20 de feb. de 2014

Entrevista en Proxecto Neo a Valeria Espinal


Unha boa nova chéganos tendo como punto de ligazón a nosa Radio Colmeiro. O caso é que en Burela enteráronse das nosas emisións e a partir disto puxéronse en contacto connosco parta entrevistar a algún alumno do noso centro no seu programa Proxecto Neo.
Tal e como se enuncia no seu título, preferían buscar un neofalante. Velaí que Valeria Espinar, alumna de 1º de bacharelato que participa tamén en Radio Colmeiro, foi a elixida. A entrevista  a Valeria comenza no minuto 23. Recomendámola vivamente. A mágoa é que non se nos dera a nós por entrevistala na nosa radio.

No blogue do Proxecto Neo presentan así a entrevista a Valeria:

Kastomä foi a chave que nos abriu a porta para coñecer por dentro a Radio Colmeiro, a nosa irmá impulsada polo Instituto Pintor Colmeiro de Silleda. Nese momento comezou o recital de Valeria Espinar Carreño, estudante de 1º de Bacharelato. Foi unha conversa espumosa. Por que? Porque comezou no fondo do vaso, tanteando, e subiu e subiu até chegar á cima. Desa maneira, a través das súas palabras, coñecémola a ela -como neofalante- e visualizamos o grupo humano que impulsa a iniciativa educativa chamada Radio Colmeiro. Como Valeria falaba tanto e tan ben, a entrevista do seu profesor de Tecnoloxía, Xosé María Rodríguez, foi máis curtiña. Aínda así, coñecemos a visión pedagóxica do proxecto que leva á práctica o Equipo de Normalización daquel centro de ensino. Tamén percibimos a través do seu protagonista a maneira en que un rapaz de 14 anos pode superar a ruptura cultural. O profesor Rodríguez renaceu galego. Segundo as súas palabras "bon traballiño lle custou", mais está moi orgulloso por ter dado ese paso. Nós tamén estamos moi moi orgullosos... por podelo contar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario