20 de dec. de 2018

O ENDL DO IES PINTOR COLMEIRO DESÉXACHE BO NADAL





Chega o Nadal e con el, unha oportunidade para agasallar literatura galega , lecturas na nosa lingua . Desde o ENDL do IES Pintor Colmeiro recomendámosche que visites os seguintes enderezos, neles, atoparás unha morea de libros de narrativa , poesía e divulgación para agasallar nestas Festas.

.http://culturagalega.gal/lg3/lg3_todas.php

http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/equipos-de-dinamizacion-da-lingua-galega/datas-sinaladas

27 de nov. de 2018

25N . Todos e todas contra a violencia de xénero



O IES Pintor Colmeiro  volve tinguirse de negro este novembro para berrar contra as violencias machistas.


O IES Pintor Colmeiro deu conta na mañá do venres 23 da posta en común de actividades e accións organizadas para educar ao alumnado en contra das actitudes e violencias machistas. O alumnado elaborou carteis  e durante os dous recreos leron manifestos e recordamos ás vitimas da violencia de xénero. Así mesmo, proxectouse un vídeo sobre a reflexión de actitudes machistas no ensino e como os adolescentes afrontan estes comportamentos. Estas actividades foron coordinadas polos seguintes departamentos: Departamento de Actividades Extraescolares, Departamento de Orientación e o EDL .


















30 de out. de 2018

Chega o Samaín . (forma galega de Samhain, que deriva do Irlandés antigo e significa fin do verán).


O Samaín celebrábase ao final da tempada de colleitas na cultura Celta.


A antiga festividade céltica do samaín (pronunciado /ˈsˠaunʲ/ da lingua irlandesa antiga samain) foi habitualmente descrita como unha comunión cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.


O alumnado de 1º C fixo unha escenificación do libro escollido para ler nestas datas. Escarlatina e a cociñeira defunta ,Ledicia Costas. Editorial Xerais.

Deíxovos unha canle de youtube para que pescudedes  máis sobre o libro.
https://youtu.be/Q1ONhLkRubc?t=66


Alumnado de 1º C que representou aos personaxes do libro


1 de xuño de 2018

Gañadores do Concurso de Carteis SEMPRE EN GALEGO.


Un ano máis vimos de outorgar os premios  aos gañadores do Concurso de Carteis 2018, SEMPRE EN GALEGO, este curso co lema do Correlingua , A lingua non para.
Outorgáronse catro premios aos mellores carteis . Os gañadores desta edición son:

Xoana García Iglesias. 1º Premio. 1º B

Aroa Miguélez Agra e Malena Mato Malgarejo. 2º Premio. 1º B

Eugenia Saavedra Guerra . 3º Premio. 1º C

Natalia Enriquez Martínez , Sandra Campos Fuentes e Adrián Fondevila Fernández, 4º Premio. 2º PMAR

Moitos Parabéns.





2 de maio de 2018





V Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios

Xa temos gañadores do V Concurso literario Mª Vitoria Taboada:






Na categoría de poesía a gañadora foi AROA ESPIÑO GONZÁLEZ polo conxunto de poemas titulados respectivamente “Inspiración”, “Depresión” e “Maltrato " por conseguir expresar con precisión e empatía social a variedade extrema da experiencia emocional humana, dende a esperanzada felicidade que proporciona a creación artística ata a crueldade que nega identidades e xera os ocos da depresión.
O xurado outorgou ademais dous accésits:
Un, ao conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Ela pasa”, “Muller” e “Nós mesmas”, da autoría de NOA GARCÍA DÍAZ,pola contundente e directa denuncia da violencia sobre a muller, sen renunciar á expresión coidada e orixinal na liña de actuais formas poéticas vinculadas aos novos medios de comunicación dixitais.
Outro, ao conxunto de poemas presentados baixo o lema “Guerra” da autoría de CRISTINA GUERRA VILApola orixinal fereza e riqueza da linguaxe empregada para expresar, máis alá dos significados, os vaivéns da paixón amorosa e o absurdo das convencións de xénero
Na categoría de relato curto resultou gañador ROBERTO AGRA BUJÁN polo relato presentado baixo o lema “Agra”polo atinado xeito en que mestura a denuncia social cos elementos propios do relato gótico. Nun contexto de crise que afoga o protagonista e a súa familia, o autor  sitúa a aquel nunha atmosfera sobrenatural e aterradora, facéndonos partícipes do seu medo e desacougo.
Nesta categoría de relato curto o xurado considerou outorgar dous accésits:
1º accésit para SARA GRANJA SANMARTÍN polo relato titulado “A illa de Ogigia”, por como reinterpreta o mito clásico dende a perspectiva de Calipso, como muller vítima do poder.
2º accésit para ALBA LUGO REY por “Contratempos de artista”,polo xeito case cinematográfico que lle permite ás persoas lectoras visualizar a escena e pola súa riqueza expresiva.
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.
O 30 de maio, ás 12:00, terá lugar o acto de entrega dos premios na biblioteca do instituto.


