrañable. Trátase dunha nena de catro anos, Uxía, que vivía nunha pequena aldea de Ourense con seus pais, Xan e Anxos, e coa súa irmá pequena de dous anos, Sabela. Seu pai traballaba de albanel e súa nai cosía para unha coñecida boutique. Aínda que a boutique era de alta costura, Anxos cosía día e noite para sacar un soldo decente.

De súpeto, sen saber moi ben como nin por que, apareceu a crise e Xan quedou sen traballo. Ao principio conseguía, aínda que con dificultade, facer algunha chapuza pola súa conta, pero isto tamén se foi acabando e, finalmente, quedou no paro. Anxos veuse na obriga de dedicar máis horas á costura para poder sacar adiante a toda a súa familia.

Xan decidiu dedicarse ao cultivo da horta para, cando menos, ter algo que comer e tamén pasar as horas un pouco entretido e sobre todo sentirse útil. Sabela estaba encantada con esa idea porque seu pai estaba na casa todos os días e tamén porque lle encantaba axudalo a plantar leitugas e todo tipo de hortalizas pero, sobre todo, o que máis lle gustaba era ir cun cesto recoller tomates e pementos. Sabela dicíalle a seu pai todos os días que ela cando fose grande quería ser coma el e plantar moitas leitugas, tomates, pementos, cenorias e sobre todo berenxenas, pola súa cor tan bonita.

Uxía e Sabela tiñan dúas curmás de 10 e 12 anos, María e Carme, que vivían en Vigo e ás que lles daban toda a roupa que lles ía quedando pequena para que, xa que os pais de Uxía estaban nunha mala situación, non tivesen que gastar tantos cartos mercándolles roupa. Despois de Uxía esa roupa pasaría para Sabela.

Uxía púñase moi contenta cada vez que herdaba algunha peza de roupa das súas primas. A pregunta que ela lle facía á súa nai sempre era a mesma:

—De quen era antes?

Anxos sempre lle respondía moi contenta, pero á súa vez un pouco triste porque non lle podía mercar nada novo:

—Antes era das túas curmás de Vigo.

Tantas e tantas cousas herdara Uxía das súas curmás que un día súa nai fíxolle un vestido novo para a festa da cidade e ela, como de costume, preguntoulle de quen fora antes. A nai contestoulle:

—Este vestido é novo Uxía, é teu. Fíxeno eu para ti e estalo estreando.

Pero a nena non o entendía e seguía facendo a mesma pregunta unha e outra vez. A nai, sen saber como explicarlle a Uxía que o vestido non fora de ninguén antes, díxolle que era seu e despois pasaría para a súa irmá Sabela. Uxía, un pouco triste, contestou:

—Vale mamá, pero eu quero que antes de ser meu sexa das miñas primas.

Uxía era moi feliz traballando con seu pai e poñendo a roupa das súas primas e seguiu moito tempo facendo a mesma pregunta: “Pero antes, de quen era?”.

Helena Pereiras Villamayor

2º accésit de relato curto do Concurso Mª Vitoria Taboada

2º accésit:

