2 de mai de 2016

Accésit de relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:

Rubén Campelo Camarero, de 2º de bacharelato, obtivo un accésit por este relato curto no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada:
 A vozDaniel espertou sobresaltado cando o único que se escoitaba na noite era a choiva petando nos cristais. Mirou ó seu arredor, adormecido, intentando lembrar o que acontecera no seu pesadelo. Cando conseguiu abrir os ollos, deuse conta de que, por debaixo da porta, entraba unha feble luz. Odiaba pasar as noites só naquela casa na que ruídos e gotas se acumulaban. Incorporouse lentamente para descubrir de onde proviña aquela luz que se filtraba temerosa na súa habitación. Abrindo a porta, pronto localizou a súa procedencia, a luz da cociña estaba prendida e deuse de conta de que xa non se escoitaba o son da choiva, só as queixas do vello chan de madeira a cada paso que daba. Volvendo á habitación, cun peso insoportable nas súas pálpebras, deitouse na cama e volveu durmir. Cando espertou de novo, non sabería dicir se pasaran horas, minutos, ou escasos segundos. O que si que sabía era que escoitara o seu nome, unha voz feminina acabábao de chamar. Daniel comezou a pensar que iso era imposible, que estaba só na casa, intentando convencerse de que todo fora un soño, pero nese mesmo instante volveuno escoitar, un rumor, case inaudible, que o volvía dicir, volvía a dicir o seu nome. Todo intento de que seguía sendo un soño esvaeceuse e acendeu a luz vendo que todo estaba en orde.Pegou as súa costas á parede o máximo que puido, intentando atopar a seguridade que precisaba naquel momento. De novo volveuno escoitar, o seu nome, esta vez dende máis cerca, imaxinando quen estaría detrás daquela voz melodiosa, case anxelical que o atraía coma se fose un imán. Daniel, sumido nos seus pensamentos, esqueceu o perigo que podía levar a presenza daquela voz na súa casa, iso era algo que para el xa non tiña importancia. Desexaba coñecer a dona daquela voz que facía que se perdera no máis profundo dos seus pensamentos.
Agora xa detrás da porta volveu soar, a voz volveu dicir o seu nome, invitando a que a acompañara, e tras isto abriuse a porta, moi amodo, deixando que pouco a pouco a luz da habitación enchese todo o corredor. Daniel, con sentimentos moi contraditorios, viu como se abría a porta, e como, tras ela, aparecía esa figura que tanto desexaba coñecer e que agora o invitaba a irse con ela, repetíndolle que a seguira.
Daniel cando viu aquela figura, volveu pensar que aínda estaba soñando, porque era a muller máis bonita que vira nunca. Tiña o cabelo negro como unha noite de lúa nova, que recorrendo a súa cara resaltaba a súa pel branca. Os seus brillantes ollos eran azuis, dun azul tan profundo coma os océanos, uns ollos nos que afogabas antes de somerxerte neles. A súa boca tan desexable coma unha gota de auga no deserto. Así foi Daniel percorrendo o seu corpo coa mirada pouco a pouco, dándose conta de que un soño non podía ser tan perfecto coma a muller que estaba mirando, escoitando a súa voz, que o volvía a invitar a seguila.
Daniel non tivo tempo para pensalo, e cando se deu conta estaba baixando as escaleiras que daban á rúa. Non podía parar de pensar naqueles ollos que o levaban a outro mundo, ou para el, probablemente ao ceo. Aquela voz falándolle mentres pisaban os charcos que deixara a choiva aquela noite e que agora dera paso a unha néboa espesa, na que Daniel só buscaba achegarse a aquela figura que o sacara da casa a alta horas da noite, noite tan escura coma os cabelos da rapaza.
Daniel deambulou unha eternidade que lle pareceu efémera perseguindo aquela voz, que cada vez o envolvía máis e máis, como a néboa que o rodeaba. Finalmente a voz calou, e entón Daniel deuse conta de onde estaba. Unha pequena lagoa que estaba en medio de ningures onde unha rapaza de doce anos morrera afogada cando el aínda era novo. Era un sitio tenebroso, descoidada dende fai moitos anos, pero que co sorriso daquela muller se convertía no lugar máis bonito do universo.
De novo soou aquela voz, que xa non escoitaba, senón que sentía na súa cabeza, sabendo que xa non podía liberarse dela, pero el sabía que non quería liberarse. Entón a muller saltou e Daniel seguiuna, co único desexo de non separarse dela xamais, e así Daniel afogou nos ollos da rapaza, que aínda despois de morto o facían sentir vivo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário