29 de maio de 2012

Concursos de microcurtas e microrelatos

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Silleda , que dirixe a alcaldesa Paula Fernández Pena, vén de convocar un concurso de microcurtas e outro de microrrelatos.
As obras presentadas a calquera deles, deberán estar integramente feitas en Lingua Galega, e poderán concursar todas as persoas que teñan entre 12 e 20 anos e estean censadas en Silleda.
As micro curtametraxes deberán ter unha duración máxima de 8 minutos e versar sobre a situación da lingua galega na sociedade contemporánea e o uso cotián do galego en calquera entorno social. Poderán estar editadas e tamén ser ou non de ficción.
 As obras audiovisuais teñen que ser entregadas no Concello de Silleda, ou enviadas por correo á Casa Consistorial, en formato DVD PAL. Deberán entregarse co título e cun pseudónimo escritos, e acompañados dun sobre pechado onde tamén aparezan o título da obra e o pseudónimo no exterior do mesmo, e que conteñan unha tarxeta con todos os datos persoais do realizador.

Os microrrelatos non poderán superar os 300 caracteres de extensión e a temática é libre, aínda que tamén teñen que estar integramente en galego. Deberán presentarse tamén no Concello, ou ben en rexistro ou ben a través do correo postal, impresos en A4 e firmados cun pseudónimo. Coma no caso anterior tamén deben ir acompañados dun sobre pechado onde por fóra estea escrito o pseudónimo e no interior unha tarxeta cos datos persoais.
 Só haberá un gañador de cada modalidade, e o xurado encargado de valorar as obras estará formado por dous profesionais dos medios de comunicación e pola Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena.
 Premios
O autor do mellor microrrelato gañará un e-book e o da mellor microcurta gañará un tablet; ambos premios están valorados en 100 euros; asemade, os centros educativos aos que pertenzan gañarán un lote de libros en galego cada un, valorados en 50 euros. O prazo para presentar os traballos comeza o vindeiro dia 14 de maio e rematará o 30 de xuño de 2012, e as bases atópanse en www.silleda.es.

28 de maio de 2012

Neira Vilas defendendo o galego no Colmeiro


O pasado mercores 23 estivo connosco Xosé Neira Vilas, quen nos falou da súa obra, e sobre todo das súas vivencias. Un apartado importante do seu relatorio adicouno ao uso e impotancia do galego. Díxonos cousas como a seguinte:  "eu vivín 42 en América, escribín libros, artigos,... moitas cousas e sempre o fixen en galego"
Desafortunadamente a día de hoxe na propia Galicia, ninguén pode asegurar un uso normal do galego.
O escritor de Gres mostrouse decote orgulloso da nosa lingua: "temos lingua propia. Mirade vós, os norteamericanos, sendo tan importantes, non teñen unha lingua propia. Falan unha lingua traída doutro lugar, de Inglaterra"

En varias ocasións quixo destacar a importancia da nosa lingua tanto no contexto europeo como no internacional. "O galego é o idioma, fillo do latín, máis importante do mundo, xunto co castelán. Fálano millóns de persoas, En Mozambique, Angola, Portugal, Brasil...".


Neira Vilas había de facer moitas máis referencias a este último país: "no Brasil, que ten unha extensión que é 3 veces a de Europa falan galego"


Ou tamén, cando falando do seu best-seller 'Memorias dun neno labrego' lembrou a peza teatral que o ano pasado representou Cándido Pazó. "Cándido Pazó levou por todas partes unha obra de teatro sobre o meu libro, as 'Memorias das memorias dun neno labrego' e foi a Brasil. El intentou facer a obra en brasileiro e alí dixéronlle que non, que o fixera en galego. que se lle entendía perfectamente"




Neira Vilas tamén fixo mención a varios aspectos da súa vida persoal para destacar o valor do galego. "Eu escríbome con xente de Cuba, da Arxentina, de Bulgaria, mesmo do Xapón ou da China. Con todos o fago en galego. E despois hai algunha xentiña por aquí que non quer usalo e que di que lle é difícil [...]. Tamén manteño correspondencia con filólogos de Suecia, Noruega, de centroeuropa, interesados no galego. Se hai xente de tan lonxe que estuda o galego por algo será."