O padriño de Xosé
Esta é a historia dun rapaz normal de catorce anos chamado Xosé, un nome común da súa terra. Xosé non sabía que, de súpeto, ía topar con unha das cousas máis importantes da súa vida. Era un rapaz pícaro, moi falador, moi amigable, pero sobre todo cabe destacar que era moi humilde e calado; xa que el queríalle moito ao seu padriño Arsenio, que faleceu cando tan só tiña sete anos por un cancro de pulmón, el admiraba a seu padriño máis que a nada, contáballe como tivo que emigrar a Suíza con vinte anos entre moitas máis historias, e o seu padriño foi un exemplo a seguir para el.
 Xosé vivía nunha aldea, cerca dunha pequena canteira da cal lle contou historias do pasado o seu padriño, esta situábase a medio quilómetro da súa casa e ao carón do río, á cal sempre se achegaban el e mais os seus amigos, Víctor e Manolo, para ir merendar, ata que se decatou súa nai e case non queda vivo do que lle berraron por acercarse ata a canteira; el, cavilando o porqué do enfado da súa nai, quedou intrigado co que alí acontecía e que provocara tal enfado na súa nai, ao día seguinte púxose de acordo cos seus compañeiros para facer unha escapada nocturna a dita canteira; aquela noite, cando saíu pola fiestra para fóra onde o agardaban Manolo e Víctor para ir á canteira, decatouse de que as curuxas estaban a oulear preto do río, isto recordoulle que o seu padriño lle contara unha historia sobre que as curuxas poden predicir a morte, pero pese a iso, a súa intriga era moito maior ao medo que estaba a pasar e non lle dixo nada aos seus compañeiros. Xa chegando á canteira, os calafríos entre eles tres aumentaban máis e máis e, a medida que se facían camiño entre os chopos, este ía sendo tamén máis tenebroso. De súpeto, Xosé viu unha luz que alumeaba toda a canteira, e quedou perplexo, os seus compañeiros preguntáronlle que lle acontecera logo de lle ver a cara de parvo que lle quedara, e el só dixo de seguir camiñando, en silencio matinou por que viu unha luz e chegou á conclusión de que era polo sono. Cando chegaron a dita canteira coas súas lanternas, déronse conta de que alí non acontecía nada, estaba todo deserto, simplemente había un montón de terra, un cepo de madeira e un pico nun recuncho. Buscaron ata máis non poder, e tal foi a decepción de Xosé ao non topar con nada, que colleu o pico na man dereita e tirouno contra un dos lados da canteira; xa dado a volta e disposto a abrir camiño cara á casa, escoitou un pequeno golpe parecido ao dunha martelada contra a madeira, deu a volta e botou a andar cara ao estraño lugar que acabara de descubrir, estaba tapado pola terra que había amontoada, sacárona de diante e topáronse cunha porta de madeira, abriuna cun minucioso coidado e topou unha pequena sala, na cal había unhas candeas, unha pluma, un escritorio tallado polo seu avó, que era carpinteiro, e un morico de libros e follas escritas ciscadas sobre a mesa, na cal destacaba unha que dicía: “Á fin, topaches o meu recuncho meu querido amigo Xosé, no cal podo deixar algo de min e da miña historia, pese a que tivera que emigrar a Suíza, aquí deixo a miña vida en relatos e todas as historias que non puiden rematar de contarche, quérote.”
 Xosé non foi capaz de ocultar as súas emocións ao ler a folla que lle deixara escrita seu padriño só para el. Pediulles a Manolo e a Víctor que non dixesen un pío do que viran esa noite, e así foi. Finalmente, volveron todos ás súas casas, e dende aquela, Xosé foi visitar a canteira todas as noites para ler as memorias e historias que lle deixou o seu padriño coa luz das candeas para darlle máis emoción e ao mesmo tempo intriga. Con todo o que aprendeu Xosé do que leu do que seu padriño lle deixou, chegou á conclusión a medida que pasaba o tempo de que seu padriño non lle deu a vida, pero si lle ensinou a vivila; sen dúbida, hai cousas que nin os cartos substitúen, e ter as memorias do seu padriño Arsenio era unha para Xosé. 
Marín Villar Gil








19 de maio de 2014

1º premio de microrrelatos do Concurso Mª Vitoria Taboada

MICRORRELATO:1º Premio:


 

