31 de mar. de 2014

A situación lingüística no mundo



Valeria Giovana (1º Bach H) , achegounos esta presentación sobre a situación lingüística no mundo, que utilizou para a exposición dun traballo na súa clase.

28 de mar. de 2014

Lexislación sobre o galego


Presentación realizada por Anastasiya Tovmach (1º bach. H) para unha exposición na aula dun traballo sobre a lexislación da lingua galega.

27 de mar. de 2014

OS OSOS E OS PORQUIÑOS



Un bo día tres porquiños saíron a pasear. Cando chegaron ao bosque viron unha casiña de madeira cun xardín moi ben coidado. Os tres porquiños chamaron á porta, pero ninguén lles abría, entón descubriron que a porta estaba pechada.
Eles abriron a porta e entraron na casiña, onde viron unha mesa con tres tazas de sopa, e os porquiños sentáronse e dispuxéronse a comer, unha das tazas de sopa estaba moi fría, entón comeron os tres da que estaba morna.
Viron unhas escaleiras e subiron a ver que había no piso de arriba. Só había un cuarto, con tres camas, e eles deitáronse cada un nunha cama, pero resulta que unha das camas era moi dura e a outra moi branda e pequena, entón todos durmiron na cama do medio.

Chegaron os osiños, espertáronos e pedíronlles explicacións de porqué estaban alí, os porquiños mentíanlles, e cada vez que lles mentían, medráballes o fociño. Os osos descubriron que lles mentían, entón intentaron atacalos pero os porquiños lograron escapar. E os porquiños marcharon felices.

NATALIA MATO FERRADÁS - 1º ESO A 

O medo é libre



Carlos e mais eu levabamos unha semana preparando esa saída. Sempre nos chamara a atención aquel pazo, o que sempre estaba só, o apartado, o corroído polo tempo e cheo de contos de vellas do tempo dos mouros. Cerca del só pasaban os coches que ían pola estrada que está ó seu carón.
Eran as seis ou as sete da tarde cando partimos cara a alí. Como era verán pensamos que, antes de que anoitecera, xa estariamos fóra.
   Había unha ventá aberta e decidimos entrar por ela .Todo estaba cheo de po, de hedras, de herbas e algunha que outra ortiga. Pero iso non foi un obstáculo.
   Spopóbich viña con nós, era o meu can.
   Pouco despois chegamos á sala principal. Tiña o chan de cores e unha cristaleira adornada con figuras que se parecían ás estrelas e á lúa .
   Subimos as escaleiras e entramos en todos os cuartos. De vez en cando escoitabamos algún que outro berro de corvo. Empezaba a escurecer.
   Nunha desas quedamos en que Carlos iría ao alto da torre e eu agardaría abaixo, no comedor, mirando por alí. Eu esperaba por el, Spopóbich xa se cansara e deitárase, non chegaba. Empeceime a impacientar, berraba pero só se escoitaba o eco da miña voz. Decidín ir alí. Cada chanzo que pisaba o meu corazón latexaba máis. Cando cheguei enriba el non estaba e comecei a pórme nerviosa. Os chanzos renxían máis ca antes, e estaba máis escuro. Na miña cabeza empecei a cismar. Lembreime do conto que dicía que, o fillo da criada, tras ver como maltrataban a súa nai xurou vingarse dos que estaban no pazo. Todo me cadraba. Comecei a acorarme, o meu corazón non daba máis. Despois diso acabei desmaiándome.
  Non sei canto tempo estiven tirada no chan, eu só sei que me espertou Carlos. Xa era de día. Spopóbich tamén estaba, lambíame a cara. Carlos parecía arrepoñerse do susto de verme alí. Démonos unha aperta. Cando me puxen en pé marchamos, pareceunos o mellor que podiamos facer.

   Días despois, Carlos contoume o que pasara. Resulta que cando ía subir cara a torre pareceulle escoitar unhas voces que viñan do soto e fora mirar. Voces que ao principio lle parecían miñas, mais ao final eran os asubíos do vento a través dos ocos entre as pedras. Por iso non o atopara no alto da torre.