  A seguir os textos premiados:
Poesía:
1º Premio:

Inspiración

Ao son do vinilo
as túas mans
pintan con óleo un lenzo.

E neses intres,
onde o viño flúe polos beizos
a inspiración florece.

Movementos coidadosos
cheos de detalle.
Pensamentos de cor.
Figuras de vida.

Ao son do vinilo
as túas mans
bailan sobre as letras.

E neses intres,
onde o fume corre polo aire
a inspiración florece.

Palabras profundas
cheas de mensaxes.
Ideas utópicas.
Persoas de vida.

Ao son do vinilo
medran as cousas.

Depresión

Na mente non queda razón
só loucura.
Onde existían sentimentos,
agora, só un oco.

As mans perderon o rumbo,
non querer finxir máis.
Non me escoito,
non me atopo.

Procuro como anhelo
unha sensación,
e as bágoas tan só
trazan dor.

Cheo de maldade
o desalento corre.
E como unha pinga
a miña identidade desaparece.

Enche o baleiro a loucura,
esmagando os meus restos.
E o quebrar dos recordos
alenta o meu fin.

Maltrato

Tintinan sobre nós os medos
e coas dúbidas voando,
calamos.

Sen voz,
sen opinión.
E como equilibristas
cruzamos unha tenue corda.

Se imos cara a diante,
cáennos pedras.
Se ficamos quedas,
perdemos.

Sen axuda,
sen saber como,
cruzamos a corda.

Cheas de esperanza,
márcanos a escuridade para sempre.
A ignorancia,
a pasividade,
a violencia,
a dor,
mátannos.

Tintinan sobre nós os medos,
e coas dúbidas voando,
somos maltratadas.
Aroa Espiño González
Accésit:

Poema un:

Quero cravar os teus beizos,
contra o meu peito nu,
fíncame contra ti,
gúrrame e non me soltes xamais.

Deploro o instante de non terte,
teimo en ti,
afíncome como nunca antes o fixen de ninguén.
Poño toda a miña labia en ti,
coida que non podo ser máis veraz.

Estimo a beldade do teu ser,
trócasme en beixadora,
coloro edéns no teu espido,
trunfas en min, e gañamos a partida.

O colorido das túas faceiras,
in albis que me incita o teu ollar,
o sismo dos nosos corpos ao unirse,
o vezo, a ti, a nós os dous.

Padecemos unha dilación de apreixos,
executamos un envío de promisións,
realizamos unha proeza xuntos,
a rente túa, ledicia!

Poema dous:

Sexo,
Feminino, masculino?
Discirno, deslindo,
non nos estremedes,
non nos xebredes.

Azul para as nenas,
rosa para os nenos.
Amarelo para @ que lle pete,
laranxa para @ quen desexe.

Poñédesnos a mortalla,
escravos da sociedade,
en catividade do politicamente correcto,
malandríns da liberdade.

Racharemos eses absurdos ideais,
o noso destino é a batalla,
loitar polo que é o noso,
os nosos dereitos,
só pido iso.

Ignorantes da realidade,
inhumanos dispostos a ferir.
Somos persoas,
non xenitais.

Poema tres:

Fúcheste, deixándome soa,
sen darme a opción de compartir momentos contigo,
de vivir só unha meirande parte,
do que viviches cos demais.

Deploro o intre no que falan de ti,
no que aluden ás súas andanzas contigo.
Eu non teño ren,
tan só un retrato, e algunhas abstraccións.

Porque aí si que te teño, no meu acordo.
Disque hai persoas que xamais se van.
Aínda que xa non esteas,
escoito o teu ser,
iso non mo nega ninguén.

Persoas eternas.
Acudo a ti cando non teño a ninguén máis,
endexamais me fallaches.
Ti sempre trunfas, só coa túa caricatura.

Alzaches o voo,
sen ás,
sen ollos,
sen corpo,
sen min.

Cristina Guerra Vila
Accésit:
Ela pasa

Ela pasa
e leva o inverno consigo.
Cos seus olliños tristes,
de estrelas que
perderon desexos.
Ela pasa,
coa súa primavera
libre de cerdeiras,
e os máis tristes
dos versos.
Leva consigo
a tormenta perfecta,
e a dor en venda.
Non quere que
a golpee o amor,
porque ela xa leva
todas as penas
consigo;
cando ela pasa.

Muller

Son esa nena á que non deixaches xogar porque era unha nena.
Son esa moza á que non consideraches rival suficiente coa que discutir pero fartábaste a criticar o seu físico.
Son esa moza á cal non deixabas nas festas tranquila, porque era moi estreita por non facer e moi fresca por facer.
Son esa muller á cal negácheslle o beneficio da dúbida, non a vías capaz de estudar esa carreira. Que non lograría ese posto de traballo polo seu esforzo.
Son esa muller da que te mofas por cruzar de rúa se vai soa pola noite pero que mañá igual non aparece, que vai co móbil nunha man e as chaves na outra.
Son esa muller que xamais se pode pasar de copas, está en xogo a súa vida.
Son esa muller que te rexeitou e chamácheslle de todo.
Son esa muller á que subestimaches, como moitas outras.
Esas outras que demostraron que o termo "sexo débil" só existía nos dicionarios.
Esas que lograron estudar, traballar, ter contas ao seu nome nos bancos, ter negocio propio, ser independentes... ser elas mesmas.
Esas polas que grazas aos seus esforzos, hoxe podemos ser quen somos.
Polas que podo ser o que queira.
Incluso sexo forte, incluso muller.

Nós mesmas

Degradáronnos e infravaloráronnos.
Feito nada humillado, obxectivizado e excravizado.
Mutiláronnos os xenitais.
Tratáronnos como propiedade de pais e maridos.
Matáronnos por bruxas, por putas, por querer estudar, traballar e votar.
Por querer ganar o mesmo que un home, por querer rexer no noso corpo.
Por querer usar anticonceptivos.
Por querer gozar.
Por querer ser libres.
Por negarnos a ser violadas.
Estamos fartas de que nos levanten a voz facéndonos sentir inferiores.
Estamos fartas de que nos digan que nos pasamos ou que somos unhas pesadas e amargadas.
Estamos fartas de que se diga que as principais causas de violacións son o alcohol, a túa roupa, as festas, as rúas solitarias... cando é o violador a causa.
Estamos fartas de ser obxectivizadas e hipersexualizadas, ata o punto de que unha nai non lle pode dar de mamar a seu fillo na rúa pero vemos carteis de roupa interior con mulleres seminúas. De ver nenas de 13/14 anos sexualizadas por levar un top.
Fartas de que cando unha nena está de bo ver, para calar as malas linguas sempre se diga que é a filla de / irmá de / noiva de... porque cando hai un home de por medio respéctase.
Fartas de que cando nos estean insistindo só faga efecto dicir que tes mozo, porque cando hai outro home de por medio, respéctase.
Fartas de que se nos cuestione.
Fartas de que se nos silencie na nosa loita.
Fartas de ser o sexo débil.
Fartas de non poder ser muller e libre ao mesmo tempo.
Noa García Díaz
Relatos:
1º Premio:
Cantas veces se maldicira por facer iso? Xosé estaba cansado xa de entrar en mansións abandonadas de noite a roubar o pouco ou nada que quedase neses lugares esquecidos e lúgubres sobre os que aboiaban as máis escuras e inquietantes lendas. Xa levaba así máis de un ano e aínda non se afixera a entrar pola noite nos outrora fogares de xente rica e nobre.
De todos modos, non quedaba outro remedio; tiña que alimentar a súa muller e os seus dous fillos, e vender o que atopaba nas mansións era o único que lles daba algo de cartos, os suficientes para comer durante dous ou tres días. Sempre había algún amante do pasado disposto a pagar unhas cantidades decentes de diñeiro por calquera parvada que Xosé atopase nas súas excursións.
E, aínda que o sorriso dos seus amados pequenos facía que o esforzo por vencer o medo pagase a pena, nada espantaba o horror e a repulsión que facían presa no cabeza de familia cando se atopaba ante as portas dunha nova construción por explorar e saquear nas horas nocturnas. Era aínda maior este medo cando o ceo se cubría dun denso manto de nubes que ocultaban a lúa e descargaban a súa rabia sobre a terra por medio de chuvias torrenciais e tronos de terrible estrépito.
Nunha situación así, víase agora Xosé, a cúpula celeste parecía berrar con cada tronada e azoutar a terra con cada lóstrego mentres derramaba bágoas de rabia sobre esta, e impertérrita ante todo este espectáculo natural erguíase diante del, impoñente e maxestosa, a mansión da familia Faustotimbrado. Era unha construción feita na súa maioría de madeira, de dous pisos, numerosas ventás de pequeno tamaño que percorrían fachada e un tellado composto por lousas escuras como o ónix.
Achegouse o home á entrada resgardada da choiva por un pequeno peitoril dunha das ventás que se atopaba xusto en riba da porta, forzouna sen moitas dificultades, acendeu a lanterna e dispúxose a internarse na escuridade que reinaba no interior da mansión. Tiña moi presente o que lle dixera un ancián dunha vila próxima: "Esa familia xa era temida polos avós dos meus avós, os rumores din que practicaban sacrificios humanos e rituais nesa casa do monte pero claro, como eran xente próxima ao monarca, nunca se lles fixo nada..."
Alleo ao que Xosé buscaba, o cabaleiro non o advertiu de que non se internase nos corredores daquela casa nin dos rumores que dixeron escoitar algúns transeúntes que tiveron a mala fortuna de pasar diante do lugar pola noite. Pero, de todos xeitos, ao entrar, o pai preocupado en busca de reliquias non escoitou nada máis que os seus pasos e, aínda que intranquilo e atemorizado, comezou a súa busca.
Entrou na mansión e a luz da lanterna rachou as tebras que cubrían coma un denso manto o lugar, puido así ver difusamente a estrutura do vestíbulo no que se atopaba; o chan estaba oculto baixo unha alfombra de po agrisado e unha enorme escaleira erguíase diante del e levaba ao piso superior do cal se podía ver desde a súa posición un corredor xusto ao rematar a subida. No piso inferior, dous corredores partían de cada unha das paredes esquerda e dereita. Atopábase adornado o vestíbulo con diversas cómodas e con numerosas figuras de corpos de madeira de forma antropomorfa que noutro tempo deberon de servir para soportar rexias armaduras.