Contounos unha anécdota familiar. El emigrara de novo a Arxentina e naturalmente comenzou a manter correspondencia coa familia. Non tardou en deixarlle claro ao seu pai que quería que lle escribira en galego.
- Pero, se eu non sei escribir en galego -contestoulle o pai- teño moitas faltas.
- Tamén as tes en castelán -foi a resposta de Neira Vilas.
Encol disto, o escritor insistiu en que daquela por asistir a unha mala escola uns poucos meses xa se lles quedaba a idea de que a escritura tiñan que facela forzosamente en castelán. O castelán era a lingua do colexio e isto xenerou moitos prexuízos.

Comentou que 'Memorias dun neno labrego' xa foi traducida a 16 idiomas. Cando se poñían en contacto con el para tratar sobre as condicións da edición, Neira Vilas só lles pedía unha cousa, que incluíran un texto presentando a obra no que se indicara que foi escrita en galego, unha lingua do suroeste atlántico europeo. Xosé Neira Vilas mostrouse orgulloso de que grazas a isto, e á enorme divulgación das 'Memorias', a nosa lingua comenzou a ser coñecida nen moitos lugares do mundo.

24 de maio de 2012

Presentación 'De Balbino a hoxe'

O profesor Xoán Carlos García Porral presentou onte o seu libro 'De Balbino a hoxe' na biblioteca  do centro. Vémolo acompañado de Suso (o director), Xosé Neira Vilas, e Ana Suárez (da editorial Lóstrego que edita o libro).
O libro trata sobre os cambios e transformacións da vida na aldea desde a época de Balbino, hai 50 anos, ata a actualidade.
A presentación tivo como invitado de honra a Neira Vilas, o creador de Balbino, o neno de aldea dos anos 60 que forma parte dunha familia de caseiros, coma quen di, un ninguén. Na súa intervención revelou que el fora en boa medida responsable de que o nome do noso centro sexa 'Pintor Colmeiro'.
Para introducirse na temática do libro, pódese consultar esta entrevista que lle fixeron a Xoán Carlos no Faro de Vigo.

21 de maio de 2012

Xosé Neira Vilas no noso centro

Como vai vir en breve (mércores 23) ao noso centro, convén irmos repasando quen é este casi-veciño noso.
Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces, o 3 de novembro de 1928, é un escritor galego.
Fillo de labregos, estudou comercio por correspondencia. En 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocedades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas. En 1961 marcha a Cuba coa súa dona.
 Logo de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para viviren en Gres onde dirixen a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e periodístico.
Xosé Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o premio Celanova Casa dos Poetas e o Premio Trasalba (2004), e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 1999.
A súa obra Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da historia da literatura galega. Tanto esta coma outras obras posteriores reflicten o mundo rural e a emigración. Entre as novelas que reflicten o mundo rural hai que distinguir entre as de protagonista infantil e adulto.
As de protagonista infantil, forman o chamado "ciclo do neno" e son: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho.
Entre as que reflicten o agro galego dende a perspectiva adulta recrean toda a súa crueza: Xente no rodicio, A muller de ferro e Querido Tomás.
 Un pouco diferentes, aínda permanecendo un substrato rural, son as obras Lar, Nai e Pan. O mundo da emigración aparece en Camiño bretemoso, na colección de contos Historias de emigrantes, en Remuíño de sombras e en Tempo novo.
 Neira Vilas escribiu tamén libros para nenos, entre os que destacan Espantallo amigo, O cabaliño de buxo, A marela Taravela, Contos vellos pra rapaces novos e Chegan forasteiros.
 En colaboración coa súa muller, a cubana Anisia Miranda, publicou un libro de de cancións e poemas titulado Cantarelas e contos prá xente miúda. Se queres saber máis sobre este escritor, visita a web da súa fundación: Fundación Xosé Neira Vilas

18 de maio de 2012

Lectura do manifesto de 'Vitaminas para o galego'

Os alumnos de 1ºB, ás 12:00 do 16 de maio fixeron a lectura do manifesto 'Vitaminas para o galego' para colaborar nunha campaña de promoción dos medios de comunicación na lingua de noso.

Crónica do Correlingua de Silleda na TVG


Esta foi a crónica emitida pola TVG o pasado 14/05/2012 no informativo Galicia Noticias do mediodia dando conta do desenvolvemento do Correlingua en Silleda. Aparece algún alumno do Colmeiro.



 Na versión dixital do xornal La Voz de Galicia tamén aparece este vídeo.
No Faro de Vigo podemos ler esta crónica: "Mil deportistas máis para o galego"

17 de maio de 2012

As fotos do Correlingua de Silleda

O pasado luns 14 de maio participamos no primeiro Correlingua celebrado en Silleda. Normalmente esta actividade viña desenvolvéndose na Estrada (ver), porén este ano este concello retirou o seu apoio (ver) nunha inexplicable decisión chea de sectarismo.
Pero, tal e como podemos ler na crónica local do Faro de Vigo, se o domingo Avelino Pousa Antelo, o insigne galeguista, celebraba o seu 98 aniversario, ao día seguinte 1.000 rapaces seguían a súa estela e polas rúas de Silleda reafrimaban o seu orgullo e defensa do galego. Basta ver as fotos:

16 de maio de 2012

#17vitaminas

Velaquí un momento da lectura do manifesto de Vitaminas para o galego [web], [blogue], hoxe ás 12:00 na entrada do instituto.
Campaña  #17vitaminas


Os participantes na lectura recibiron este lápis que escribe en galego:



Lectura do manifesto de 'Vitaminas para o galego'

Vitaminas para o galego é unha plataforma constituía arredor de varios medios de comunicación en galego cuxo obxectivo fundamental é precisamente ese: o mantemento e posta en valor deses medios como base fundamental para a normalización lingüística.
Por esta razón, cando lanzaron a iniciativa de facer unha lectura colectiva do seu manifesto, non dubidamos en apuntarnos. Hoxe o grupo de 1º ESO B fixo a súa contribución  este pequeno pero fundamental paso de defensa da lingua galega. Esperamos pronto velo colgado nesta canle do You Tube.Manifesto Vitaminas Para o Galego

15 de maio de 2012

Por que é bo que os nenos e as nenas aprendan ben o galego

Tríptico editado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra (2011). Un pequeno documento que nos permite reflexionar sobre un alicerce básico para a boa saúde da nosa lingua: as razóns fundamentais para asegurar unha boa aprendizaxe do galego na escola.

Radiografía do idioma

Un documento de gran calidade para aproveitarmos para relfexionar sobre a situación social do galego nesta semana na que participamos no Correlingua e celebramos o Día das Letras.
Trátase dunha análise feita polo ENDL de Melide hai dous anos e utiliza os estudos máis importantes sobre o estado da nosa lingua na sociedade. Aporta datos do IGE  (Instituto Galego de Estatística), do MSG 04 (Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004) [1], [2], [3]  e do informe "Situación no ensino da lingua e a literatura galega na educación secundaria obrigatoria"

14 de maio de 2012

Hoxe toca Correlingua

Hoxe o alumnado de 1º e 2º da ESO participa no Correlingua de Silleda xunto co CEIP do Foxo, o CEIP Cabada Vázquez, o CEIP de Silleda, o CPR María Inmaculada, o CEIP de Figueroa, o IES Aller Ulloa, o IES Chano Piñeiro, O IES Manuel garcía Barros, o IES Laxeiro, o IES Marco do Camballón e o IES Losada Diéguez.
Case 1000 participantes nunha nova festa do galego.

10 de maio de 2012

Unidade didáctica Correlingua 2012

Preparando o Correlingua, nesta presentación hai algúns recursos didácticos para que o alumnado reflexione sobre a situación social do galego.

Manifestacións polas linguas minoritarias en Francia

Traballo realizado por Aitana Ansemil, Rebeca Belay, Sandra Fernández, Bruno Insua, Ana Sofía Neto, Tamara Pereiras, Sergio Rozados e Lucía Silva, alumnos de francés de 4º B.



31 de Marzo de 2012. Dia de manifestacións en Francia a favor das linguas  rexionais e minoritarias.
Mais de 60.000 persoas  manifestanse  por toda Francia.
En bretagne segundo a policía houbo 8.000 manifestantes entre os que se podían ver tamén grupos de música tradicional (bagads).












En Toulouse, onde o 20% da poboación fala occitano, houbo entre 25.000 e 30.000 persoas.













En Bayone, onde o 22% da poboación é bilingue (vasco), houbo 7000 manifestantes


















En Strabourg, tamen houbo grandes manifestacións en favor do alsaciano.







9 de maio de 2012

Linguas minoritarias en Francia nos medios de comunicación audiovisuais


Traballo realizado por Aitana Ansemil, Rebeca Belay, Sandra Fernández, Bruno Insua, Ana Sofía Neto, Tamara Pereiras, Sergio Rozados e Lucía Silva, alumnos de francés de 4º B.

