3 de dec. de 2013

Dillo a quen maltrata

4 de novembro de 2013 

Querida ti, 
 Sabes? Deséxoche o mellor, desexo que te deites cada noite cun sorriso enorme de orella a orella, que espertes todas as mañás con un mellor aínda e que como non, que a túa parella che regale outro que che alegre o día xenial que te espera aí fóra. Que el te trate coma a auténtica princesa que es, que te coide, que te apoie; que esté aí sempre que o precises e cando non tamén, sinxelamente, que esté. Espero que te faga sentir a muller máis especial do mundo e que che diga que así é. Que che recordé todos e cada un dos días que es a mellor e o mellor que ten, que es a súa vida e que sexas feliz con el. Que nunca che falte unha aperta, nin un bico; que saibas que te quere, que o demostre.

 Espero que xuntos poidades gozar das mellores experiencias que a vida vos pode ofrecer, que aproveitedes todas as oportunidades e que viaxedes, que coñezades miles e millóns de lugares incribles. Quédate cos bos momentos e que estes sexan incontables. Que sexan moitas cousas malas, que sexan demasiadas cousas boas; que si, que se amañen todos os problemas que poidan xurdir, que haxa todas as discusións que teña que haber pero que se queden só niso, discusións. Que el che ensine a crer nese “… e foron felices por sempre xamais” deses contos que tanto che gustaban de nena, que sexa o teu príncipe e que ti así o sintas.

Ogallá algún día, non importa cando, me respondas a esta carta e me digas que conseguistes ser a familia que sempre soñaches, que te valora e te sintes apreciada. Que me digas tamén que non che importa envellecer o seu lado e que así o queres. Deséxoche toda a sorte do mundo, en serio.

 E non, non son ningunha tola nin ninguén que comeza a falar co primeiro que ve sen coñecelo de nada e de calquera cousa, non. Realmente non importa o meu nome, non importa quen son, e dáme exactamente igual quen sexas ti; se es alta ou baixa, loira, morena ou incluso se empregas tinte ou non, máis nova ou máis vella… Es a mellor, NUNCA o esquezas. Porque cos sorrisos estragados, coas noites mergulladas en bágoas ata non dar máis e quedar durmida, cos insultos, coas marcas, cos golpes, cos menosprezos, coa eterna batalla do día a día, co non ver máis alá do teu arredor que escuridade, co medo, cos berros, coa culpabilidade de todo o malo que acontece, co sentirse o peor e crer selo, co non ver o momento de desaparecer , coa impotencia…; con todo iso e con máis xa me quedei eu por ti. Xa sufrín por ti e por todas, considero que todo o que vivín, todo e o que non lle desexaría nin á máis mala das mulleres chegou, foi abondo. 

Pensa se queres que iso non pasa onde ti vives, pensa o que queiras ou nin tan sequera fagas nada ó respecto se así o ves, non serás a única persoa. Non me creas tampouco nada do que che dixen se non che apetece, ignora a realidade que te podes atopar á volta da esquina, no piso que tes debaixo, na casa do lado… Porque para min xa é tarde, demasiado tarde, agora xa só son un número máis; pero ti, ti aínda estás a tempo. E se algunha vez precisas da miña axuda non dubides en chamarme: 016. 
                   Fdo: 
                         Vítima mortal da violencia de xénero en España 


Vol. 2009/2013 nº 321.

 Rocío Fernández (1ºBC)

Ningún comentario:

Publicar un comentario