Victoria Requeijo Castro   2º ESO B

PESADELO


Unha ráfaga de vento frío fixo tremer a Xoán.
Este coa curiosdade no corpo quixo averiguar de onde procedía, xa que se atopaba dentro do instituto.
De pronto, escoitou ao fondo do corredor unhas voces que dicían:
          - Acúdenos!
          - Ti eres o elexido!
          - Serás o seguinte!
  O rapaz seguiu ás voces ata chegar a un soto que era novo para el. As voces non cesaban e cada vez o son era máis forte. Parouse bruscamente en fronte dunha porta, na que se apreciaban unhas letras gravadas que poñían << Prohibido o paso>>. Pero Xoán tiña claro que iso non se interpoñería na súa curiosidade e abriu lentamente a porta. Botou unha ollada por riba á habitación. Só había unha mesa con documentos vellos. Non lles deu interese e decepcionado polo que atopara marchou.
  De volta á casa, asustouse ao escoitar as mesmas voces; que no instituto pensara que só se trataban dunha broma pesada. Pero neste caso non...
        - Auxilio!!!- berraba Xoán mentres caía por un sumidoiro. O golpe fixo que quedara inconsciente. Pero ao sentir unha man preméndolle o brazo, o corazón latexáballe a mil por hora e aterrado abriu os ollos... Non podía crer o que vía, unha morea de rapaces que ían aparecendo a medida que a escuridade se ía esfumando polos condutos do sumidoiro. Dirixíanse onda el e dicían:
           - Son Xulián do 1914.
           - Chámome Roxelia e son do 1895.
           - O meu nome é Mateo do 1752...
E así sucesivamente ata que Xoán logrou preguntar que era o que estaba pensando.
  Parecía surrealista, era un pesadelo que non tiña fin. Ó parecer todos ese nenos foron antigos estudantes do seu instituto e que coma el, a curiosidade matábaos. Un deles contoulle a Xoán que todo isto tiña que ver coa habitación prohibida.
  Fai anos, unha familia vivía nun castelo no que agora é o instituto. Unha noite a nai atopou morto ó seu fillo nese cuarto, o home asasinárao. Esta volveuse louca e con toda a súa ira matou ao seu home da forma máis brutal que existe, o máis estraño é que o fixo na mesma habitación. Dende aquelas a nai desapareceu e o por qué non se sabe, pero deixou unha maldición: persoa que teña valor a entrar neste cuarto de sufrimento, pechada quedará no sumidoiro e inmortal se convertirá.
 A Xoán, ó acabar de escoitar a historia, caíanlle as bágoas pola súa pel chea de pecas.
  Nisto preguntou se tiñan algo que ver os documentos que había sobre a mesa. Polo visto, eran os expedientes dos rapaces que entraran no cuarto e quedaran pechados no sumidoiro e parados no tempo.
  Había centos, e Xoán sería un deles...
              - Xoán esperta!- dixo súa nai.

Quedara durmido facendo os deberes e ó parecer todo fora un mal soño.

Gala Sánchez García, 2º A.

XEPETO



Un día un carpinteiro chamado Pinocho, un velliño italiano moi habilidoso, estaba retocando un boneco de madeira. Púxolle de nome Xepeto e encantaríalle que fora o seu fillo de carne e óso. Nada máis acabar, foise a durmir. A media noite apareceu a fada Púrpura e fixo que Xepeto cobrara vida. Entón, Pinocho alegrouse un montón.

 Como calquera neno tivo que ir ao colexio. Polo camiño, cruzouse cunha nena fermosa , Carapuchiña Azul e axudoulle a abrir a porta da casa da súa avoa, ela de agasallo deulle  un bico xigantesco e Xepeto quedou paralizado. De repente, pufff!!! Converteuse nun neno real e seguiu o camiño da escola.
Un pouco máis adiante encontrou a un gatiño subido nunha árbore e axudouno a baixar. Pouco a pouco adentrouse máis no bosque e escoitou un  leve ruído e parou de contado, a poucos centímetros do seu zapato estaba Polgarciño, cansado de andar para levarlle a comida a seu pai. Meteuno no peto da súa camisa e levouno onda o seu pai.

Camiñando, atopouse, de súpeto, cun anaco de vestido e o tacón dun zapato, era de Brancaneves, entón gardouno na mochila e seguiu o rastro ata a casa dos tres porquiños que penduraban do teito e, Brancaneves estaba nunha cadeira atada, de mans e de pés. Entrou pola porta de atrás , quitou aos porquiños do teito e desatou a Brancaneves. Coa súa axuda, meteron ao lobo de carne para a apócema.