Medios de comunicación audiovisuais

8 de maio de 2012

Posición de Francia con respecto á Carta Europea das lenguas rexionais ou minoritarias.

Tercira parte do traballo de Aitana Ansemil, Rebeca Belay, Sandra Fernández, Bruno Insua, Ana Sofía Neto, Tamara Pereiras, Sergio Rozados e Lucía Silva, alumnos de francés de 4º B.



Neste mapa sacado da Galipedia aparecen os estados que ratificaron a Carta Eurepea de Li representados en cor verde escura; asinantes pero sen ratificala, en verde claro; non-adscritos, en cor grisalla

Francia asinou en 1999 a Carta Europea adoptada polo Consello de Europa en 1992, pero non a ratificou. Francia só suscribíu 39 compromisos de entre os 98 propostos pola Carta. Os outros estados asinantes suscribiron de media uns 50.

O goberno francés buscou xustificarse dicindo que:
“Na medida en que a Carta non ten como obxetivo o recoñecemento e a protección senón  o de promover o patrimonio lingüístico europeo, e que o emprego do término de “grupo”de falantes non confire dereitos colectivos para os falantes das linguas rexionais ou minoritarias, o goberno da República interpreta a Carta nun sentido compatible co Preámbulo da Constitución,que asegura a igualdade de todos os cidadáns ante a lei e que só recoñece o pobo francés composto de todos os cidadáns sen distinción de orixe,de raza nin de relixión.(…)”

Sería no momento de ratificación da Carta cando se precisase a lista das linguas concernidas –probablemente o alsaciano,o bretón,o vasco, o catalán, o corso ,o flamenco , o provenzal e o occitano- e tamén os compromisos aplicados para cada unha delas (parece que poderían ser diferentes).
Segundo eles estes “dereitos específicos para os falantes das linguas rexionais ou minoritarias” van en contra dos principios constitucionais de indivisibilidade da República, de igualdade ante a lei e de unidade do pobo francés.

No artigo 2 da Constitución dise que “A lingua da República é o francés”.
 Ó máis que chegaron foi a introducir, durante a modificación constitucional de xullo do 2008, un apéndice relativo ás linguas rexionais de Francia, ao final do Título XII (“as colectividades territoriais”) despois do artigo 75 engaden o artigo 75-1:
“As  linguas rexionais pertencen ó patrimonio de Francia”-o cal non arranxa nada porque non concede ningún dereito.
A primeira proposta fora engadilo directamente ó artigo 2, pero foi rexeitada polo Senado. O seu gran temor era que este recoñecemento poidese abrir as portas a calquera tipo de reivindicación de “identitarismo” e “comunitarismos”.

A Ministra de Cultura, Mme  Christine Albanel declararou en maio do 2008 que o Goberno ía presentar un proxecto de lei- un “ marco referencial”- pero que non ratificaría a Carta Europea.
Moitos franceses esperaban que o proxecto lei sobre o estatuto das linguas rexionais, anunciado para o 2009, reforzase dito estatuto, moi pouco definido ata aquela.
Pero en decembro do 2009, o Ministro de Identidade Nacional, Éric Besson, anunciou que non habería lei sobre as linguas rexionais, e iso, a pesar das promesas de Nicolas Sarkozy e da Ministra da Cultura.

Evocando os perigos dun marco xurídico de recoñecemento das linguas rexionais, estimando que ese marco chocaría contra os “principios de indivisibilidade da República e de igualdade ante a lei”, o Delegado Xeral da lingua francesa e das linguas de Francia, M. Xavier North, xustificaba nunha entrevista, en febrero do 2010 a posición do goberno:

“Sendo xa moi rico o arsenal xurídico francés sobre este tema, non é estrictamente necesaria unha nova lei sobre as linguas rexionais. Bastaría con que se empregasen de maneira máis voluntarista as que existen. (…) Non se pode comparar unha nación unitaria como a nosa con países fortemente descentralizados, mesmo federais, como España, o Reino Unido ou Alemania. O territorio metropolitano (o “hexágono”) conta polo menos cunha decena de linguas rexionais, incluso vinte, si se recoñecen as variantes das linguas d’oc e das linguas d’oïl. Conceder dereitos opoñibles a unha lingua suporía, evidentemente, estendelos a todas, o cal iría en contra da indivisibilidade da República e da unidade do pobo francés, segundo os termos do Consello Constitucional”.

