19 de mar. de 2014

Concurso de microcurtas e microrrelatos do Concello de Silleda


A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda vén de convocar a terceira edición dos Concursos de Microcurtas e Microrrelatos, para fomentar o uso do galego entre a poboación máis nova. A temática dos dous certames serán este ano A Terra de Trasdeza e o prazo para participar está aberto xa dende o xoves día 13 de marzo ata o vindeiro 30 de abril.
Desde o ENDL do IES Pintor Colmeiro promoveremos a participación nos dous concursos.
No caso das microcurtas, os traballos, que deben empregar o galego, non poden superar os 8 minutos, podendo ser ou non de ficción. O concurso está aberto a persoas maiores de 13 anos, empadroadas no concello de Silleda. Todos aqueles que desexen participar deben de enviar as súas creacións ao enderezo postal do Concello, en formato DVD PAL, ou entregalas na casa consistorial. Neste DVD deben escribir o título da curta e un pseudónimo e acompañar nun sobre pechado os datos persoais. Cada participante só poderá presentar un traballo.
O xurado, que dará a coñecer o seu fallo o día 9 de maio, estará composto pola concelleira Margarita Campos e por dous profesionais do sector audiovisual. O gañador ou gañadora levará como premio unha tablet valorada en 100 euros, e o centro educativo ao que pertenza, de ser o caso, un lote de libros en galego.
No caso dos Microrrelatos, ao igual que na edición anterior estabrécense, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e otra para persoas de 13 anos en adiante.
Neste caso, os textos, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador (cun máximo de 500 caracteres) e tamén escrito a man (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais.
As bases poden consultarse nesta páxina do Concello de Silleda

Ningún comentario:

Publicar un comentario