26 de abr. de 2012

Edubarrié convoca un concurso sobre Valentín Paz Andrade


Co gallo do Día das Letras Galegas, a Fundación Barrié a través da súa canle educativa educaBarrié pon a disposición dos estudantes dunha webquest dedicada ao home de letras, avogado e empresario pontevedrés Valentín Paz Andrade. Haberá un premio aos mellores traballos individuais para o alumno/a que destaque en calquera dos cinco roles que se asignan no traballo. Os roles serán os seguintes: Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte, Manuel Antonio, Vicente Risco e mais Castelao. E tamén un premio para o xornal mellor elaborado e maquetado no seu conxunto.
Toda a información aquí.

25 de abr. de 2012

Vilamor no IES Pintor Colmeiro



Así foi como se desenvolveu a presentación da película Vilamor o pasado venres no noso insituto. Estes días está estreándose nas salas da comarca. Aproveita para vela, e coméntanos se che gustou

24 de abr. de 2012

Un río de palabras

O alumnado de primeiro ciclo e parte do segundo ciclo de ESO e ESA do IES Pintor Colmeiro participou nunha iniciativa proposta polas profesoras de Lingua Galega seguindo a lectura do conto de Agustín Fernández Paz "Un río de palabras". 
Os rapaces e rapazas escolleron fragmentos que consideraron atractivos de libros que lles gustaron e que nalgúns casos ilustraron, para convidar aos seus compañeiros á lectura a partir de textos-anuncio que as docentes espuxeron polo corredor.
            Como di a cita coa que Fernández Paz presenta o conto, "El que dá una palabra da un don" (José Ángel Valente, El inocente). Desta vez deixamos en mans do noso alumnado as propostas de lectura para os seus compañeiros e agardamos que a escolla das súas palabras fora exitosa.



Toponimia de Silleda VII (Siador, Silleda, Taboada, Vilar, Xestoso)

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
E con esta presentación, rematamos. En breve recompilaremos toda a información nun único documento.
Esperamos que vos gustara e que lle saquedes algún rendemento. Aprendíchesdes algo con este noso traballo? Coméntanolo que cho agradeceremos.

Toponimia de Silleda VI (Piñeiro, Ponte, Refoxos, Rellas, Saíndres)

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
Na vindeira presentación, e última, poderás consultar os datos da parroquia de Silleda.

Toponimia de Silleda V (Moalde, Negreiros, Oleiros, Parada, Pazos)

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
Xa só quedan dúas máis. Aínda non atopaches a túa parroquia?, o teu lugar? Hoxe atoparalas aquí neste blogue.

Toponimia de Silleda IV (Lamela, Laro, Manduas, Margaride, Martixe)

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
A partir de agora publicaremos presentacións con cinco parroquias.

23 de abr. de 2012

Toponimia de Silleda III (Dornelas, Escuadro, Fiestras, Grava)

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
3ª entrega da toponimia de Silleda. Anímate a buscar a procedencia da aldea ou parroquia na que vives.

Toponimia de Silleda II (Cervaña, Cira, Cortegada, Chapa)

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
Esta é a segunda parte do noso traballo sobre a toponimia de Silleda.

Toponimia de Silleda I. Abades, Ansemil, Breixa, Carboeiro, O Castro

Por Laura Ferández Suárez e Beatriz González Fernández.
Como pensamos que é fundamental que coñezamos o noso entorno máis inmediato pensamos que podía ser útil un traballo como o que aquí presentamos sobre a toponimia do concello de Silleda.
Ao haber un número considerable de parroquias, 33, pensamos que era mellor ofrecervos a presentación en varias partes, en concreto en 7 partes distribúdias en orde alfabética e que publicaremos neste blogue.
Esta é a que contén as catro primeiras parroquias. De cada unha delas incluímos un mapa coa súa localización, algunha foto, os lugares que pertence a esa parroquia e a procedencia dos topónimos.
Esperamos que vos guste. Animámosvos a que busquedes os vosos lugares para que coñezades a orixe dos seus nomes.

O Día do Libro na Casa da Xuventude de Silleda

Enviáronnos unha invitación para asistir a unhas actividades interesantes organizadas por Avanza Trasdeza en colaboración da Concellaría de Emprego, Formación, Infancia e Xuventude.

 A celebración comeza no Día Internacional do Libro –o 23– cunha actividade especial de Pelegríns de Papel, proxecto permanente de promoción da lectura que leva a cabo a mencionada asociación, cuxo tema central será a historia da longa vida do libro, na que nenos e maiores poderán coñecer e experimentar como se fixeron os libros desde os procedementos de escritura, impresión e reprodución máis antigos ata os máis recentes.
 Esta actividade terá lugar entre as 5 e as 8 da tarde e desenvolverase en forma de taller, de tal xeito que os participantes non só se informen sobre as formas que o libro tivo ao longo da súa historia, senón que poidan reproducir algunhas delas. Tamén se proxectarán vídeos e contaranse historias nas que o libro e a lectura son protagonistas.
 Cos traballos realizados polos nenos farase unha pequena exposición que poderá ser visitada durante toda a semana na Casa da Mocidade. Os nenos participantes recibirán un conto de agasallo e algunha lambetada para celebrar que o seu amigo o libro está de cumpre.
 Durante a semana continuarase coas sesións de lectura de contos de todo o mundo e rematarase o sábado con dúas actividades: unha para nenos cos seus pais e outra para mozos que se anunciarán nos vindeiros días.
 Todas as actividades son gratuítas pero é necesario inscribirse para poder calcular os materiais que se necesitan. As inscricións faranse acudindo á Casa da Xuventude de Silleda ou chamando polo teléfono ao 986 58 00 64.

20 de abr. de 2012

Que plurlingüismo queremos

Para que poidades coñecer a postura da Coordinadora Galega de ENDL a respecto dos centros plurilingües que está a implantar a Consellería de Educación desde o curso pasado. Pensamos que este material pode ser moi interesante para distribuír entre o profesorado dos centros, que nestes días terán claustros e consellos escolares para debater e/ou votar sobre o tema.
A implantación de centros plurilingües é a aplicación concreta do decreto do 79/2010 (Decreto do Plurilingüismo), que, como ben sabedes, persegue a marxinalidade do galego no sistema educativo. Aínda que poida parecer inocente e insignificante que se implante un centro plurilingüe cunha soa materia en inglés, iso é o comezo para desenvolver plenamente o decreto e implantar até o 33 % das materias nesa lingua, reducindo aínda máis o espazo para o galego. Unha vez que se implanta nin os Equipos Directivos, nin os claustros, nin os consellos escolares, poden impedir o seu avance, só é preciso que haxa profesorado con B2 en inglés que o demande para logo acceder ao concurso paralelo privilixiado, para que tal ou cal materia até o 33% poida impartirse en inglés. Unha vez que un centro se converte en plurilingüe está a aceptar os principios establecidos no decreto 79/2010 e a súa aplicación. Así pois, que non avance este plano de marxinalización da nosa lingua depende de todos e todas nós.
QUE PLURILINGÜISMO QUEREMOS



Unha posible alternativa a estes centros plurilingües que promoven a exclusión lingüística do galego é a do plurilingüismo inclusivo e con equidade que ofrecen tamén desde a Coordinadora.

Visita a Campo Lameiro

O mércores 18 de abril, contando coa colaboración do Departamento de CC.SS., un grupo de 31 alumnos e alumnas de 1º de ESO fixeron unha visita ao Xacemento de Arte Rupestre de Campo Lameiro. Alí visitaron os petróglifos e o museo e aula virtual da que dispón o centro. Posteriormente participaron nun obradorio de arte rupestre sobre cerámica. A actividade transcorreu en lingua galega, de tal xeito que os rapaces viron que esta lingua tamén resulta importante á hora de transmitir coñecementos tan técnicos coma os da arqueoloxía.

19 de abr. de 2012

Vilamor


Trailer Vilamor from Vilamor on Vimeo.

Ano 1976, Breixo, un rapaz dunha vila das montañas de Lugo, atópase cunha comuna na aldea de Vilamor. Seducido pola idea dun estilo de vida alternativo, decide axudar aos recén chegados a recuperar a aldea. Mais non todos parecen destinados a vivir este soño de liberdade.

O vindeiro venres, o alumnado de 1º e 2º da ESO, participará nunha actividade encol do filme Vilamor


1ª Intervención: Ignacion Vilar: como se fai unha película, proceso creativo dun filme.
2ª Rubén Riós: "por que estamos aquí?", experiencias previas e necesidade de poñer en valor a cultura e a lingua galega a través do séptimo arte.
3º Xoel Yáñez: rodaxe Vilamor, historia. Que é Vilamor? Anécdotas da rodaxe.
4º Sabela Arán: experiencia persoal, rodaxe, historia da película.
5º Concurso enfocado ás redes sociais (últimos 5 minutos).
 6º Rolda de preguntas.
 Despois dunha gran acollida nos centros de Lugo e Ourense, a caravana Vilamor desembarca nas outras provincias galegas. O xoves 19 de abril estréase en Pontevedra, Lalín e A Estrada. Os protagonistas estarán percorrendo as zonas cercanas coa súa caravana.

E se queredes saber como se desenvolve unha  sesión do equipo Vilamor nos institutos, velaquí vai un vídeo que o mostra:

18 de abr. de 2012

Premio Leixaprén

O premio Leixaprén pasa nesta edición a ser organizado pola CGENDL, como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino de Galicia, coa intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu: recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega. Por iso a CGENDL convidounos a participar nesta iniciativa que procura apoiar publicamente a aposta decidida que polo idioma fan día a día persoas, institucións, colectivos e empresas no seo da sociedade. O Comité de Selección orientou o galardón nesta edición cara ao Ámbito Económico e Empresarial en consonancia co perfil profesional de Valentín Paz-Andrade e coa iniciativa "Empresa en Galego" que lanzou a CGENDL: http://www.coordinadoraendl.org/empresaengalego . As candidaturas preseleccionadas son:
 Axúdanos a seleccionar unha. Cal é, segundo ti, a empresa que máis merece o premio?
Máis información aquí. Tamén podes consultar o seguinte documento:

Premio Lixaprén 2012 (CGENDL)

15 de abr. de 2012

Convocatoria folga no ensino medio para o19 de abril

Chéganos este anuncio de convocatoria da folga da Mesa, a Mocidade Pola Normalización, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes xunto coa seguinte nota de prensa. (máis información aquí)

A Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística, xunto coas organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Sindicato de Estudantes, chamamos o estudantado de ensino medio de toda Galiza a unha folga de toda a xornada o vindeiro día 19 de abril. O lema central da nosa convocatoria será "Paremos os ataques contra o galego".

A través desta acción reivindicativa, as organizacións convocantes queremos denunciar que nos tres anos de goberno de Núñez Feijóo na Xunta non houbo nin un só adianto para o galego. Ben ao contrario, unha das prioridades foi atacar a nosa lingua propia, especialmente no ensino, derrogando o decreto aprobado en 2007, que marcaba que ao menos o 50% das materias debían ser en galego, e impondo o actualmente vixente desde 2010. Unha norma imposta sen consenso e rexeitada pola inmensa maioría da comunidade educativa que non é outra cousa que un auténticodecretazo contra o galego.

A pesar da propaganda que fala dun suposto "plurilingüismo" nas aulas (imposíbel de aplicar na realidade no actual momento de recortes económicos en todas as etapas educativas), as organizacións estudantís constatamos no día a día como:
  • - A pesar de que a "letra" do decretazo vixente fala de garantir un "equilibrio" que oscila entre o 50-33% (dependendo do grao de introdución da terceira lingua), a porcentaxe media semanal das materias que se imparten en galego non chega nin ao 20%.
  • - A introdución dunha lingua estranxeira (normalmente, o inglés) como terceiro idioma é empregada como coartada para reducir ou limitar (aínda máis) o uso do galego.
  • - O decretazo vixente mantén a prohibición de impartir en galego as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, como se a nosa lingua non fose válida para as áreas de coñecemento vinculadas á ciencia. Galiza é o único territorio do Estado con lingua propia en cuxo sistema educativo se prohibe o seu uso para algunha materia. A crise e a falta de diñeiro público para investir na calidade do ensino non impediron á Consellaría de Educación malgastar cantidades moi importantes de diñeiro para destruír libros de texto e materiais só porque estaban editados en galego, aínda que o seu contido siga sendo actual.
  • - A presenza do galego é residual en boa parte dos ciclos formativos e non chega nin ao 1% na maioría das ensinanzas artísticas e especiais. Ademais, practicamente non existen libros de texto nin materiais de apoio na nosa lingua.
  • - Un dos recortes económicos máis brutais afecta o diñeiro destinado ao traballo dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros, co evidente obxectivo de limitar e empobrecer as súas actividades e baleiralos de contido.

A delicada situación da nosa lingua obríganos a movernos, máis aínda se reparamos en que hoxe en día o ensino xa é case o único ámbito da vida no que moitas mozas e mozos coma nós (sobre todo nos espazos urbanos) teñen algún contacto co galego. Evitar que a nosa lingua retroceda (aínda máis) no ensino é evitar que unha parte numerosa da xente nova perda o único vínculo que (aínda) a une co galego.

As organizacións que a convocamos entendemos a folga como un xesto consciente de compromiso e de responsabilidade individual e colectiva ante o futuro da nosa lingua: parando as aulas o vindeiro 19 de abril chamamos a atención da Xunta de Galiza e do conxunto da sociedade para dicirmos claro e forte que non queremos ser indifentes ante o futuro que lle agarda á nosa lingua. Todo isto con independencia de cal sexa o idioma que usemos no noso día a día: sabemos que hai moita xente á cal lle importa o futuro do galego aínda que na súa vida diaria use o castelán.

Dirixímonos a ti, como representante estudantil no teu centro ou como membro do equipo de normalización e dinamización lingüística, para que nos axudes a informar e a espallar esta convocatoria no teu centro de ensino. Pódeste informar mellor enwww.amesanl.org/mocidade ou preguntándonos a través do correo: mocidade@amesanl.org. Esta é unha convocatoria que se está a mover moito a través das redes sociais: búscanos en tuenti, en facebook e en twitter. Se o precisas, non dubides en pedirnos materiais ou que nos acheguemos ao teu centro para organizar algunha asemblea, acto informativo, etc.  

Grazas pola túa atención e polo teu apoio!
                                                                              

13 de abr. de 2012

Tarxeta para as familias sobre o uso do galego

Acabamos de entregar estas tarxetas para informar ás familias dos resultados máis importantes do estudo sociolingüístico que o Equipo de Normalización realizou este curso.

Tarxeta Pais.1

Nesta tarxeta destacamos que as familias son o máis importante factor de transmisión e mantemento da lingua e que o estudo revela que en  prácticamente un 70% das casas dos pais dos alumnos da ESO do IES Pintor Colmeiro a lingua habitual de uso é o galego. Por iso agradecemos este compromiso dos pais do alumnado do noso centro coa lingua e invitámolos a que continúen a sentirse orgullosos dela. Porén tamén lle damos relevancia a un estudo do Instituto Galego de Estatística do ano 2001 segundo o cal o uso do galego naquela altura no conxunto do concello de Silleda se situaba no 92%. Isto último indícanos que houbo un forte retroceso nestes últimos 10 anos polo que consideramos que cómpre renovar con máis forza que nunca a implicación das familias para asegurarmos un presente e un futuro para a nosa lingua.


O estudo completo, que xa publicáramos no seu dia pódese consultar aquí:

12 de abr. de 2012

Marcos González: 'Quero que vexades a importancia de falar e queren ben o galego'

Levo cerca de dous anos vivindo en Madrid onde estou estudando aeronáutica na Escuela de Ingenieria Aeronáutica y del Espacio, asi que xa que este é un blog adicado ao galego, vouvos contar como é a miña experiencia coa nosa lingua por aquí. En canto á súa utilidade, non se lle escapa a ninguén que fóra de Galicia non é moita, por non dicir ningunha, asi que no meu día a día soamente a uso para comunicarme coa miña familia ou amigos galegos. Polo tanto, dacordo con isto, para a miña vida profesional nun entorno aeronáutico, tampouco terá relevancia ningunha. Pero isto é algo que non só pasa co galego, de feito, pasa con todos os idiomas salvo dous ou tres que xa podedes imaxinar cales son. Porén, o que está claro é que o feito de saber falar galego enriquécenos culturalmente, xa que as linguas son parte destacable da cultura dun pobo. Asi que, da mesma maneira que sabedes que a Gioconda a pintou Da Vinci ou As meninas Velázquez, que Napoleón foi un xeneral francés, Shakespeare escritor británico ou Bethoven compositor alemán... non me digades “mariposa”, “lexos” ou “sartén” no canto de “bolboreta”, “lonxe” e “tixola”. O que quero que vexades con isto é a importancia de falalo ben e querer coñecelo mellor, porque sempre hai palabras ou expresións que non coñecemos, que utilizamos mal, etc...
Aparte disto, din os expertos que segundo unhas investigacións e experimentos que se fixeron, cantos máis idiomas domine un, máis sinxelo lle é aprender outros. Polo tanto, o galego, como lingua que é, tamén axuda a iso. Evidentemente, non pensedes que por saber falar galego e castelán ides ter o don de linguas ou ides sacar un par de puntos máis nos exames de inglés ou francés, non. Algo tamén importante é coñecer a visión que do galego ten a xente que non o fala. Pois ben, estas son algunhas das opinións que algúns dos meus compañeiros teñen acerca da nosa lingua: O recoñecemento do galego como idioma en si, é unánime, non dudan, igual que o catalán e o vasco e a diferencia do valenciano, o balear ou o andaluz, que consideran dialectos. Xa sei que pensaredes que isto é evidente, pero como sempre hai algún iluminado por aí que pensa o contrario...aí queda. De feito, o galego, como idioma que é, ten variantes dialectais como a gheada ou o seseo.
Algo que lles sorprendeu foi que a maioría das asignaturas estivesen impartidas en galego (cando eu estiven aí no instituto, soamente tiñamos Lengua y Literatura Castellana en castelán, supoño que agora seguirá así) e a súa opinión é que non debería ser así, senón estar máis repartido. Máis repartido non quere dicir todo en castelán, pois sostiñan firmemente a importancia de ensinar galego para conservalo así como para ser quen de utilizalo correctamente no día a día nas situacións que se presten. OLLO AO PIOLLO como diría aquel, que vos coñezo. O de “no día a día nas situacións que se presten” vén a significar que, por poñer un caso, se un peregrino alemán vos pregunta por un local para comer aí en Silleda, ao mellor o galego non é o mellor idioma para contestarlle. Pero tamén quere dicir que se ides ao Corte Inglés ou a Bershka, Springfield etc. da Coruña podedes falar o galego, que aínda que non o creades, a xente da Coruña sabe falalo. Asi que espero que non fagades coma aquel que falaba galego coas vacas e co veciño e logo ao médico faláballe castelán por se acaso non o entendía. Iso si, aínda que sería desexable que todas as persoas en Galicia utilizasen o galego normalmente, cómpre ter en conta que o galego é un dereito, non unha obriga, e polo tanto que alguén non o use como lingua habitual, é totalmente lexítimo. Esteades ou non dacordo con estas ideas, non vos olvidedes que son simplemente opinións, e que a verdade absoluta non é cousa das persoas. Pois ata aquí o meu breve artigo. E xa para despedirme, simplemente permitídeme darvos un par de consellos: que lle deades ao galego a importancia que ten, xa que ás veces somos nós mesmos quen inconscientemente o desprezamos e que o utilicedes o máis correctamente que poidades canto vos veña en gana.

10 de abr. de 2012

Petroglifos na Radio Galega

Para irmos preparando a visita aos Petroglifos de Campolameiro, recomendámosvos escoitar este programa da Radio Galega, emitido o pasado mes de febreiro. Trátase dunha emisión de Coñecer Galicia do 25/02/2012, adicado precisamente aos Petroglifos. Falan dos de Campolameiro, pero tamén O Outeiro dos Corvos, estudos sobre o tema,... Un programa moi completo.

Esperamos que vos guste a excursión. Unha das propostas que se apuntan é a visita nocturna, unha das mellores formas de ver con máis claridade os Petroglifos.



Vía A hora dos mouros