30 de abr. de 2014

Con Rosa Aneiros na Feira do Libro

Denise Varela e Alba Moreira, alumnas de 1º de bacharelato, estarán hoxe con Rosa Aneiros na Feira do Libro que se está a desenvolver estes días en Santiago.
Teñen previsto acompañala nesta xornada e aproveitarán a ocasión para facerlle unha entrevista sobre o seu libro Ámote Leo A., a segunda parte da triloxía Ámote Leo. Seguramente non tardaremos en deixar por esta xanela dixital a entrevista e as impresións de Denise e Alba sobre esta actividade.

29 de abr. de 2014

Rosa Aneiros no Colmeiro

Rosa Aneiros estivo no noso centro xa hai ben de tempo, antes da Semana Santa.  Falounos do libro que está a ler o alumnado de 1º de bacharelato: Ámote Leo A.
Certamente é unha mágoa que tardásemos tanto en redactar esta entrada pois a escritora mantivo un diálogo moi interesante co alumnado de 1º de Bacharelato que se baseou no porqué do libro, na liberdade da protagonista. Durante a sesión o verdadeiro protagonista foi o alumnado o xa que Rosa Aneiros tomou un papel moi activo e foi ela a que facía preguntas. Tamén falamos do machismo de Moccia.

Ámote Leo A., lectura desde Roma

Se xa lestes o segundo libro de Rosa Aneiros, Ámote Leo A., saberedes que unha parte das aventuras de Leo transcorren en Roma. Se a personaxe é real ou non, só o saberá a súa creadora, pero o que si é real é que logramos que esta personaxe realizase unha parte da súa viaxe. O meu alumnado estivo uns días alá e levaron consigo o libro para que Leo pasease polas fermosas rúas romanas. Aquí a tedes, no avión e en lugares ben coñecidos.














Nós, mentres, agardamos a visita hoxe de Rosa para falar deste segundo libro.

28 de abr. de 2014

Premio de Esopías da Fundación EducaBarrié e AGAPEMA

O noso alumno David Cabaleiro (3ºB),  foi o gañador do concurso de esopías convocado pola Fundación Educabarrié en colaboración con AGAPEMA na categoría de ESO e Bacharelato.
David tamén foi o gañador do concurso co convocado no centro e co que o ENDL e o Departamento de Matemáticas promovían a elaboración deste curioso tipo de creación escrita.
Unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número pi: 3,14159265....

Dáse o caso curioso de que a esopía coa que David Cabaleiro gañou o concurso convocado por Educabarrié e AGAPEMA era distinta daqueloutra pola que recibiu o premio no noso centro. Primeiro achegámosvos a esopía coa que gañou o certame do centro:

Son o mito, o fogar acolledor, os berros feros; voz veraz, palabras olvidadas, romance enmeigado, son de Lúa, inmortal soño: lingua de utopía pura

E a obra pola que recibiu o premio esta fin de semana no transcurso da VII Feira Matemática nas instalacións de Palexco (A Coruña):

Vou á cama e durmo, tranquila. Os ventos calan sen razón, silencio alarmante. Síntome esquecida, soa na Lúa. Fantasía, soño, engano de agonía cega.


Kamishibai para Suso de Toro

Unha das sorpresas que tiñamos preparada para acoller a visita de Suso de Toro foi converter a obra de teatro que o alumnado de 3º de ESO leu, Unha rosa é unha rosa, en pequeno Kamishibai. O artista, David Cabaleiro (de 3º da ESO), dirixido polo seu profesor de Debuxo, Bernardo.

22 esopías

Por primeira vez, e en vista do éxito que tivera noutros centros o concurso de esopías, decidímonos a mergullarnos nel colaborando conxuntamente o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Matemáticas co fin de demostrar, unha vez máis, que a lingua galega e os números fan boa compañía.
O resultado foi sorprendente. Tanto que nos animamos a editar esta escolma coas 22 esopías que máis nos chamaron a atención e que son unha boa mostra das dificultades que tivo o xurado para escoller aos premiados. Calquera das creacións que se poden ver aquí é merecedora do noso recoñecemento.

25 de abr. de 2014

Aula Suso de Toro

Grazas ao noso alumno Samuel, temos un vídeo do momento en que Suso de Toro descobre a placa que leva o seu nome, a de 1º de Bacharelato.

24 de abr. de 2014

Entrega dos diplomas aos gañadores do concurso de esopías

Velaquí os están, os gañadores do concurso de esopías que realimos este ano no ENDL:
Juan Ares, Silvia Escuredo, David Cabaleiro, Mariña Castro (todos eles de 3º B, unha gran fornada) e Álvaro Villar (de 4ºA) 

Xornada de Suso de Toro en fotos

Suso de Toro visitou o noso centro antes da Semana Santa. Velaquí unha escolma fotográfica de como transcurriu a xornada

23 de abr. de 2014

22 de abr. de 2014

10 de abr. de 2014

O avión


Se queredes ver a David, Antía, Isidro ou a Diego Pérez falando en castelán, non perdades esta oportunidade.
Fixádevos ben no avión, que aparece en todas as escenas da primeira parte do vídeo.
Esta foi a nosa proposta para o concurso de vídeos do Correlingua 2014 que tiña o lema: "o galego, o paso adiante"

Suso de Toro. Presentación

Velaquí a presentación realizada polo alumnado de 1º de bacharelato sobre Suso de Toro e que serviu para acompañar as lecturas que fixeron da súa obra ante a súa atenta presencia.

