20 de maio de 2014

1º accésit de relato curto do Concurso Mª Vitoria Taboada

Pero antes, de quen era?
 Este é o ano 2013, un ano que poderiamos dicir que foi malo para Galicia e para España en xeral. Será cousa do número 13? Non o creo, porque os anteriores tamén foron malos, mesmo me atrevería a dicir que peores ca este, e non tiñan este fatídico número. Podería contar moitas historias pero esta concretamente resúltame moi entrañable. Trátase dunha nena de catro anos, Uxía, que vivía nunha pequena aldea de Ourense con seus pais, Xan e Anxos, e coa súa irmá pequena de dous anos, Sabela. Seu pai traballaba de albanel e súa nai cosía para unha coñecida boutique. Aínda que a boutique era de alta costura, Anxos cosía día e noite para sacar un soldo decente.

De súpeto, sen saber moi ben como nin por que, apareceu a crise e Xan quedou sen traballo. Ao principio conseguía, aínda que con dificultade, facer algunha chapuza pola súa conta, pero isto tamén se foi acabando e, finalmente, quedou no paro. Anxos veuse na obriga de dedicar máis horas á costura para poder sacar adiante a toda a súa familia.

Xan decidiu dedicarse ao cultivo da horta para, cando menos, ter algo que comer e tamén pasar as horas un pouco entretido e sobre todo sentirse útil. Sabela estaba encantada con esa idea porque seu pai estaba na casa todos os días e tamén porque lle encantaba axudalo a plantar leitugas e todo tipo de hortalizas pero, sobre todo, o que máis lle gustaba era ir cun cesto recoller tomates e pementos. Sabela dicíalle a seu pai todos os días que ela cando fose grande quería ser coma el e plantar moitas leitugas, tomates, pementos, cenorias e sobre todo berenxenas, pola súa cor tan bonita.

Uxía e Sabela tiñan dúas curmás de 10 e 12 anos, María e Carme, que vivían en Vigo e ás que lles daban toda a roupa que lles ía quedando pequena para que, xa que os pais de Uxía estaban nunha mala situación, non tivesen que gastar tantos cartos mercándolles roupa. Despois de Uxía esa roupa pasaría para Sabela.

Uxía púñase moi contenta cada vez que herdaba algunha peza de roupa das súas primas. A pregunta que ela lle facía á súa nai sempre era a mesma:

—De quen era antes?

Anxos sempre lle respondía moi contenta, pero á súa vez un pouco triste porque non lle podía mercar nada novo:

—Antes era das túas curmás de Vigo.

Tantas e tantas cousas herdara Uxía das súas curmás que un día súa nai fíxolle un vestido novo para a festa da cidade e ela, como de costume, preguntoulle de quen fora antes. A nai contestoulle:

—Este vestido é novo Uxía, é teu. Fíxeno eu para ti e estalo estreando.

Pero a nena non o entendía e seguía facendo a mesma pregunta unha e outra vez. A nai, sen saber como explicarlle a Uxía que o vestido non fora de ninguén antes, díxolle que era seu e despois pasaría para a súa irmá Sabela. Uxía, un pouco triste, contestou:

—Vale mamá, pero eu quero que antes de ser meu sexa das miñas primas.

Uxía era moi feliz traballando con seu pai e poñendo a roupa das súas primas e seguiu moito tempo facendo a mesma pregunta: “Pero antes, de quen era?”.

Helena Pereiras Villamayor

Ningún comentario:

Publicar un comentario