17 de mar. de 2014

O profesorado do noso centro non impartirá cursos Celga


Hoxe recibimos unha chamada do Gabinete de Normalización de Pontevedra, dependente da Consellería de Educación, ofrecéndolle ao profesorado de Lingua e Literatura Galega do noso centro a impartición dos cursos Celga que se programan na Estrada.
Velaí que a Consellería, deixa de ofrecer os cursos preparatorios Celga ao profesorado en paro e cos que segundo o informe da Inspección de Traballo mantén unha relación laboral. Concretamente, a Inspección Provincial de Traballo da Coruña, despois dunha inspección á Secretaría Xeral de Política Lingüística, comprobou que o profesorado que viña impartindo os cursos Celga non estaba dado de alta na Seguridade Social, non se cotizaba por el como corresponde e non tiñan recoñecidos os seus dereitos laborais. En consecuencia a Xunta terá que asumir unha forte sanción económica e debería reformar a escurantista metodololxía de contratación coa que actúa.
A Coordinadora de Traballadores de  Normalización da Lingua (CTNL) fixo unha proposta para a mellora da planificación dos Celga na que incluía a creación dunha lista pública e transparente de profesorado colaborador na que se valorara  obxectivamente a experiencia e a formación para a impartición destes cursos e se abrira o camiño á profesionalización no sector.

En vista do exposto, considerando que esta forma de realizar contratos para a adminstración pública carece da transparencia e as garantías necesarias,  e en solidariedade co profesorado especializado na formación de galego para a acreditación Celga, o profesorado do noso centro rexeitou o ofrecemento da Consellería.

2 comentarios:

  1. Moitísimas grazas pola vosa solidariedade e humildade connosco!! Grazas por axudarnos a combater tan grande inxustiza.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Esperamos que esta pinga de auga serva para encher o océano xusto das vosas reivindicacións.

      Eliminar