O vento e a chuvia, así como o ruidoso estrépito dos tronos, entraban con forza polos ocos das fiestra de todo o lugar, resoando co eco e dando unha aura de sinistra maldade e de que en calquera momento unha pantasma podería aparecer clamando vinganza por unha morte inxusta. Tales pensamentos facían que Xosé quedase paralizado de terror, sempre fora unha persoa moi medorenta e aínda que xa levaba tempo saqueando casas antigas, nada era capaz de espantar o horror, pero recordou que del dependía que os seus nenos comesen e desterrou o medo e comezou a camiñar co po amortecendo o son dos seus pasos.
Rexistrou o piso inferior, nada, correu angustiado por todos os andadeiros en busca de algo de valor que puidese vender para alimentar os seus fillos, non atopou ren; logo dispúxose a buscar no piso superior desesperanzado pois este era considerablemente máis pequeno que a planta baixa, tampouco deu con nada que puidese ser cobizado por algún coleccionista de reliquias.
Xa esgotado e esnaquizado pola certeza de que os seus pequenos deberían pasar sen comer uns días, Xosé divisou unha pequena trapela de ferro que brillou cando a lanterna a alumeou. Acercouse ao zapón e tirou del con forza, deixando á vista unha serie de escaleiras feitas na pedra que descendían de xeito moi inclinado e irregular, baixou por elas ávido de atopar algunha valiosa antigüidade.
Ao rematar o tramo de descenso, apareceu fronte a el unha gran porta de carballo con remates de aceiro robusto, Xosé xa se imaxinaba que detrás desa entrada debía atoparse un gran tesouro; grande foi a súa decepción cando atopou unha estancia octogonal baleira feita completamente con pedras irregulares con horrorosos gravados na cal o máis importante que tiña era unha fenda no centro do piso do que parecía xurdir un fume dunha cor estraña e horriblemente inhumana.
Fascinado e atemorizado polo vapor dun ton que nunca vira, o home acercouse con precaución ao centro da habitación e agachouse para examinar máis de preto a emanación. De súpeto a estancia quedou completamente a escuras, a lanterna desapareceu da man de Xosé e este púxose en pé completamente aterrorizado.
A luminosidade volveu tan violentamente como se fora, e cando retornou Xosé sentiu un novo arrepío, no lugar da fenda, atopábase agora un pedestal que remataba nunha ampla cunca sobre o cal repousaba un dodecaedro dun ton parecido ao do fume e do que emanaba a única luz que iluminaba a estancia. Ao redor deste pedestal, atopábanse sete figuras antropomorfas completamente negras que formaban un círculo que Xosé completaba.
Pouco a pouco, foi vendo cunha mestura de horror e fascinación como as pantasmas se ían acercando ao pedestal unha a unha e cortando as palmas das mans cun sinistro aparellado similar a unha daga pero feito dunha densa negrura. Pero o cumio do terror chegou cando Xosé, dominado por un impulso irrefreable, comezou a camiñar cara ao centro da estancia e rachou a pel da súa palma cun coitelo que aparecera dun xeito inexplicable na súa man.
Veu caer o sangue que se disolveu na substancia negra que saíra das mans dos espíritos ao cortarse e ao segundo que lle seguiu observou como da cunca brotaba unha esencia inmaterial de enorme malignidade, non a vía pero sentía toda a súa forma, algo horrible que é todo e á vez, non é nada; os baleiros do inmenso cosmos e de igual maneira toda a materia que habita nos mares escuros de inmensidade estrelada.
De súpeto, unha luz rodeouno e percibiu vagamente cousas que farían tolear a todos os homes; océanos infinitos de abominables seres, ángulos e formas imposibles e aínda sen concibir por ningún ser humano e estrañas terras de grotesca formación como a indescritible X’oht Zwak-iu. Viaxou polo espazo e o tempo, observou os comezos e os finais de milleiros de sistema solares, asistiu ao nacemento do mesmo universo e estivo en presenza de criaturas tan horribles como poderosas que escapan a todas as leis da natureza que o home chegara a coñecer.
