28 de feb. de 2014

Soia. O mural do Día de Rosalía

 A AELG convocara a centros de ensino e asociacións culturais a celebrar cun graffiti o 24 de febreiro, Día de Rosalía.
Xa adiantamos o propio día unha interpretación que desde a aula de plástica se fixo na entrada do IES do poema de Follas Novas.
Nós reinventamos a chamada da AELG e Bernardo e as súas mozas de plástica pasaron horas de frío tecendo este mural. A intervención foi realizada nun muro que nos ofreceu o Concello, no patio da Casa da Cultura de Silleda. Non deixedes de visitalo!
Soia
Eran craro-los días,
risoña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.
   Íñase á mañecida,
tornaba coa serán…;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.
   Tomóu un día leve
camiño do areal…
Como naide a esperaba,
ela non tornóu máis.
   Ó cabo dos tres días,
botóuna fora o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

Nós cantar cantamos (5 e 6)

Canta meniña
Na veira da fonte

 Ilustración de Cristina Ares


Ilustración de Bryan Trejos Restrepo

Mural para Rosalía

 Recollemos do Faro de Vigo esta noticia sobre o mural realizado dentro das actividades da celebración do Día de Rosalía de Castro programadas polo ENDL. Neste caso contamos coa colaboración do Concello que nos facilitou un muro para realizar a intervención:

Un grupo de alumnas da asignatura de Debuxo do instituto Pintor Colmeiro de Silleda decorou un mural na parte traseira da Casa dá Cultura da capital trasdezana. A creación é un "atrapaoños" inspirado no poema Soia da autora romántica padronesa, no que tamén se inseriron textos desta composición poética. O traballo plástico foi elaborado polas alumnas Andrea Meijomín, Alba Moreira e Noelia Amigo coa colaboración do profesor Bernardo Ínsua e ten uns tres metros de alto

26 de feb. de 2014

Nós cantar cantamos (3 e 4)

En colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa continuamos a andaina do Día de Rosalía ao Día da Poesía que titulamos Nós cantar cantamos con ilustracións de Sebas Anxo


24 de feb. de 2014

Interpretación dun poema de Rosalía

Hoxe é o Día de Rosalía. Así se interpretou este poema de rosaliano desde a aula de plástica do noso centro.


Soia

Eran craro-los días,
risoña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.
   Íñase á mañecida,
tornaba coa serán…;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.
   Tomóu un día leve
camiño do areal…
Como naide a esperaba,
ela non tornóu máis.
   Ó cabo dos tres días,
botóuna fora o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

Nós cantar cantamos (1 e 2)

En colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa comenzamos hoxe a andaina do Día de Rosalía ao Día da Poesía que titulamos Nós cantar cantamos con ilustracións de Sebas Anxo

O mundo dos castros contado ao alumnado de 1º da ESO

Outra vez estamos na prensa local. No Faro de Vigo fixeron referencia ([1] e [2]) á presentación que este xoves 20 realizaron para o alumnado de 1º da ESO Antonio Presas e o noso Xoán Carlos do seu libro "O Mundo dos Castros. A Comarca de Deza". Editado pola editorial do xornal o libro xa foi presentado en Lalín a principios de mes.
Deixamos aquí unha tradución da noticia do Faro:

Os investigadores Antonio Presas e Xoán Carlos García Porral inician o xoves no instituto de Silleda o seu rolda de presentación polos centros da comarca do seu libro "O Mundo dos Castros-A comarca de Deza", editado por FARO DE VIGO. A completa guía sobre o patrimonio casteño presentouse no Salón Teatro de Lalín o pasado día 5 e o decano xa enviou varios exemplares da publicación a todos os centros educativos de Deza. 
Os lalinenses reunirán a uns 45 alumnos de 1º diso no instituto da capital trasdezana a partir das 15.50 horas. Presas realizará unha explicación sobre as particularidades da cultura castreña para achegar os seus coñecementos ao alumnado, valéndose de recursos como mapas. Pola súa banda, García Porral centrarase na parte que ten que ver coas lendas. Logo de Silleda está previsto que os investigadores acudan ao resto de centros educativos dezanos, aínda que o plan de visitas está aínda por pechar.

22 de feb. de 2014

Que conmemoramos o luns?



Que conmemoramos o luns?

Este luns, 24 de febreiro, comenza unha nova viaxe do ENDL.
Pensa un pouquiño. Que ten de importante o 24 de febreiro?
O punto de chegada terá lugar o 21 de marzo. Por qué é significativa esta data?


20 de feb. de 2014

Día da lingua materna 2014 (editable)

Na anterior entrada xa comentabamos que este tríptico foi realizado en colaboración co IES Chano Piñeiro co fin de informar ás familias do alumnado sobre en que consiste o 'Día da Lingua Materna' instaurado pola Unesco desde hai 14 anos.
Por se nalgún outro centro quixeran utilizar este material, basta con que descarguen esta versión editable do tríptico


Entrevista en Proxecto Neo a Valeria Espinal


Unha boa nova chéganos tendo como punto de ligazón a nosa Radio Colmeiro. O caso é que en Burela enteráronse das nosas emisións e a partir disto puxéronse en contacto connosco parta entrevistar a algún alumno do noso centro no seu programa Proxecto Neo.
Tal e como se enuncia no seu título, preferían buscar un neofalante. Velaí que Valeria Espinar, alumna de 1º de bacharelato que participa tamén en Radio Colmeiro, foi a elixida. A entrevista  a Valeria comenza no minuto 23. Recomendámola vivamente. A mágoa é que non se nos dera a nós por entrevistala na nosa radio.

No blogue do Proxecto Neo presentan así a entrevista a Valeria:

Kastomä foi a chave que nos abriu a porta para coñecer por dentro a Radio Colmeiro, a nosa irmá impulsada polo Instituto Pintor Colmeiro de Silleda. Nese momento comezou o recital de Valeria Espinar Carreño, estudante de 1º de Bacharelato. Foi unha conversa espumosa. Por que? Porque comezou no fondo do vaso, tanteando, e subiu e subiu até chegar á cima. Desa maneira, a través das súas palabras, coñecémola a ela -como neofalante- e visualizamos o grupo humano que impulsa a iniciativa educativa chamada Radio Colmeiro. Como Valeria falaba tanto e tan ben, a entrevista do seu profesor de Tecnoloxía, Xosé María Rodríguez, foi máis curtiña. Aínda así, coñecemos a visión pedagóxica do proxecto que leva á práctica o Equipo de Normalización daquel centro de ensino. Tamén percibimos a través do seu protagonista a maneira en que un rapaz de 14 anos pode superar a ruptura cultural. O profesor Rodríguez renaceu galego. Segundo as súas palabras "bon traballiño lle custou", mais está moi orgulloso por ter dado ese paso. Nós tamén estamos moi moi orgullosos... por podelo contar.


19 de feb. de 2014

Tríptico do Día da lingua materna 2014


Co gallo do 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, tanto no Colmeiro como no IES Chano Piñeiro (Forcarei) repartiremos un tríptico con este contido:

O Día da Lingua Materna
Todos temos a idea de que a lingua materna é a das primeiras palabras ou a da expresión do pensamento. Pero nunha situación como a nosa,  na que hai varias linguas en contacto o concepto lingua materna pode levar a confusión. Moitas veces úsase interesadamente como sinónimo da lingua de cada individuo en particular, no canto de facer referencia a un fenómeno da comunidade. Teñamos en conta que as linguas son construcións sociais.
O Día da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco e celébrase o 21 de febreiro desde o ano 2000. Cando falamos de lingua materna, segundo a Unesco, estámonos a referir a unha lingua minorizada, normalmente con dificultades para a súa implantación social, e con desventaxas respecto doutra lingua estatal. En Galicia sería o galego a única lingua que podería cualificarse como lingua materna. 

Cada ano a Unesco fai unha declaración co fin de poñer o foco nos problemas que padecen moitas linguas e promover a aplicación de políticas e estratexias que favorezan a diversidade lingüística. Así, cada 21 de febreiro chéganos unha mensaxe de Irina Bokova Directora Xeral da Unesco, destacando en cada edición  unha cuestión na que incidir na protección e o fomento das linguas maternas ou linguas con risco de exclusión. Na edición deste ano o tema a tratar é o das "linguas locais para a cidadanía mundial: a ciencia en primeiro plano". Velaquí un extracto da declaración asinada por Irina Bokova:

Contrariamente á crenza común, as linguas locais son totalmente capaces de transmitir as materias científicas máis modernas, as matemáticas, a física e a tecnoloxía. Recoñecer esas linguas supón tamén abrir a porta a múltiples saberes tradicionais científicos a miúdo ignorados e enriquecer os nosos coñecementos.As linguas locais constitúen a maior parte das linguas que se falan no noso planeta no ámbito científico. Son tamén as máis ameazadas. Coa exclusión das linguas, os seus falantes vense privados do seu dereito humano fundamental ao coñecemento científico.


Declaracións de anos anteriores:
No ano 2013 a xornada centrouse especialmente no tema do libro escolar:
Nalgúns países, a falta de libros e manuais escolares escritos nas  linguas locais constitúe un obstáculo para o desenvolvemento e a inclusión social.  É tamén de feito unha privación elemental do dereito á liberdade de expresión.  As ferramentas dixitais permiten en ocasións suplir esta carencia, pero non bastan, e debemos facer todo o posible para garantir unha difusión máis equitativa dos materiais e os libros que todas as persoas, sobre todo os  nenos, poderán ler na lingua que elixan, incluída a súa lingua materna. 
O ano 2012 estivo adicado ao emprego das linguas locais na educación infantil:
As linguas maternas das poboacións excluídas, como os pobos indíxenas, quedan a miúdo ignoradas polos sistemas educativos. Permitíndolles aprender, desde a máis tenra idade, na súa lingua materna e logo noutros idiomas, nacionais, oficiais ou outros, promóvese a igualdade e a inclusión social.

No 2011 o tema central referíase ao uso das tecnoloxías para a promoción das linguas minorizadas
As tecnoloxías da información e a comunicación poden resultar especialmente útiles para fomentar as linguas maternas. Debemos aproveitar o poder do progreso para protexer as distintas visións do mundo e promover todas as fontes de coñecemento e as formas de expresión. Estes son as fíos con que se tece a  historia da humanidade. A innovación, a flexibilidade e a interacción social que constitúen a cerna das novas tecnoloxías da información e a comunicación poden contribuír ao logro destas metas. Neste Día Internacional da Lingua Materna comprometámonos a obrar consonte este sentido. 

Ano 2012: A Unesco recomenda o ensino infantil nas linguas locais
“O galego, "varrido" do 95% do ensino infantil nas cidades” (10/10/2012) en Praza Pública

Ano 2013: A Unesco promove o libro escolar nas linguas locais

“Substituír os libros en galego custará seis millóns de euros” (25/08/2010) no Xornal

Ano 2014: A Unesco recomenda o ensino das ciencias nas linguas propias

“Matemáticas, sólo en castellano durantePrimaria y Secundaria” (26/05/2010) en El Correo Gallego



Ofrecemos tamén un tríptico editable para quen o queira usar:
tríptico editable sobre a lingua materna

18 de feb. de 2014

As matemáticas do cotián

Un novo exemplo de que as matemáticas, e en xeral as ciencias, poden contribuir á normalización lingüística mediante a súa transmisión nesta lingua. Nesta ocasión ofrecemos algúns retallos da conferencia impartida pola profesora da Facultade de Matemáticas da USC María Victoria Otero Espinar sobre "A matemática do cotián" no IES Pintor Colmeiro dentro do programa "A Ponte entre o ensino medio e a USC" que ten como obxectivo fundamental orientar ao futuro estudante universitario para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

9 de feb. de 2014

Presentación do libro "O mundo dos castros"

 O pasado día 05/02/14 presentouse en Lalín un libro do que termos noticia de primeira man no noso centro nas vindeiras semanas pois un dos seus co-autores é o profesor do noso centro, e membro do ENDL, Xoán Carlos. O libro foi edicato polo Faro de Vigo polo que a nova aparece destacada na súa edición comarcal.
Como a redación do xornal vén en castelán, ofrecemos aquí unha versión do artigo en galego:

