Amosando publicacións coa etiqueta Día da Violencia de Xénero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Violencia de Xénero. Amosar todas as publicacións

15 de dec. de 2015

Reflexións sobre a violencia de xénero

O alumnado de 1º de bacharelato traballou moito o tema da violencia de xénero, achegándonos moi boas e ben elaboradas reflexións. A seguinte é de Mariña Castro (1º bacharelato):


Para comezar vou presentar o resultado da Macroenquisa da Violencia contra a Muller 2015: o 12,5% das españolas afirman que sufriron violencia física ou psicolóxica por parte das súas parellas ou exparellas. Outra (demasiado) alta porcentaxe delas non está aquí para contalo. 
Por que? 
Vivimos nun mundo no cal se utiliza a violencia para "resolver" conflitos. 
 De todos é sabido que innumerables persoas foron asasinadas ao longo da historia (pola súa ideoloxía,etnia, relixión, orientación sexual etc.)
 Dende o meu punto de vista estas guerras, con nome ou sen el teñen algún factor en común co maltrato realizado contra as mulleres. 
 Como dixo Baudelaire: " sempre hai unha vítima e un verdugo no amor". Esta cita , mirada en relación co tema que nos atinxe, fálanos dese "amor" no cal un dos compoñentes da parella leva as rendas e o outro é sometido á vontade do primeiro, que ten esa sede insaciable de dominación e poder que satisface mediante a acción de facer sentir inferior á chamada vítima. 
 Pois ben, ao igual que ese pseudoamor do que falaba Baudelaire tamén están implantadas no pensamento colectivo unha serie de etiquetas e roles de xénero que separan e distinguen aos seres humanos en función do seu sexo. 
Concretamente, os homes cargan con ideais absurdos de masculinidade e as mulleres cargan co concepto de que fraxilidade é igual a feminidade. 
Quen non escoitou nunca que "eles non choran"? 
 Elas son mandonas, histéricas e golfas. 
Eles teñen madeira de líder, teñen carácter e son uns casanovas. 
 Horrorízame que aínda se pense que as vítimas de violación "van provocando", tamén que existan prácticas coma a ablación , que ás mulleres se lles pague menos no traballo etc. 
Dende o meu punto de vista isto é debido a que aínda existe esa ideoloxía bárbara imposta fai séculos que me gusta resumir como "ponte guapa e estate caladiña para pescar o marido que te ha de matar". En definitiva, podemos concluír dicindo que son esta mestura de violencia global, amor paixonal e a catapulta do home porriba da muller o néctar qye alimentaa lacra social da violencia de xénero.

10 de dec. de 2015

Os nomes das vítmas

Os alumnos de diversificación foron a voz da denuncia da violencia de xénero cun traballo no que lembraron os nomes das mulleres e as nenas asasinadas este ano.









4 de dec. de 2015

Concentración contra a violencia de xénero

O alumnado de 4ºA xunto con outros grupos de alumnos de Silleda participaron o pasado 25 de novembro nunha concentración contra a violencia de xénero organizada polo concello




25 de nov. de 2015

A muller perfecta

 Chéganos xusto a tempo, para conmemorar o Día da Violencia de Xénero, este relato:

"Inútil. Desvergoñada. Eres unha desvergoñada. Non teño por qué aguantarche as túas tolerías coas que me enches o cerebro de parvadas. Todos estes anos intentando que foses unha muller mellor. Todos estes anos nos que me dicían que te deixara, que non valería a pena porque nunca ías cambiar. Que razón tiñan e doume conta agora...'Xa nunca foi unha gran muller', dixérame o teu pai cando lle pedín a túa man, 'a ver se podes facer dela algo mellor'. Vinte anos despois e non o conseguín. O teu pai si que conseguira facelo coa túa nai. El si que era un home de ben e a túa nai, a muller perfecta. Nin lle protestaba nin lle daba os problemas que ti me das a min. Creme que me doe máis a min que a ti cando che pego co cinturón, pero e que non hai outra maneira. O cinturón era o que usara o teu pai para a muller e doumo cando casamos. El si que era un home de ben e a tua nai a muller perfecta. Non sei que mal fixen eu para merecerte...Oxalá te houbera deixado anos atrás en vez de seguir aturándote. Fíxeno pola nosa filla. A pequena sí que conseguirá ser unha boa muller, diso encargareime eu. A partires de agora heina levar visitar á súa avoa máis a miúdo para que saiba que ten que ser coma ela e non coma ti. Comprareille un ramo de margaridas para que as poña debaixo do seu nome gravado na pedra e direille que rece unha oración. Cando sexa maior xa saberá como comportarse e eu estarei ao seu lado preparado para darlle a herdanza do cinturón do teu pai ao seu futuro marido. O teu pai...el si que era un home de ben e a túa nai a muller perfecta. Non coma ti, inútil. Desvergoñada."
 Inútil. Desvergoñada. Son unha desvergoñada. Salto da cadeira e sinto o suave agarimo da corda no meu pescozo, o abrazo máis cálido que sentín na miña vida. Agora serei a muller perfecta.

Ana Colmeiro (2º bach)

30 de nov. de 2014

Froitos contra a violecia de xénero


O alumnado do Colmeiro celebrou o pasado 25 de novembro,  escribindo mensaxeses contra a violencia de xénero que se colgaron dunha das árbores que hai na entrada do Centro Social de Silleda. Deste xeito partiparon nun acto contra a violencia de Xénero que se organizaba desde o CIM (Centro de información á Muller).
Tamén se elaboraron carteis que se están autilizar nas titorías de 3º e 4º da ESO para reflexionar sobre os "sinais de alarma" nas relacións de parellas adolescente.
A psicóloga e terapeuta familiar Paula Sánchez xa compartira dúas sesións neste mesmo mes co alumnado do Colmeiro traballando sobre as redes sociais desde a perspectiva de xénero.
Esperamos que os froitos destas actividades teñan a mesma cor dos que deixamos pendurados na árbore do CIM.

3 de dec. de 2013

Dillo a quen maltrata

4 de novembro de 2013 

Querida ti, 
 Sabes? Deséxoche o mellor, desexo que te deites cada noite cun sorriso enorme de orella a orella, que espertes todas as mañás con un mellor aínda e que como non, que a túa parella che regale outro que che alegre o día xenial que te espera aí fóra. Que el te trate coma a auténtica princesa que es, que te coide, que te apoie; que esté aí sempre que o precises e cando non tamén, sinxelamente, que esté. Espero que te faga sentir a muller máis especial do mundo e que che diga que así é. Que che recordé todos e cada un dos días que es a mellor e o mellor que ten, que es a súa vida e que sexas feliz con el. Que nunca che falte unha aperta, nin un bico; que saibas que te quere, que o demostre.

 Espero que xuntos poidades gozar das mellores experiencias que a vida vos pode ofrecer, que aproveitedes todas as oportunidades e que viaxedes, que coñezades miles e millóns de lugares incribles. Quédate cos bos momentos e que estes sexan incontables. Que sexan moitas cousas malas, que sexan demasiadas cousas boas; que si, que se amañen todos os problemas que poidan xurdir, que haxa todas as discusións que teña que haber pero que se queden só niso, discusións. Que el che ensine a crer nese “… e foron felices por sempre xamais” deses contos que tanto che gustaban de nena, que sexa o teu príncipe e que ti así o sintas.

Ogallá algún día, non importa cando, me respondas a esta carta e me digas que conseguistes ser a familia que sempre soñaches, que te valora e te sintes apreciada. Que me digas tamén que non che importa envellecer o seu lado e que así o queres. Deséxoche toda a sorte do mundo, en serio.

 E non, non son ningunha tola nin ninguén que comeza a falar co primeiro que ve sen coñecelo de nada e de calquera cousa, non. Realmente non importa o meu nome, non importa quen son, e dáme exactamente igual quen sexas ti; se es alta ou baixa, loira, morena ou incluso se empregas tinte ou non, máis nova ou máis vella… Es a mellor, NUNCA o esquezas. Porque cos sorrisos estragados, coas noites mergulladas en bágoas ata non dar máis e quedar durmida, cos insultos, coas marcas, cos golpes, cos menosprezos, coa eterna batalla do día a día, co non ver máis alá do teu arredor que escuridade, co medo, cos berros, coa culpabilidade de todo o malo que acontece, co sentirse o peor e crer selo, co non ver o momento de desaparecer , coa impotencia…; con todo iso e con máis xa me quedei eu por ti. Xa sufrín por ti e por todas, considero que todo o que vivín, todo e o que non lle desexaría nin á máis mala das mulleres chegou, foi abondo. 

Pensa se queres que iso non pasa onde ti vives, pensa o que queiras ou nin tan sequera fagas nada ó respecto se así o ves, non serás a única persoa. Non me creas tampouco nada do que che dixen se non che apetece, ignora a realidade que te podes atopar á volta da esquina, no piso que tes debaixo, na casa do lado… Porque para min xa é tarde, demasiado tarde, agora xa só son un número máis; pero ti, ti aínda estás a tempo. E se algunha vez precisas da miña axuda non dubides en chamarme: 016. 
                   Fdo: 
                         Vítima mortal da violencia de xénero en España 


Vol. 2009/2013 nº 321.

 Rocío Fernández (1ºBC)

2 de dec. de 2013

Post-its contra a violencia de xénero


O pasado 25 de novembro celebrouse o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
 No noso centro tamén parcipamos desta celebración por iniciativa do ENDL. O alumnado de 1º de Bacharelato percorreu as rúas de Silleda colocando post-its alusivos ao tema. Un tras, outro, ata un total de 600 notas pegadas polos escaparates dos comercios da vila nunha intervención de concienciación do alumnado e a cidadanía contra a violencia de xénero.

 Desta volta esquecéusenos a cámara de fotos. Por iso recollemos os recortes da prensa local que comentaron a noticia.


26 de nov. de 2013

Sobre a violencia de xénero

Hai soamente cinco anos da entrada en vigor da Lei contra a Violencia de xénero. Realmente, unha lei de defensa dos dereitos fundamentais da muller xa tería que ter lugar anteriormente no contexto dunha sociedade profundamente machista e arcaica. Segundo se sinala no texto, o número de vítimas de violencia de xénero aumenta, a pesar de que o goberno afirma que este feito sexa real e acredita a falta de axudas e recursos para mellorar a situación.
Como dicía anteriormente, o feito de ter unha protección para a integridade física e psicolóxica das mulleres debería estar establecido ao longo da historia como un principio fundamental; dado que existe a igualdade dos cidadáns e cidadás ante a leti é impensable o feito de que as mulleres teñan que ser defendidas, a violencia de xénero non debería existir nesta sociedade e, de ser así, debería ser erradicada hai xa moito tempo. Realmente o Goberno non se está volcando nas medidas axeitadas para abolir esta situación; cada vez son máis os casos que se manifestan e as axudas son moi precarias tendo en conta a seriedade do asunto. Evidentemente, o goberno móvese polo feito de limar e depurar a súa imaxe e afirma estar actuando de maneira axeitada pero tanto as estatísticas como os medios de comunicación establecen unha posición contraria a este alegato. É preciso que as grandes institucións se volquen máis no trato destas vítimas que a miúdo non logran sobrevivir ou rematan nun estado verdadeiramente lamentable.

Por Paula Gamallo (2º Bach)

25 de nov. de 2013

Non son eu

Estamos botando por fóra. Basta ver esta curta de Jean Michel (1º Bach. Ciencias) protagonizada polos seus compañeiros de clase David Varela e Rocío Fernández.