Pero todo esta viaxe astral rematou bruscamente, o son da porta ao cerrarse violentamente devolveu a Xosé ao presente e á Terra. O pedestal e o fume desapareceran e agora so quedaban no lugar sete esqueletos que o home puido ver dificultosamente grazas a unha luz de procedencia descoñecida que bañaba a estancia. Correu cara á porta desexando non compartir a mesma sorte que os corpos e tenteou tirala abaixo, nada. Nun instante a luminosidade desapareceu e só quedaron tebras nas que Xosé permaneceu petrificado polo medo.
Roberto Agra Buján
1º Accésit:
A illa de Ogigia
Hai non moito tempo existiu unha pequena illa no mar Mediterráneo chamada Ogigia. Só unha persoa vivía alí, unha rapaza sen nome que se ocupaba de coidar a todos os viaxeiros que alí chegaban.
Sempre pasaba o mesmo. Alguén novo aparecía na praia, ela coidábao e el desaparecía en canto se atopaba mellor.
E así, despois de moito tempo atopou na praia a un rapaz inconsciente e, como acostumaba facer, levouno á súa cova para cambialo de roupa e curalo. Como acontecía pasar nestas situacións, o seu nome veulle á mente, Álex.
Cando o examinou deuse conta de que o rapaz estaba moi mal, levaba días sen beber e semanas sen comer, e estaba gravemente ferido na súa perna dereita, estaba rota.
Debido ao deber da rapaza, os deuses proveran a illa con todo tipo de artefactos para curar enfermidades no menor tempo posible, e aínda que a moza non podía recordar aprender como usalos, sabía o que tiña que facer en cada momento.
E así, despois dalgúns días, Álex abriu os ollos.
−Onde estou? — Foi o primeiro que dixo ao espertar. A rapaza achegouse a el de inmediato, iso sobresaltouno. —Quen es ti? Que queres de min?
−Non te preocupes, quérote axudar. Son a ninfa de Ogigia, chegaches aquí hai uns días inconsciente. Eu estiven coidándote, pero aínda estás moi débil.
O rapaz non parecía entender nada do que pasaba. Parecía novo, demasiado novo como para chegar á súa illa. Entre as súas pertenzas había un coitelo, e o rapaz vestía unha oxidada armadura. Que facía alguén da súa ideade loitando?
−Non confío en ti. — Dixo de súpeto. −Sei quen es. Ti es Calipso. Non sei que queres de min, pero non penso quedarme nin un día máis.
−Calipso? Non entendo.
Durante uns segundos ambos miraron un cara ao outro sen dicir nada. A rapaza non entendía nada. Era a primeira vez que alguén desconfiaba dela. E, quen era Calipso? Por que a confundía con ela?
O xeito en que o rapaz a miraba asustouna, parecía que podería atacala dun momento a outro. Finalmente, ela falou.
−Non sei quen é esa Calipso da que falas. Quero axudarche. O meu traballo consiste en coidar dos viaxeiros que chegan aquí ata que se atopen mellor. Estás ferido, non podo permitir que marches ata que a túa perna mellore.
−E que pasa con Odiseo? Retivéchelo aquí por sete anos só porque estabas namorada del.
O rapaz levantouse, tivo que agarrarse a unha pedra para non caer, pero mantivo o equilibrio.
−Non coñezo a ningún Odiseo. Por favor, senta outra vez, deberías descansar.
Outra vez, silencio. Na mente da rapaza aparecían todo tipo preguntas. Quen era Odiseo? Por que por primeira vez alguén non confiaba nela? Por que Álex parecía tan enfadado? E por que a chamaba Calipso? Ela non tiña nome, era simplemente a ninfa de Ogigia.
Por algún motivo, o rapaz pareceu lembrar algo que o tranquilizou e sentou na cama. A ninfa achegouse a el, quen dixo:
−Así que os rumores eran certos. Ti non o recordas.
−Recordar que? Recordo perfectamente a cada unha das persoas que me visitan, pero non coñezo a ningún Odiseo. E prometo que todos os que quedan aquí marchan en canto se atopan ben. Son soamente uns días. Por favor, confía en min, eu non teño nada que ver con esa Calipso da que me falas.
Pronunciou todo isto o máis rápido que puido. Necesitaba respostas xa. Álex sacou un debuxo da mochila na que estaba o seu coitelo e ensinoullo. Era ela.
−Verás, esta é Calipso. −Comezou a explicar, sen esperar a súa reacción. −Filla dun titán chamado Atlas. Cóntase que vive recluída na illa de Ogigia. Hai moito tempo chegou a ela un heroe chamado Odiseo, e Calipso namorou del. Para que non marchase, ofreceulle a xuventude eterna se quedaba, pero el desexaba volver coa súa muller. Ela, furiosa polo rexeitamento, secuestrouno durante sete anos facéndolle crer que pasaban uns días. A deusa Atenea axudouno a fuxir, e Calipso quedou condenada a vivir na illa para sempre.
Non podía ser. Era imposible. Ela nunca estivera namorada, e moito menos dun tal Odiseo. Pode ser que ela e a deusa Atenea non se levasen moi ben, pero ela estaba recluída por ser a filla dun titán, non por secuestrar a ninguén.
Ela nunca podería facer algo así.
−Entón chámome Calipso? —Foi o único que preguntou.