Cando rematou marchou en dirección ao colexio pero mentres ía camiñando adentrábase máis no bosque e perdeuse. Nese momento toda a xente á que axudara guiárono ata o colexio xusto a tempo para empezar a clase.


SORAYA FRAGA PAMPÍN 1º ESO A

OS TRES PORQUIÑOS



Estaban os tres porquiños en cadansúa casa, aterrorizados polo lobo, cando apareceu o avó de Heidi.
Este intentou evitar que derrubaran as casas dos tres porquiños, loitando co lobo. O lobo deu ao avó un golpe fortísimo e mandouno uns metros máis alá. O avó tirado no chan viu como o lobo collía aire para soprar e destruír as casas.
O avó pensou como evitalo e ocorréuselle unha idea, saíu correndo buscar unha corda e cando o lobo colleu aire o avó atou o fociño do lobo e este como non podía soltar o aire asfixiouse.

Os tres porquiños, xa a salvo, déronlle as grazas ao avó e un dos porquiños invitou aos seus irmáns e ao avó a comer.

                            Miguel García Morcuende    (1º ESO B)

A LINGUA MATERNA



Durante anos o galego foi unha lingua ignorada. Na época franquista estaba prohibida. Sufriu moitos atrancos e desvantaxes.
Actualmente ás  linguas  locais hai que protexelas moito para que non desaparezan. As cancións, xornais e a meirande parte dos medios de comunicación “patrocinan” a lingua oficial, deixando de lado ás linguas minoritarias que habería que protexer.

UNHA LINGUA É UN TESOURO E POÑENDO TODO DA NOSA PARTE, SEGURO QUE NON DESAPERECEN!!!!!

SORAYA FRAGA PAMPÍN. 1º ESO A

26 de mar. de 2014

Uso da lingua nas redes sociais

Coma todos os días, a calquera hora, coma calquera rapaz da miña idade,abro twitter. Vexo o típico que podo ver nunha rede social, xente falando de fútbol,de actualidade,reflexións amorosas adolescentes... Pero, últimamente, aprecio que en xente coma min,veciños, compañeiros, coñecidos, persoas que se falas con elas personalmente sempre se dirixen a ti en galego, escriben en castelán, sempre.
Este fenómeno, que se acentúa cantos menos años teña o redactor ,chámame moitísimo a atención, xa que non podo atopar unha razón lóxica que empuxe a estes rapaces a manifestarse en público nunha lingua que non é a que usan no seu día a día. Algunha xente di que escriben así porque desa forma calquera que os lea os vai entender, pero eu pregúntome, acaso un castelán-falante escribe en inglés para que todo o mundo o poida ler?. Será que segue a existir na mocidade galega o estereotipo, que teoricamente debería de estar erradicado, de que o galego non é máis que unha lingua para usar nos rexistros coloquiais? A onde nos conduce esta actitude? Na miña opinión, de seguir por este camiño, o galego acabará empuxado por nós mesmos,os falantes,a volver a tempos nos que o galego esté apartado da vida pública e cultural.Isto sería realmente unha mágoa,xa que sería como botar por terra todo o traballo que se fixo por manter a lingua en todos os ámbitos.
A solución,supoño que coma sempre,será mellorar a educación e inculcarlle,de verdade,ós rapaces que se están formando como persoas e dentro duns anos serán os encargados de manter o legado cultural da lingua galega,iso si,vendo o interese mostrado polas altas esferas,non é unha tarefa fácil para ninguén,nin para os profesores,nin para as asociacións a prol do galego,nin para ninguén.Deberiamos entre todos intentar cooperar con toda esta xente,iso si,se nos deixan.
Alberto Cerdeira Bravo,2º BH

Un poema Raúl Gómez Pato para o Día da Poesía


Noutras entradas xa informáramos da vistita do poeta Raúl Gómez Pato, acompañado do guitarrista Héctor Lorenzo, o pasado 21 de Marzo para celebrar o Día da Poesía.
Neste vídeo da AELG Raúl Gómez Pato conta as razóns polas que comenzou a escribir.
Moitas outras cousas nos contou e recitou o pasado venres. Temos un recordo moi especial das cancións de Héctor Lorenzo, quen a pesar de ter problemas coa gorxa, fixo o esforzo de cantarnos varias poesías. Así fomos quen de comprobar o ben que soa a poesía cando vai acompañada dunha guitarra.

