18 de dec. de 2017

POLÍTICA E PEDAGOXÍA PARA UN PAIS

Antón Alonso Ríos .
Mestre, Político e Escritor.


O alumnado de 4º ESO do IES Pintor Colmeiro estudou a figura do escritor Antón Alonso Ríos  e visitou a exposición homenaxe ao  escritor  o día 14 de decembro  na Casa da Cultura.


Antón Hipólito Alonso Ríos nace no lugar de Campo Rapado, parroquia
de Cortegada, o 15 de agosto de 1887. De moi novo emigra á Arxentina
onde traballa como representante de comercio e mestre; alén disto, entra
en contacto co mundo societario e eríxese en fundador da Sociedad Hijos
de Silleda, creando escolas laicas no Trasdeza, e a Federación de
Sociedades Agrarias y Culturales. En 1931 é enviado por esta mesma
Federación de Sociedades Gallegas como representante da emigración
na recén instaurada IIª República en España para participar na Asemblea
do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía, da que sairá como Presidente.

Como tamén saiu Presidente dunha Xunta Revolucionaria que tivo lugar
en Compostela no verán de 1931. Vivirá en Tomiño, a traballar como
mestre e defender os intereses do mundo agrario. Nesta mesma etapa,
acrecéntase definitivamente a súa conciencia galeguista, forma parte do
Partido Galeguista e traballa arreo na Campaña Pro Estatuto.
En 1936 é electo Deputado agrario ás Cortes da República na gañadora
Frente Popular. Mais coa sublevación fascista é represaliado, perseguido,
polo que foxe a través dos montes galegos durante algo máis de dous
anos, até que consegue pasar a Portugal e de aí a Marrocos, para
definitivamente embarcar cara á Arxentina. Xa desde 1939, en Bos Aires,
dedícase a colaborar en prensa, escribir o seu prolífico ideario, destacando
entre outras publicacións, Co pensamento na Patria Galega (1942), fundar
a Irmandade Galega e o Consello da Galiza en 1944, do que foi secretario
xeral, e Castelao, Presidente, Á morte deste último no ano cincuenta, Antón
ocupa as primeiras funcións do Consello, mais magóao enormemente, e
conxuntamente coa de Ombú, o seu fillo máis novo, lévao a caer nunha
espantosa amargura que o abocaría ao suicidio en Bos Aires, o día 12 de
outubro de 1980.