Se vos falase dun lugar onde no mesmo día pode nevar, chuviscar, sarabiar, facer sol e poder contemplar o fermoso arco da vella, estariades pensando que é imposible. Pois ben, eu coñezo ese sitio, aínda que ultimamente estivo exposta a diversos cambios. Un lugar con sorpresas. Onde é unha delicia para a vista poder contemplar eses verdes campos. Esa frondosa vexetación. Ese fresco aire que roza a pel. Poder sentir a auga dos orballos caer sobre o corpo lixeiramente gran parte do ano. Tres pasos cambiaron a miña pequena maneira de ver o mundo e coñecer ese lugar. Un día dentro e o seguinte fóra. Un día inapreciable e outro coñecido. Un día inofensivo e outro perigoso.
Nunca fun de moitas verbas, nin tampouco son moito de relacionarme cos demais. A maioría das veces só me gusta saír en público cando vai bo tempo. Encántame poder ver o orballo. Intento ser discreto, pero iso é difícil tendo unha pel salpicada de manchas amarelas que chaman a atención a simple vista. A causa disto naceron moitos mitos a cerca de min, que son resistente ao lume ou incluso que son extremadamente velenoso. Ó parecer, simplemente ter a pel amarela faime diferente do resto e adquire en min moitas calidades. Oxalá puidese pintar eu tamén este lugar de amarelo, e desta maneira podería ser resistente tamén ao lume. Agora en vez de poder sentirme a gusto na miña terra, comezo a sentirme un estraño. Todo o mundo pon cara de noxo cando me ve. Como un inimigo ou algo polo estilo. Un día chegaron e comezaron a cambiar todo. Pero eu, a verdade, son incapaz de entender a esta xente. Din que lles gusta moito a súa terra, e todos os veráns préndenlle lume aos seus montes, e logo quéixanse dez meses do ano polas choivas e o frío e esperan por dous meses nos que apenas cae a auga ,sufrindo de calor e empapados de suor. A verdade, quen me dese entendelos!
Nestes últimos anos, puxéronse a falar dunhas cousas moi raras, a unha delas chámanlle progreso. A min custoume algo entendelos, porque agora poucos falan a súa lingua e claro, entre eses vaivéns que fan, eu non comprendo moi ben . Pois ben, ese termo do progreso do que todos falan ten que ver con ir a mellor. O outro día sen máis, atopeime unha árbore duns cinco metros ou máis. Era de cor prateada, nunca vira unha cousa así, debía ser estranxeira. Tiña unhas follas moi longas e finas de cor negras, onde se pousaban moitas andoriñas e aves rapaces. E tamén facía un ruído moi molesto como “cricricri… “. Daba unha dor de cabeza!!!. Eu supuxen que esta árbore, posta dun día para outro, sería parte do progreso, pero para colocala, devastaron medio monte e ademais non serve de alimento para ningún animal.
Tamén comecei a ver moitas cousas nas beiras dos camiños, que impedían o paso dalgúns animais. Eu, por exemplo, quedei atrapado o outro día nunha especia de casa de forma cilíndrica que tiña resto dun líquido con gas no seu interior. Por sorte logrei saír. Polo que eu, iso do progreso non o acabo de entender moi ben, quizais favorece a unha pequena parte da poboación mundial, non o sei.
A min gustaríame comezar a entender a estes seres moi raros, pero de momento o único que me queda é permanecer agochado para que ningún invento novo do tal progreso acabe comigo.
Denise Varela, 1ºBach. Ciencias
Ningún comentario:
Publicar un comentario