Para moitos franceses a Constitución actual, adoptada en 1958, xa non está adapatada ás novas realidades (Unión Europea, Internet, mundialización, rexionalización,…) e reclaman unha modificación.
Outros consideran que a Constitución é o suficientemente flexible como para permitir calquera evolución do sistema político, só hai que interpretala dun xeito menos ríxido, legalista e restrictivo.

Os defensores da Carta Europea opinan que xa é hora de que os políticos executen as numerosas promesas electorais sobre o asunto, e que Francia debe comprometerse na vía da defensa das linguas minoritarias.

Os opoñentes cren que ratificar a Carta Europea suporía, en primeiro lugar, “derrochar vergonzosamente os fondos públicos”, sería moi custoso todo o que iso implicaría e, ademáis, en segundo lugar, sería reforzar “linguas inútiles no plano económico”. Consideran que o futuro dos xóvenes estaría máis asegurado ca promoción do francés a nivel universal ou ca aprendizaxe de linguas estranxeiras que non co “repliegue sobre idiomas respectables pero practicados nun espazo restrinxido”.
Ademáis, segundo eles, a Carta representa “un perigo para a República, as súas institucións e os seus valores”, xa que temen o debilitamento do Estado nación republicano. Chegan a falar de “bomba con temporizador”.
Si xa é inevitable recoñecer a diversidade lingüística, non é necesario que haxa que recoñecer “dereitos específicos e imprescriptibles” ós seus falantes. Segundo eles, as linguas rexionais de Francia son libremente practicadas e ensinadas (sempre que os pais o soliciten e que o número de alumnado sexa considerado suficiente), polo tanto é inútil constitucionalizar un estatuto “xa adquirido”, “unha lingua viva non precisa ser constitucionalizada para existir”. Hai que animar ó seu uso e favorecer a súa expresión na vida cultural e artística, pero non impoñelos ós outros falantes. Hai que permitir máis que restrinxir, incitar e desenvolver máis que imponer, …

Exactamente o contrario do que Francia fixo sempre co francés.

Moitos dirixentes franceses temen que algunha instancia exterior ( o Consello de Europa, por exemplo) otorgue ás linguas rexionais un estatuto sobre o que eles non terían ningún control.
Tamén temen que calquera maioría local poida, algún día, esixir o dereito imprescriptible de empregar outra lingua que non sexa o francés na vida pública (tribunais, concellos, escolas, oficinas de correos, …).

Aínda que a maioría recoñece que as linguas rexionais forman parte do “patrimonio nacional”, olvidan que esas linguas, si non son protexidas e promovidas, están encamiñadas cara a unha rápida extinción, xa que algunhas delas están consideradas “en serio perigo” pola UNESCO.

Sen embargo, co tempo, son cada vez máis numerosos os franceses a favor da ratificación.
Ademáis Francia, que sobre este asunto continua sendo un caso a parte na Europa do oeste, é continuamente chamada á orde polas diferentes instancias internacionais por culpa da súa actitude intransixente no que concerne ás linguas rexionais.
                                              

Algunhas citas dos candidatos ás eleccións presidenciais 2012 sobre as linguas rexionais


Cal é a postura dos diferentes candidatos ás presidencia de Francia a respecto das linguas minoritarias nese país? Ttraballo realizado por Aitana Ansemil, Rebeca Belay, Sandra Fernández, Bruno Insua, Ana Sofía Neto, Tamara Pereiras, Sergio Rozados e Lucía Silva, alumnos de francés de 4º B.

François Hollande (Parti Socialiste)
“A república indivisible, é a que está orgullosa da súa lingua, Bonita lingua! Lingua da diversidade, lingua excepcional, lingua cultural! Lingua que se ofrece aos outros! E porque nos non temos nada en contra da lingua francesa, ratificaremos a Carta das linguas rexionais porque é tamén unha petición que nos fan e que é lexítima.”  4/03/2012
“Estou a favor de que as linguas rexionais sexan recoñecidas e faladas. Se chego a presidente da República poñerei no parlamento unha modificación da Constitución para ratificar a Carta das Linguas Rexionais. (…) recordando, sen embargo, que a única lingua oficial é o francés” 9/2011