−Si. E non tes moi boa fama entre os deuses e os heroes. Pero hai pouco empezaron rumores de que a deusa mentira sobre ti para protexer a súa reputación.
−Eu non teño nada que ver con isto. Prométoo. --Cando Calipso levantou os ollos do chan da cova, Álex xa non parecía asustado. —Non entendo nada...
−Non podo contarche nada máis. Agora sabemos o mesmo.
−Pero eu si que estou cumprindo un castigo. Quero dicir,  eu son filla dun titán, os deuses non poden permitir que intente facerme co poder, ou liberar o meu pai. Entendo por que o fan, a min gústame axudar os demais. Gustaríame saír de aquí algún día, si, pero nunca faría dano aos meus visitantes... —O rapaz pareceu sentir mágoa dela, pero só sorriu amargamente. Estaba algo pálido. —Se descansas, mañá volverás á casa.
Tras darlle as boas noites, Álex quedou durmido e, cando Calipso volveu pola mañá, el xa non estaba alí. Outro máis que marchaba.
Pasaran varios días, e a rapaza seguía dándolle voltas ao que lle dixera. Estaban inventando cousas sobre ela? Sempre intentaba axudar a todos os heroes como podía para que volvesen á casa canto antes, e así llo agradecían?
Non podería soportar que o resto dos visitantes desconfiasen dela. Non tiña culpa de nada.
Por primeira vez, cando veu a un novo rapaz tirado na costa, non o axudou de inmediato. Ollou cara ao ceo e, sabendo que a escoitaban, berrou:
−Pensas que é divertido enviar tan seguido xente ferida para que eu faga o teu traballo? Para min non o é! Non quero que te sigas aproveitando de min! Non sei quen é este nin quero ter nada que ver con el. Non penso axudalo, así que podes levalo de volta!
Mentres berraba ao ceo, non se decatou de que o rapaz ollaba cara a ela. Parecía que a situación o divertía.
−Non quero molestar, pero estou xusto aquí.—Dixo.
Calipso, sobresaltada, xirouse a velo e, por primeira vez en séculos, veu como alguén lle sorría sinceramente.
−Preséntome. −Volveu falar−. Chámome Leo, e ti?
Sara Granja Sanmartín
2º Accésit:
Contratempos de artistas
Caía a tarde fronte as ventás do Conservatorio Profesional ao que Aurora asistía. Atopábase nunha aula libre, co xersei engurrándose contra o respaldo da cadeira, os brazos cruzados debaixo do peito e a mirada dos seus ollos café cheos de cansazo cravada no teclado de ébano e marfil. Estaba quedando sen paciencia, que non era moita. Levaba alí sentada máis dunha hora e nos cristais comezaran a aparecer as primeiras marcas de bafo polo ambiente cargado que había dentro da sala. Non entendía como era posíbel que J. S. Bach conseguira compoñer cousas coma as que tiña diante, é dicir, tremendamente complexas e difíciles de executar.
Suspirou, puxo as mans sobre as teclas e comezou a tocar, dicíndose que o intentaría unha última vez antes de que chegase Francis para practicaren a obra que deberían interpretar na próxima audición. Os seus áxiles dedos deslizábanse polo instrumento, enchendo o silencio con melodías que se intercalaban, preguntaban e respondían entre elas.
Estaba na metade da peza cando alguén chamou á porta. Sen levantar a vista do teclado, Aurora respondeu cun sinxelo “adiante”. Entrou unha figura esvelta, morena e sorrinte, ollos da cor do mel, e mirada triste, cos cordóns desatados, o estoxo dun clarinete na súa man esquerda e unha mochila ás costas. Francis saudou a Aurora amigablemente e non a interrompeu. Mentres ela tocaba, Francis encargouse de montar o seu instrumento. Non tiña gana ningunha de asistir a esa clase, non por Aurora, coa que se levaba de marabilla, senón polo profesor. Facíalle a vida imposible en clarinete, non había nada que o contentara. Se aos mellores na materia como moitísimo lles poñía un seis, non falemos das notas que levaban os que tiñan un nivel aceptable ou regular. Ademais, portábase dunha maneira moi antipática coa súa compañeira, que era unha boa pianista, e iso que só a coñecía dende había dous meses.
Para cando terminou de montar, a pianista xa acabara de interpretar a súa obra e estaba sacando o libro de música de cámara para comezar a practicar. Aurora axudoulle a afinar a Francis. Malia que tiña moi bo oído, precisaba escoitar a frecuencia do piano para axustar a afinación do seu instrumento. Unha vez feito, estiveron ensaiando durante un bo anaco e a peza semellaba saír bastante ben. Decidiron descansar un pouco, xa que a Francis doíalle o beizo de tanto tocar, polo que se apoiou nunha das danadas mesas da aula e falaron un pouco. Aurora soubo entón que algunhas das compañeiras de Francis volveran mofarse na clase, un costume que tiñan arraigado dende había anos.
