28 de feb. de 2013

Imaxes do Día de Rosalía 2013.1




Mural sobre o muro acristalado das escaleiras do instituto















Espallamos libros de e sobre Rosalía por todos os espazos do centro











Outra visión do mural
















27 de feb. de 2013

Día de rosalía 2013

Estivemos toda a semana pasada preparando  o Día de Rosalía no IES. Pancartas, fotografías, murais, versos soltos, ilustracións de poemas, gravación dun poema para colaborar coa iniciativa da AELG... O noso alumno recén chegado ao centro de fóra de Galicia, César Castillo, vai interpretar coa súa guitarra o poema "Quíxente tanto, meniña", mentres que o resto da súa aula, 1º BH, recitará o poema "Eu ben vin estar o moucho". Poema que constituíu a colaboración do recitado conxunto de Cantares Gallegos de centros de Galicia promovido pola AELG. Una das novidades do funcionamento do ENDL neste curso é a realización de actividades en colaboración co IES de Forcarei. Desde alí enviáronos esta montaxe para algúns dos poemas de Rosalía. Nós imprimimos estas páxinas para adornar os corredores do centro:

O escritor Manuel Portas no Colmeiro





O pasado mércores 20 de febreiro tivemos a visita do autor do libro Un dedo manchado de tinta, Manuel Portas quen lle explicou ao alumnado de 1º de bacharelato sobre o proceso de escritura deste libro, do porqué da súa escolla, explicou algunhas dúbidas que o alumnado lle presentou e, sobre todo, contou a ledicia que provoca o acto de ler e de escribir. Porque a literatura é sobre todo un acto de ensoñación. Animou a escribir e a non agocharse, a gozar coas artes e explicou como a mestura destas é o camiño que seguimos.

De aí a presenza con el de Clara Pino, quen nos deleitou con dous temas e que deixou ao alumnado impresionado. Foi o momento máis emotivo do encontro! Se algo ten de bo a visita dos escritores e escritoras ao centro, é que a visión da lectura cambia. Neste caso algúns comentaban que o libro, agora, gustáballes máis. Moitas grazas a ambos por virdes.


Aproveitando a súa visita ao noso centro, no Faro de Vigo fixéronlle unha entrevista a  Manuel Portas. O escritor comentou o gratificante que lle resulta o contacto directo dos escritores cos lectores, un contacto que considera fundamental para comprender o ciclo literario. Tamén anunciou que publicará unha nova novela titulada Faneca Brava, finalista do premio Xerais. 





22 de feb. de 2013

Quíxente tanto meniña



César Castillo Sanabria, de 1ºBH, é un rapaz inmigrante, natural de Asunción (Paraguai). Estivo seis anos vivindo en Málaga e só hai uns meses, desde principios de curso, vive en Galicia. Ao ter coñecemento da celebración do Día de Rosalía non o dubidou nin un momento, colleu a guitarra e o vídeo e gravou esta canción sobre o poema de Cantares Gallegos: "Quíxente tanto meniña"

21 de feb. de 2013

Eu ben vin estar o moucho



O 24 de febreiro é o Día de Rosalía. Na edición do 2013 ademais conmemóranse os 150 anos de 'Cantares Gallegos' Desde o Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro quixemos contribuir á celebración desta data co recitado do poema 'Eu ben vin estar o moucho' que fixeron os alumnos de 1º de bacharelato

20 de feb. de 2013

Día de Rosalía: decorando o centro

 A Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, fixo un chamamento á cidadanía para celebrarmos xuntos o Día de Rosalía, que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. Na edición deste ano ademáis conmemórase o 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos.
A AELG solicitou a colaboración dos centros escolares; en concreto invita a que realicemos actividades o venres 22. Desde o noso instituto estamos a colaborar tal e como veríades no hall da entrada e nas cristaleiras das escaleiras. Podedes comprobar nestas fotos o traballo realizado en colaboración co departamento de Plástica e grazas ao labor realizado polos alumnos de 3º e 4º da ESO.
Nesta primeira imaxe podedes ver algúns dos colaboradores rematando o traballo.











Velaquí un detalle do mural


Unha imaxe dos apuntes que houbo que realizar previamente para a confección do mural. Para que vexades que a  cousa non é tan simple, e que ten o seu aquel.
Un bo traballo!


19 de feb. de 2013

Día de Rosalía no IES Pintor Colmeiro


Preparando o Día de Rosalía


A Fundación Rosalía de Castro estreou o seu novo portal na arañeira dixital. Xusto a tempo para difundir os actos do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro. Parabéns pola iniciativa e o esforzo feito para achegarnos máis á figura da poeta. Agardamos que se vaian completando os espazos deste web con información máis completa sobre a súa obra e traxectoria vital. De certo que será toda unha referencia. En colaboración coa AELG proponse aos centros do ensino a inclusión no venres 22 actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que se divulgarán desde o portal da AELG para darlles visibilidade social.
Nós tamén estamos preparando o Día de Rosalía tal e como podedes ver nestas primeiras fotos.
Haberá máis. 
Para ir colléndolle o punto deixamos aquí estes versos que escoitaremos o vindeiro venres:
 Eu ben vin estar o moucho
 enriba daquel penedo:
¡Non che teño medo, moucho,
moucho, non che teño medo!
 Unha noite, noite negra,
 como os pesares que eu teño
 noite filla das sombrizas
 alas que estenden os medos;
 hora en que cantan os galos,
 hora en que xemen os ventos,
 en que as meigas bailan, bailan,
xuntas co demo pirmeiro,
 arrincando verdes robres,
 portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,
 tendido los brancos pelos,
 contra quen os cans oubean
 agoirando triste enterro (...

17 de feb. de 2013

Obradoiro de cabezudos con Inacio Vilariño





 Inacio Vilariño é un dos autores do cómic Titoán, parte dun proxecto para relatar a vida de Castelao. El ofreceunos un obradoiro de cabezudos para poder compartilos cos veciños de Silleda neste entroido do 2013.

14 de feb. de 2013

Noemí fálanos da lingua desde a canle Eufalo.tv







Noemí González Dobarro foi alumna do noso centro e agora está estudando na Universiade da Coruña. Neste vídeo  da canle Eufalo.tv aparece no minuto 10:31 falando sobre a lingua xunto cos seus compañeiros de clase, futuros profesores de Educación Infantil.
Encantounos volvela a ver e sobre todo o que di da nosa lingua. Ogallá haxa moitos máis que sigan o teu exemplo.
Ademáis disto, Noemí envoiunos a senguinte mensaxe:

O galego e a nosa lingua, e depende de nós, as novas xeracións, que esta exista e persista na nosa vida o longo do tempo. Ademais saber linguas e riqueza e é un privilexio o que temos de ter unha lingua propia que nos identifica e pertenza por iso non a debemos abandoar nin esquecer senon sentirnos orgullosos falandoa. Por iso eu falo!

5 de feb. de 2013

Inacio Vilariño relátanos a vida de Castelao desde o cómic



Inacio Vilariño e Iván Suárez editaron ata o momento dous cómics sobre Castelao. En ‘Titoán’ Castelao defende a loita a favor dos labregos de Basilio Álvarez e relátase a vida de Castelao entre os 18 e os 28 anos. Contén unha dimensión moi biográfica que nos retrata a traxectoria do Castelao mozo Un deles, ‘O pobre tolo’ conta unha época xa máis coñecida, a de cando Castelao é desterrado a Badaxoz no 1934. É a época da preguerra, e do prefacio de ‘Sempre en Galiza’. A pretensión, segundo o guionista Inacio é contar a evolución de Castelao desde un conservadorismo agrarista ata un esquerdismo nacionalista.
 Inacio estivo no noso centro o 10/01/2013 e tomando como base estes cómics achegounos aspectos novidosos da biografía de Castelao. Velaquí unha parte moi recomendable súa intervención:

4 de feb. de 2013

Ollos de aula.4

Xa se publicou o nº 4 de Ollos de aula. Nesta ocasión a revista tráenos entre outras cousas un pequeno artigo de Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na USC tratando o tema das sentenzas sobre o decreto para o plurrilingüismo.
E coma sempre, non deixedes de consultar a sección Cadencias, da nosa Gracia Sanctorum