O Faro de Vigo encheu onte o Salón Teatro de Lalín na presentación do libro "O Mundo dos Castros-A comarca de Deza", autoría dos colaboradores do decano en Deza e Tabeirós-Montes Antonio Presas e Xoán Carlos García Porral. Representantes da política, a cultura e da sociedade da comarca apoiaron aos escritores nun acto sinxelo e moi emotivo, con motivo do 160 aniversario do diario, e con constantes referencias á defensa do patrimonio e a procura das raíces dezás.
 O delegado de FARO en Deza e Tabeirós-Montes, Xan Salgueiro, foi o encargado de abrir a quenda de intervencións. Cualificou a Presas como un exemplo de persoa comprometida na defensa do medio ambiente e o patrimonio e ao antropólogo García Porral como un digno discípulo seu. Nunha comarca con máis dun centenar de castros, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, incidió no "compromiso de FARO DE VIGO coa cultura galega e o seu patrimonio". "Dar sentido ao pasado é contribuír á creación do futuro, porque todo perténcenos a todos". O representante do goberno galego felicitou aos autores e ao decano polo "magnífico traballo" saído da Imprenta Alvarellos de Lalín e que nas súas 132 páxinas fai referencia a algunhas das fortificaciones significativas da comarca. O moderno deseño acompáñase cunha coidada guía que servirá de referencia a veciños e visitantes para percorrer algúns destes tesouros do patrimonio, habitados fai máis de 2.000 anos.
 O conselleiro reparou -ante un nutrido grupo de alumnos de colexios de Lalín- na visión "didáctica" da publicación e a súa utilidade para que as xeracións máis novas poidan ilustrase coa súa propia historia. Na súa intervención non deixou escapar que en Deza están rexistrados en torno a un centenar de castros dos máis de 3.000 que hai en Galicia.

8 de feb. de 2014

Radio Colmeiro 4: Estuda repunante

Con éste xa van catro programas emitidos. Deste xeito Radio Colmeiro xa é toda unha institución nas poucas semanas que leva en funcionamento, puxémoslle unha lapela especial adicada a todas as entradas que teñen que ver con esta iniciativa do Equipo.

7 de feb. de 2014

6 de feb. de 2014

Radio Colmeiro 3: Rock in Radio Kastomä



 Non coñecedes o grupo Kastomä? Non é posible! Pero se son os autores do ghit "Grelo 66", a emocionante canción adicada á famosa ruta do grelo!.
 Velaquí pois o primeiro programa de Rock in Radio adicado ao grupo Kastomä. Unha nova creación de Radio Colmeiro para o mundo radiofónico:

A semana da ilustración

No Colmeiro celebramos durante a última semana de xaneiro a Semana da Ilustración, facendo fincapé na Ilustración galega e na Ilustración Internacional traducida ao galego:



5 de feb. de 2014

Radio Colmeiro 2: A nota do Colmeiro.1

Seguro que se vos fixo moi longo todo este tempo sen poder escoitar Radio Colmeiro. Pero non hai razóns para preocuparse. Xa está aquí de volta e con máis folgos que nunca:

Ilustrándonos con Xabier Docampo e Xosé Cobas





A Consellería de Cultura e Educación incluíu por primeira vez, no calendario da lectura de 2014, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, coincidindo coa data de nacemento de Castelao.
Para que a celebración fose completa (pero moi completa) contamos coa visita de Xosé Cobas e Xabier Docampo, ilustrador e autor, respectivamente do libro do que nos viñeron falar: A illa de todas illas,  
Xosé Cobas agasallounos con dous cadros, un para o centro e outro que foi sorteado entre o alumnado.
Andrea foi a afortunada gañadora.

Cobas e Docampo puideron comprobar polos corredores do instituto que tanto o alumnado de 1º de ESO como o de 1º de Bacharelato traballaron sobre a ilustración deste artista. Basta con botarlle un ollo a esta outra entrada para repasar os seus debuxos.



4 de feb. de 2014

Día da ilustración: interpretando a Xosé Cobas


Para recibitr a Xosé Cobas, o alumnado de 1º de Bacharelato fixo unha particular interpretación do seu traball. Podedes comprobar o bonito que nos quedou o centro






E o alumnado de 1º de ESO, que leu moitos libros de Xabier Docampo fixo ilustracións alternativas:






Porque o alumnado do IES Pintor Colmeiro tamén ilustra: