21 de mai de 2012

Xosé Neira Vilas no noso centro

Como vai vir en breve (mércores 23) ao noso centro, convén irmos repasando quen é este casi-veciño noso.
Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces, o 3 de novembro de 1928, é un escritor galego.
Fillo de labregos, estudou comercio por correspondencia. En 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocedades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas. En 1961 marcha a Cuba coa súa dona.
 Logo de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para viviren en Gres onde dirixen a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e periodístico.
Xosé Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o premio Celanova Casa dos Poetas e o Premio Trasalba (2004), e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 1999.
A súa obra Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da historia da literatura galega. Tanto esta coma outras obras posteriores reflicten o mundo rural e a emigración. Entre as novelas que reflicten o mundo rural hai que distinguir entre as de protagonista infantil e adulto.
As de protagonista infantil, forman o chamado "ciclo do neno" e son: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho.
Entre as que reflicten o agro galego dende a perspectiva adulta recrean toda a súa crueza: Xente no rodicio, A muller de ferro e Querido Tomás.
 Un pouco diferentes, aínda permanecendo un substrato rural, son as obras Lar, Nai e Pan. O mundo da emigración aparece en Camiño bretemoso, na colección de contos Historias de emigrantes, en Remuíño de sombras e en Tempo novo.
 Neira Vilas escribiu tamén libros para nenos, entre os que destacan Espantallo amigo, O cabaliño de buxo, A marela Taravela, Contos vellos pra rapaces novos e Chegan forasteiros.
 En colaboración coa súa muller, a cubana Anisia Miranda, publicou un libro de de cancións e poemas titulado Cantarelas e contos prá xente miúda. Se queres saber máis sobre este escritor, visita a web da súa fundación: Fundación Xosé Neira Vilas

Nenhum comentário:

Postar um comentário