Xornada con Suso de Toro

Suso de Toro nunha maratoniana xornada compartiu connosco ideas e recordos arredor da súa importante obra escrita e mantivo encontros con case todos os cursos do IES Pintor Colmeiro.
En primeiro lugar o alumnado de 4º da ESO escoitou de primeira man a experiencia como guonista dunha das primeiras series de televisión, Servicio de urxencias. Suso de Toro comentou que para el fora todo un reto, unha experiencia moi distinta á de escribir unha novela debido á inmediatez e rapidez con que se tiña que desenvolver o seu traballo creativo.
O alumnado de 2º e 3º da ESO traballou sobre  Unha rosa é unha rosa. Cinco alumnos de 3º da ESO fixeron unha versión en kamishibai da obra, o cal foi toda unha novidade para o escritor, que era a primeira vez que tiña noticia desta forma de teatro en papel creado no Xapón.

Dentro do programa comenzado o curso pasado "Nomeamos as aulas", avanzamos un chanzo máis dándolle o nome de Suso de Toro a unha aula de 1º de bacharelato. Os alumnos deste nivel leron distintas obras deste escritor e fixeron unha escolla de anacos das mesmas para facer lecturas das mesmas. Deste xeito fixemos un percorrido por toda a súa obra literaria.
Tamén se proxectou un vídeo realizado polo alumnado de 2º de bacharelato no que se traduciu ao formato audiovisual un artigo de opinión de Suso de Toro publicado este mesmo ano no dixital Praza Pública co título "Non marchedes sen loitar antes", sobre a actual situación de desmprego da xuventude e a perspectiva da volta da emigración.

Finalmente o escritor foi entrevistado por Radio Colmeiro, a radio do ENDL do instituto. Esperamos ter pronto o programa á nosa disposición.

Agradecémoslle a Suso de Toro que colaborara en todas as actividades programadas arredor da súa figura e a súa obra. Seguro que rematou a xornada ben cansado, pero a pegada que foi deixando por todas as aulas do centro de certo será tan persistente como a placa que desde onte descubriu á porta dunha das aulas do noso centro, desde agora e para sempre,  a aula Suso de Toro.

9 de abr. de 2014

Non marchedes sen loitar antes


Pois si. Onte prácticamente todo o alumnado do centro coñeceu a Suso de Toro.
Aproveitando a súa presencia no noso centro realizáronse múltiples actividades das que iremos dando noticia neste blogue.
Unha das actividades que tiñamos prevista era a realización dun vídeo sobre algún texto de Servicio de urxencias. Despois de varios intentos o alumnado da materia de 2º de bacharelato de "Ética e filosofía do dereito" decidiu cambiar de estratexia e recolleu un artigo de opinión: Non marchedes sen loitar antes, e realizou con el este vídeo que presentamos neste espazo.

2 de abr. de 2014

Preparando a visita de Suso de Toro

Suso de Toro vai visitarnos o vindeiro 8 de abril, día no que volveremos a retomar a iniciativa "nomeamos as aulas".
Podedes comprobar que xa moitos dos alumnos do Colmeiro fixeron a súa aportación sobre as lecturas da obra de Suso de Toro. Pero se queredes ampliar o voso coñecemento sobre este autor, podedes remexer nos seguintes recursos:

1 de abr. de 2014

Manifesto polo galego


Galicia ten moitas cousas, e todas únicas e especiais:
O polbo e o cocido, xantares que rematan sendo ceas.
A gaita e a pandeireta, que lle dán ritmo ás rutinas.
A muiñeira, o noso baile.
Os raposos e estorniños, algo máis que fauna.
E como non, o galego.
Todo o noso, que xamais nos poderán quitar.
Para que serve o galego? O galego serve para que as palabras teñan forza e vida propia, para coñecernos, para ser nós mesmos...
Falámolo, escribímolo, oímolo, sentímolo... e se é así, por que nos avergoñamos del? Unha lingua é unha parte importante da nosa vida: nace en nós, morre en nós e acompáñanos nos momentos difíciles, nos que cremos estar sos.
Como definir o galego?
Non son soamente palabras ocas, é unha sopa de letras divertida, inexplicable.
O galego é un sendeiro a escoller que nos guía durante toda a nosa vida e volve os nosos pasos pracenteiros.
Branco como a pureza das nubes.
Azul como o mar que bica a area.
Por que en galego?
Porque é e foi un idioma importante que foi falado e debería seguir sendo así, porque é unha lingua romance que evolucionou a través do tempo.
Orgullo do pobo celta, os nosos ancestros, labregos loitadores que cultivaron sementes de lingua e brotou un novo pobo. Sexamos de verdade, non ocultemos a nosa natureza.
Alcemos a mirada cara a nosa bandeira, que onde a levada pola brisa ao compás do canto dos estorniños, sempre orgullosa de ser ela.
Non quedes mudo, rompe as cadeas e conquista o mundo. GÚSTATE.
alumnado de 3ºB