21 de dec. de 2013

Huguin e Munin: o proceso dunha edición feita con cariño

A Biblioteca do Colmeiro organizou esta actividade que nos permitiu contar con Alejandro Tobar, o editor de Huguin e Munin e con Isabel Soto, a tradutora dos Asterix.

Alejandro ofreceunos información ben interesante sobre o mundo da edición. Contounos, por exemplo, que de cada 15 libros que compramos os galegos 14 son libros en castelán e só un en galego. Contra o que escoitamos habitualmente polos medios de comunicación a pouco que nos paremos a reflexionar sobre a realidade mais próxima, evidénciase a desigualdade entre as linguas.
Outro apuntamento: cada ano as máis de 100 editoriais existentes en Galicia publican por volta do 2.500 novos títulos en galego. Os datos poden levarnos a engano se non temos en conta que dúas delas fan case a metade de todos eses libros. Son Xerais e Galaxia. Alejandro comparou esta situación co mundo do fútbol, estas dúas editorias viñan a ser algo así como se un Barça e un Madrid levasen a metade dos puntos da Liga. Porén, seguindo co símil futbolístico, hai xogadores de primeira que fichan nas editoriais pequenas. Este é o caso de Huguin e Munin, unha editorial nova centrada na tradución de libros ao galego.

Sobre a tradución de libros
A día de hoxe hai aproximadamente 4.000 obras doutras linguas traducidas ao galego. O 95% delas foron feitas a partir do ano 1981, o da aprobación do Estatuto. Este feito ten unha enorme importancia para a tradución pois fixo que Galicia comenzara a ter algo de peso no mundo da tradución e pon de manifesto a importancia de termos institucións que recollan e defendan as nosas necesidades.
De seguido fíxose un repaso pola historia da tradución dos últimos 30 anos destacando dúas datas. Unha, a de 1992, cando se crea a licenciatura de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e outra, no 2005, o momento da gran expansión da tradución ao galego.

Unha edición feita con cariño
 Huguin e Munin é unha editorial pequena e para competiren coas grandes deben ofrecer un produto especial. Editan únicamente traducións. Alejandro e Isabel explicaron con moitos exemplos o laborioso e coidadoso proceso da edición dun libro, desde o proceso de tradución ata as múltiples revisións. Comentaron que usan unha linguaxe de programación, LaTeX,  que lles permite traballar ata o máis mínimo detalle da edición. Parece ser que ésta é a misma linguaxe que se usa para escribir os complexos textos cargados de fórmulas dos libros e soportes informáticos.
A metodoloxía que seguen no proceso de edición dun libro é moi minuciosa. Puxéronnos exemplos de cousas que procuran evitar e sobre as que nós nunca nos pararíamos a pensar cando collemos un libro. Por exemplo, non permiten que varias liñas consecutivas rematen coa mesma letra, tamén evitan rematar unha páxina cun parágrafo que conteña só unha liña ou, alternativamente, evitan comenzar unha páxina cunha liña viúva (a última liña dun parágrafo).
E non vexades as voltas que lles dan ás cubertas!: as cores, as ilustracións, as lapelas, unha coa información sobre o autor e outra cunha breve introdución ao libro...

O traballo non remata nunca
Cando o libro chega ás mans dos lectores o traballo continúa. Por moito que sexa o coidado que se puxo na edición do texto, sempre cabe a posibilidade de que se detecte algún  erro. Vólvese a revisar o libro impreso co fin de que, ao facer unha segunda edición, ésta se imprima cos erros corrixidos.


Imaxes da presentación
Alejandro e Isabel deixáronnos algunhas das imaxes que utilizaron na explicación que nos deron sobre o proceso de edición que seguen na editorial Huguin e Munin e nós fixemos unha presentación con elas para ilustrar esta xornada.



20 de dec. de 2013

Regala galego

Chega o nadal e estamos dispostos (ou non nos queda outra) que facer un regalo. Para animar ao alumnado á lectura e a promover entre as familias que teñan en conta a lingua galega cando fagan as súas compras, a Biblioteca do Colmeiro imprimiu estes trípticos, dos que xa falamos hai uns días.
Hoxe tocou repartilos entre o alumnado. 











Polas fotos, podemos comprobar que quedaron encantados coas propostas lectoras.





























18 de dec. de 2013

Radio Colmeiro.1



Hoxe é un día histórico: 18/12/2013.Tal e como anunciamos, aquí está a nosa primeira emisión. Grazas a todos os que traballáchedes para facer posible este primeiro programa.
Denise Varela , Antía Buján e  Irene Míguez son as presentadoras. Isidro Gil e Alberto Fariña son os técnicos de sonido.

Cartel estrea Radio Colmeiro


17 de dec. de 2013

Exemplos de recollida de toponimia

Presentamos un documento con exemplos de como pretendemos que se recollan os topónimos dentro do noso proxecto de recuperación da microtoponimia de Silleda

Exemplos de Recollida de Toponimia by as_ferreiras

Ficha de recollida de topónimos

No Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro temos o proxecto de recoller microtopónimos do concello de Silleda. No seu día xa fixéramos un traballo sobre a toponimia maior [http://silledaasferreiras.blogspot.com.es/2012/05/toponimia-de-silleda.html] e agora queríamolo comenzar a completar engadindo a toponimia menor. Esta ficha é a que usaremos para a recollida dos microtopónimos
Para saber como utilizar a ficha anterior, van algunhas indicacións:

16 de dec. de 2013

Lagoa Sacra



Xa era hora de que fixéramos referencia aos vídeos do Programa de excelencia do noso centro. Trátase dunha serie de vídeos sobre o territorio e as actividades que nel se realizan. Non deixedes de ver este traballo, é realmente excelente. Anán Ares e Juan Ares visitan a Lagoa Sacra (Xestoso - Silleda). Primavera 2013.

13 de dec. de 2013

Conferencia de Jorge Mira

Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol (Jorge Mira) from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.

Supoñemos que todos os que participáchedes na videoconferencia que tivo lugar o 12 de novembro lembraredes a ocasión. Con motivo da cuarta edición do Día da Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de ENDL organizou esta videoconferencia con Jorge Mira Perez. Reproducimos aquí o vídeo da xornada. Jorge Mira é doutor en Física e Catedrático da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Participaron máis de 5500 alumnos e alumnas de 89 centros educativos de toda Galicia. A Unidade Multimedia e TIC da USC fixo posíbel este multitudinario encontro a través da rede. Máis información:

12 de dec. de 2013

Taboleiro de decembro.13


Aquí presentamos o taboleiro do ENDL. Nel podedes ver algunhas cousas como:
  • O polémico calendario do libro e da lectura editado pola Consellería de Cultura no que podemos consultar as celebracións arredor do libro para este curso.
  • Unha convocatoria para participar no estudo sobre a microtoponimia de Silleda. Se ques colaborar ponte en contacto con Xoán Carlos, Celia, Fe ou Cibrán. No taboleiro temos exposto o cuestionario a cubrir para a recollida dos nomes dos lugares.
  • Como non dispoñemos de cartos, colgamos no taboleiro as revistas Ollos de aula, editada pola Coordinadora de ENDL
  • Tamén podes consultar o tríptico da Coordinadora de ENDL sobre a LOMCE
  • Á dereita de todo temos os simples pasos que hai que dar para termos a conta de Twitter en galego.


11 de dec. de 2013

Exención da lingua galega

Claudia García González (2º Bach) o ano pasado cursou estudos en Wyoming (EE.UUU) grazas a unha beca da fundación Barrié. Por iso enviounos esta imaxe con fotos do primeiro rodeo ao que asistiu e outra foto sacada no último piso do Empire Sate Building na súa visita a Nova York.
Ademais enviounos este 'porque me peta' cargado de razón e que subscribimos ata a última coma.
 




Alguén cre aínda ese conto da igualdade lingüística? Un ensino plurilingüe, dicíase. Un ensino plurilingüe no cal, a nosa lingua, o galego é a única lingua da que, de acordo co noso goberno, podemos prescindir. O artigo 18 do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario fala sobre a exención da calificación nas probas de lingua galega, así como dos requisitos a cumprir para optar a esa exención; porén, non fun quen de atopar ningún artigo que recóllese o noso dereito á exención de ningunha das outras linguas que, polo menos teoricamente, comparten o carácter obrigatorio coa lingua galega.
O que máis me desagrada desta situación non é o feito de que alguén poida escoller non ser avaliado nos seus coñecementos de galego, para min o peor é que esas exencións non son outorgadas en base a posuir coñecementos suficientes dunha lingua como para non precisar estudala no instituto, senón máis ben de acordo coa decisión dun alumno de non aprender esa lingua. No meu caso particular, pasar un ano estudando nos Estados Unidos facíame candidata á exención do estudo da lingua galega, pero non da española, lingua que non cursei tampouco o curso pasado, nin da inglesa, lingua na que as miñas competencias deberían ser suficientes para superar este ano académico sen dificultade. Coñezo a varias persoas na miña situación que optaron por estar exentos da asignatura de galego co fin de ter un tempo extra para adicarlle a outras asignaturas este curso, o cal non parece un motivo o suficientemente válido, xa que ese tempo tamén podería ser aproveitado por outros alumnos que non cursaron ningún ano no estranxeiro.

10 de dec. de 2013

Regala galego. Secundaria

A Coordinadora de ENDL do Morrazo pediunos que divulgáramos estas recomendacións para agasallar lecturas en galego. Aquí podemos atopar boa parte do publicado no último ano. O traballo pareceunos excepcional, por iso queremos compartilo con todo o mundo.

Regala galego. Primaria

A Coordinadora de ENDL do Morrazo pediunos que divulgáramos estas recomendacións para agasallar lecturas en galego. Aquí podemos atopar boa parte do publicado no último ano. O traballo pareceunos excepcional, por iso queremos compartilo con todo o mundo.

Regala galego. Infantil

A Coordinadora de ENDL do Morrazo pediunos que divulgáramos estas recomendacións para agasallar lecturas en galego. Aquí podemos atopar boa parte do publicado no último ano. O traballo pareceunos excepcional, por iso queremos compartilo con todo o mundo

9 de dec. de 2013

Comenzamos o traballo de toponimia



O pasado xoves 5/12/13 o alumnado de 1º da ESO recibiu unha charla de preparación para a recollida de toponimia menor. Deixamos aquí a presentación que guiou a conferencia.
Animamos a todo o alumnado a sumarse á recollida de microtopónimos. Basta con que se poñan en contacto con Xoán Carlos Porral ou Celia Lamela.

6 de dec. de 2013

Día da ciencia en galego: Teorema de Pitágoras

 Co fin de facer público o que é normal nas aulas: que a ciencia é explicada en galego nos centros de ensino galegos, no Colmeiro realizamos varios obradoiros. Entre eles non podía faltar o teorema de Pitágoras. Anra Rivas Gestal de 1º Bach. Humanidades cóntanos algunhas cousas sobre o tema:




Teorema de Pitágoras
Nun triángulo rectángulo, o cadrado da hipotenusa é igual á suma dos cadrados dos catetos.

Cada un dos sumandos, representa a área dun cadrado de lado, a,b, c. Co que a expresión anterior, en termos de áreas expreésase na forma seguinte: 
A área do cadrado construído sobre a hipotenusa dun triángulo rectángulo, é igual á suma das áreas dos cadrados construídos sobre os catetos. 






Teorema de Pitágoras xeneralizado 
Se no canto de construír un cadrado, sobre cada un dos lados dun triángulo rectángulo, construímos outra figura, seguirá sendo certo, que a área da figura construída sobre a hipotenusa é igual á suma das áreas das figuras semellantes construídas sobre os catetos?Si! 





Demostracións do teorema de Pitágoras.
 Ao longo da historia foron moitas as demostracións e probas que matemáticos e amantes das matemáticas deron sobre este teorema. Reprodúcense a continuación algunhas das máis coñecidas. 

Demostracións xeométricas. 
 Unha das demostracións xeométricas mais coñecidas, é a que se mostra a continuación, que adoita atribuírse ao propio Pitágoras. A partir da igualdade dos triángulos rectángulos é evidente a igualdade



A demostración de Platón.
 A relación que expresa o teorema de Pitágoras é especialmente intuitiva se se aplica a un triángulo rectángulo e isóscele. Este problema trátao Platón nos seus famosos Diálogos.



Euclides.  
A relación entre os catetos e a hipotenusa dun triángulo rectángulo, aparece xa nos Elementos de Euclides. Elementos de Euclides. Proposición I.47. Nos triángulos rectángulos o cadrado do lado que subtende o ángulo recto é igual aos cadrados dos lados que comprenden o ángulo recto. 
Para demostralo, Euclides constrúe a figura que se representa abaixo. A proba que dá Euclides consiste en demostrar a igualdade das áreas representadas na mesma cor. 

5 de dec. de 2013

A todos os galegos: fala o galego

Alberto Fariña, alumno de 1º de bacharelato, fainos chegar esta petición de change.org feita por el mesmo.
 Coméntanos que "non é unha petición, é un manifesto. Non está feita para que ninguén a asine, está feita para botar un "berro" internáutico".


O galego esta lonxe de ser a lingua de reis que foi na idade media todo indica que é usada por unha minoria, pero en certa maneira iso non importa, o numero de falantes non fai mellor a ningunha lingua; o galego ainda esta vivo, ainda e unha lingua rexa. O galego como todas as linguas e moi fraxil, unicamente vive na boca dos seus falantes, o galego depende de cada un de nos, dos galegos. Eu amo a miña a fala, e non podo imaxinar unha Galicia sin o galego; eu, non sería eu se non medrara co galego, e non soportaría ser un intregante da xeración coa que desapareceu o galego. Os nosos avós, encontraronlle un sitio ao galego na sua maleta cando sabían que ían botar anos no exilio, e con el loitarón sen entender abrindose paso nunha vida dura e combativa; se eles que viaxaron con el onde ninguen fora antes, quen somos nos para deixar de falalo.
 Na actualidade os galegos, nos que incluio estamos a asasinar o galego e iso debemolo cambiar, xa que a supervencia do galego depende de nos. Non sei como, eu so son un cativo.
 Estas palabras perderanse no tempo, sen cambiar nada, pero teño a necesidade de esbrilas, levan moito tempo dentro de min e son as solto rebento.
 Galegos, galegas, o galego somos nos é a nosa fala, non deixemos que morra. 

 FALA O GALEGO!

4 de dec. de 2013

Radio Colmeiro



Os primeiros pasos de Radio Colmeiro. Un proxecto que comenzou a xestarse no ENDL e ao que se lle está a dar forma nas clases de TIC.

3 de dec. de 2013

Dillo a quen maltrata

4 de novembro de 2013 

Querida ti, 
 Sabes? Deséxoche o mellor, desexo que te deites cada noite cun sorriso enorme de orella a orella, que espertes todas as mañás con un mellor aínda e que como non, que a túa parella che regale outro que che alegre o día xenial que te espera aí fóra. Que el te trate coma a auténtica princesa que es, que te coide, que te apoie; que esté aí sempre que o precises e cando non tamén, sinxelamente, que esté. Espero que te faga sentir a muller máis especial do mundo e que che diga que así é. Que che recordé todos e cada un dos días que es a mellor e o mellor que ten, que es a súa vida e que sexas feliz con el. Que nunca che falte unha aperta, nin un bico; que saibas que te quere, que o demostre.

 Espero que xuntos poidades gozar das mellores experiencias que a vida vos pode ofrecer, que aproveitedes todas as oportunidades e que viaxedes, que coñezades miles e millóns de lugares incribles. Quédate cos bos momentos e que estes sexan incontables. Que sexan moitas cousas malas, que sexan demasiadas cousas boas; que si, que se amañen todos os problemas que poidan xurdir, que haxa todas as discusións que teña que haber pero que se queden só niso, discusións. Que el che ensine a crer nese “… e foron felices por sempre xamais” deses contos que tanto che gustaban de nena, que sexa o teu príncipe e que ti así o sintas.

Ogallá algún día, non importa cando, me respondas a esta carta e me digas que conseguistes ser a familia que sempre soñaches, que te valora e te sintes apreciada. Que me digas tamén que non che importa envellecer o seu lado e que así o queres. Deséxoche toda a sorte do mundo, en serio.

 E non, non son ningunha tola nin ninguén que comeza a falar co primeiro que ve sen coñecelo de nada e de calquera cousa, non. Realmente non importa o meu nome, non importa quen son, e dáme exactamente igual quen sexas ti; se es alta ou baixa, loira, morena ou incluso se empregas tinte ou non, máis nova ou máis vella… Es a mellor, NUNCA o esquezas. Porque cos sorrisos estragados, coas noites mergulladas en bágoas ata non dar máis e quedar durmida, cos insultos, coas marcas, cos golpes, cos menosprezos, coa eterna batalla do día a día, co non ver máis alá do teu arredor que escuridade, co medo, cos berros, coa culpabilidade de todo o malo que acontece, co sentirse o peor e crer selo, co non ver o momento de desaparecer , coa impotencia…; con todo iso e con máis xa me quedei eu por ti. Xa sufrín por ti e por todas, considero que todo o que vivín, todo e o que non lle desexaría nin á máis mala das mulleres chegou, foi abondo. 

Pensa se queres que iso non pasa onde ti vives, pensa o que queiras ou nin tan sequera fagas nada ó respecto se así o ves, non serás a única persoa. Non me creas tampouco nada do que che dixen se non che apetece, ignora a realidade que te podes atopar á volta da esquina, no piso que tes debaixo, na casa do lado… Porque para min xa é tarde, demasiado tarde, agora xa só son un número máis; pero ti, ti aínda estás a tempo. E se algunha vez precisas da miña axuda non dubides en chamarme: 016. 
                   Fdo: 
                         Vítima mortal da violencia de xénero en España 


Vol. 2009/2013 nº 321.

 Rocío Fernández (1ºBC)

Smoke City

Smoke City é unha obra de teatro que nos mostra a partires da comedia os perigos que conleva ser fumador.
Cun ben elaborado atrezzo e uns efectos de son e iluminación de calidade (tal vez algo desconcertante foron os focos tan preto da primeira fila) faise posible esta historia.
A introdución musical déixate algo sorprendido porque non podes sospeitar moito de que vai o espectáculo.
Con tres personaxes (o entrañable John Calquera, o detective Bob e o capo Silvio Nicottini) e un narrador resulta duro conseguir uns bos resultados, xa que ademáis de aprender o guión, os cambios constantes de escenario son complicados.
Recreouse unha cidade na que case toda a xente fuma, e os mafiosos do tabaco controlan a cidade. O novo obxectivo é un cidadán corrente; Hohn Calquera. El é secuestrado por silvio Nicottini, que o intenta convencer para que fume /(non sen oposición de resistencia por parte de Hohn) e ao final lógrao. Pero o gran detective bob Kliner (inimigo de Silvio) consegue sacalo da garida e do tabaco.
O que máis me gustou foi o bico. :)

Mariña Castro, 3ºB

2 de dec. de 2013

Post-its contra a violencia de xénero


O pasado 25 de novembro celebrouse o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
 No noso centro tamén parcipamos desta celebración por iniciativa do ENDL. O alumnado de 1º de Bacharelato percorreu as rúas de Silleda colocando post-its alusivos ao tema. Un tras, outro, ata un total de 600 notas pegadas polos escaparates dos comercios da vila nunha intervención de concienciación do alumnado e a cidadanía contra a violencia de xénero.

 Desta volta esquecéusenos a cámara de fotos. Por iso recollemos os recortes da prensa local que comentaron a noticia.


30 de nov. de 2013

10 anos de norma.3

O alumnado de 4º da ESO é o mesmo que hai dez anos comenzou o proceso de aprendizaxe da lecto-escritura no primeiro curso de primaria. Tamén  fixeron dez anos, no pasado mes de xullo as normas RAG. Polo tanto este alumnado é o primero que pasou toda a súa etapa educativa nun sistema educativo rexido polas normas ortográficas do 2003.
E quixemos celebralo, amosando o orgullo de termos unha lingua culta, cunha tradición literaria milenaria recollendo estas foto-ideas. Esperamos que vos gusten.





A nosa recomendación é botarlle un ollo ao Portal das palabras


29 de nov. de 2013

10 anos de norma.2

O alumnado de 4º da ESO é o mesmo que hai dez anos comenzou o proceso de aprendizaxe da lecto-escritura no primeiro curso de primaria. Tamén  fixeron dez anos, no pasado mes de xullo as normas RAG. Polo tanto este alumnado é o primero que pasou toda a súa etapa educativa nun sistema educativo rexido polas normas ortográficas do 2003.
E quixemos celebralo, amosando o orgullo de termos unha lingua culta, cunha tradición literaria milenaria recollendo estas foto-ideas. Esperamos que vos gusten.



Podedes dar un paseo por un novo portal sobre as nosas palbras: O portal das palabras

28 de nov. de 2013

10 anos de norma.1

O alumnado de 4º da ESO é o mesmo que hai dez anos comenzou o proceso de aprendizaxe da lecto-escritura no primeiro curso de primaria. Tamén  fixeron dez anos, no pasado mes de xullo as normas RAG. Polo tanto este alumnado é o primero que pasou toda a súa etapa educativa nun sistema educativo rexido polas normas ortográficas do 2003.
E quixemos celebralo, amosando o orgullo de termos unha lingua culta, cunha tradición literaria milenaria recollendo estas foto-ideas. Esperamos que vos gusten.




A LOMCE resta aínda máis galego

Tríptico da Coordinadora Galega de ENDL explicando como afectará a LOMCE ao uso e prestixio do galego no sistema educativo. Cómpre botarlle unha ollada.

27 de nov. de 2013

Falemos galego



Un vídeo máis, e xa van tres, do alumnado de TIC, promovendo o uso do galego. Nesta ocasión a autora é Irene Míguez (1º Bach. Letras)

26 de nov. de 2013

Sobre a violencia de xénero

Hai soamente cinco anos da entrada en vigor da Lei contra a Violencia de xénero. Realmente, unha lei de defensa dos dereitos fundamentais da muller xa tería que ter lugar anteriormente no contexto dunha sociedade profundamente machista e arcaica. Segundo se sinala no texto, o número de vítimas de violencia de xénero aumenta, a pesar de que o goberno afirma que este feito sexa real e acredita a falta de axudas e recursos para mellorar a situación.
Como dicía anteriormente, o feito de ter unha protección para a integridade física e psicolóxica das mulleres debería estar establecido ao longo da historia como un principio fundamental; dado que existe a igualdade dos cidadáns e cidadás ante a leti é impensable o feito de que as mulleres teñan que ser defendidas, a violencia de xénero non debería existir nesta sociedade e, de ser así, debería ser erradicada hai xa moito tempo. Realmente o Goberno non se está volcando nas medidas axeitadas para abolir esta situación; cada vez son máis os casos que se manifestan e as axudas son moi precarias tendo en conta a seriedade do asunto. Evidentemente, o goberno móvese polo feito de limar e depurar a súa imaxe e afirma estar actuando de maneira axeitada pero tanto as estatísticas como os medios de comunicación establecen unha posición contraria a este alegato. É preciso que as grandes institucións se volquen máis no trato destas vítimas que a miúdo non logran sobrevivir ou rematan nun estado verdadeiramente lamentable.

Por Paula Gamallo (2º Bach)

Dillo a quen maltrata

Todos os anos participamos no Concurso de Cartas do Concello de Lalín "Dillo a quen maltrata".
Velaquí a carta coa que participou Isidro Gil Pallares (1º Bach Ciencias) e coa quedou finalist

Para o ratiño Pérez:
 Ola, escríboche porque desta vez non quero as moediñas ou o agasallo de sempre. Desta vez quero que papá volva á casa, xa que non sei por que marchou. A ver, mellor cóntoche a historia enteira: 
Eran contra as nove da noite, eu estaba moi canso e papá non acababa de chegar do traballo. Polo tanto mamá ao ver como a cada pouco se me pechaban os ollos, levoume para a cama, deume un biquiño de boas noites e arroupoume con moito agarimo para que estivese quentiño. 
Pouco despois, uns gritos espertáronme. Acendín a luz do cuarto, puxen as zapatillas e fun para o comedor, a ver que pasaba. Chegara papá, pero espera, que lle acontecía? Estaba como coa cara vermella e non se mantiña de pé ben; e mamá? Por que estaba no chan chorando? Tiña o brazo cheo de mancaduras. Con que se fixera dano? Púxenme a gritar: -Papá, mamá. Que sucedeu? Que sucedeu?
 Ningún me respondeu. Papá reaccionou dispoñéndose a marchar, pero con moi mala sorte tropezou cunha cadeira, que me bateu a min na boca e me fixo caer este dente. Déixocho, pero a cambio ten que volver papá, non sei onde vai, estou preocupado. Mamá dime que foi de viaxe de empresa, pero a min estráñame, aquilo non fora unha despedida normal, como as das outras viaxes.
 P.D.: Non te esquezas de curarlle o brazo a mamá tamén, por favor, que o ten moi mancado.

25 de nov. de 2013

Non son eu

Estamos botando por fóra. Basta ver esta curta de Jean Michel (1º Bach. Ciencias) protagonizada polos seus compañeiros de clase David Varela e Rocío Fernández.

Érguete e fala

Vídeo realizado por Denise Varela, de 1º Bacharelato de Ciencias. Trátase dun traballo para a materia T.I.C. e no que colaboraron moitos compañeiros do seu grupo.

24 de nov. de 2013

Fala galego

Alberto Fariña, alumno de 1º Bacharelato de Ciencias, realizou este vídeo de promoción do uso da lingua galega como parte dun proxecto da materia TIC.

17 de nov. de 2013

A videoconferencia do Día da Ciencia en Galego en Nós TV.



O martes 12 de novembro do 2013 a Coordinadora Galega de ENDL organizou unha vídeoconferencia que foi impartida por Jorge Mira, profesor da USC. O acto chegou a 88 centros de secundaria e que foi vista por 5.500 alumnos. O IES Pintor Colmeiro (Silleda) foi un deses centros. Na nova cadea de televisión Nós TV emitiron a noticia. Velaquí o vídeo. A videoconfencia é un máis dos actos do Día da Ciencia en Galego, unha serie de xornadas de reivindicación do uso do galego para o ensino das materias científicas, en protesta polo decreto para o plurilingüismo e en contra de imposicións e prohibicións para a nosa lingua. E grazas a Miguel por ten a impagable idea de gravar o vídeo.

Día da Ciencia en Galego: a característica de Euler



Co fin de facer público o que é normal nas aulas: que a ciencia é explicada en galego nos centros de ensino galegos, no Colmeiro realizamos varios obradoiros. Entre eles estaba un curioso tema que trataba sobre poliedros. Irene Míguez Caramés, de 1º Bach. Humanidades cóntanos algunhas cousas sobre o tema:

O xoves pasado celebramos no instituto o Día da Ciencia en Galego e por iso hoxe quero falar sobre o matemático mais importa ao largo da historia.
Leonhard  Euler foi un matemáticos e físico Suízo e o principal matemático do século XVIII. A maior parte da sua vida, estuvo en Rusia e en Alemania e realizou grandes aportacións ao mundo das matemáticas. Euler tuvo moitos obstáculos ao largo da sua vida e un deles foi a súa pérdida parcial da visión antes de cumplir 30 anos. Co tempo acabou cunha cegueira total pero isto non impediu que seguise a producir obras matemáticas dado que tiña unha gran capacidade de cálculo mental e unha gran memoría fotográfica, por exemplo sabía de memoría as fórmulas de trigonometría e as primeiras 6 potencias dos primeiros 100 números primos.

Característica de Euler
Unha das principais contribucións de Euler foi esta. En matemáticas as características de Euler son un invariante topolóxico, un número definido que serve para clasificar unha clase de espazos topolóxicos. Escribese normalmente cunha letra grega pero aquí chamareille X.
As características de Euler dun politopo de tres dimensións (poliedro) pódese calcular usando a seguinte fórmula:
 X= C+V-A
Onde C,A eV son os números de caras, arestas e de vértices respectivamente.
Para calquera poliedro que poidamos deformar continuamente ata transformalo nunha esfera temos esta fórmula :
X=C+V-A=2
No colexio construimos unha serie de figuras que se corresponderían con esta última fórmula : Un icosaedro, un cubo, unha pirámide… E comprobamos como todas as figuras cumplían a teoría de Euler. Por exemplo: 
Para o cubo temos: 6-12+8 = 2
Para un tetraedro: 4-6+4 =2 





Kumbarikira


Kumbarikira urupukira
 tsa kumbari utsu ukaima
 kurachi wiri tima tsa katupi
 tsa kumbarikira urupukira
Este exitoso rap dos nenos do pobo kukama kukamiria fai referencia a un relato do urupukira, unha especie de voitre natural do continente Americano: "compañeiro voitre /o meu compañeiro perdeuse/ de día non aparece/ o meu compañeiro o voitre".
Leonardo Tello, director de Radio Ucamara, un medio implicado na dignificación da comarca e na recuperación da lingua kukama-kukuramiria, comenta que "o voitre, é un animal que todos rexeitan. Sucédelle como á lingua indíxena que é considerada pola escola e o goberno como un idioma de salvaxes que se opoñen ao progreso. Os nenos aparecen coa boca vendada pola prohibición de falar a súa lingua e que avergoñados da súa identidade obrigan os seus avós a que tamén a abandonen. Isto sucede desde que a escola e mal chamado progreso chegaron á Amazonía. Deste xeito a xente é máis vulnerable e manipulable ante os poderes económicos que saquean as terras".
Vía IES Pintor Colmeiro

15 de nov. de 2013

Día da Ciencia en Galego: as Torres de Hanói

Co fin de facer público o que é normal nas aulas: que a ciencia é explicada en galego nos centros de ensino galegos, o pasado xoves 07/11/2013, realizamos varios obradoiros. Entre eles estaba un desafío coñecido como o problema das torres de Hanói. Isidro Gil Pallarés de 1º Bach. Ciencias cóntanos algunhas cousas sobre o tema:


As Torres de Hanói: xogo matemático inventado en 1883 polo matemático francés  Édouard Lucas.
 O xogo, na súa forma mais tradicional, consiste en tres variñas verticais, nas que nunha topamos unha “torre” froito de por uns discos en orde crecente dela. E o xogo consiste en transladar esa mesma torre para a 3º variña. Pero coas seguintes normas: 
  • 1. So se pode mover un disco de cada vez. 
  • 2. Non se pode colocar un disco de maior tamaño enriba dun de menor.
  • 3. So podes desprazar o disco que se encontra enrriba de cada variña. 

 Unha das moitas formas de acadar a solución é a seguinte: Partimos do disco mais pequeno que é o “protagonista” desta forma de resolver o xogo, xa que o imos estar movendo constantemente. Movémolo cara a bariña auxiliar. O disco n.o 2 movese a variña de destino. Logo, o disco n.o 1 movese tamén á variña destino para que quede sobre o disco n.o 2. A continuación, movese o seguinte disco da variña orixe, neste caso o disco n.o 3, e colocase na variña auxiliar. Para rematar, o disco n.o 1 volve da variña destino á variña orixe; e repetimos este proceso sucesivamente para rematalo. 

Polo tanto como anteriormente dixen, o truco está no disco máis pequeno. Animo. Que cun par de voltiñas a cabeza, conseguiredes resolvelo.