Nicolas Sarkozy (Union pour un Mouvement Populaire)
“Cando se ama a Francia, non se propón a ratificación da Carta das linguas rexionais que non ten como obxectivo a pervivencia das linguas rexionais senón o coñecemento de dereitos lingüísticos a todas as minorías e situalas baixo o control dunha corte europea que xulgará sen ter en conta a nosa historia nacional e a nosa tradición republicana.”  19/02/2012
“Sempre considerei que aprender o bretón ou outra lingua rexional non é un risco para a unidade nacional, máis ben o contrario. É unha riqueza.”  3/2011
“O único límite que poño (…) é que o Corso non poida nunca reemprazar ó francés nos textos oficiais nin nas ventaíñas dos servizos públicos, nunca” 13/04/2012
“Eu non quero que o día de mañá calquera xuíz europeo (…) poida decidir que unha lingua rexional debe ser considerada como lingua da república ó mesmo nivel que o francés” 2007


 
Eva Joly (Europe Écologic)
“Eu digo que as linguas rexionais son tesouros culturais en perigo. Porque, para construír a unidade francesa, as xeracións xacobinas pensamos que fai falla o uso destas linguas. Mais esta época xa pasou, o francés non ten necesidade de ser protexido.”  09/2012
“Non se pode impoñer o ensino das linguas rexionais, pero pode impoñerse que se oferte.”







François Bayrou (Mouvement Démocrate)
“Non é un luxo, é un dereito. As linguas rexionais forman parte do tesouro cultural do país. Sei ben que moita xente que non as fala non ten este sentimento, e preguntarase.. Pero sabedes, en Xapón, o Xaponés é considerado un tesouro nacional! Para min, as linguas de Francia son ricas e numerosas, o bretón, o vasco, as linguas da gran familia occitana onde están o gascón e o bearnés… esas linguas teñen necesidade de ser transmitidas de outro xeito, non con pasos cara atrás.”  9/2011






Jean Luc Mélenchon (Front de Gauche)
“Non se trata de dicir que a salvagarda das linguas e culturas rexionais nos empuxen pola pendente que conduce automaticamente á secesión, ó particularismo e ó comunitarismo. Isa non é a miña intención! Pero si teño a intención de dicir que o risco existe.” 2008
“Por razóns filosóficas, os franceses están, en efecto, fundamentalmente opostos a que algúns grupos de locutores obteñan certos dereitos.” 2008







Marie Le Pen (Front National)
“A tenrura que todos nós temos polas culturas rexionais non debe facernos perder de vista as esixencias do restablecemento da nación francesa e polo tanto do mantemento absoluto do francés como única lingua oficial do estado.” 2007

7 de maio de 2012

As linguas minoritarias no ensino en Francia. 2

Segunda parte do traballo realizado por Aitana Ansemil, Rebeca Belay, Sandra Fernández, Bruno Insua, Ana Sofía Neto, Tamara Pereiras, Sergio Rozados e Lucía Silva, alumnos de francés de 4º B.


As comunidades lingüísticas minoritarias rexionais decidiron crear as suas propias escolas. (Privadas).
A  ratificación da Carta Europea  aportaríalles medios económicos para obter un estatuto público pero mentres, elas xa foron dando os primeiros pasos.
Tamén  se foron facendo visibles no mundo Web onde están presentes páxinas de calidade.

O BRETÓN:
É unha das que maior dinamismo mostra; DIWAN son escolas asociativas nas que os rapaces contán con unha educación en lingua bretona. O ensino nos niveis iniciais faise exclusivamente en bretón. Trinta establecementos e dous mil alumnos , tamén hai clases bilingües nas escolas públicas e nas privadas.O que fai un total de vinte dous mil alumnos.
As páxinas Breizhoo e breizh.net achégannos ó mundo bretón.

O OCCITANO:
Ten tamén escolas asociativas onde se estuda o occitano, chámanse Calandretas.
En 1980 abría a primeira escola ,con cinco alumnos; hoxe hai trinta e unha con 1522 alumnos.
As páxinas provence web , gidiloc e occitaniavirtuala permítennos descubrir o territorio desta lingua que ocupa mais da metade de Francia e mesmo sobrepasa as súas fronteiras.


O CATALÁN:
   Os pais que desexan escolarizar os seus fillos en catalán contan con la bressolaque é unha escola asociativa baseada na inmersión lingüística.
 Nas páxinas lincaweb e catnord son un útil ó servizo da pan –catalaniedade.

O CORSO:
Córcega  desmárcase rápidamente na súa politica de ensino da súa lingua. No lugar de deixar este ensino en mans de escolas asociativas, foi creado un servicio autónomo no seno do rectorado de Córcega. Isto foi posible  grazas a un compromiso importante do estado.

O VASCO:
As escolas Seaska (19 escolas e 9 colexios) aseguran un ensino en vasco.
A páxina egunkariapreséntanos a historia da prensa en “euskara”.

O ALSACIANO:
Alsannuaire e  le  Dialecte alsacien móstrannos o vigor desta lingua.


5 de maio de 2012

As linguas minoritarias no ensino en Francia


Esta é a primeira parte do traballo realizado por Aitana Ansemil, Rebeca Belay, Sandra Fernández, Bruno Insua, Ana Sofía Neto, Tamara Pereiras, Sergio Rozados e Lucía Silva, alumnos de francés de 4º B.


Por tradicion o sistema educativo francés nunca foi moi permeable ó ensino doutras linguas maternais que non fosen o francés.
As administracións rexionais non teñen competencia no campo do ensino e o Estado case non se preocupa polo ensino das linguas rexionais.

A lei Haby foi substituída por algúns artigos do codigo da educacion de 2000:
SECCIÓN 4:
O ensino das linguas e culturas rexionais
Art.L312-10
“O ensino de linguas e culturas rexionais pode ser dispensado ó longo de toda a escolariedade.
O consello superior da educacion é consultado, conforme ás atribucións que lle  son conferidas polo artigo L.231-1, sobre os medios de favorecer o estudo das linguas e culturas rexionais nas rexións onde esas linguas están en uso.”
 Art .L312-11
“os mestres están autorizadas a recorrer ás linguas rexionais nas escolas primarias e maternais sempre que poidan tirar proveito para as suas ensinanzas, sobre todo para o estudo da lingua  francesa”.
Art.L312-11-1
“a lingua corsa é unha materia ensinada no cadro do horario normal das escolas maternais e elementarias de  Córcega”.

 En todos os mecanismos do aparello  do estado, o francés é a única lingua vehicular: parlamento, administración , xustiza, ensino,anuncios e sinalizacións,...

Xurídicamente é como si non existisen minorías históricas en Francia , sen embargo, algúns dereitos van obtendo recoñecemento nos feitos. 

A presión popular foi lexitimando o ensino das linguas minoritarias.
Algunhas comunidades (bretona, corsa, vasca) multiplican os actos de disidencia, mesmo actos violentos, coa finalidade de reivindicar o “estatuto de minoria”.

Deste xeito as circulares de 21 de xuño de 82 e de 30 de decembro do 83 confiren ó ensino das linguas e culturas rexionais xa non o estatuto de “materia optativa” senón o de “materia específica”  dispoñendo de cadro horario, programas, probas de exame, persoal formado e programas de investigación pedagóxica  e científica.
·         A circular do 7 de abril do 95 que rixe o ensino das linguas e culturas rexionais en Francia, reafirma “a preocupación pola preservación dun elemento esencial do patrimonio nacional”
     “Cada ensinante, cando as actividades da clase se presten, fará descubrir ós seus alumnos as riquezas do patrimonio cultural e lingüístico, conducíndoos a recoñecer o feito rexional non como unha opción entre particularismos locais, senón como un compoñente da cultura nacional.”
Esta circular prevé a posibilidade dun ensino de 1 a 3 horas semanais da lingua rexional, buscando tamén un ensino bilingüe, cando os pais así o soliciten e lles sexa recoñecida esta petición.
  • A Orde do 25 de xullo do 2007, especifica programas para o vasco, o bretón, o catalán, o corso e o occitano.
 
Actualmente o ensino das linguas rexionais non é obrigatorio. Está baseado na voluntariedade, tanto por parte dos alumnos como por parte dos profesores.

O goberno francés, baixo a presión popular, viuse na obriga, práctica e non xurídica, de instaurar un sistema de ensino xeralizado en lingua rexional.

En primaria pode haber un ensino de iniciación (de 1 a 3 horas semanais) ou un ensino bilingüe, no que a lingua rexional é a un tempo a materia ensinada e a lingua de ensino.
Nalgúns colexios hai tamén  seccións bilingües onde ademais 1 ou 2 materias son ensinadas na lingua rexional.