11 de maio de 2014

´As top model son as princesas Disney da actualidade´

No Faro de Vigo informaron sobre a visita de Carlos Negro ao noso centro así como da posterior presentación do seu último libro, Penúltimas tendencias, na compañía da nosa alumna Mariña Castro.
Velaquí a entrevista que lle fixeron a Carlos Negro no Faro:



"O poemario é o diario da protagonista, porque ela medra e tén contradiccións"

A librería lalinense Vagalume foi onte o escenario de presentación de Penúltimas tendencias, a segunda incursión do escritor Carlos Negro na poesía para adolescentes. Se en Makinaria abordaba a obsesión dos mozos polo mundo do motor, nesta entrega fai unha crítica da imaxe sexy e fashion que se tenta inculcar ás mozas de hoxe en día.

-Vostede métese na pel dunha adolescente que non quere converterse nunha muller preocupada por estar sempre fermosa e ir á última moda. ¿É que nestes 40 anos non se avanzou nada na igualdade de xénero e síguese fomentando a muller sumisa e consumista?

-Aínda que si hai unha igualdade de xénero legal, seguen vixentes certos estereotipos, tanto físicos como de tipo vital. Nestes podemos incluir a presión que existe para que as nenas primeiro queiran ser princesas como as dos contos de Disney e, cando pasan á adolescencia, desexen ser top models. En realidade, as supermodelos son as princesas da actualidade. Pasa o mesmo cos estereotipos masculinos. A moda vende novos tipos de masculinidade, que en principio parecen positivos (como o coidado do corpo). Pero é que se manteñen actitudes, parellas a esta moda, na que se aposta polo macarra rebelde, depilado, pero que continúa sendo machista. Por poñer un caso, é o prototipo que ofrece Mario Casas na película Tres metros sobre el cielo.

-¿Resulta moi difícil para unha adolescente poder escapar desta presión e, por tanto, deixar de pertencer a un grupo?
-A adolescencia é sempre unha etapa de crise, e si que vai resultar complicado manterse á marxe dos centros comerciais. Pero tamén é difícil para un adulto. O poemario é tamén un diario da protagonista, porque ela medra e tén contradiccións.
-¿Os pais son conscientes desta imaxe que se tenta transmitir ás adolescentes?
 -Non sei ata qué punto. En Vigo e A Coruña xa se organizan festas só para nenas, nas que as visten de princesas, lles fan a manicura e tratamentos de pel. Estas nenas desfilan así para os seus pais. Pero é que por un lado están este tipo de festas e, polo outro, a lacra dos malos tratos e o tipo do amor romántico no que teñen cabida os celos e a posesión. Desde os 4 anos e ata a adolescencia, a través de libros como os do italiano Federico Moccia, ou a través da publicidade, ás nenas véndeselles un estilo de vida ata idiomático, porque o inglés pasou de ser unha lingua a ser unha característica deste estilo de princesas, con termos xa tan cotiáns como chic ou fashion. Teño que dicir que se os pais teñen unha visión crítica desta situación, á adolescente seralle máis fácil non caer neste mundo.
 -¿Foi difícil escribir a través dunha adolescente? 
-Sempre é complicado meterse na pel dunha personaxe para escribir, pero nesta ocasión tiven que facer ademais laborais de observación e de investigación, lendo revistas para adolescentes como Superpop ou vendo series para este tipo de público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario