27 de maio de 2016

Homenaxe a Manuel María: A fala


Alesandra Bazán e Belén Ansedes de 1º de bacharelato fixeron este traballo audiovisual para homenaxear a Manuel María co seu poema 'A fala'.
Este é o primeiro dos traballos da Homenaxe a Manuel María que lle fan os alumnos do Colmeiro.

22 de maio de 2016

O mar vai polo río

O mar vai polo río é unha segunda entrega en PhotoPeach con imaxes da excurisón que fixemos arredor da obra de Manuel María

20 de maio de 2016

O Carro do Colmeiro

Interpretación do alumnado do Pintor Colmeiro, para celebrar o día das Letras Galegas 2016, na honra de Manuel María. Os músicos son todos alumnos de 4º da ESO do noso centro: Luísa Blanco Pena (fagot), Alba Pardo Aboy (clarinete),  Juan Manuel Ocampo Dobalo (trompa) e Sergio Rodríguez Pena (oboe). Os 3 primeiros son membros da Banda Xuvenil de Silleda e o último é da Banda da Bandeira.
Parabéns a todos eles por esta magnífica interpretación que demostra que para ler a Manuel María, nin tan siquera cómpre saber ler. Así de universal é a súa obra.

19 de maio de 2016

Na procura de Manuel María

Na procura de Manuel María  é unha presentación feita con PhotoPeach na que damos conta dalgunhas imaxes recollidas na excursión que fixemos a Outeiro de Rei





Alumnos de 1º de bacharelato participan no Parlamento Xove

8 alumnos/as 1º BAC formaron os dous grupos que participaron no debate do Parlamento Xove 2016. Estiveron dirixidos polas profesoras Marisa Díaz e Ana Pillado.
O primeiro trimestre estivo adicado a identificación das partes e tempos dun debate académico, a aprendizaxe de técnicas de argumentación e a análise de documentos visuais de debates escolares. A medida que se aproximaban as datas do concurso, aumentaban as simulacións de debates na clase e a elección dos mellores equipos. No segundo trimestre, empezamos coas técnicas de recollida de información e elaboración dos dossieres en base a un protocolo de traballo. Tras coñecer o tema ( Determina o papel do/a profesor/a o futuro dos mozos e mozas? ) fixemos un chuvia de ideas para abrir líneas de traballo e procura de información. Os maiores problemas que nos atopamos foron, por un lado, a fiabilidade e importancia das fontes e , por outro, a clasificación da información. Para iso, utilizamos o sitema da nube (Google Drive) cunha subdivisión en carpetas temáticas. Tamén foi necesario crear un grupo de WhatsApp para unha comunicación máis directa e inmediata, chamado “as carpetas vermellas”.


18 de maio de 2016

O fallo do concurso de Micorrelatos

O concello de Silleda vén de anunciar o fallo dos premios do concurso de mircrorrelatos no que participaron moitos alumnos deste centro. Desafortunadamente ningún obtivo premio nesta ocasión. volveremos a intentalo na vindeira edición

15 de maio de 2016

13 de maio de 2016

Percorrido pola paisaxe poética de Manuel María

Co obxectivo de levar a cabo unha viaxe á Casa Museo de Manuel María e á Terra Chá, elaborouse esta unidade didáctica que serviría de guía ao alumnado do IES Pintor Colmeiro nesta viaxe organizada polo Departamento de Galego e realizada este xoves 13/05/16

Exposición de Manuel María

Na entrada do centro podemos repasar vida e obra  de Manuel María. Contamos cunha unidade didáctica que nos permite facer o seguemento desta exposición.




12 de maio de 2016

Pancarta para o Correlingua


Suspendeuse a celebración do Correlingua que estaba prevista para hoxe, 12/05/16. Con todo, nós estamos preparados por se aínda de celebra nas vindeiras datas. Velaquí a pancarta que fixo o alumnado de 1º da ESO.

2 de maio de 2016

Primeiro premio de Poesía no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

David Cabaleiro Otero, alumno de 1º de bacharelato do noso centro, acadou o primeiro premio de poesía no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada, un certame que organiza o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)

PRECISO UN COMEZO

Quero vivir nun mundo finxido.
Crear, rompendo e moldeando
as criaturas nunha paisaxe
con horizontes de cores pastel.
Luminosidade e texturas
móvense entre as xemas dos dedos,
facéndome cóxegas
mentres desprendo emoción imposible.
Soamente con este pincel,
sei que será suficiente para encher
todo o perigoso baleiro
dunha folla en branco.
Non quero, atérrame pensar
nunha historia tan escura,
nos monstros que devoran as cores
deixándome tan só e espido.
Síntome esvarar na humidade,
que afoga como un día nubrado,
con toda a tarde por diante
para saltar ao outro lado.
Lévame, guíame polo mapa
que conduce ao tesouro.
Eu intentarei seguir adiante,
mais as promesas adoitan perderse...
Posúeme, faime ver e sentir
todo o necesario
para seducir co meu talento
a aqueles que o ansían de verdade.
Preciso atopalo, sei que está vivo.
Apresúrate en chegar ao cumio
ou a neve desembocará nun rebumbio
que te arrastre de novo ao comezo.
Comezo trazando a primeira liña
nun prólogo tan murcho e difuso
que ameaza con quedar
no simple esquecemento.
Buscarei a realidade, a mentira
oculta nos poros deste cadro.
Seguirei voando, e ao caer
dareime por fin de conta.
Arte, serei capaz de comprendela?
Sempre con tanto misterio,
non é máis ca unha ponte
fundida na boca dun soño.
Espertarei algún día
e toda a maxia desaparecerá:
a auga do río afogará os paxaros,
o sol queimará o universo enteiro...
E así todo o esforzo
quedará sen recompensa;
e así morrerá sen chegar a ser
un verdadeiro poema.

TRANSICIÓN E INFORTUNIO

Unha cantiga de esperanza
no medio de tanta escuridade
resoará levada polos fíos de vento
que varren os restos da antiga paisaxe.
Soamente quedan restos,
iso é o que somos, ánimas de po,
despois de tanto sufrimento
e despois de tantos anos.
Caos que impulsa o reloxo,
non queres existir sen motivo,
sen algo ao que corromper
desde as raíces máis profundas.
Pero esa melodía que realza
o último alento dun supervivente
ficará no seu insigne altar
tentando axitar todo o perdido.
Coa súa capa branca,
heroe sen sangue nas mans,
respirando o aire que arroupa a morte
e cargando todos os seus crimes.
Alimentámonos das nosas propias
almas, sentimentos, imperfeccións...
e de todo o que algunha vez
nos fixo humanos.
Mágoa que xa ninguén a escoite,
esquecida entre todo ese ruído
que cega e que enxordece
oculto tras o fulgor do ferro.
Perfecto final finxido
para un novo comezo.


Á ESPERA DUN PUNTO FINAL

Perdido na noite,
atrapado na escuridade
e chegada a miña hora,
eu sabía que pronto ela
estaría fronte aos
meus ollos,
atravesándome coa baleira
e xélida mirada
dos seus.
Xa podía escoitar os seu pasos
aproximándose lentamente,
por un camiño ermo,
eido das sementes do caos;
pero non estaba soa,
escoltada polos berros agónicos
dos meus antecesores:
agora era a miña quenda.
Aquelas voces
tornaban máis fortes,
aqueles chíos negros
momento a momento,
entre cada espazo eterno
dunha posición das agullas
á seguinte.
Pero eu non choraba,
non o lograba
pese a todos os meus intentos,
consciente da virtude,
debo confesarme,
e dunha vida plena.
Hei de ser breve,
xa contemplo a súa expresión escura,
as súas fráxiles extremidades
suxeitando a arma afiada
coa que despoxarme de todo.
Ficou sen moverse,
parecía aterrada, arrepentida
do pecado que ía cometer
corrompida pola gula.
Pero non había alternativa,
e o fío da gadaña
sentín no meu costado.
Foi unha sensación estraña,
e por un intre sentinme liberado.
Foi a derradeira.

Accésit de relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:

Rubén Campelo Camarero, de 2º de bacharelato, obtivo un accésit por este relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:
 A vozDaniel espertou sobresaltado cando o único que se escoitaba na noite era a choiva petando nos cristais. Mirou ó seu arredor, adormecido, intentando lembrar o que acontecera no seu pesadelo. Cando conseguiu abrir os ollos, deuse conta de que, por debaixo da porta, entraba unha feble luz. Odiaba pasar as noites só naquela casa na que ruídos e gotas se acumulaban. Incorporouse lentamente para descubrir de onde proviña aquela luz que se filtraba temerosa na súa habitación. Abrindo a porta, pronto localizou a súa procedencia, a luz da cociña estaba prendida e deuse de conta de que xa non se escoitaba o son da choiva, só as queixas do vello chan de madeira a cada paso que daba. Volvendo á habitación, cun peso insoportable nas súas pálpebras, deitouse na cama e volveu durmir. Cando espertou de novo, non sabería dicir se pasaran horas, minutos, ou escasos segundos. O que si que sabía era que escoitara o seu nome, unha voz feminina acabábao de chamar. Daniel comezou a pensar que iso era imposible, que estaba só na casa, intentando convencerse de que todo fora un soño, pero nese mesmo instante volveuno escoitar, un rumor, case inaudible, que o volvía dicir, volvía a dicir o seu nome. Todo intento de que seguía sendo un soño esvaeceuse e acendeu a luz vendo que todo estaba en orde.Pegou as súa costas á parede o máximo que puido, intentando atopar a seguridade que precisaba naquel momento. De novo volveuno escoitar, o seu nome, esta vez dende máis cerca, imaxinando quen estaría detrás daquela voz melodiosa, case anxelical que o atraía coma se fose un imán. Daniel, sumido nos seus pensamentos, esqueceu o perigo que podía levar a presenza daquela voz na súa casa, iso era algo que para el xa non tiña importancia. Desexaba coñecer a dona daquela voz que facía que se perdera no máis profundo dos seus pensamentos.
Agora xa detrás da porta volveu soar, a voz volveu dicir o seu nome, invitando a que a acompañara, e tras isto abriuse a porta, moi amodo, deixando que pouco a pouco a luz da habitación enchese todo o corredor. Daniel, con sentimentos moi contraditorios, viu como se abría a porta, e como, tras ela, aparecía esa figura que tanto desexaba coñecer e que agora o invitaba a irse con ela, repetíndolle que a seguira.
Daniel cando viu aquela figura, volveu pensar que aínda estaba soñando, porque era a muller máis bonita que vira nunca. Tiña o cabelo negro como unha noite de lúa nova, que recorrendo a súa cara resaltaba a súa pel branca. Os seus brillantes ollos eran azuis, dun azul tan profundo coma os océanos, uns ollos nos que afogabas antes de somerxerte neles. A súa boca tan desexable coma unha gota de auga no deserto. Así foi Daniel percorrendo o seu corpo coa mirada pouco a pouco, dándose conta de que un soño non podía ser tan perfecto coma a muller que estaba mirando, escoitando a súa voz, que o volvía a invitar a seguila.
Daniel non tivo tempo para pensalo, e cando se deu conta estaba baixando as escaleiras que daban á rúa. Non podía parar de pensar naqueles ollos que o levaban a outro mundo, ou para el, probablemente ao ceo. Aquela voz falándolle mentres pisaban os charcos que deixara a choiva aquela noite e que agora dera paso a unha néboa espesa, na que Daniel só buscaba achegarse a aquela figura que o sacara da casa a alta horas da noite, noite tan escura coma os cabelos da rapaza.
Daniel deambulou unha eternidade que lle pareceu efémera perseguindo aquela voz, que cada vez o envolvía máis e máis, como a néboa que o rodeaba. Finalmente a voz calou, e entón Daniel deuse conta de onde estaba. Unha pequena lagoa que estaba en medio de ningures onde unha rapaza de doce anos morrera afogada cando el aínda era novo. Era un sitio tenebroso, descoidada dende fai moitos anos, pero que co sorriso daquela muller se convertía no lugar máis bonito do universo.
De novo soou aquela voz, que xa non escoitaba, senón que sentía na súa cabeza, sabendo que xa non podía liberarse dela, pero el sabía que non quería liberarse. Entón a muller saltou e Daniel seguiuna, co único desexo de non separarse dela xamais, e así Daniel afogou nos ollos da rapaza, que aínda despois de morto o facían sentir vivo.