27 de mar. de 2014

O medo é libre



Carlos e mais eu levabamos unha semana preparando esa saída. Sempre nos chamara a atención aquel pazo, o que sempre estaba só, o apartado, o corroído polo tempo e cheo de contos de vellas do tempo dos mouros. Cerca del só pasaban os coches que ían pola estrada que está ó seu carón.
Eran as seis ou as sete da tarde cando partimos cara a alí. Como era verán pensamos que, antes de que anoitecera, xa estariamos fóra.
   Había unha ventá aberta e decidimos entrar por ela .Todo estaba cheo de po, de hedras, de herbas e algunha que outra ortiga. Pero iso non foi un obstáculo.
   Spopóbich viña con nós, era o meu can.
   Pouco despois chegamos á sala principal. Tiña o chan de cores e unha cristaleira adornada con figuras que se parecían ás estrelas e á lúa .
   Subimos as escaleiras e entramos en todos os cuartos. De vez en cando escoitabamos algún que outro berro de corvo. Empezaba a escurecer.
   Nunha desas quedamos en que Carlos iría ao alto da torre e eu agardaría abaixo, no comedor, mirando por alí. Eu esperaba por el, Spopóbich xa se cansara e deitárase, non chegaba. Empeceime a impacientar, berraba pero só se escoitaba o eco da miña voz. Decidín ir alí. Cada chanzo que pisaba o meu corazón latexaba máis. Cando cheguei enriba el non estaba e comecei a pórme nerviosa. Os chanzos renxían máis ca antes, e estaba máis escuro. Na miña cabeza empecei a cismar. Lembreime do conto que dicía que, o fillo da criada, tras ver como maltrataban a súa nai xurou vingarse dos que estaban no pazo. Todo me cadraba. Comecei a acorarme, o meu corazón non daba máis. Despois diso acabei desmaiándome.
  Non sei canto tempo estiven tirada no chan, eu só sei que me espertou Carlos. Xa era de día. Spopóbich tamén estaba, lambíame a cara. Carlos parecía arrepoñerse do susto de verme alí. Démonos unha aperta. Cando me puxen en pé marchamos, pareceunos o mellor que podiamos facer.

   Días despois, Carlos contoume o que pasara. Resulta que cando ía subir cara a torre pareceulle escoitar unhas voces que viñan do soto e fora mirar. Voces que ao principio lle parecían miñas, mais ao final eran os asubíos do vento a través dos ocos entre as pedras. Por iso non o atopara no alto da torre.

Victoria Requeijo Castro   2º ESO B

Ningún comentario:

Publicar un comentario