Dous saltóns

   Unha vez dous saltóns pelexaron. Un cría que era o mellor e que saltaba moito máis alto, o outro dicíalle que non, que el era moito mellor porque saltaba máis lonxe. Nisto que mediante a discusión, cansados un do outro, un dixo: “Comprobémolo agora mesmiño e acabouse” Así que alá foron. Chegaron ao prado máis grande, longo e coas mellores herbas que había na comarca e decidiron que aquel era o lugar ideal. O primeiro deu un chimpo tan grande que chegou ata a outra esquina do prado, pero como as herbas estaban tan grandes e o prado era tan longo o outro daba chimpos e máis chimpos, mais non conseguía ver o compañeiro. Os dous berraban todo o que podían, pero non se podían oír porque estaban moi lonxe. Aburridos de discutir por algo que non lles pagaba a pena acordaron volver ao lugar de inicio para facer as paces. Cando xa estaban un a carón do outro decididos a facelas paces, déronse conta de que un era amarelo e outro verde, e de novo volveron discutir dicíndolle un ao outro que era o mellor. Así pasaron toda a tarde, pero ao final do día xa estaban cansados de discutir por parvadas, entón entenderon que a súa amizade era moito máis forte que as súas diferenzas e dende aquel momento souberon que os dous eran os mellores, cada un na súa cousa.
O cocho Manolito
  Os veciños da vila acordaron todos ordenar as súas adegas e sacar as cousas que xa non valían para nada á rúa principal, aquilo era unha desfeita: colchóns, ferros oxidados, televisores antigos, tubos, táboas que xa non había por onde coller... en fin, unha catástrofe. Logo de moito ollar para elas empezaron a enredar coas cousas e sen case darse conta comezaron a amontoalas dunha forma moi ordenada e curiosa. Entre todos quedaran cos cacharros vellos formando un gran cocho. Cando se deron conta botáronse todos a rir. Viron que na punta do fociño tiña un letreiro ben grande que poñía “Benvido Manolito”, de novo comezaron todos a rir e alguén berrou: “Será o cocho Manolito!”. Aos veciños gustoulle a idea e como xa estaba na rúa principal pareceulles ben que quedase alí e dende aquel día fose o símbolo da vila. A partir de entón, por esa data todos os anos se celebra unha festa na que o que se fai é gozar de todos os diversos manxares do porco, os máis vellos contan a historia de como se construíu o cocho Manolito e logo móntase unha gran troula arredor súa.
Raro individuo de cidade
  Aquel bichiño tan pequeno era moi peculiar. Tiña unhas orellas longas, longas e con elas podía oír todo o que se dicía naquela cidade; tiña unhas patas pequeniñas, pequeniñas e andaba veloz coma un raio, un pouco aquí e ao segundo acolá; tiña un gran bigote, moi espeso; tiña uns ollos grandes coma pratos, un azul e o outro vermello, tiña tamén unha barriga enorme e redonda coma un queixo, nela cabíalle todo o que atopaba por diante, mais tíñache unha boca ben pequeniña. Este bichiño tiña algo especial, pero ninguén conseguía saber o que era, os cidadáns víano e todos quedaban abraiados. O bichiño, canso de escoitar tantas voces na súa cabeza que o tiñan tolo, canso de andar de aquí para alá sen poder parar a contemplar nin a paisaxe que o rodeaba, canso de que todo o mundo o mirase con esa cara de abraio, colleu a súa maleta e marchou en busca dun lugar tranquilo no que poder estar acougado e relaxado, soamente escoitando o son da natureza, sen que ninguén o mirase, sen ter présa porque non tiña ningún lugar ao que chegar a tempo. Dende ese día todos os cidadáns sentían que na cidade faltaba algo, pero non caian na certeza de que aquel bichiño marchara para sempre a un lugar tranquilo. Aquel tal bichiño resultou ser un bichiño moi especial, un gran bicho máxico.
                                                  Sonia Framiñán González

Carteis Correlingua 14

Como en edicións anteriores, andamos a voltas cun concurso para premiar os mellores carteis participantes na xornada do Correlingua deste ano. Velalquí tendes un retato dos carteis


Accésit de poesía do Concurso Mª Vitoria Taboada

GRANATE

O coello de Alicia que me guía

Pintando as rosas de vermello
Cae pola toco
Florece, murcha
Adormece, resucita

Anxos escuros
que lle brindan murmurios
Ás negras, intencións claras.
Escóndete
Poden ver todas as túas inseguridades, almiña podre.
Non creo todo o que vexo,
non digo todo o que penso
calo todas as verdades.
Intenta camuflarte.
Sendo escoura,
estas maxestades caídas coñecen a túa historia.
Reverénciate cara á morte.
Halos, pureza.
Veleno nas veas.
Non é suicidio
se por dentro estás xa completamente baleiro.
Coma o rumor dun río.
Coma a seca que chega despois.
Corre o sangue.
Anda o sangue.
Para o sangue.
Para a vida.
RUBÍ
Ollos de cristal
Luz de vendaval
Bágoas de chumbo
Pesan nas meixelas
Esa boneca de trapo que ninguén quere
Espertou do seu sono e comezou o pesadelo
A triste ilusión dun cadáver que respira
Chamando por un corazón sen negróns
xace nun ataúde
sen velas
sen flores
sen choros
sen cores.
Sendo unha pantasma cargando un abrigo de carne e óso.
Unha alma rota por todos eles.
Por todas vós.
Ata a corda, afía a coitela, dispara a arma...
Voan paxaros engaiolados.
ESCARLATA
Afogada no seu propio mar
zoada na súa propia marea.
Arde coma Roma
fría coma un caramelo.
Un león que non recoñece o seu reflexo no lago.
Non pode soportar
as pedras que tiran a dar.
Os monstros inquilinos nela.
Miña xoia, mente insalubre.
Voan balas, dan no branco
No negro da promesa esquecida.
No vermello do sangue verquido.
A maquillaxe dun sorriso perdido,
encontráronme  queimado en cinzas,
coma un ritual
un musical
unha pantomima
Unha obra que xamais se estreará
Non se oen aplausos.
Só as campás.

                                            Mariña Castro Fontao

18 de maio de 2014

Exposición Díaz Castro


A exposición que podedes ver nesta presentación é a que estes días está na entrada do Instituto.

Os premiados do 1º Concurso literario Mª Vitoria Taboada

Reproducimos o comunicado do xurado do 1º Concurso literario Mª Vitoria Taboada de Poesía, Relato curto e Microrrelato convocado polo ENDL do IES Aller Ulloa de Lalín. Como podedes comprobar, choveron os premios ao alumnado do Colmeiro: Mariña Castro Fontao, María Framiñán Davila, Helena Pereiras Villamayor e Marín Villar Gil.



Logo dunhas arduas e longas deliberacións e após dunha rigorosa análise dos textos participantes, por fin xa temos gañadores do 1º Concurso Mª Vitoria Taboada de Poesía, Relato curto e Microrrelato.
Os xurados das tres modalidades a concurso emitiron os seguintes fallos:

POESÍA:

O xurado integrado por: Carlos Míguez Macho (Dep. de Lingua Castelá e Literatura), Mª Pilar Espiño Espantoso (Dep. de Lingua e Literatura Galega) e Ángeles García Otero (Dep. de Matemáticas) acordan por unanimidade outorgar o 1º Premio Mª Vitoria Taboada de Poesía aos poemas de asinados co pseudónimo de  "Moraima" que corresponde a Eva González Blanco: "Pola súa apaixonada descrición da dor pola perda amorosa a través dunha linguaxe contida e orixinal, representación en si mesma dos seus últimos versos: Só a poesía é verdadeira / se as palabras reflicten a complexidade / da alma humana”.


Así mesmo, o xurado acorda conceder un accésit aos poemas presentados  baixo o lema "O coello de Alicia que me guía" da autoría de Mariña Castro Fontao: "Polo exquisito control do surrealismo a través dunha linguaxe precisa expresada en versos curtos e cortantes que simbolizan unha visión amarga e descarnada da existencia."

RELATO CURTO:

O xurado integrado por: Javier López Quintáns (Dep. de Lingua Castelá e Literatura), Mª Carme Vivero González (Dep. de Lingua e Literatura Galega) e Servando Lois Silva (Dep. de Grego) acordan por unanimidade outorgar o 1º Premio Mª Vitoria Taboada de Relato Curto a Unha mente intranquila de María Framiñán Davila:  por crear unha historia na que “destaca a súa brevidade e concisión, o manexo dos tempos e a súa forma epistolar”.


Así mesmo, o xurado acorda conceder dous accésit:


Un 1º accésit a Pero antes, de quen era? de Helena Pereiras Villamayor,  por elaborar “unha historia ben construída, sinxela e emotiva, que mantén un ritmo axeitado”


E un 2º accésit a O padriño de Xosé de Martín Villar Gil, por construír “un relato ben resolto, cun elemento sorpresa que resulta congruente coa historia”.

17 de maio de 2014

Nomeando

Presentamos nesta entrada o microrrelato gañador na categoría de maiores de 13 ano do concurso convocado polo Concello de Silleda.
A súa autora é María Lamazares (2º bach.) e como podedes comprobar fixo todo un exercicicio de recollida nun texto mínimo dunha gran cantidade de topónimos das parroquias do concello. Lembremos que o tema sobre o que se debían presentar os traballos era o de 'Terra de Trasdeza'



Ti es cuadro de beleza infinda, gravado a lume nas miñas pupilas.
En táboa da Arca de Noé está escrita a túa fundación.
Na ponte dos tempos lame lágrimas a viuva do xefe do castro morto na batalla perdida do tempo. 
Os señores Abades escribiron os nomes dos meus antepasados nos libros vellos dos Pazos.
Nunha caixa de Piñeiro descansarán os meus ósos cansos, cando a víscera que latexa fique por fin parada. Nas rellas da memoria fican lembranzas do avó carboeiro e do avó oleiro
Teño a man dúas palabras que se xuntan nunha, si a dor me permite escribir aínda o teu nome: Tras Deza.

16 de maio de 2014

Luchi e os xogos populares


Luchi e o coro do galiñeiro from No Majors on Vimeo.

O vindeiro luns 19 achegarase ao noso centro Luchi cargado co seu saco de xogos populares que compartirá co alumnado de 1º e 2º da ESO. Basta con botarlle un ollo ao vídeo aou ao web do paporrubio para ir botando contas do gorentosa que vai ser a xornada.

Medición da torre de bombeiros de Silleda



Alberto Fariña, Isidro Gil e Román Estévez (1º Bach Ciencias) realizaron este vídeo para presentar no concurso explícoche matemáticas 2.0, organizado pola Facultade de Matemáticas da USC. Non foi posible que o escolleran entre os finalistas, pero seguro que vos interesará esta aplicación trigonométrica no entorno próximo.
Nesta peza audiovisual quixeron mostrar unha aplicación práctica das matemáticas que coñecen. A trigonometría permítenos aplicar o coñecemento dunhas matemáticas básicas ao noso entorno. Escollimos unha construcción moi visible desde a N-540 situada na estrada de Silleda a Lalín, no polígono industrial de Silleda. Trátase da torre de bombeiros da localidade. Aplicando a semellanza de triángulos e tendo en conta a propiedade que determina que o ángulo de incidencia coincide co de reflexión, bastábanos un espello e un observador . Marcamos sobre o espello o punto no que o observador vía o punto máis alto da torre. Medimos:

  • A distancia dos ollos do observador ao chan.
  •  A distancia do observador o punto do espello
  •  A distancia da torre ao punto do espello
A partir disto para calcular a altura da torre é ben simple, basta con aplicar o concepto de semellanza de triángulos.


15 de maio de 2014

Premios de microcurtas e microrrelatos do Concello de Silleda

Na súa terceira edición do certame de microcurtas e microrrelatos do Concello de Silleda o alumnado do Colmeiro obtivo outra vez excelentes resultados pois foron os gañadores de todos os apartados nos que podían concursar.

No apartado de Microcurtas, no que se presentaron 9 creacións, o traballo gañador foi o titulado “A Lagoa Sacra”, presentado por Juan Ares Pérez e Anán Ares González, alumnos do IES Pintor Colmeiro. O traballo describe un dos paraxes do municipio, as Brañas de Xestoso e xa no seu día déramos noticia del neste mesmo blogue. Paga a pena botarlle un ollo porque é un traballlo excelente.


En canto ao certame narrativo, na categoría de máis de 13 anos o traballo premiado foi “Nomeando”, presentado por María Lamazares Taboada, alumna do IES Pintor Colmeiro, baixo o seudónimo Water Parada. A orixinalidade das propostas, e a calidade literaria son algúns dos rasgos destacados polo xurado da narrativa, composto polos xornalistas Blanca Paz (Faro de Vigo) e Pablo Viz (La Voz de Galicia).
A entrega dos galardóns –que consisten en tablets para os gañadores das microcurtas e de e-books para os dos microrrelatos- terá lugar o vindeiro venres día 16 ás 20.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Silleda, coincidindo coa celebración do Día das Letras. Así mesmo, os centros aos que pertencen os alumnos/as gañadores levarán tamén un lote de libros en galego.
A concelleira Margarita Campos felicita tanto aos gañadores como ao resto de participantes “que cada vez nos poñen máis difícil a elección”, destacando a calidade dos traballos presentados. O certame xurdiu hai tres anos como fórmula para incentivar o uso do galego entre a poboación máis nova, potenciando ao mesmo tempo a creatividade.

Videoghit 4.0



 Xa está en marcha a 4ª edición do vídeoghit. Como exemplo dos vídeos participantes, achegamos este con inspiración social pois tomando como base os desafiuzamentos, constrúe unha historia sobre como se xenera e manfesta o odio no noso entorno.
Todas as novidades, coma sempre en eticolmeiro

14 de maio de 2014

Fotos Correlingua 2014.6


Fotos Correlingua 2014.5


Fotos Correlingua 2014.4


Fotos Correlingua 2014.3


Fotos Correlingua 2014.2


Fotos Correlingua 2014.1

O pasado luns 12 acudimos ao Correlingua comarcal celebrado na Estrada. Comenzamos unha serie de edicións de fotografías recollidas ese día.





Penúltimas tendencias. Un vídeo e unha presentación

Para rematar coa serie de traballos realizados polo noso alumnado arredor da última visita que nos fixo Carlos Negro, achegamos un vídeo e unha presentación sobre Penúltimas tendencias. O vídeo é obra de Ángela:

 

E a presentación foi realizada por Julián:



13 de maio de 2014

Gótica, para Carlos Negro

Máis traballos para Carlos Negro. Mirade a orixinal presentación que fixo Sonia Framiñán do poema Gótica






12 de maio de 2014

Xa temos Coordinadora Comarcal

Un novo paso no proceso de normalización lingüística da man dos ENDL dos centros de ensino. Neste caso trátase da constitución dunha nova coordinadora comarcal de ENDL, a de Tabeirós, Deza e Terra de Montes.
Despois de reunírmonos os cordinadores de varios Equipos de Normalización no mes de marzo, tomouse o acordo de crear un blogue colaborativo dese o que multiplicar a visibilidade do traballo que se está a realizar nos centros da comarca. Tamén se creará unha rolda de correo co fin de compartir información e ter unha canle de contacto que permita o traballo en común.
A representante desta coordinadora comarcal ante a Coordinadora Galega de ENDL será Irene Fuentes, do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada). Polo momento esta Coordinadora Comarcal está formada polos equipos do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), do CEIP Xoaquín Loriga (Lalín), do CEIP da Bandeira e o IES Pintor Colmeiro (Silleda) e do IES Chano Piñeiro (Forcarei). Tamén se estableceron contactos cos CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces) e co CEIP A Nosa Señora das Dores (Forcarei).
Esta nova Coordinadora vén sendo a sucesora doutra que se formara no 2009 na mesma zona

  Nota da nova no Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Radio Colmeiro 5. Rock in Radio con Astarot

Un novo programa de Rock in Radio para Radio Colmeiro, desta volta adicado a Astarot