Un dos poemas que nos recitou Raúl foi o seguinte, ambientado nun autobús, camiño dunha excursión dun insituto. Fíxonos lembrar o funesto decreto para o plurilingüismo e a divulgación do cosmopaletismo que a el vai asociado. Vai o poema.

-¿E que che dixo?
-Díxome que bailaba moi ben e adiós.

Castelao

Foi na excursión de terceiro
Por fin na que,
Estreando uns Lee
Mirou para ela
A través das cervexas
Que lle alumeaban nas pálpebras.
Despoxouse entón da chepa
Da pesada timidez,
E xusto cando o bus
Fumegaba para partir
Espetoulle nos beizos
Unha pregunta sen resposta
Nun inglés incomprensible
Que nin el mesmo entendía
Pero que quedaba que nin dios:
Do you think I’m sexy, baby?

A casa deshabitada da familia Pena

O pasado 21 foi o Día da Poesia. Nós celebrámolo cunha moi agradable sesión acompañados de Raúl Gómez Pato, poeta, e Héctor Lorenzo, músico.
Para comenzar a xornada un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato fixo unha representación teatral dunha das obras de Gómez Pato: A casa desehabitada da familia Pena
Desafortunadamente non temos fotos da representación, pero acompañamos unha na que algún dos actores aínda non se cambiara de roupa.

Ben curiosa é a presentación que se fai deste libro de poesía:
Particular VENDE CASA de pedra para RESTAURAR, soleada e cerquiña da praia. Seis habitacións, tres cuartos de baño, salón-comedor con lareira, cociña, faiado e soto. Amplo xardín con magnolio e horta de cenorias. Prezo interesante. Posibilidade de venta cos seus mobles antigos e documentos orixinais. Razón no bar Prata e Ouro, rúa da Pena, s/n.

Outra alumna de 1º de Bacharelato, Rocío Fernández Cuíña, fainos este comentario do libro:

Este libro de poesía de Raúl Gómez Pato por dicilo dalgunha maneira vai recompilando os distintos versos dos membros da familia Pena onde tratan distintos temas como son a marcha ó estranxeiro, que neste caso foi á Habana, cando moita xente se ve obrigada á emigración e a soidade que senten estando alí. Outros temas que tratan é as saudades que teñen deles os que aquí quedan, a morte e o suicidio.
Os que máis me gustaron quizais sexan o primeiro que se atopa no prólogo e os de Paula Quintana Boedo e Aquilina Piñeiro Riola. Este libro en especial non me gustou tanto pero si a forma na que se compoñen algúns dos versos.

25 de mar. de 2014

Brancaneves

Brancaneves estaba na súa xornada de traballo, como cada día, na casa dos ananiños. Era realmente agotador, porque tiña que facer un montón de cousas: limpar o po, facer as camas, facer a comida, ir darlle de comer ás galiñas… Para facer máis fáciles algunhas tarefas Brancaneves quería comprar algúns aparellos modernos, deses que din que fan a vida máis fácil, como lavadoras, aspiradores, microondas, un iPhone… Aínda que iso último era capricho de Brancaneves.
 A cuestión é que os ananiños non estaban dispostos a gastar o diñeiro que gañaban en algo, segundo eles innecesario. Pero Brancaneves xa sabía que os ananiños gastaban o diñeiro en borracheiras que pillaban cada fin de semana.
 Todos os días, Brancaneves intentaba convencelos, pero eles seguíanse negando. Pero un día a moza decidiu ameazalos dicíndolles que se non compraban algún electrodoméstico, ela marchaba. Entón, os ananiños reuníronse pola noite no salón mentres Brancaneves durmía. Falaron de que necesitaban a alguén que fixera as tarefas, polo que non podían perdela, pero por outra parte non querían comprar toda esa cacharrada moderna. Entón ocorréuselles un plan…
Polo mañá Brancaneves foi ao salón e alí atopou aos ananiños enfronte dun obxecto tapado cunha lona. Os ananiños dixéronlle que lle compraran algo, e Brancaneves, toda contenta destapou o obxecto. Desde aquel día, Brancaneves non volveu mencionar os electrodomésticos, e incluso se desfixo da pequena televisión.
Sabedes o que había detrás da lona?
Unha máquina para facer mazás caramelizadas
                                                                       Alba Lugo Rey   ( 1º ESO B)

Día da Poesía na prensa

 No Faro de Vigo comentaron a visita que o poeta Raúl Gómez Pato nos fixo o pasado venres para celebrar o Día da Poesía, acompañado do músico Héctor Lorenzo. Velaquí recollemos a noticia:

O día, onte, escribiuse en versos. A comarca celebrou en Día da Poesía da mellor forma que se puido facer, honrándoa a través do recitado de poemas. 

21 de mar. de 2014

Nós cantar cantamos (31 e 32)

 Consolo dos males,
Alivio das penas
  
Ilustración de Sebas Anxo



Ilustración de Bryan Trejos

Nós cantar cantamos (29 e 30)

Cantart'ei, Galicia,
Na lengua gallega
Ilustración de Alba Peiteado



Ilustración de Sebas Anxo

Nós cantar cantamos (27 e 28)

Qu'asi mó pediron
Na veira do mare
Ilustración de Uxía Sánchez

Ilustración de Cristina Ares

Nós cantar cantamos (25 e 26)

Cantart'ei, Galicia,
Teus dulces cantares

Ilustración de Jennifer da Silva

19 de mar. de 2014

Concurso de microcurtas e microrrelatos do Concello de Silleda


A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda vén de convocar a terceira edición dos Concursos de Microcurtas e Microrrelatos, para fomentar o uso do galego entre a poboación máis nova. A temática dos dous certames serán este ano A Terra de Trasdeza e o prazo para participar está aberto xa dende o xoves día 13 de marzo ata o vindeiro 30 de abril.
Desde o ENDL do IES Pintor Colmeiro promoveremos a participación nos dous concursos.
No caso das microcurtas, os traballos, que deben empregar o galego, non poden superar os 8 minutos, podendo ser ou non de ficción. O concurso está aberto a persoas maiores de 13 anos, empadroadas no concello de Silleda. Todos aqueles que desexen participar deben de enviar as súas creacións ao enderezo postal do Concello, en formato DVD PAL, ou entregalas na casa consistorial. Neste DVD deben escribir o título da curta e un pseudónimo e acompañar nun sobre pechado os datos persoais. Cada participante só poderá presentar un traballo.
O xurado, que dará a coñecer o seu fallo o día 9 de maio, estará composto pola concelleira Margarita Campos e por dous profesionais do sector audiovisual. O gañador ou gañadora levará como premio unha tablet valorada en 100 euros, e o centro educativo ao que pertenza, de ser o caso, un lote de libros en galego.
No caso dos Microrrelatos, ao igual que na edición anterior estabrécense, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e otra para persoas de 13 anos en adiante.
Neste caso, os textos, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador (cun máximo de 500 caracteres) e tamén escrito a man (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais.
As bases poden consultarse nesta páxina do Concello de Silleda

17 de mar. de 2014

O profesorado do noso centro non impartirá cursos Celga


Hoxe recibimos unha chamada do Gabinete de Normalización de Pontevedra, dependente da Consellería de Educación, ofrecéndolle ao profesorado de Lingua e Literatura Galega do noso centro a impartición dos cursos Celga que se programan na Estrada.
Velaí que a Consellería, deixa de ofrecer os cursos preparatorios Celga ao profesorado en paro e cos que segundo o informe da Inspección de Traballo mantén unha relación laboral. Concretamente, a Inspección Provincial de Traballo da Coruña, despois dunha inspección á Secretaría Xeral de Política Lingüística, comprobou que o profesorado que viña impartindo os cursos Celga non estaba dado de alta na Seguridade Social, non se cotizaba por el como corresponde e non tiñan recoñecidos os seus dereitos laborais. En consecuencia a Xunta terá que asumir unha forte sanción económica e debería reformar a escurantista metodololxía de contratación coa que actúa.
A Coordinadora de Traballadores de  Normalización da Lingua (CTNL) fixo unha proposta para a mellora da planificación dos Celga na que incluía a creación dunha lista pública e transparente de profesorado colaborador na que se valorara  obxectivamente a experiencia e a formación para a impartición destes cursos e se abrira o camiño á profesionalización no sector.

En vista do exposto, considerando que esta forma de realizar contratos para a adminstración pública carece da transparencia e as garantías necesarias,  e en solidariedade co profesorado especializado na formación de galego para a acreditación Celga, o profesorado do noso centro rexeitou o ofrecemento da Consellería.