19 de maio de 2014

1º premio de microrrelatos do Concurso Mª Vitoria Taboada

MICRORRELATO:1º Premio:


 

Dous saltóns

   Unha vez dous saltóns pelexaron. Un cría que era o mellor e que saltaba moito máis alto, o outro dicíalle que non, que el era moito mellor porque saltaba máis lonxe. Nisto que mediante a discusión, cansados un do outro, un dixo: “Comprobémolo agora mesmiño e acabouse” Así que alá foron. Chegaron ao prado máis grande, longo e coas mellores herbas que había na comarca e decidiron que aquel era o lugar ideal. O primeiro deu un chimpo tan grande que chegou ata a outra esquina do prado, pero como as herbas estaban tan grandes e o prado era tan longo o outro daba chimpos e máis chimpos, mais non conseguía ver o compañeiro. Os dous berraban todo o que podían, pero non se podían oír porque estaban moi lonxe. Aburridos de discutir por algo que non lles pagaba a pena acordaron volver ao lugar de inicio para facer as paces. Cando xa estaban un a carón do outro decididos a facelas paces, déronse conta de que un era amarelo e outro verde, e de novo volveron discutir dicíndolle un ao outro que era o mellor. Así pasaron toda a tarde, pero ao final do día xa estaban cansados de discutir por parvadas, entón entenderon que a súa amizade era moito máis forte que as súas diferenzas e dende aquel momento souberon que os dous eran os mellores, cada un na súa cousa.
O cocho Manolito
  Os veciños da vila acordaron todos ordenar as súas adegas e sacar as cousas que xa non valían para nada á rúa principal, aquilo era unha desfeita: colchóns, ferros oxidados, televisores antigos, tubos, táboas que xa non había por onde coller... en fin, unha catástrofe. Logo de moito ollar para elas empezaron a enredar coas cousas e sen case darse conta comezaron a amontoalas dunha forma moi ordenada e curiosa. Entre todos quedaran cos cacharros vellos formando un gran cocho. Cando se deron conta botáronse todos a rir. Viron que na punta do fociño tiña un letreiro ben grande que poñía “Benvido Manolito”, de novo comezaron todos a rir e alguén berrou: “Será o cocho Manolito!”. Aos veciños gustoulle a idea e como xa estaba na rúa principal pareceulles ben que quedase alí e dende aquel día fose o símbolo da vila. A partir de entón, por esa data todos os anos se celebra unha festa na que o que se fai é gozar de todos os diversos manxares do porco, os máis vellos contan a historia de como se construíu o cocho Manolito e logo móntase unha gran troula arredor súa.
Raro individuo de cidade
  Aquel bichiño tan pequeno era moi peculiar. Tiña unhas orellas longas, longas e con elas podía oír todo o que se dicía naquela cidade; tiña unhas patas pequeniñas, pequeniñas e andaba veloz coma un raio, un pouco aquí e ao segundo acolá; tiña un gran bigote, moi espeso; tiña uns ollos grandes coma pratos, un azul e o outro vermello, tiña tamén unha barriga enorme e redonda coma un queixo, nela cabíalle todo o que atopaba por diante, mais tíñache unha boca ben pequeniña. Este bichiño tiña algo especial, pero ninguén conseguía saber o que era, os cidadáns víano e todos quedaban abraiados. O bichiño, canso de escoitar tantas voces na súa cabeza que o tiñan tolo, canso de andar de aquí para alá sen poder parar a contemplar nin a paisaxe que o rodeaba, canso de que todo o mundo o mirase con esa cara de abraio, colleu a súa maleta e marchou en busca dun lugar tranquilo no que poder estar acougado e relaxado, soamente escoitando o son da natureza, sen que ninguén o mirase, sen ter présa porque non tiña ningún lugar ao que chegar a tempo. Dende ese día todos os cidadáns sentían que na cidade faltaba algo, pero non caian na certeza de que aquel bichiño marchara para sempre a un lugar tranquilo. Aquel tal bichiño resultou ser un bichiño moi especial, un gran bicho máxico.
                                                  Sonia Framiñán González

Ningún comentario:

Publicar un comentario