 - Sigo sen entender que lles fixen para que se porten así comigo.- Declarou.
- A saber. Non che deron ningunha pista? Algún alcume de mal gusto? Búrlanse de algo en particular?...
- A maioría das veces é sobre a miña forma de vestir. Din que parezo un mozo, que son horrible, algunhas veces incluso téñenme dito lesbia de merda...- Contestou triste Francis, xogando cun fío do seu xersei distraidamente. -E nin sequera saben nada de min! Por que a miña forma de vestir ten que condicionar os meus gustos?
- Ti vístete como queiras, son os teus gustos. E a túa sexualidade non depende diso. - Afirmou molesta Aurora, que non soportaba ese tipo de abusos.
- Díllelo a elas... en fin, imos darlle outra volta.
- Vale, pero se volve pasar, dismo e fágolles tragar o meu instrumento. –Finalizou a pianista.
Riron con ganas, ambas eran conscientes de que a morena era capaz de cumprir a súa palabra. Abriron a xanela un pouco, porque o ambiente xa rozaba o exasperante, e volveron ao traballo. Para cando chegou o profesor, uns quince minutos despois, Francis e Aurora tiñan os nervios a flor de pel, aínda que a pianista estaba case tremendo. Ensaiara moito durante as vacacións e esforzáranse ao máximo para que a sonata saíse a flote.
- Boas tardes  - dixo o profesor, pechando a porta tras el.
- Ola - dixeron a coro as outras dúas persoas que había na aula.
- Que tal as vacacións? Practicastes? – Preguntou Mateo.
- Foron ben, foron, e practicamos moito - contestou Aurora.
- O mesmo digo - corroborou Francis.
- Ben, vexamos o resultado – dixo o profesor sentando nunha cadeira a carón do piano nunha posición na que parecía que estaba no sofá da súa casa. Esa actitude nunca lle fixo graza á pianista. “Polo menos”, díxose, “non é o meu profesor de instrumento”, como lle pasaba a Francis.
Sen más dilación empezaron a sonar as harmonías dunha sonata de Lefévre. Mateo escoitaba atento, aínda que con poucas ganas, co libro de partituras sobre os seus desgastados pantalóns de chándal.
Cando terminaron, na sala reinou un completo silencio. A pobre Francis case cortara o beizo de tanto esforzo que levara a cabo. A peza non era a máis curta do mundo, precisamente, e se a iso lle sumamos todas as repeticións que tiña, xa daban ganas de deixalo todo e marchar.
As músicos esperaban con ansias a aprobación do profesor, a cal nunca chegou. Todo o contrario: afirmou que non estudaran nada, que non se notaba ningunha mellora; e, dirixíndose a Aurora, espetoulle:
- Eu non sei de que vés acostumada, pero esta materia ou a tomas en serio e estudas como é debido ou suspéndote. Xa non estamos en grao elemental como para ter este nivel de rendemento tan baixo.
Francis quedouse tan sorprendida que non era capaz de dicir nada. Non podía crer o que acababa de oír. Aurora era a que máis se esforzaba das dúas, a que sempre se preocupaba porque as cousas saíran ben, a que estudaba todos os días para esa clase e a que tocaba de marabilla. E agora Mateo soltáralle esas palabra sen máis, con toda a normalidade do mundo, e o peor de todo, con desdén. Nese momento temeu polo profesor, tanto pola súa saúde física como mental, porque se había algo que sabía de Aurora era que odiaba que non valorasen o seu esforzo e o seu traballo. Se o seu temperamento saía á luz agora, podía deixar a Mateo moi malferido.
Esperou a que saltara, pero non foi así. Nos ollos de Aurora ardía unha furia que dirixiu directamente aos ollos de Mateo, escondidos tras unhas gafas sucias e graxentas, que reflectían unha actitude burlesca. Sen dicir palabra, a rapaza fixo o que Francis menos esperaba: levantouse amodo, colleu as súas cousas con premeditada parsimonia e encamiñouse cara á porta. O único que dixo antes de saír, seguida de Francis, que non pensaba quedarse alí soa con Mateo, foi:
- Se tan mal o fixen, se tan mala músico son, faino ti. - Espetoulle.
E sen máis preámbulo, foise, coas botas facendo ruído contra as baldosas, o seu bolso golpeándolle levemente a cadeira e a testa ben alta, deixando atrás a un atónito Mateo que quedou só fronte ao piano.
Sorprendido polo atrevemento da rapaza, sentou no tallo do instrumento e intentou facer soar unha sinxela melodía que adoitaban aprender os pianistas primarios. Non foi capaz de tocar coas dúas mans xuntas.
Foi entón, ao ver a complicada obra que as mozas estaban tocando ata había uns intres, cando se deu conta do inxusto que fora.
Alba Lugo Rey